O Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, establece as normas que regulan os obxectivos xerais e específicos que se deben perseguir coa axuda da Unión financiada no marco da política agrícola común, os tipos de intervencións e requisitos comúns para que os Estados membros persigan os ditos obxectivos, así como os plans estratéxicos da política agrícola común (PAC) que deben elaborar os Estados membros, e que establecen as metas, as condicións das intervencións e a asignación dos recursos financeiros, de conformidade cos obxectivos específicos e as necesidades recoñecidas.
Neste contexto, e mediante a Decisión de Execución da Comisión do 31 de agosto de 2022 aprobouse o plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (CCI: 2023ES06AFSP001), modificada mediante a Decisión de Execución da Comisión do 30 de agosto de 2023.
No marco da intervención 6872. Investimentos non produtivos en servizos básicos en zonas rurais prevense investimentos non produtivos en pequenas infraestruturas de carácter local relacionadas coa creación, mellora ou ampliación de servizos básicos locais para a poboación rural no territorio vinculado ás aldeas modelo, reguladas como un instrumento voluntario de recuperación da terra agraria no marco da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio), modificada pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).
Para esta intervención, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural configúrase como unha entidade xestora. Esta atribución competencial é coherente coa natureza desta entidade, nos termos definidos no artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia (DOG núm. 94, do 21 de maio).
De acordo con esta norma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural configúrase como unha axencia pública autonómica, nos termos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, e actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar a súa despoboación a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia.
En concreto, correspóndelle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a xestión das medidas e actuacións que se lle encomenden no marco da programación dos fondos europeos de desenvolvemento rural, así como o deseño, programación e execución das medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos no propio texto lexislativo para tal fin.
A principal motivación da Lei 11/2021 antes citada é a loita contra o abandono e a infrautilización das terras e facilitar base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, á vez que procurar anticiparse aos incendios e traballar, en definitiva, pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.
Entre os mecanismos para a recuperación da terra agraria, a Lei 11/2021 configura as aldeas modelo, definidas como o instrumento voluntario de recuperación de terras mediante a realización de actuacións integradas para a recuperación da capacidade agronómica das terras circundantes a núcleos de poboación e asentamentos poboacionais situados no territorio rural galego, co fin de promover actividade económica ligada ao sector primario ao tempo que reducir o risco de incendios forestais. As actuacións poderán abranguer todo ou parte do núcleo rural da aldea co obxecto da súa rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística, con fins residenciais, de interese turístico, de transformación ambiental ou outros análogos que propicien a recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación.
Nos termos previstos no artigo 79 deste texto legal, nas aldeas modelo procurarase a recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal circundantes á aldea, e particularmente daqueles que se encontren en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos incluídos nelas, co obxectivo de permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación. Neste contexto, considérase estratéxico fomentar a dotación de servizos básicos locais no territorio delimitado polo perímetro que conforma a zona de actuación das aldeas modelo.
Esta actuación estratéxica canalizarase a través da concesión de subvencións a favor das entidades locais para executar obras e prestar servizos básicos locais no marco dos principios de colaboración e cooperación que rexen as relacións entre os municipios e a Administración autonómica, nos termos previstos na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
Neste contexto, cómpre tramitar un novo procedemento de concesión de axudas no marco da Intervención 6872. Investimentos en servizos básicos en zonas rurais, que dea continuidade a liñas de fomento que se desenvolveron en anos anteriores no marco da medida 0741 do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, co fin de proporcionar a prestación de servizos básicos locais que contribúan a consolidar as aldeas modelo como instrumento de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar a actividade económica e social naquelas áreas territoriais delimitadas polo perímetro das aldeas modelo declaradas en virtude dos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
Trátase, en definitiva, de proporcionar á poboación rural desas áreas territoriais os servizos e dotacións básicas que cubran as súas principais necesidades, propiciando a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, apoiando a implantación e mellora dos servizos á poboación rural e procurando satisfacer as novas necesidades dos habitantes e das empresas que se localicen nesas áreas rurais.
A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionado á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2024.
Esta convocatoria de axudas está cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural nunha porcentaxe do 60 %.
Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello Reitor desta axencia do 11 de xullo de 2013 (Resolución do 24 de xullo de 2013, DOG núm. 148, do 5 de agosto),
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da Intervención 6872. Investimentos en servizos básicos das zonas rurais, do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo, e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario 2024.
Para estes efectos, o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da correspondente convocatoria estará dispoñible no enderezo da páxina web de Agader (agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) a relación de aldeas modelo declaradas en virtude dos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
2. As axudas consisten en subvencións directas de capital.
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en adiante, LSG).
3. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR711D.
Artigo 2. Financiamento
1. Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 3.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 14-A1-712A-760.00 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2024 (código de proxecto 2024-00004) coa seguinte desagregación por fontes financeiras:
|
Anualidade |
Importe |
Desagregación por fontes financeiras |
||
|
Feader (60 %) |
Xunta (28 %) |
MAPA (12 %) |
||
|
2024 |
1.500.000,00 € |
900.000 € |
420.000 € |
180.000 € |
|
2025 |
1.500.000,00 € |
900.000 € |
420.000 € |
180.000 € |
|
Totais |
3.000.000,00 € |
1.800.000 € |
840.000 € |
360.000 € |
Este crédito está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (no marco da Intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027. Investimentos en servizos básicos en zonas rurais (Subintervención 6872_03. Actuacións de dinamización), nun 12 % pola Administración xeral do Estado e nun 28 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Esta convocatoria de axudas tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
3. As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e deberase publicar no DOG o aludido incremento de contía.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que se teña declarado no seu territorio unha aldea modelo ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
b) Ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estea obrigada, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.
c) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia. Este requisito comprobarase con anterioridade a ditar a correspondente proposta de resolución de concesión, tendo en conta o límite máximo para resolver este procedemento, segundo o que se determina no artigo 18 desta resolución.
d) Ter a titularidade ou, de ser o caso, a dispoñibilidade, durante un período mínimo de cinco anos dos bens sobre os que se vai actuar.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 4. Actuacións subvencionables
1. Serán subvencionables as actuacións destinadas á:
a) Instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público.
b) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos (prazas, paseos, parques públicos, parques infantís, etc).
c) Mellora de vías públicas municipais.
d) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
e) Construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.
f) Rehabilitación de elementos patrimoniais, tales como fontes, lavadoiros, hórreos, muíños.
g) Implantación e mellora de servizos asistenciais (atención á infancia, centros de día, residencias para maiores, dependentes ou discapacitados, centros formativos e de inserción/reinserción laboral/social, etc.).
h) Implantación e mellora de servizos culturais (bibliotecas, casas de cultura, centros de interpretación, museos, etc.).
i) Centros de servizos, así como pequenas infraestruturas e/ou equipamentos a pequena escala que fomenten a cooperación, servizos e implantación ou mellora das empresas no medio rural.
j) Creación, mellora e despregue de infraestruturas para mellorar as comunicacións naquelas contornas en que non sexan posibles as comunicacións de voz en mobilidade.
k) Pequenas infraestruturas de abastecemento de auga, saneamento e depuración de augas residuais e xestión de augas pluviais.
l) Pequenas infraestruturas en enerxías renovables e de eficiencia enerxética.
m) Dixitalización de núcleos rurais.
n) Implantación de e-servizos mediante TIC específicas para a provisión de servizos no medio rural. Desenvolvemento de modelos de prestación de servizos por medios electrónicos e facendo uso das novas tecnoloxías para conseguir a personalización e proactividade do servizo ou a xestión intelixente de redes de distribución.
2.Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda.
Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible e que vincule xuridicamente o solicitante, se esta data é anterior.
Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda mediante acta que reflicta fidedignamente o non inicio da obra ou instalación, na forma establecida no artigo 10.1.f) desta resolución.
b) Que se desenvolvan no territorio elixible, determinado segundo se describe a continuación:
– O perímetro que conforma a zona de actuación da aldea modelo, segundo figura nos correspondentes acordos de declaración do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
De ser o caso, o territorio elixible abranguerá os núcleos de poboación que, estando situados fóra do perímetro que delimita a aldea modelo, lle dean nome e sexan lindeiros co propio perímetro da aldea.
Admitirase a execución de investimentos fóra do ámbito territorial descrito anteriormente, sempre que se trate de obras imprescindibles para prestar servizos, dotacións e/ou equipamentos aos núcleos rurais vinculados ás aldeas modelo, agás as actuacións que consistan na mellora de vías públicas e camiños.
c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se lles concedeu a axuda. Non se admitirán fases de proxectos.
d) Que sexan viables técnica e financeiramente.
e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nesta resolución.
Artigo 5. Investimentos subvencionables
1. Serán subvencionables os seguintes gastos:
a) A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto.
No caso de adquisición de inmobles, o importe subvencionable non poderá superar o 50 % do total dos gastos subvencionables.
Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:
– Que se xunte un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado, que confirme que o prezo de compra non supera o valor do mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación. De ser o caso, a taxación deberá diferenciar o valor da edificación e o valor do terreo ou parcela no que se asente.
– O ben inmoble non pode ter sido obxecto nos últimos 10 anos de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
– Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 años ou o tempo que exixa a normativa sectorial.
– Non será subvencionable a compra de inmobles que vaian ser derrubados.
– O inmoble deberá constituír o elemento principal da adquisición. Non se considerará que a edificación constitúe o elemento principal cando o valor de mercado do solo exceda do valor de mercado da edificación.
b) Adquisición de terreos, por un valor inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables.
Deberá xuntarse un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado, que confirme que o prezo de compra non supera o valor do mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.
c) Obra civil, maquinaria e bens de equipo necesarios para a execución do proxecto.
d) Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade, ata o límite do 12 % do investimento subvencionable.
e) O imposto sobre o valor engadido (IVE).
2. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución, na normativa xeral de subvencións ou na normativa específica que regula os fondos Feader, en ningún caso serán subvencionables:
a) Os gastos orixinados como consecuencia da adquisición de bens funxibles, gastos previsiblemente reiterativos, así como os gastos de funcionamento da actividade subvencionada.
b) Os proxectos relacionados coa prevención e extinción de incendios forestais.
c) As actuacións sobre a rede viaria municipal financiadas ao abeiro dos plans de mellora de camiños de titularidade municipal xestionados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, aprobados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.
d) As obras de mantemento ou simple reparación, así como actuacións exclusivamente ornamentais. No caso de pavimentación de vías públicas municipais non serán subvencionables as actuacións que consistan exclusivamente en arranxo de fochas.
e) A reposición ou simple substitución de equipamento e/ou mobiliario público, maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a elementos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento ou eficiencia ambiental, que deberá xustificarse na memoria-resumo do proxecto (anexo II).
f) Adquisición de maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.
g) Os investimentos que substitúan outros financiados anteriormente con fondos comunitarios e respecto dos cales non transcorresen cinco anos desde a certificación da súa realización, así como os investimentos en rehabilitación de locais cuxa construción ou adquisición fose xa subvencionada con fondos comunitarios e aínda non pasasen cinco anos desde a súa execución.
h) Os conceptos do orzamento sen desagregar tales como «outros» ou partidas a prezo global.
i) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda.
Artigo 6. Intensidade da axuda
Con carácter xeral, a axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables, ata o importe máximo de 150.000 € de axuda.
Non obstante o anterior, nos proxectos de infraestruturas en enerxías renovables e relacionadas coa eficiencia enerxética, a axuda financiará o 80 % dos gastos subvencionables.
Artigo 7. Compatibilidade e acumulación de axudas
1. Unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.
2. Á marxe do anterior, as subvencións reguladas nesta resolución serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou os límites aplicables segundo a normativa de axudas de Estado.
3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.
4. Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo I) e na solicitude de pagamento (anexo V).
Artigo 8. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015).
2. A notificación efectuarase do seguinte xeito:
a) Enviaráselle ao concello interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude de axuda un aviso en que se lle indica a posta á súa disposición da notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
b) Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2024
3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 9. Presentación de solicitudes
1. O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
2. Cada concello poderá presentar unha única solicitude de axuda, que poderá abranguer ata un máximo de tres proxectos.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.
Dentro do prazo establecido na convocatoria os concellos interesados deberán cubrir previamente o formulario descritivo das circunstancias da entidade solicitante e do proxecto para o cal se solicita a subvención, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2024.
Para poder presentar a solicitude, é imprescindible que o concello solicitante ou o seu representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).
3. Para poder presentar as solicitudes de axuda, será necesario seguir os seguintes pasos:
a) No caso de que xa estivese dado de alta na aplicación informática habilitada para a xestión das axudas concedidas ao abeiro da convocatoria de subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais tramitadas nos exercicios 2022 e/ou 2023, deberá acceder co nome de usuario e contrasinal xa rexistrados para estas convocatorias.
Noutro caso, deberá darse de alta na citada aplicación informática. O nome de usuario será sempre o NIF da entidade solicitante; o contrasinal será o determinado por esta.
Na aplicación está dispoñible un servizo de recuperación de contrasinais.
b) Necesariamente deberán cubrirse todos os campos establecidos como obrigatorios; así mesmo, débese anexar a documentación referida no artigo 10.
c) Unha vez cuberto o formulario, a entidade solicitante poderá presentar a súa solicitude de axuda.
No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo do feito da presentación, e xerará de forma automática os anexos I (solicitude de axuda), e anexo II (memoria-resumo do proxecto). A publicación no DOG dos citados anexos ten carácter puramente informativo.
4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
5. A aplicación informática disporá de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 73 69, e o enderezo de correo electrónico subdireccion-planificacion.agader@xunta.gal
Artigo 10. Documentación complementaria
1. Para cada solicitude de axuda, os concellos solicitantes deberán presentar xunto co formulario normalizado de solicitude (anexo I), a seguinte documentación:
a) Memoria da actuación segundo anexo II, na que se detalle a necesidade das obras ou equipamentos para os cales se solicita a subvención e, de ser o caso, a súa viabilidade técnica.
No caso de que a solicitude comporte a dotación de mobiliario ou bens de equipo, deberá describirse de forma detallada e valorada o equipamento para o que se solicita a axuda.
Deberase ter en conta que a información resultante desta memoria terase en conta, se for o caso, para a baremación da solicitude de axuda, nos termos establecidos no artigo 16 desta resolución.
Esta memoria xustificativa incluirá un cadro resumo do orzamento, con identificación das partidas a que se imputa o gasto para o cal se solicita a axuda.
b) Certificación expedida pola persoa titular da Secretaría da entidade local, acreditativa dos seguintes extremos:
1º. Da designación legal do representante da entidade solicitante.
2º. Do acordo da entidade municipal relativo á participación nesta convocatoria de axudas.
3º. Da titularidade municipal ou dispoñibilidade dos terreos ou inmobles onde se van realizar os investimentos.
4ª. De se a actuación proposta foi obxecto ou non de subvencións con fondos comunitarios nos últimos cinco anos ou incide en locais cuxa construción ou adquisición fose xa subvencionada con fondos comunitarios no mesmo período.
c) Certificación da persoa titular da Secretaría ou da Intervención municipal acreditativa de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.
d) No caso de actuacións que comporten a execución de obra civil, deberá presentar o/os proxecto/s de obra, co seguinte contido mínimo:
1º. Memoria descritiva das necesidades detectadas e das actuacións propostas.
2º. Orzamento desagregado, indicando unidades de obra, medicións, prezos unitarios e descompostos.
3º. Planos de situación e de detalle.
4º. Referencia catastral e coordenadas UTM das actuacións propostas.
5º. Co fin de que as intervencións propostas se realicen dun xeito ordenado, para acadar un desenvolvemento territorial equilibrado e respectuoso cos valores culturais e naturais da propia contorna, os proxectos que comporten actuacións en espazos públicos (tales como servizos e infraestruturas subterráneas, pavimentos, iluminación, mobiliario, elementos patrimoniais, elementos de protección, mobiliario...) deberán axustarse ao Documento de recomendacións que estará dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda/servizos-basicos-locais).
e) Informe asinado por técnico/a municipal competente, indicando, no caso de que o/os proxecto/s para o/s que se solicita a axuda comporta a execución de obra civil:
1º. Se cumpren coa lexislación urbanística e sectorial, así como co planeamento en vigor.
2º. Se resultan necesarios permisos e/ou autorizacións sectoriais, con indicación daqueles que se deben incorporar ao expediente.
f) Acta asinada por un/unha técnico/a municipal, que teña a condición de empregado público, ou pola persoa titular da secretaría municipal, que reflicta fidedignamente o non inicio do/s proxecto/s incluídos na solicitude de axuda. Para estes efectos, estará dispoñible no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2024 un modelo normalizado de acta.
g) De ser o caso, certificado dun taxador independente, debidamente acreditado ou dun órgano ou organismo público autorizado, que acredite que o prezo de compra do ben inmoble non excede do valor de mercado, cando o/s proxecto/s comporten a adquisición de inmobles ou terreos.
h) De ser o caso, documentación acreditativa de que os investimentos inciden sobre bens incluídos no inventario do patrimonio cultural ou catalogados no correspondente plan xeral de ordenación municipal, nos termos previstos no artigo 16.1.b.6º desta resolución.
i) Calquera outra documentación adicional que a persoa interesada considere conveniente para a correcta avaliación e baremación do proxecto.
Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
No caso de que o/os proxecto/s de obra superen o tamaño límite establecido pola sede electrónica, ou teñan un formato non admitido os promotores poderán dividir o arquivo electrónico correspondente, xerando varios arquivos de menor tamaño, ou ben optar pola súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos, en formato CD. Neste último caso, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que os concellos interesados se opoñan á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Concesións de subvencións e axudas.
g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12 Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 13. Instrución do procedemento
1. Os actos de instrución do procedemento en virtude dos que deba ditarse a resolución de concesión competerán á Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.
2. Na fase de instrución do procedemento comprobarase que a operación cumpre as obrigas establecidas pola normativa da Unión Europea, a lexislación nacional e o programa de desenvolvemento rural, entre elas as relativas ás axudas estatais e demais normas e requisitos obrigatorios. En particular, verificarase:
a) A admisibilidade da entidade beneficiaria.
b) A admisibilidade da operación proposta.
c) A elixibilidade dos investimentos propostos.
d) O cumprimento dos criterios de selección de operacións.
e) A localización do investimento en territorio elixible.
3. Logo da presentación da solicitude da axuda e durante a instrución do procedemento, non se admitirá ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o incremento do seu importe.
4. Na fase de instrución do procedemento os proxectos presentados someteranse ao informe dunha comisión constituída ad hoc coa seguinte composición:
Presidenta:
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ou persoa en quen delegue.
Vogais:
A persoa titular da Subdirección de Mobilidade de Terras.
Un/unha empregado/a público/a designado pola Axencia Galega da Industria Forestal.
Un/unha empregado/a público/a do Servizo de Seguimento e Supervisión de Proxectos da Consellería do Medio Rural.
Secretario/a:
A persoa titular da Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.
Son funcións da Comisión:
– Determinar a adecuación dos proxectos presentados ás tipoloxías de actuación descritas no artigo 4 desta resolución.
– Determinar, nos casos en que proceda, a adecuación das actuacións propostas ao Documento de recomendacións a que se fai referencia no artigo 10.1.d) desta resolución.
– Emitir un informe de adecuación das actuacións para as que se solicita a axuda, nos termos expostos, que se deberá incorporar aos expedientes.
Para o exercicio das súas funcións, a Comisión poderá solicitar dos órganos da Administración autonómica con competencias na materia de que se trate o asesoramento ou a emisión dos informes necesarios co fin de valorar a viabilidade da solución técnica proposta nos proxectos para os que se solicita axuda.
Así mesmo, a Comisión poderá solicitar a participación de persoas expertas de recoñecido prestixio, con voz pero sen voto, que levarán a cabo funcións de asesoramento na materia de que se trate.
5. Na fase de instrución do procedemento os servizos dependentes do órgano instrutor poderán realizar unha visita de comprobación ao lugar da operación, co fin de comprobar a viabilidade dos investimentos propostos.
Artigo 14. Emenda da solicitude
1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requiriralle á entidade interesada que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, coa indicación de que se así non o fixer, teráselle por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo.
Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de facenda.
2. As notificacións do requirimento de emenda efectuaranse por medios electrónicos, nos termos previstos no artigo 8 desta resolución.
3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través do enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2024 acudindo á aplicación informática habilitada para a xestión destas axudas.
4. Co fin de completar a instrución do procedemento, poderá requirírselle á entidade solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.
5. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar con posterioridade á presentación da solicitude de axuda deberán realizarse electronicamente accedendo á aplicación informática habilitada para a xestión das axudas, accesible desde o enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2024
Artigo 15. Baremación das solicitudes
As áreas dependentes do órgano instrutor valorarán as solicitudes de axuda que reúnan todos os requisitos, conten con toda a documentación necesaria e co informe favorable da Comisión prevista no artigo 13 desta resolución.
A valoración realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta os datos e a documentación achegada pola entidade solicitante e segundo os criterios de selección de operacións previstos no artigo seguinte.
Excluiranse aquelas solicitudes de axuda que, logo da súa baremación de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 30 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos desta convocatoria de axudas.
Artigo 16. Criterios de selección de operacións
1. Para a selección das operacións deberán aplicarse os seguintes criterios:
a) En función da localización, ata un máximo de 25 puntos, de acordo cos seguintes criterios:
1º. Taxa de evolución interanual de poboación do concello, segundo datos do IGE para o período 1999-2022, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos:
– Municipios cunha caída de poboación igual ou superior ao 30 %: 5 puntos.
– Municipios cunha caída de poboación igual ou superior ao 20 % y menor ao 30 %: 4 puntos.
– Municipios cunha caída de poboación igual o superior ao 10 % e menor ao 20 %: 3 puntos.
– Municipios cunha caída de poboación menor ao 10 %: 2 puntos.
– Municipios cun incremento da poboación igual ou menor ao 25 %: 1 punto.
– Municipios cun incremento da poboación maior ao 25 %: 0 puntos.
2º. Renda familiar dispoñible por concello, segundo datos do IGE para o ano 2020, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos (calculados en base 100):
– Municipios cunha RFDH igual ou inferior a 70: 5 puntos
– Municipios cunha RFDH maior a 70 e igual ou inferior a 80: 4 puntos.
– Municipios cunha RFDH maior a 80 e igual ou inferior a 90: 3 puntos.
– Municipios cunha RFDH maior a 90 e igual ou inferior a 100: 2 puntos.
– Municipios cunha RFDH maior a 100: 0 puntos.
3º. Proxectos que se desenvolvan en zonas de montaña, segundo a definición que resulta da medida 13 do PDR de Galicia 2014-2020: 5 puntos.
Pódese consultar a relación de concellos coa consideración de zonas de montaña na páxina web de Agader.
4º. Taxa de envellecemento do concello (porcentaxe de poboación >64 anos), segundo datos do IGE para o ano 2022, ata un máximo de 5 puntos, de acordo cos seguintes tramos:
– Municipios cunha taxa de envellecemento igual ou superior ao 45 %: 5 puntos.
– Municipios cunha taxa de envellecemento menor ao 45 % e igual ou superior ao 35 %: 3 puntos.
– Municipios con una taxa de envellecemento menor ao 35 % e igual ou superior ao 25 %: 2 puntos.
– Municipios con una taxa de envellecemento menor ao 25 % e igual o superior ao 15 %: 1 punto.
– Municipios con una taxa de envellecemento menor ao 15 %: 0 puntos.
5º. A entidade solicitante presenta investimentos en núcleos situados en Rede Natura 2000: 5 puntos.
b) Investimentos en que concorran as seguintes circunstancias: ata un máximo de 60 puntos.
1º. A entidade solicitante presenta investimentos en servizos adaptados a persoas con mobilidade reducida ou destinados á supresión de barreiras arquitectónicas: 10 puntos.
2º. A entidade solicitante presenta investimentos que favorezan a sostibilidade ambiental e reduzan o impacto ambiental das actividades humanas: 10 puntos.
3º. A entidade solicitante presenta investimentos destinadas á redución do impacto visual das actividades humanas, así como á mellora estética e paisaxística da aldea modelo: 10 puntos
4º. A entidade solicitante presenta investimentos destinadas a instalar y/o mellorar la sinalización del núcleo rural: 10 puntos.
5º. A entidade solicitante presenta investimentos vinculadas a la prestación de servicios dixitais: 10 puntos.
6º. A entidade solicitante presenta investimentos que inciden sobre bens incluídos no Inventario ou patrimonio cultural oi catalogados no correspondente plan xeral de ordenación municipal: 10 puntos.
7º. A entidade solicitante presenta investimentos que adecúan e melloran a accesibilidade e conectividade a internet da aldea modelo: 10 puntos.
8º. A entidade solicitante presenta investimentos destinados a mellorar a accesibilidade da aldea modelo e redes de subministración de servizos: 10 puntos.
c) En función da boa xestión da aldea modelo: 15 puntos.
Na aldea modelo adxudicouse unha proposta para o aproveitamento das parcelas incorporadas a este instrumento de recuperación o declarouse un espazo agrario de experimentación, nos termos previstos na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, ou ben na Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.
A puntuación total obtida incrementarase nun 30 % no caso de solicitudes de axuda presentados por aqueles concellos que, no marco da convocatoria das axudas correspondentes ao procedemento MR711D nos exercicios 2022 e 2023 non obtivesen a condición de beneficiarios.
