DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2024 Páx. 14599

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2024 pola que se regula o Programa de mobilización de vivendas para o alugamento en concellos (código de procedemento VI426E).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) é un organismo autónomo, adscrito na actualidade á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ao cal lle corresponde, en virtude da Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación, a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia.

O día 3 de maio de 2016, o IGVS e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron un convenio para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020.

Mediante ese programa pretendíase a mobilización de vivendas baleiras para a poboación cuns ingresos entre 1 e 2,5 veces o indicador de prezos múltiples (en diante, IPREM). Non obstante, prevíase tamén a posibilidade de incorporar ao programa unidades de convivencia con dificultades económicas, logo de concesión dunha axuda, por proposta dunha comisión de seguimento prevista para o efecto, sempre que quedase garantido, cando menos, o trinta por cento da renda da vivenda.

Vencido o período de vixencia do Plan galego 2015-2020, elaborouse, no seo do Observatorio da Vivenda de Galicia, o Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025. Este pacto, asinado o 22 de xaneiro de 2021, prevé no seu eixe primeiro, programa 4, acción 5, a implementación por parte do IGVS dun programa de mobilización de vivendas baleiras, co obxectivo de mobilizar o maior número posible de vivendas baleiras de titularidade privada, co fin de conseguir a súa incorporación ao mercado de alugamento cunha renda accesible.

O citado programa será desenvolvido por medio de entidades colaboradoras de intermediación inmobiliaria para aquelas unidades de convivencia que teñan uns ingresos entre 1 e 4,5 veces o IPREM. Non obstante, por medio do citado programa non se garante a debida asistencia pública en materia de vivenda para unidades de convivencia con ingresos que imposibilitarían o alugamento dunha vivenda sen ningún tipo de axuda suplementaria. Coa finalidade de dar amparo a esas situacións dítase a presente resolución, a cal, mediante a colaboración dos concellos, pretende dar cobertura a aquelas unidades de convivencia con ingresos inferiores ao programa de mobilización de vivendas para o alugamento e, ao mesmo tempo, con dificultades especiais para alugar unha vivenda.

De conformidade co anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais.

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta resolución é regular:

a) O programa de mobilización de vivendas para o alugamento en concellos (en diante, PMVAC), coa finalidade de, coa súa colaboración, mobilizar o maior número posible de vivendas baleiras de titularidade privada para a súa incorporación ao mercado de alugamento a través dunha renda accesible.

b) O procedemento para obter a condición de concello colaborador no PMVAC (código de procedemento VI426E).

Segundo. Ámbito de aplicación do PMVAC

O PMVAC implantarase en todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que soliciten a súa incorporación como entidade colaboradora.

Terceiro. Características do PMVAC

1. O PMVAC desenvolverase en colaboración cos concellos, os cales contarán cunha plataforma informática implantada polo IGVS para o intercambio de información entre eles e o devandito organismo, na cal figurarán as vivendas baleiras que se oferten en alugamento a través deste programa.

2. Poderán acceder ao programa as unidades de convivencia que teñan uns ingresos entre 0,7 e 1,5 veces o IPREM e, ao mesmo tempo, teñan dificultades especiais para alugar unha vivenda.

3. O PMVAC garantirá ás persoas arrendadoras das vivendas incluídas nel a cobertura dun seguro para o aboamento das rendas non pagadas, así como un seguro para a reparación dos danos que se ocasionen nas vivendas durante a súa vixencia, sempre que non sexan consecuencia da súa deterioración polo seu uso ou polo paso do tempo.

O programa tamén garantirá a asistencia xurídica necesaria para atender os problemas que poidan xurdir durante a vixencia dos contratos de alugamento, así como no momento da súa resolución, ademais das situacións de precario que poidan derivar destes contratos.

4. Cando a dispoñibilidade orzamentaria así o exixa, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá restrinxirse a incorporación de novas vivendas ao programa, así como a formalización de novos contratos de arrendamento das vivendas xa incorporadas ao PMVAC.

A resolución que dite neste sentido a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS será publicada na páxina web do organismo e producirá efectos desde o día seguinte ao da dita publicación.

5. As persoas arrendadoras poderán retirar as súas vivendas do PMVAC en calquera momento anterior á formalización do contrato de alugamento, agás que recibisen algunha subvención do IGVS na cal se estableza un período mínimo de permanencia da vivenda neste programa.

