DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2024 Páx. 13581

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT402C).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

A Axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, pola súa vez, aumentar a exportación. Os destinatarios da Axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así como de espectáculos ao vivo.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008: «En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

...c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais..

...f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadáns...

...h) Impulsar a cooperación e o asociacionismo entre os traballadores e traballadoras e as empresas dos distintos sectores culturais, así como as medidas do sector profesional galego para aumentar a súa presenza e competitividade nos mercados culturais, en especial no apoio ás exportacións de bens e servizos culturais galegos».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais incluídas no plan de xira comprendidas nos prazos indicados nesta resolución e convocalas para o ano 2024 (código de procedemento CT402C).

1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 300.000 euros durante os tres últimos anos.

2. Persoas beneficiarias.

2.1. Poden obter a condición de beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

2.2. Tamén poden ser beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Financiamento.

O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 600.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10. A1.432B. 470.0 dos orzamentos xerais da Agadic para o exercicio 2024 (código de proxecto 2015-00003).

4. Solicitudes.

4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá xunto cos documentos que se especifican na base oitava, así como cumprir cos requisitos establecidos da base segunda das bases reguladoras.

4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará aos cinco meses, ás 9.00 horas.

5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia non competitiva que non poderá ter unha duración superior aos 5 meses contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

6. Información ás persoas interesadas.

6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: https://agadic.gal

b) Nos teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

6.3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

7. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os Xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

8. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

9. Rexistro Público de Subvencións.

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras, en réxime de concorrencia non competitiva, para a concesión de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais e convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT402C)

Artigo 1. Obxecto, finalidade, réxime e principios de xestión

1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións que regularán a concesión de subvencións para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas vinculadas ás artes escénicas e ou musicais dentro do seu plan de xira comprendidos nos prazos indicados nesta resolución e proceder á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT402C).

2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 300.000 euros durante os tres últimos anos.

3. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, e incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ou calquera organismo dependente.

No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas por partes das persoas solicitantes.

4. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais ou calquera outro ingreso derivado do proxecto supere o 100 % do custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co disposto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo procedemento abreviado e por orde cronolóxica, tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro. A proposta de concesión formularaa o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención, sen que sexa necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea, ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non poderán ser persoas beneficiarias desta convocatoria de subvencións:

a) As asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

b) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas

1. O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 600.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10. A1.432B. 470.0 dos orzamentos xerais da Agadic para o exercicio 2024 (código de proxecto 2015-00003), distribuídos como segue:

Artes escénicas

Importe

Música

Importe

Modalidade A.1

180.000 €

Modalidade B.1

210.000 €

Modalidade B.2

50.000 €

Modalidade A.2 e A.3

40.000 €

Modalidade B.3

40.000 €

Modalidade A.4

80.000 €

Total

300.000 €

Total

300.000 €

2. As persoas solicitantes poderá presentar solicitudes para máis dunha modalidade, pero a contía máxima total que poderá obter as persoas beneficiarias é de 15.000 €. Este límite aplicarase por cada compañía/artista/grupo cando esta representado por varias entidades.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución do orzamento establecido nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada modalidade, cando por razón de falta de solicitudes, incumprimento de requisitos para ser persoa beneficiaria e outros que impliquen que non se esgotase a contía establecida nunha ou varias modalidades, á Dirección da Agadic determinará o incremento da cantidade establecida en calquera das outras modalidades. No caso deste traspaso, terá prioridade a modalidade en que o desequilibrio entre a cantidade solicitada e a dotación inicial sexa maior.

Artigo 4. Proxectos subvencionables. Modalidades e requisitos

1. Considérase proxecto o plan de xira entendido como o conxunto de funcións e concertos realizados pola persoa solicitante dentro dos prazos previstos nesta resolución ou a asistencia a feiras de artes escénicas e musicais segundo as modalidades que se indican a seguir:

A. Artes escénicas.

Modalidade A.1. Subvencións para a distribución de espectáculos fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de catro funcións en tres espazos escénicos distintos como mínimo e en ningún caso máis de catro no mesmo espazo escénico.