2. No caso de empate, terá prioridade o proxecto que obtivese máis puntuación no criterio definido na alínea c) deste artigo (boa xestión da aldea modelo) e, de persistir o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio definido no punto 1.a.1º deste artigo (taxa de evolución interanual de poboación do concello) e, se aínda así persiste o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio definido no punto 1.a.2º deste artigo (renda familiar dispoñible por concello).
Artigo 17. Proposta de resolución
1. Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor elaborará unha relación dos expedientes ordenada por orde decrecente de puntuación, en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo anterior.
2. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos concellos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.
Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución á directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
3. A proposta de resolución expresará, de forma motivada, a relación de solicitudes para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada un, da persoa beneficiaria, puntuación obtida no proceso de baremación, importe da axuda proposta e fontes de financiamento.
Expresará tamén, de xeito motivado, a relación das solicitudes de axuda para as cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.
Artigo 18. Órgano competente
A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolverá motivadamente, por delegación do Consello de Dirección desta axencia, a selección dos proxectos.
O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.
Artigo 19. Notificación e publicación
1. Todas as resolucións e actos administrativos notificaranse nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos, segundo o establecido no artigo 8 desta resolución.
Nas notificacións indicarase de modo expreso que a actuación se subvenciona a través do Feader e se enmarca dentro do PEPAC 2023-2027 de Galicia, na intervención 6872. Investimentos en servizos básicos en zonas rurais, Subintervención 68720_03.Actuacións de dinamización.
2. A resolución de concesión expresará a porcentaxe e o importe total da axuda que lle corresponde para a execución do proxecto, calculado sobre a base do orzamento elixible.
3. Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, se transcorridos dez días hábiles desde a notificación, a entidade interesada non comunica expresamente a súa renuncia á subvención (anexo III) entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.
4. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a relación de axudas que se concedan. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal).
Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias
Sen prexuízo das demais obrigacións establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao amparo desta orde quedan obrigados a:
1. Cumprir o obxectivo, executar os investimentos e manter a obriga de destino das actuacións subvencionadas durante un período mínimo de cinco anos a partir da resolución de pagamento final.
No caso de execución de obras, estas deberán ter unha garantía de mantemento de cinco anos, contados desde a data de pagamento final da axuda. E serán por conta do concello os custos necesarios para a súa conservación. O concello debe asumir todas e cantas responsabilidades dimanen das posibles irregularidades ou ilegalidades causadas por mor das obras, nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 (en diante, LCSP).
2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións impostas para a concesión da axuda, así como o cumprimento da finalidade da subvención.
3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme coas prescricións contidas na LCSP.
5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
6. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme coa disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006 e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.
7. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e, a posteriori, segundo o Regulamento (UE) n° 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control da política agraria común.
8. Proporcionar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a devandita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 141 do Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro de 2021.
9. Os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada.
10. Cumprir coas obrigas de publicidade que se especifican a continuación, de conformidade co disposto nos anexos II e III do Regulamento 2022/129, da Comisión, de 21 de decembro de 2021. En particular:
a) Deberá colocarse en lugar visible ao público unha placa explicativa ou pantalla electrónica equivalente con información sobre o proxecto, que destaque a axuda financeira da Unión, con referencia expresa ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, con inclusión do emblema da Unión.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural facilitará a través da súa páxina web os modelos, formatos e dimensións das placas informativas.
b) No caso de que o concello teña páxina web, incluirá unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea.
As referidas obrigas de publicidade deberán cumprirse durante un período mínimo de cinco anos contados desde a resolución de pagamento final da axuda.
11. Deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos.
12. Cando o concello beneficiario non poida executar o proxecto subvencionado, deberá presentar a súa renuncia a través do modelo normalizado que se incorpora á resolución como anexo III.
Artigo 21. Execución das actuacións subvencionadas
1.Os concellos beneficiarios deberán licitar e adxudicar as actuacións subvencionadas nos termos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (en diante, LCSP).
2. Os concellos poderán tramitar calquera dos procedementos previstos no artigo 131 da LCSP. Non se admitirá a execución de obras a través de encomendas de xestión.
3. No caso de que opten por tramitar un contrato menor, e independentemente do disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán solicitar e obter, como mínimo, tres ofertas de diferentes licitadores con carácter previo á contratación, salvo que non exista no mercado suficiente número de entidades que executen a prestación de que se trate. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
4. No caso de que se prevexan melloras como criterio de adxudicación, estas deberán estar suficientemente especificadas, nos termos previstos no artigo 145.7 da Lei 9/2017. No suposto de que as melloras incluídas no prego de cláusulas administrativas particulares non respecten o disposto no citado artigo, aplicarase un desconto sobre a axuda que se deberá pagar equivalente ao valor das melloras ofertadas polo contratista.
5. Independentemente do procedemento que se siga, as empresas ofertantes non poderán estar vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.
6. En todo o proceso de licitación os concellos coidarán especialmente de que en toda a documentación se faga constar que as actuacións que se van executar contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Feader, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia.
Artigo 22. Prazo para a xustificación dos investimentos
1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2024 será o 16 de outubro de 2024.