6. Só poderán ser arrendatarias destas vivendas as persoas que cumpran os requisitos exixidos nesta resolución.

7. As rendas iniciais das vivendas que se incorporen a este programa, incluídos, se é o caso, o rocho e/ou garaxe, non poderán superar os límites establecidos no anexo I.

8. Nos contratos de alugamento que se asinen no marco deste programa non se poderán exixir garantías adicionais á persoa arrendataria para o cumprimento das súas obrigas.

Cuarto. Crédito orzamentario

Os seguros contratados para as vivendas arrendadas dentro do PMVAC faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 2024 06 81 451A 224 por un total de 462.000 euros, repartidos nas seguintes anualidades: 63.000 euros, para a anualidade 2024; 84.000 euros, para a anualidade 2025; 84.000 euros, para a anualidade 2026; 84.000 euros, para a anualidade 2027; 77.000 euros, para a anualidade 2028 e 70.000 euros para a anualidade 2029.

Este crédito poderá incrementarse por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Quinto. Vixencia

Este programa estará vixente desde a data de publicación desta resolución ata o 31 de decembro de 2025, sen prexuízo de que se manteñan, con posterioridade a ese prazo, as obrigas derivadas deste programa respecto dos contratos de alugamento asinados durante o citado período e, de ser o caso, durante as prórrogas correspondentes.

Sexto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa.

Sétimo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

II. Concellos colaboradores.

Oitavo. Solicitude para obter a condición de concello colaborador

1. A condición de concello colaborador poderá solicitarse desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG). Este prazo rematará o 31 de decembro de 2025, salvo que, con anterioridade á dita data, se publique no DOG unha resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS que poña fin ao programa.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora á presente resolución como anexo II.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algún dos concellos presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude o concello realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nesta resolución.

b) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.

Noveno. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa que exerza a representación do concello.

b) Número de identificación fiscal do concello.

2. No caso de que os concellos se opoñan á consulta, deberán indicalo no oportuno recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso do concello para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ao concello a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento.

2. A competencia para resolver a solicitude correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo segundo. Procedemento de recoñecemento de concello colaborador e recursos

1. Se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos, requirirase o concello solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. O órgano instrutor poderá requirir o concello colaborador para que presente cantos datos, documentos complementarios e/ou aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento e solicitará os informes pertinentes para comprobar que as solicitudes presentadas cumpren os requisitos exixidos nesta resolución.

3. Examinada a documentación e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS remitirá unha proposta para o recoñecemento como concello colaborador á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. O concello interesado poderá entender desestimada por silencio administrativo a súa petición no caso de finalización do prazo máximo sen ter notificado resolución expresa para o efecto.

5. Na resolución de recoñecemento de concello colaborador especificaranse as obrigas que lle corresponden como responsable do tratamento de datos persoais.

6. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo terceiro. Relación actualizada dos concellos colaboradores do PMVAC

O IGVS publicará a través da súa páxina web a listaxe actualizada dos concellos colaboradores do PMVAC.

Décimo cuarto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá aos concellos interesados avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válido.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, os concellos interesados deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinto. Transparencia e bo goberno

1. Na tramitación do procedemento deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, os concellos están obrigados a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para que cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo sexto. Obrigas dos concellos colaboradores do PMVAC

Os concellos colaboradores terán as seguintes obrigas respecto da súa participación no programa:

a) Informar tanto as persoas arrendadoras como as inquilinas sobre o PMVAC, así como colaborar nas accións de información do IGVS sobre as axudas públicas dispoñibles para promover o arrendamento.

b) Levar un rexistro das vivendas que se ofrezan no seu termo municipal para incorporarse ao PMVAC.

c) Levar un rexistro das persoas demandantes de vivendas no seu termo municipal que cumpran os requisitos para o incorporarse ao PMVAC.

d) Revisar o estado das vivendas antes da súa incorporación ao PMVAC e, de ser o caso, propoñer ás persoas arrendadoras os acondicionamentos que consideren necesarios.

e) Dar de alta na plataforma do programa as vivendas incorporadas, comprobando o cumprimento dos requisitos exixidos, así como dalas de baixa, no momento en que teñan coñecemento diso.