Modalidade A.2. Subvencións para a representación de espectáculos en feiras e festivais fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto exhibición de espectáculos en feiras ou festivais do sector das artes escénicas que se celebren fóra de Galicia.

Modalidade A.3. Subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto consistente na asistencia das empresas solicitantes ás feiras e mercados que se celebren fóra da comunidade autónoma de Galicia para dar visibilidade aos proxectos aos que representan. Non se subvencionarán máis de dúas persoas por entidade solicitante e evento.

Modalidade A.4. Subvencións para a distribución interior de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución pola comunidade autónoma de Galicia, en espazos escénicos de titularidade pública, que non formen parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, consistente dun mínimo de cinco representacións, en ningún caso máis de tres representacións no mesmo espazo. Todas as representacións que conformen o proxecto terán que ter contraprestación económica, sexa mediante caché ou billeteira.

Subvencionaranse os contratos de actuación ou cesión subscritos con entidades de titularidade pública ou entidades privadas cun contrato de xestión de servizos, sempre e que os espazos escénicos sexan de titularidade pública e tamén serán subvencionables aquelas funcións desenvoltas en salas privadas que non teñan axuda da Agadic –salvo no caso de funcións de danza e artes do movemento, onde admitiranse dúas actuacións por sala, independentemente de que as salas teñan subvención da Agadic–.

B. Música.

Modalidade B.1. Subvencións para a distribución de espectáculos musicais fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de catro concertos en tres espazos distintos como mínimo e en ningún caso máis de catro no mesmo espazo.

Modalidade B.2. Subvencións para as representacións musicais en feiras e festivais fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto de exhibición de concertos en feiras –showcase– ou festivais do sector da música que se celebren fóra de Galicia.

Modalidade B.3. Subvencións para a asistencia a feiras e mercados musicais fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade as empresas que presenten un proxecto consistente na asistencia das empresas solicitantes ás feiras e mercados que se celebren fóra da comunidade autónoma de Galicia para dar visibilidade aos proxectos aos que representan. Non se subvencionarán máis de dúas persoas por entidade solicitante e evento.

2. Requisitos: ademais dos requisitos xerais, as persoas solicitantes deberán ter en conta os seguintes requisitos segundo as modalidades:

Modalidades

Requisitos

Artes escénicas A.1/A.2/A.4.

Música B.1/B.2

Alta no IAE correspondente.

Estar en posesión dos contratos/convite/s con contido económico da actividade que se vai realizar

Artes escénicas A.3.

Música B.3

Alta no IAE correspondente.

Inscrición de asistencia ou mercado de artes escénicas ou compromiso de inscrición no caso de non estar aberto o dito período.

Acreditación da vinculación da persoa asistente coa empresa solicitante da subvención, mediante contrato ou declaración do titular da empresa.

3. Todas as actividades para as que se solicita subvención deben desenvolverse entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024.

Artigo 5. Concepto de gastos subvencionables

1. Son gastos subvencionables os que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto obxecto de subvención. Todo gasto non xustificado pola entidade beneficiaria será eliminado do orzamento elixible do proxecto.

2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados, e pagados, dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable indicado nesta convocatoria que abrangue desde o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024.

3. Para os efectos desta convocatoria, terán a consideración de gastos subvencionables:

3.1. Para as modalidades A.1/A.2/A3 e B.1./B.2/B3: son gastos subvencionables (comúns):

Gastos de transporte e desprazamento de todo o equipo artístico e técnico e quedando excluídos os desprazamentos dentro da cidade. No caso de representacións en distintas cidades dentro do mesmo plan de distribución, serían gastos xustificables os do día de desprazamento entre unha cidade e outra.

Concepto

Importes máximos

Gastos de avión

España e Portugal

200 €/persoa

Resto de Europa

300 €/persoa

Resto do mundo

700 €/persoa

Gastos autobús/tren/peaxes autoestradas/alugueiro vehículos/combustible

España e Portugal

70 €/persoa

Resto de Europa

90 €/persoa

Resto do mundo

100 €/persoa

Transporte de materiais

España e Portugal

400 €

Resto de Europa

600 €

Resto do mundo

800 €

Visado

100 %

Gastos de aloxamento e mantenza.

Concepto

Importes máximos

Gastos de mantenza

España e Portugal

45 €/persoa

Resto de Europa

60 €/persoa

Resto do mundo

60 €/persoa

Gastos de aloxamento

España e Portugal

70 €/persoa

Resto de Europa

80 €/persoa

Resto do mundo

90 €/persoa

3.2. Para as modalidades A2 e B2, tamén serán subvencionables os gastos de persoal. Terán a consideración de subvencionables os custes de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social), necesarios para a representación. Estes custos non poderán supoñer máis do 60 % do caché declarado pola entidade solicitante para o espectáculo obxecto da subvención na Rede Galega de Teatros e Auditorios. No caso de que a entidade solicitante non teña ofertado o espectáculo na RGTA, o caché será o que se estableza na solicitude.

3.3. Para as modalidades A3 e B3, serán subvencionables os dereitos ou cotas de asistencia e inscrición (dúas persoas máximo por feira ou festivais) así como o alugueiro de espazos de exhibición.

4. Límites por modalidades:

4.1. Nas modalidades A.1 e A.2 e B.1 y B.2 o límite da axuda será o equivalente ao contrato de distribución. Cando a contratación sexa á billeteira, o importe do contrato calcularase, para a súa adxudicación, mediante o produto entre a porcentaxe da billeteira que percibirá a empresa, o prezo medio de entrada e o 60 % da capacidade do local. En todo caso, a contía final que se percibirá non superará a contía da billeteira efectivamente xustificada.

No que atinxe aos gastos de persoal nas modalidades A2 e B2 o límite será o indicado no punto 3.2 da base quinta.

A suma total das axudas percibidas, ingresos ou recursos, públicos ou privados que perciba a persoa beneficiaria nas modalidades A.1 e A.2 e B.1 y B.2 en ningún caso pode ser superior ao importe total do plan de xira.

4.2. Nas modalidades A3 e B3. O límite máximo nestas modalidades será 60 % dos custes totais e a contía máxima de subvención será 2.000 € por feira e de 8.000 € anuais por entidade solicitante.

4.3. Nas modalidades A.1 e A.2 e B.1.e B.2 teranse en conta os seguintes límites máximos, para o cálculo da axuda:

– Días máximos que se consideran para axudas para aloxamento e mantenza:

– No caso de non ser representacións consecutivas en España e Portugal, 2 días; no resto de Europa, 4 días, e no resto do mundo, 5 días.

– No caso de representacións consecutivas os días das viaxes de ida e volta, os días de representación e os días intermedios, cun tope dun día intermedio por data de representación.

5. Para a modalidade A.4 terán a consideración de gastos subvencionables só os gastos de persoal.

Considéranse gastos de persoal os correspondentes aos custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social), os días das representacións, cos seguintes límites:

No suposto de que a representación teña como única contraprestación o importe das billeteiras, os máximos subvencionables por función son:

Cachés ata 1.500 euros, máximo 30 % do caché.

Cachés ata 3.000 euros, máximo 40 % do caché.

Cachés de máis de 3.000 euros, máximo 50 % do caché.

Para os efectos destas bases, enténdese por caché o declarado pola entidade solicitante para o espectáculo obxecto da subvención na Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). No caso de que a entidade solicitante non teña ofertado o espectáculo na RGTA, o caché será o que se estableza na solicitude.

No suposto de que a representación teña como contraprestación unha porcentaxe de caché establecido, seralle de aplicación os mesmos límites do punto anterior.

Nos salarios do persoal artístico é de obrigado cumprimento os fixados no convenio colectivo de actores e actrices de Galicia. Para o persoal técnico, o límite subvencionable será de 200 euros por persoa e día.

En ambos os dous supostos, a contía máxima subvencionable por representación é de 2.500 euros, cun límite por entidade solicitante de 10.000 euros, se que en ningún caso poida superarse o 100 % do caché.

Non obstante o anterior, a suma total das axudas percibidas, ingresos ou recursos, públicos ou privados que perciba a persoa beneficiaria nesta modalidade en ningún caso pode ser superior ao importe total do plan de xira.

6. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán subvencionables os gastos relativos a impostos indirectos, en concreto, o importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos cando sexan susceptible de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias e demais gastos financeiros, os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais. Tampouco terán a consideración de gastos subvencionables os gastos administrativos ou de mantemento formal da empresas, como gastos de xestorías, notarías ou similares.

7. Non terán a consideración de gastos subvencionables os honorarios profesionais e outros similares derivados da realización de representacións, nin os correspondentes á elaboración de materiais de difusión nin calquera outros gastos non vinculados directamente coa actividade obxecto da subvención.

Artigo 6. Subcontratación

1. Para os efectos destas bases, enténdese que a entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social co que se pretenda contratar a actividade.

2. En materia de subcontratación, observarase o establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que unicamente se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa e, no suposto de que tal previsión non figure, ata o 50 % do seu importe. Para os efectos desta convocatoria en ningún caso se poderá subcontratar por máis do 20 % do importe total da subvención outorgada.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007.

4. Non se permitirá a subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixese, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela que fose realizada a emenda, xa que aos efectos da concesión das axudas, terase en conta o orde cronolóxico de entrada, considerándose como data de presentación válida aquela no que o expediente sexa presentado completo, incluídas as achegas realizadas coa solicitude correctamente cuberta e aportada toda a documentación exixida na presente resolución.

Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de cinco meses contado desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará ás 9.00 horas do día de vencemento. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

No obstante o anterior, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nestas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade a publicación no Diario Oficial de Galicia e no portal web da Agadic: www.agadic.gal

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixese, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Documentación xeral.

1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Se a persoa solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación.

1.3. Se a persoa solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

1.4. Se a persoa solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, compromiso de non disolución durante o tempo de duración da actividade subvencionada.

1.5. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

1.6. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

b) Documentación específica.

2.1. Modalidade A.1, A.2, B.1 e B.2 (subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia e subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas e espectáculos musicais en feiras e festivais fóra de Galicia):

2.1.1. Ficha de plan de xira e orzamento de gastos (anexo III).

2.1.2. Contrato de actuación ou oferta/convite con contido económico.

2.2. Modalidade A.3 e B.3 (subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas e musicais e fóra de Galicia).

2.2.1. Ficha de plan de xira e orzamento de gastos (anexo III).

2.2.2. Documento de inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado ou compromiso de inscrición mediante declaración asinada pola persoa solicitante no caso de non estar aberto o dito período. Deberá achegarse dita inscrición posteriormente no caso de ser subvencionado.

2.2.3. No seu caso, contrato ou declaración asinada pola persoa solicitante, da relación dos asistentes coa entidade.

2.3. Modalidade A.4 (subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma).

2.3.1. Ficha de contratación e orzamento de gastos (anexo IV).

2.3.2. Contrato de actuación.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Se prexuízo do disposto no parágrafo 1, Agadic poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola persoa titular da dirección da Axencia, elevándoos á Presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro.

2. Ao tratarse dunha convocatoria aberta que dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, a Agadic publicará no DOG o esgotamento da partida orzamentaria asignada, así como a inadmisión de ulteriores solicitudes destinadas a participar dos subtipos de subvención indicados. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións a estas modalidades, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º. Formular o informe-proposta de resolución, debidamente motivado.

4. Co fin de facilitar unha mellor xestión das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir ás persoas solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

5. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

Artigo 15. Resolución da convocatoria

1. Unha vez instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente e da documentación requirida, ditará as propostas de resolución das solicitudes recibidas con indicación do importe económico proposto, e elevará á Presidencia da Agadic cada unha delas.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias e da contía da axuda e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen terse ditado resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 16. Aceptación da subvención e renuncia

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da devandita norma.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas adquiren as obrigas que se reflicten nesta resolución e no resto da normativa de aplicación e as que se relacionan a seguir:

Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Agadic.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidas polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia no desenvolvemento das actividades subvencionadas. A persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, dispoñibles no web da Xunta de Galicia.

2. O incumprimento das anteriores obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, sen prexuízo do disposto nos artigos 25 e 26 destas bases.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % nas partidas de gastos dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións de outros, que non afecte custos de persoal, que non se supere o límite do 7 % para os gastos xerais e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar, debidamente, o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. Non se aceptarán modificacións que afecten aos requisitos para poder optar ás subvencións exixidos nas presentes bases.

5. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas.

2. Solo se considerará gasto realizado o que foi efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

3. O prazo de xustificación da presente subvención será dun mes contado desde a realización da actividade e, en todo caso, rematará o 10 de novembro de 2024. No caso de que a actividade fora previa á adxudicación da axuda, o mes comezará a contar desde a notificación da concesión.

4. As persoas beneficiarias deberán entregar, antes de que remate o prazo, a seguinte documentación xustificativa:

4.1. Documentación xeral:

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total dos gastos presentados no proxecto inicial e aceptados como subvencionables (anexo V).

– Copia dos xustificantes dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, así como do seu pagamento bancario mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria por importe igual ou superior á subvención concedida de conformidade co disposto no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo VI).

– Copia das publicacións nas páxinas e perfís propios das redes sociais nas que se reflicta o apoio da Xunta de Galicia á actividade beneficiaria da subvención.

4.2. Documentación especifica segundo as modalidades:

Para as modalidades A.1 e A.2 e B.1 e B.2:

– Memoria coa relación de concertos ou actuacións realizadas.

– Copia dos recibos acreditativos do cobramento das cantidades estipuladas.

– Folla de billeteira das funcións/concertos realizados, con indicación do público asistente e a recadación por billeteira, ou certificación acreditativa da realización do espectáculo pola entidade organizadora.

Ademais desta documentación, na modalidade A.4 e nas modalidades A.2 e B.2 (cando se xustifiquen custes de persoal) deberase presentar nóminas e documentos acreditativos das contías aboadas en concepto de Seguridade Social do persoal artístico e técnico e, se é o caso, facturas e pagamentos do persoal técnico correspondente á data da representación e xustificantes bancarios dos pagamentos.

Para as modalidades A3 e B3:

Memoria de actividades realizadas na asistencia ou participación da empresa nas feiras ou festivais obxecto de subvención.

5. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables nos que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser abonados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial, que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operación comerciais.

Artigo 20. Pagamento da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención ademais dos anexos establecidos para o efecto.

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acreditase que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagos á conta, para o que se estará ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda dos 18.000 euros, o importe restante aboarase logo da acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

4. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan de 18.000 euros, deberán constituír garantías de conformidade co artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación.

Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Poderanse realizar pagamentos á conta respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e previa xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. O pagamento da subvención realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada polos órganos competentes da axencia. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

7. Previamente ao pagamento, as entidades beneficiarias acreditarán que se atopan ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

8. Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen recade esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 10.2.

9. Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor, desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselles que regularicen a súa situación e presenten por si mesmas os correspondentes certificados.

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobro da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao corrente das súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese abonado a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 22. Causas de reintegro

1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, a xustificación insuficiente, a xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 20 destas bases.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 23. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos do proxecto con respecto ao gasto previsto.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:

Perda dun 5 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.

Perda dun 5 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvencións, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Perda dun 5 % da subvención por non comunicar a data de estrea do espectáculo subvencionado segundo o establecido nestas bases.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 24. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 25 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 25. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Agadic ou do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)) ou https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf”

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 27. Normativa aplicable

1. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2024 así como:

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

– Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

– Regulamento (UE) 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 28. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 29. Réxime de recursos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ante os Xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file