Este prazo poderá ampliarse excepcionalmente ata o 11 de decembro de 2024 de acordo coas seguintes condicións:
– Que os concellos o soliciten de forma expresa e xustifiquen, de xeito motivado, a necesidade desta ampliación, segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2024
– Que o concello teña solicitado a concesión dun pagamento anticipado antes do 30 de agosto de 2024 nos termos previstos no artigo 25 desta resolución.
2. Para a anualidade 2025, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos será o 31 de maio de 2025. A esta xustificación poderán imputarse, igualmente, os gastos executados desde a finalización do prazo de xustificación correspondente á anualidade 2024.
Antes do remate do prazo de execución e xustificación dos investimentos correspondentes á anualidade 2025, os concellos poderán solicitar, excepcionalmente, unha ampliación do citado prazo nos termos previstos no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da LSG en relación co artigo 32 da Lei 39/2015, e, en calquera caso, co cumprimento das seguintes condicións:
– Que a solicitude para a ampliación do referido prazo estea debidamente motivada.
– Que o concello acredite que as obras están adxudicadas segundo os procedementos previstos na LCSP.
Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de que se trate.
Artigo 23. Xustificación dos investimentos
1. A presentación da solicitude de pagamento (anexo V) realizarase unicamente por medios electrónicos, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2024, dos prazos de execución e xustificación referidos no artigo 22 desta resolución.
A documentación correspondente á xustificación do investimento presentarase igualmente de forma electrónica.
Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (en diante, RLSG), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias, porállelos no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días hábiles para a súa corrección.
No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado esta, requirirase igualmente á entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente, nos termos previstos no artigo 45.2 do RLSG.
Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda.
Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 8 desta resolución.
2. Xunto coa solicitude de pagamento parcial e final os concellos beneficiarios deberán presentar a seguinte documentación:
a) Factura/s rexistradas no Punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.
b) Xustificantes bancarios do pagamento (transferencia bancaria ou certificación bancaria), que deberá identificar o número de factura obxecto de pagamento, o concepto facturado, entidade que realiza o pagamento e o destinatario.
c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.
O anexo V inclúe unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.
d) Certificación ou informe da persoa titular da Secretaría ou da Intervención da entidade local ou, de ser o caso, do/da empregado/a público/a que, de acordo coa estrutura organizativa do concello, teña atribuída as competencias en materia de contratación pública, acreditativo de que o procedemento de contratación pública se tramitou nos termos previstos na normativa de contratación do sector público vixente, con indicación do procedemento seguido para a contratación das obras subvencionadas.
Este informe ou certificación acompañarase da listaxe de comprobacións para operacións de investimento público, que poderá estará dispoñible no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2024
Os expedientes de contratación deberán estar dispoñibles no concello para a súa comprobación e, de ser o caso, deberá remitirse copia á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural se así se lle require ao concello.
e) No caso de que o concello optase por tramitar contratos menores, ben para obra ou ben para a adquisición de bens de equipo, tres ofertas solicitadas segundo o exposto no artigo 21.3 desta resolución.
f) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.
g) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, co seguinte contido:
1º. O cumprimento da finalidade da subvención.
2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.
h) Fotografía da placa publicitaria que acredite o cumprimento das obrigas de publicidade previstas no artigo 20.10 desta resolución.
i) Captura da páxina web do concello, con referencia ao financiamento do proxecto segundo o exposto no artigo desta resolución, de ser o caso.
k) Para o suposto de adquisición de terreos ou inmobles, o documento de compravenda elevado a público e presentado no rexistro correspondente.
l) De ser o caso, permisos, autorizacións e/ou inscricións que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación para cada tipo de investimento.
m) No caso de proxectos que comporten a execución de obra civil, certificación expedida pola Secretaría da entidade local acreditativa dos seguintes extremos:
1º. Da aprobación da/s certificación/s de obra por parte do órgano municipal competente.
2º. Do acordo de aprobación do proxecto técnico das obras por parte do órgano municipal competente.
n) No caso de proxectos que comporten a execución de obra civil, certificación/s de obra asinada/s polo/a director/a de obra.
En todo caso, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá solicitarlle ao beneficiario as aclaracións ou informes que considere convenientes en relación coa xustificación da subvención concedida.
3. Cando se poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións dos investimentos que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 26 desta resolución, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, a condición de que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte da axencia no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 24. Control administrativo da solicitude de pagamento
1. Os controis administrativos da solicitude de pagamento incluirán necesariamente as seguintes comprobacións:
– A operación finalizada en comparación coa operación para a cal se presentou a solicitude e se concedeu a axuda.
– Os custos contraídos e os gastos realizados.
2. Realizarase unha visita in situ ao lugar da operación para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.
3. O pagamento calcularase sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante o control administrativo da solicitude de pagamento.
O órgano xestor examinará a solicitude de pagamento presentada pola persoa beneficiaria e determinará os importes subvencionables e os que non o son. O pagamento calcularase sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante o control administrativo da solicitude de pagamento.
Conforme o artigo 51 do Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións contempladas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027 fixará:
a) O importe pagadeiro á persoa beneficiaria en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión. No caso de que o primeiro sexa superior ao segundo, o importe solicitado axustarase ao límite da concesión.
b) O importe pagadeiro á persoa beneficiaria logo do exame da subvencionabilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.
Se o importe fixado conforme a letra a) supera o importe fixado conforme a letra b) en máis dun 10 %, aplicarase unha penalización ao importe fixado conforme a letra b). O importe da penalización será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá máis alá do importe solicitado.
No caso de incumprimentos de normas relacionadas coa contratación pública, tomaranse como referencia as porcentaxes indicadas no anexo da Decisión da Comisión, do 19 de decembro de 2013, relativa ao establecemento e a aprobación das directrices para a determinación das correccións financeiras que deba aplicar a Comisión aos gastos financiados pola Unión no marco da xestión compartida, no caso de incumprimento de normas en materia de contratación pública.
Artigo 25. Réxime de pagamentos
1. Con cargo á anualidade 2024 tramitarase un pagamento á conta, sen que exceda a anualidade prevista neste exercicio orzamentario.
Ao abeiro do artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de pagamentos á conta, os concellos beneficiarios das axudas están exentos da constitución de garantías.
Non obstante o anterior, logo da solicitude dos concellos beneficiarios, poderá tramitarse un pagamento anticipado en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as accións inherentes á subvención.
A solicitude de pagamento do anticipo presentarase segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2024
A data límite para solicitar o pagamento anticipado será o 30 de agosto de 2024.
A tramitación e concesión do pagamento anticipado suxeitarase á regulación do artigo 31.6 da LSG, dos artigos 63 e seguintes do Decreto 11/2009 e á normativa aplicable sobre a tramitación de pagamentos con fondos comunitarios. De acordo con esta normativa, o pagamento anticipado non poderá superar o 50 % da axuda pública concedida nin, de ser o caso, exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
Na anualidade 2025 non se concederán pagamentos á conta nin pagamentos anticipados, de xeito que se practicará unicamente a liquidación do expediente mediante o pagamento final.
Artigo 26. Modificación da resolución de concesión da subvención
1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. En particular, a variación do importe dos investimentos subvencionados e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.
2. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido, utilizando para isto o modelo normalizado (anexo IV).
Se a modificación consiste nunha modificación do orzamento do expediente, xunto coa solicitude de modificación deberán achegar o novo proxecto modificado, co orzamento proposto para a súa execución.
Se a modificación consiste nun cambio do réxime de financiamento, xunto coa solicitude de modificación deberá achegar a declaración doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto.
3. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela. As entidades beneficiarias terán a obriga de comunicarlle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención. A modificación poderase autorizar sempre que:
Non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.
Non exista prexuízo a terceiros.
Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.
Non se admitirá a modificación que supoña a inclusión de novos proxectos distintos dos autorizados na resolución de concesión da axuda.
4. No suposto de que as novas circunstancias afecten a criterios tidos en conta no baremo, revisarase a puntuación asignada inicialmente ao proxecto, o que poderá dar como resultado a perda do dereito á subvención.
En todo caso, a modificación da resolución de concesión tramitarase nos termos previstos no artigo 35 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. No caso de obras, deberá tramitarse unha modificación do proxecto nos termos previstos na LCSP, e remitirse unha copia á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Artigo 27. Reintegro da subvención
1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG.
2. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da LSG, se o incumprimento atinxe ao mantemento do ben e/ou da actividade subvencionada, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento.
3. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feader.
4. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.
5. Suporá a perda dun 5 % non comunicar á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a obtención doutras subvencións, axudas, ingreso ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.
No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.
6. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do RLSG.
7. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:
a) Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.
b) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os bens da entidade subvencionada e impida o seu normal funcionamento.
Artigo 28. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias das axudas, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto nos títulos IV da LSG e VI do RLSG.
Artigo 29. Normativa de aplicación
Normativa autonómica:
Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (RLSG).
Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.
Normativa estatal:
Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.
Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.
Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.
Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións contempladas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.
Normativa comunitaria:
Decisión de execución da Comisión, do 31 de agosto de 2022, pola que se aproba o Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (CCI: 2023ES06AFSP001).
Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, e actos normativos de execución.
Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013, e actos normativos de execución.
Regulamento Delegado (UE) 2022/127 da Comisión do 7 de decembro de 2021 que completa o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello con normas relativas aos organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as garantías e o uso do euro.
Artigo 30. Condicionalidade
A concesión das axudas previstas nestas bases reguladoras está condicionadas á aprobación dos criterios de selección de operacións por parte do Comité de Seguimento do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, nos termos previsto no artigo 124 do Regulamento (UE) 2021/2015.
Artigo 31. Réxime de recursos
Contra as resolucións do procedemento poderase formular potestativamente requirimento previo para a súa anulación ou revogación nos termos establecidos no artigo 44 en relación co 46.6 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou, de ser o caso, interpor recurso contencioso-administrativo nos termos da citada lei.
Disposición adicional primeira. Información sobre o procedemento
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:
a) Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal
b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos
c) No teléfono 981 54 73 69 (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural).
d) De xeito presencial, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56, Laraño. 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 69.
Disposición adicional segunda. Información ás persoas interesadas
1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Disposición derradeira primeira
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.
Disposición derradeira segunda
Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022
Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