f) Propoñer ás persoas arrendadoras, así como ás persoas inscritas no Rexistro Municipal de Persoas Demandantes, a sinatura dos contratos de alugamento para as vivendas dispoñibles.

g) Comunicar ao IGVS, a través da plataforma do programa, a sinatura dos contratos de alugamento o mesmo día en que se formalicen, nos termos desta resolución.

h) Comunicar ao IGVS, tamén a través da plataforma, as baixas dos contratos o mesmo día en que se teña constancia.

i) Cumprir a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal con respecto ás persoas interesadas.

j) Confirmar coa persoa arrendadora que recibise as pólizas de seguro e trasladar a correspondente resposta ao IGVS.

k) Informar as persoas arrendadoras e arrendatarias a comunicación obrigatoria daquelas incidencias que puidesen afectar o mantemento dos contratos da vivenda, de acordo co establecido no resolvo vixésimo sexto desta resolución.

l) Realizar os informes e visitas que, de ser o caso, requira o IGVS na xestión deste programa.

m) Facilitar a información e a documentación que lle requira o IGVS e someterse ás inspeccións que lle realice o seu persoal.

n) Realizar as actividades de formación sobre a implementación e funcionamento do PMVAC que organice o IGVS.

Décimo sétimo. Revogación da condición de concello colaborador

O recoñecemento da condición de concello colaborador poderá ser revogado por incumprimento das súas obrigas, mediante resolución motivada da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, logo de instrución do correspondente procedemento administrativo que, en todo caso, incluirá un trámite de audiencia para a persoa interesada.

Décimo oitavo. Comisión de Seguimento e Coordinación

Unha vez comunicada a incorporación do concello, constituirase unha Comisión de Seguimento e Coordinación, presidida pola persoa que exerza a Presidencia do IGVS e na cal tamén formarán parte dous vogais, en representación do IGVS, e dous vogais en representación do concello.

A comisión reunirase no prazo máximo de dez días, cada vez que algunha das partes considere a súa necesidade.

As controversias que poidan expoñerse sobre a interpretación, modificación, efectos e resolución na execución do programa resolveranse no seo da comisión por maioría dos seus membros.

A comisión establecerá o mellor xeito de comunicación para o tratamento de cada cuestión, incluíndo a posibilidade de relación telemática ou correo electrónico.

III. Requisitos das vivendas e persoas demandantes para a participación no programa.

Décimo noveno. Requisitos das vivendas

1. Para a súa incorporación ao programa, as vivendas deberán cumprir necesariamente os seguintes requisitos:

a) Ser de titularidade privada e non estar suxeitas a ningún réxime de protección pública.

b) Non estar afectadas por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.

c) Ofrecerse en alugamento por unha renda que non supere os límites máximos establecidos no anexo I.

d) Reunir as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento.

e) Dispor, cando menos, de cociña amoblada e equipada con placa de cociña, vertedoiro, lavadora, neveira e campá extractora, así como dun baño con inodoro, lavabo e ducha ou bañeira, todo en perfecto estado de funcionamento.

f) Estar desocupadas e ser susceptibles de uso, cando menos, desde o momento da solicitude de incorporación ao programa. Exceptúanse deste requisito as vivendas incorporadas ao anterior programa de vivendas baleiras, así como aqueloutras que por imperiosa necesidade de emerxencia social, segundo a valoración do servizos municipais, estean xa ocupadas.

2. Tamén poderán incorporarse ao programa as vivendas protexidas que cumpran os requisitos sinalados, sempre que, como consecuencia da súa cualificación, non estean sometidas a ningunha prohibición para a seu alugamento.

Vixésimo. Procedemento de incorporación das vivendas no programa

1. A solicitude de incorporación da vivenda deberá presentala a persoa que acredite, mediante declaración responsable, a súa dispoñibilidade. A presentación deberá realizarse antes do 31 de decembro de 2025 no concello correspondente ao termo municipal onde estea a vivenda, sempre que teña a condición de concello colaborador.

A solicitude deberá ir acompañada dunha declaración responsable de que a vivenda está desocupada e que é susceptible de uso, cando menos, desde o momento da solicitude de incorporación ao programa. Non obstante, nos supostos de vivendas incorporadas ao anterior programa de vivendas baleiras, así como naqueles outros en que por imperiosa necesidade de emerxencia social, segundo a valoración do servizos municipais, as vivendas xa estean ocupadas, a persoa interesada na incorporación deberá facer constar tales circunstancias na correspondente solicitude.

2. Unha vez o concello colaborador considere que a vivenda reúne os requisitos para o seu alugamento, procederá a dala de alta na plataforma informática que se habilite para tal fin no programa, cunha descrición da vivenda, na cal figuren, cando menos, os datos relativos á súa superficie, zona, principais características, renda máxima, fotografías e datos de contacto do concello colaborador que a xestione.

Vixésimo primeiro. Requisitos das persoas demandantes de vivenda

1. Poderán ser arrendatarias das vivendas incorporadas ao PMVAC as persoas maiores de idade que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as súas unidades de convivencia teñan uns ingresos comprendidos entre 0,7 e 1,5 veces o IPREM. Non obstante, poderá exceptuarse este requisito nos casos previstos no ordinal vixésimo segundo.

b) Contar coa credencial vixente da súa inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia como demandantes, en réxime de alugamento, ben de vivendas de protección autonómica (VPA), de réxime especial ou xeral e/ou ben de vivendas promoción pública (VPP). A documentación necesaria para acreditar a devandita credencial deberá ser entregada pola persoa interesada na vivenda ao concello colaborador antes da formalización do correspondente contrato. Poderá exceptuarse este requisito nos casos previstos no ordinal vixésimo segundo.

c) Que a renda da vivenda que se vaia arrendar non sexa superior ao 30 % dos ingresos da súa unidade de convivencia.

d) Atoparse nunha situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de aluguer.

e) Estar inscritas no correspondente rexistro do concello como persoas demandantes de vivenda.

f) Destinar a vivenda que se pretende alugar á súa residencia habitual e permanente durante todo o tempo de duración do contrato.

g) Non estar incursas en ningunha causa de exclusión deste programa.

2. Non poderán ser arrendatarias as persoas que tivesen arrendada a vivenda que se pretende alugar dentro dos tres meses anteriores á súa incorporación ao PMVAC, agás no caso de vivendas incorporadas ao anterior programa de vivendas baleiras ou que por imperiosa necesidade de emerxencia social, segundo a valoración dos servizos municipais, xa fosen as persoas arrendatarias.

3. Ningunha persoa membro da unidade de convivencia poderá ter vínculo de parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo coa persoa arrendadora. Este mesmo criterio aplicarase á relación entre a persoa arrendadora e a persoa arrendataria, cando a primeira sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios/as ou partícipes.

Vixésimo segundo. Excepcionalidade do requisito de ingresos

1. Con carácter excepcional, poderá darse de alta no rexistro que, para os efectos do programa, debe levar o concello, a aquelas persoas maiores de idade con unidades de convivencia que non acaden os requisitos mínimos de ingresos establecidos no PMVAC.

No expediente do concello relativo á contratación da vivenda deberá quedar acreditado que a unidade de convivencia da persoa solicitante percibe uns ingresos que lle permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de alugamento.

2. Nestes supostos o concello deberá remitir á Comisión de Seguimento e Coordinación a solicitude da persoa que se atope nesta situación, para os efectos de que a citada comisión valore a situación persoal e económica da persoa solicitante e da súa unidade de convivencia co fin de propoñer, de ser o caso, as axudas que considere pertinentes, co obxecto de garantir o pagamento da renda.

Vixésimo terceiro. Determinación e ponderación de ingresos

1. Os ingresos da unidade de convivencia determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada un dos seus membros durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude.

2. Aos ingresos determinados consonte o anterior aplicarase, en función do número de membros da unidade de convivencia, o coeficiente multiplicador corrector seguinte:

• Familias dun membro: 1,00.

• Familias de dous membros: 0,90.

• Familias de tres membros: 0,80.

• Familias de catro membros: 0,75.

• Familias de cinco ou máis membros: 0,70.

IV. Formalización dos contratos de alugamento.

Vixésimo cuarto. Procedemento para formalizar os contratos de alugamento

1. O concello propoñerá a formalización dos contratos de alugamento das vivendas incorporadas, tendo en conta o número de orde da inscrición no rexistro de demandantes das persoas interesadas e a adecuación das características da súa unidade de convivencia ás das vivendas dispoñibles. Para estes efectos, poderase tamén valorar, de ser caso, a necesidade urxente de vivenda naqueles casos de emerxencia social. Así mesmo, valorarase o feito de que a vivenda estivese xa arrendada ao abeiro do anterior programa de vivendas baleiras.

2. Unha vez aceptadas as condicións do contrato, procederase á súa formalización e ao depósito da fianza no IGVS, de conformidade coa normativa vixente.

Vixésimo quinto. Comunicación dos contratos ao IGVS

1. Os concellos comunicarán ao IGVS, a través da plataforma do programa, a sinatura do contrato o mesmo día en que se formalice.

Coa citada comunicación deberá achegarse, cando menos, a seguinte documentación necesaria:

– Contrato asinado, con referencia catastral.

– Número de credencial do rexistro de demandantes.

– Inventario completo do estado das vivendas.

– Fotos do estado da vivenda.

– Sinatura de cesión de datos por parte da persoa arrendataria, co obxecto de permitir a contratación dos seguros da vivenda.

2. Unha vez comunicada a formalización do contrato, o IGVS dará de alta as pólizas de seguros, de acordo cos protocolos que se asinen coas compañías e coas previsións orzamentarias dispoñibles.

Vixésimo sexto. Comunicación das incidencias na vivenda ou no pagamento da renda

1. Calquera incidencia co pagamento da renda deberá ser comunicada inmediatamente pola persoa propietaria á compañía de seguros que dea cobertura á falta de pagamento de rendas, así como ao concello.

2. A persoa inquilina e/ou a persoa propietaria da vivenda deberán comunicar á compañía de riscos no fogar calquera incidencia producida na vivenda, tan pronto como teñan coñecemento dela. No caso de que as incidencias producidas puidesen supoñer a necesidade de baixa temporal da vivenda pola súa gravidade, tamén darán comunicación ao concello, para que se poidan avaliar as medidas que adoptar.

Vixésimo sétimo. Exclusión de vivendas incorporadas ao programa

1. Deixarán de ter as coberturas e garantías do PMVAC aqueles contratos de arrendamento en que a persoa arrendadora deixe de cumprir algunha das obrigas que lle impón o ordenamento xurídico e, en especial, a obriga de depositar no IGVS, dentro do prazo legal, a fianza percibida pola persoa arrendataria.

2. A exclusión das coberturas e garantías dará lugar ao reintegro por parte da persoa arrendadora do importe das primas de seguro pagadas polo IGVS ás compañías aseguradoras na anualidade en que se producise o incumprimento. O reintegro estenderase a todas as anualidades sucesivas ao momento do incumprimento, no caso de que este afectase varios de vixencia do contrato.

3. A resolución de exclusión de coberturas e garantías será emitida pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, logo da audiencia das persoas interesadas.

4. A exclusión non afectará a validez do contrato asinado nin as condicións pactadas nel respecto á persoa arrendataria.

5. A exclusión dará lugar á imposibilidade de facer novos contratos nesa vivenda ao abeiro deste programa.

Vixésimo oitavo. Exclusión de persoas arrendatarias por incumprimento de obrigas

1. Poderán quedar excluídas do PMVAC aquelas persoas que, na súa condición de arrendatarias, incumprisen as obrigas que impón o ordenamento xurídico.

2. A resolución de exclusión do programa será emitida pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, logo da audiencia da persoa interesada.

3. A exclusión dará lugar á imposibilidade de realizar novas solicitudes de vivenda ao abeiro do PMVAC.

V. Control, inspección e auditoría.

Vixésimo noveno. Control, inspección e auditoría

O IGVS poderá realizar as tarefas de control, inspección e auditoría necesarias nos contratos asinados ao abeiro do PMVAC co fin de detectar posibles incumprimentos, coas consecuencias recollidas nesta resolución.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO I

Prezos máximos das rendas por localidades

– 550 euros, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

– 500 euros, para as vivendas situadas nos seguintes concellos:

a) Na provincia da Coruña: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

b) Na provincia de Lugo: Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro,

c) Na provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

d) Na provincia de Pontevedra: A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

– 425 euros, para as vivendas situadas no resto de concellos.

missing image file
missing image file