DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2024 Páx. 14863

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

EXTRACTO da Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D).

BDNS (Identif.): 744088.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob. es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das axudas xestionadas ao abeiro destas bases reguladoras os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se teña declarado no seu territorio unha aldea modelo ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

b) Ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estea obrigada, antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude de axuda.

c) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.

d) Ter a titularidade ou, de ser o caso, a dispoñibilidade, durante un período mínimo de cinco anos dos bens sobre os que se vai actuar.

Segundo. Obxecto

Regular o procedemento de concesión das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da Intervención 6872-Investimentos en servizos básicos das zonas rurais, do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo.

Para estes efectos, o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da correspondente convocatoria estará dispoñible no enderezo da páxina web de Agader (agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) a relación de aldeas modelo declaradas en virtude dos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 19 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D).

Cuarto. Contía

A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a 3.000.000 €, que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14-A1-712A-760.00 (código de proxecto 2024-00004) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2024.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, e se anuncia a convocatoria para o ano 2024.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexto. Outros datos

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Con carácter xeral, a axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables, ata o importe máximo de 150.000 € de axuda.

Non obstante o anterior, nos proxectos de infraestruturas en enerxías renovables e relacionadas coa eficiencia enerxética, a axuda financiará o 80 % dos gastos subvencionables.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural