DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2024 Páx. 13840

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2024 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a Xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia.

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a Xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, á autoxestión da aprendizaxe e á identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.

Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

Segunda. Contidos

A xornada de formación práctica dixital (E-martes), que se desenvolverá o día 5 de marzo de 2024, abordará o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia cunha dobre perspectiva:

• Uso interno nas administracións públicas: certificados de empregado público, certificados de selo electrónico para actuacións administrativas automatizadas e portasinaturas corporativo.

• Cidadanía: sede electrónica da Xunta de Galicia. Proxecto Chave365. Sala electrónica de sinaturas.

Os dous grupos de persoas destinatarias participarán de xeito conxunto na parte teórica da formación que, na súa parte práctica, se adaptará aos requirimentos específicos de cada grupo.

Terceira. Persoas destinatarias

As persoas destinatarias desta actividade son:

• O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.

• A cidadanía: profesionais e persoas interesadas na materia impartida.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: o martes 5 de marzo de 2024.

Horario: de mañá e tarde.

Duración: 7 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

Cincuenta (50).

Sexta. Inscrición

1. A inscrición nesta actividade formativa só se poderá realizar por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos na bases terceira e oitava, respectivamente. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «nome do curso» a Xornada de formación práctica dixital (E-martes) sobre o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia.

5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 29 de febreiro de 2024.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente, incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular, e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte correo electrónico: novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A metade das prazas reservaranse para o colectivo do persoal empregado público da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional; para a selección das prazas deste grupo terán prioridade as persoas con funcións directamente relacionadas coa materia impartida, sempre que se poidan confirmar cos datos dispoñibles ou coa documentación achegada.

Fóra deste criterio específico para o grupo de persoal empregado público, a orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a relación das persoas seleccionadas en para participar nesta actividade; en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis pronto posible e, en todo caso e como máximo, o día 4 de marzo de 2024, ata as 12.00 horas, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente, ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública