DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2024 Páx. 15656

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 13 de febreiro de 2024 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, para os anos 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212B).

De acordo co artigo 50 da Constitución española, os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e periodicamente actualizadas, a suficiencia económica dos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e con independencia das obrigacións familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer.

O artigo 148.1.20 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, en materia de asistencia social. Ao abeiro do devandito precepto, o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de servizos sociais.

Neste marco competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Entre outros aspectos, a lei regula a forma en que se prestarán os servizos sociais, permitíndolles ás persoas físicas e xurídicas privadas, sexa de iniciativa social ou de carácter mercantil, a posibilidade de crear centros de servizos sociais, así como xestionar programas e prestacións desta natureza, de conformidade co establecido polo lexislador e, en todo caso, cumprindo os requisitos de calidade e demais condicións que estableza a normativa reguladora dos servizos sociais de Galicia.

Así mesmo, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, recolle, no seu artigo 3, como obxectivos do sistema galego de servizos sociais, garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia, así como prever a aparición de calquera situación de dependencia, exclusión, desigualdade ou desprotección.

No artigo 4 da citada lei enuméranse como principios xerais dos servizos sociais, entre outros, a prevención, a equidade e equilibrio territorial e a autonomía persoal e vida independente. Desta forma, as políticas de servizos socias débense orientar a prever e superar as causas que orixinen as necesidades sociais, dando prioridade ás accións preventivas, constituíndo unha obriga dos poderes públicos facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan das condicións máis adecuadas e dos apoios necesarios para desenvolver os seus proxectos vitais, dentro da unidade de convivencia que desexen, segundo a natureza dos servizos, a súa idoneidade e as súas condicións de utilización, sempre con respecto da libre decisión das persoas.

Por outra banda, coa aprobación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, creouse o Sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD), coa finalidade principal de garantir as condiciones básicas e de protección destinadas á promoción da autonomía persoal e a atención das necesidades das persoas con dificultades para a realización das actividades básicas da vida diaria, prestacións recollidas dentro do sistema de servizos sociais.

Neste contexto normativo, o desenvolvemento da rede de centros e servizos sociais ten que ter presente a necesidade de compensar os desequilibrios territoriais, garantindo o acceso ao sistema de benestar social das galegas e galegos que residan en áreas con altas tasas de envellecemento e dispersión, mediante unha oferta equitativa e equilibrada de servizos en todo o territorio.

Desta forma aténdese, por unha banda, ao benestar de coidadores familiares, ao fin de contribuír a diminuír a carga dos coidados e a favorecer que a permanencia das persoas en situación de dependencia na súa contorna se realice nas mellores condicións de equidade no acceso a recursos de proximidade, con independencia do lugar onde residan, e, por outra banda, foméntase a prevención das situacións de dependencia en persoas maiores que aínda gozan de autonomía, paliando, así mesmo, as situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo.

Co obxectivo de impulsar novas iniciativas de servizos, aprobouse a Orde do 24 de agosto de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019; a Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020; a Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade de casas do maior, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021; a Orde do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para os anos 2021, 2022 e 2023; e a Orde do 26 de xaneiro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria.

Neste marco de actuación, cómpre fomentar o mantemento das casas do maior postas en marcha nos anos 2019, 2021 e 2022 a través dunha convocatoria que contribúa a consolidar as casas do maior.

As casas do maior perfílanse como unha fórmula destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada, grao I, así como para persoas maiores sen dependencia como recurso de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal, que comprenderán a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de forma que se procure o mantemento no medio social habitual evitando o internamento noutro tipo de recursos cando non sexa demandado ou cando non existan preto do seu domicilio habitual.

Ademais, impúlsase e apóiase a prestación destes servizos de atención aos maiores mediante fórmulas de auto emprego e de economía social, que demostraron ser eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación ao territorio.

O Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, establece que lle corresponde á dita consellería propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no dito ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e a súa normativa de desenvolvemento, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e proceder á convocatoria de subvencións destinadas para os anos 2024 e 2025 a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado para a continuidade e mantemento das casas do maior postas en marcha nos anos 2019, 2021 e 2022.

2. O código do procedemento regulado nesta orde é o BS212B.

Artigo 2. Características das casas do maior

1. A casa do maior perfílase como a fórmula destinada a contribuír á atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada, grao I, así como para persoas maiores de 60 anos sen dependencia recoñecida como recurso de prevención desta e promoción da autonomía persoal. O servizo que se preste ás persoas usuarias comprenderá a atención diúrna específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de forma que se procure o seu mantemento no medio social habitual evitando o internamento noutro tipo de recursos cando non sexa demandado ou cando non existan preto do seu domicilio habitual.

Deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar, en que se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia das persoas usuarias, co fin de evitar e /ou atrasar a institucionalización de persoas maiores, reducindo a súa dependencia e illamento sociais.

2. As casas do maior teñen, sen prexuízo do establecido para o servizo de manutención, carácter gratuíto, prestándose de luns a venres durante todo o ano, excepto os días festivos e un mes de cada doce, en que permanecerán pechadas por vacacións.

O mes de vacacións poderase fraccionar en dous períodos. Excepcionalmente, cando por causas de forza maior, xustificadamente e de acordo coas persoas usuarias, se demanden períodos vacacionais de duración inferior, deberanse solicitar previamente á Consellería de Política Social e Xuventude e contar coa autorización desta.

3. Salvo as excepcións previstas no número anterior, a casa do maior debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano, polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa a titular, no caso de enfermidade desta ou algunha situación de emerxencia.

4. A atención prestada ás persoas usuarias comprende a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou estimulación cognitiva.

As persoas usuarias da casa do maior decidirán voluntariamente se fan uso do servizo de manutención. As persoas beneficiarias das axudas poderán facturar por este servizo un máximo de 7 euros por persoa e día, sempre que se realizase un servizo completo. Para estes efectos, con anterioridade ao ingreso na casa do maior, deberán informar as persoas usuarias das condicións esenciais deste.

5. Se a persoa física ou cooperativa de traballo asociado promotora da casa opta por asumir o desprazamento das persoas usuarias ata esta, percibirá unha axuda adicional da Consellería de Política Social e Xuventude, a razón de 10 euros por persoa e día. Para estes efectos, deberá achegar unha declaración responsable en que manifeste a súa vontade de prestar o servizo de desprazamento, para o caso de que as persoas usuarias quixesen facer uso del.

6. As persoas maiores poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará coa persoa promotora da casa do maior ou persoa profesional que desenvolva a actividade no caso de cooperativas de trabalo asociado. En función deste, servirase a comida, o almorzo e/ou a merenda, segundo proceda.

7. Cada casa do maior terá un máximo de 5 prazas.

As persoas maiores que acudan á casa do maior deberán estar, en todo caso, empadroadas no concello en que esta se sitúe, ou nun limítrofe que non conte con servizos de atención diúrna.

Non poderán ser persoas usuarias aquelas que precisen de atención e coidados sanitarios continuados, nin sufran enfermidades infecto-contaxiosa en fase activa sen tratamento efectivo instaurado, trastornos adictivos que precisen dun tratamento de deshabituación ou trastornos condutuais severos que impidan a normal convivencia na casa.

8. Para acceder ao financiamento previsto nesta convocatoria é necesario que se atenda a un mínimo de 1 e un máximo de 5 persoas maiores.

Para estes efectos, non se terá en conta o período de tempo que transcorra para a adxudicación da praza así como o establecido entre a notificación da adxudicación de praza á persoa usuaria e a súa ocupación efectiva.

Artigo 3. Financiamento

1. A contía total máxima destinada ás axudas reguladas na presente orde é de 7.550.400 euros, segundo a seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

2024

2025

Importe total

11.05.312E.470.0

3.775.200,00 €

3.775.200,00 €

7.550.400 €

2. A partida 11.05.312E.470.0 destinarase ao financiamento destas axudas.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas para a continuidade do funcionamento das casas do maior, as persoas físicas que se estableceron como empresarias autónomas ou que constituíron cooperativas de traballo asociado que, durante os anos 2019, 2021 e 2022, puxeron en marcha unha casa do maior.

Artigo 5. Accións e gastos subvencionables

Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria, os gastos para a prestación da atención individualizada das persoas maiores de 60 anos, en situación de dependencia graos I, e das persoas sen dependencia como recurso de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal, nas condicións previstas no artigo 2.

Artigo 6. Tipos de axuda e contías

1. A axuda polo mantemento da casa do maior consistirá nunha achega económica de 24.200 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora, que se liquidará nos termos previstos no artigo 20.

2. Adicionalmente, no caso de que as persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado promotoras como beneficiarias das axudas desta orde optaran por asumir o desprazamento das persoas usuarias, poderán percibir un máximo de 10 euros por persoa usuaria e día. Para estes efectos, a persoa beneficiaria da axuda deberá acreditar o número de persoas usuarias deste servizo mediante a cobertura do anexo V.

Artigo 7. Procedemento e réxime de concesión das subvencións

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase baixo o réxime de concorrencia non competitiva, xa que, polo seu obxecto, non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as persoas solicitantes.

De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederalles a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito, a todas aquelas persoas solicitantes que cumpran cos requisitos.

Estas axudas ampáranse no réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 15 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión. Por tanto, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis deberase garantir que non se supera o límite de 300.000 euros durante os tres anos previos.

Artigo 8. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é incompatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Entenderase por mesma finalidade as subvencións, axudas e ingresos ou recursos destinadas ao desenvolvemento da actividade de atención diúrna específica e das necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre das persoas maiores de 60 anos en situación de dependencia moderada, grao I, así como das persoas maiores de 60 anos sen dependencia recoñecida usuarias do servizo.

O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

2. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver enviar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada co fin de que o xestor determine a compatibilidade doutras axudas solicitadas, concedidas ou recibidas pola persoa solicitantes ou a súa incompatibilidade se a finalidade desoutras axudas coincide co obxecto desta convocatoria.

Artigo 9. Solicitudes

1. As solicitudes de subvencións reguladas nesta orde presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte á notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificado ou informe médico oficial acreditativo das condicións de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/s persoa/s socia/s encargadas do desenvolvemento da actividade.

b) Xustificante da vixencia da póliza de seguro por un importe mínimo de 15.000 euros, que garanta a cobertura das continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes que puidesen xerarse por feitos ou circunstancias ocorridos como consecuencia da estadía na casa do maior ou das actividades propias do servizo prestado que se realicen no exterior.

c) Anexo III cuberto cos datos da persoa profesional encargada do desenvolvemento da actividade, no caso de cooperativas de traballo asociado.

d) Documentación acreditativa de alta na Seguridade Social no réxime especial de autónomos da persoa solicitante e da persoa profesional que vaia desenvolver a actividade no caso de cooperativas de traballo asociado.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Articulo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante, persoa representante e da que está a desenvolver a actividade no caso de cooperativas de traballo asociado, e número de identificación fiscal (NIF) da entidade, no suposto de cooperativas de traballo asociado.

b) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa ou entidade solicitante e da persoa que vai desenvolver a actividade.

c) Inhabilitacións vixentes para obter subvencións da persoa ou entidade solicitante e da persoa que vaia desenvolver a actividade no caso de cooperativas de traballo asociado rexistradas na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) no período solicitado.

d) Concesións das axudas ás cales aplica a regra de minimis vixentes da persoa ou entidade solicitante e/ou persoas que vaia desenvolver a actividade no caso de cooperativas de traballo asociado rexistrados na Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

e) Alta no imposto de actividades económicas da persoa ou entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta e resolución, e poderalle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que, tras o trámite de emenda, non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación da solicitude na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite, ditarase a resolución de inadmisión e procederase ao arquivamento, daquelas solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 9.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, tras a fiscalización da proposta de resolución do órgano instrutor, corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para resolver e notificar será de dous (2) meses, que se computarán desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no rexistro electrónico do órgano competente. Transcorrido o devandito prazo sen que recaia resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A resolución de concesión comprenderá a identificación da persoa beneficiaria e as obrigacións que lle corresponden, a contía da subvención e a súa suxeción ao réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, e os requisitos específicos relativos a produtos ou servizos que deban obterse con ela.

Articulo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa.

Poderán recorrerse potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, neste último caso no prazo de 2 meses desde o día seguinte á súa notificación.

O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso- administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Se o acto non for expreso, poderase interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa normativa específica, se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas deberán cumprir co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, sen prexuízo das demais obrigacións que resulten da normativa aplicable, e, en concreto, as seguintes:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social e Xuventude de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Deberán, igualmente, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control de acordo coa lexislación vixente.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións realizados, a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social e Xuventude.

d) Levar un rexistro de persoas usuarias en soporte papel ou electrónico onde consten os datos de identidade das persoas maiores que se atenden, dos seus titores, de ser o caso, así como o día e o horario de atención e as autorizacións para a administración de medicamentos, de ser o caso.

e) Levar un rexistro das persoas usuarias en soporte papel ou electrónico onde consten os datos de identidade dos usuarios e usuarias que fagan uso do servizo de comidas.

f) Levar un rexistro mensual das persoas usuarias do servizo de desprazamento onde consten os datos de identidade das persoas maiores que fagan uso del, ou dos seus titores ou representantes legais, de ser o caso, así como o número de días de utilización do servizo no caso de que a persoa física ou cooperativa de traballo asociado promotora se comprometa a asumir o desprazamento das persoas usuarias.

g) Cumprir con todas as obrigas derivadas da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter especial, debendo solicitar os consentimentos necesarios para a tratamento dos datos de carácter persoal que manexen no desenvolvemento da actividade.

h) Informar o público de que o servizo está financiado pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social e Xuventude. No lugar de prestación do servizo colocarase nun lugar destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 en que apareza o anagrama da Consellería de Política Social e Xuventude.

i) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

j) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

k) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social e Xuventude, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

l) Comunicarlle ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

m) Acreditar o estado de saúde co correspondente certificado ou informe médico oficial en que conste que a persoa física promotora ou a que desenvolva a actividade no caso de cooperativas de traballo asociado non padece patoloxía que lle impida o correcto desenvolvemento da actividade.

n) Contratar un seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.

ñ) Poñer en coñecemento do órgano convocante todas as situacións que dean lugar á substitución da persoa física promotora ou a que desenvolva a actividade no caso de cooperativas de traballo asociado con anterioridade a que se produza, sempre que non sexa debida a unha situación imprevista, ou no prazo de dez días hábiles desde que se produza no resto dos casos. Nestes supostos deberase acompañar a documentación xustificativa do contrato laboral e a alta na Seguridade Social, así como o certificado ou informe médico oficial das condicións de saúde da persoa substituta.

o) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigacións tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, segundo o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, desen como resultado que a persoa solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigacións con algunha destas administracións, será requirida para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

p) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

q) Todas aquelas obrigacións e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento da casa do maior, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. A xustificación da axuda concedida para o funcionamento da casa do maior a través da prima de desenvolvemento abranguerá en cada anualidade ata o 30 de novembro e presentarase con data límite do 9 de decembro do ano correspondente.

2. Con base no establecido no artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias con cada solicitude de pagamento (anexo II) deberán presentar os rexistros mensuais de asistencia asinados pola persoa física promotora ou a que desenvolva a actividade no caso de cooperativas de traballo asociado e polas persoas maiores ou, de ser o caso, titores ou representantes legais das mesmas que acudan á casa do maior (anexo IV).

Así mesmo, para xustificar a axuda destinada a cubrir o servizo de desprazamento deberán achegarse os rexistros mensuais relativos ás persoas usuarias deste servizo (anexo V).

Para xustificar o servizo de manutención, deberán achegarse os rexistros mensuais das persoas usuarias deste servizo (anexo VI).

3. Adicionalmente, na xustificación final presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación onde consten todas as prestacións realizadas ás persoas maiores, asinada pola persoa beneficiaria da axuda.

b) Acreditación documental, material e/ou gráfica a través de fotografías, copias, capturas de pantalla ou similar, do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

4. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase á persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días hábiles, advertíndolle que, de non facelo, decaerá o dereito á subvención e procederase, tras a resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos intereses de demora.

Artigo 20. Pagamento

1. En relación co pagamento da achega económica en forma de prima polo desenvolvemento da actividade, as persoas beneficiarias percibirán, con anterioridade á xustificación da axuda, un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención que lles corresponda pola atención relativa á anualidade 2024 en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo no momento da notificación da concesión.

Na anualidade 2025, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, realizarase un pagamento anticipado de ata o 80 % da subvención que corresponda por este concepto.

O importe restante que corresponda para completar o pagamento realizarase tras a xustificación definitiva da subvención.

En todo caso deberá presentarse a documentación xustificativa relativa ás actuacións realizadas con data límite do 7 de decembro de 2024 e 2025, respectivamente, por cada anualidade.

2. O pagamento da axuda destinada a cubrir o desprazamento das persoas usuarias levarase a cabo logo de solicitude da persoa física ou cooperativa de traballo asociado promotora unha vez xustificado o número efectivo de persoas usuarias e días de servizo.

Por solicitude da persoa beneficiaria, realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva, dos gastos derivados da prestación deste servizo, cuxo importe total non poderá superar o 90 % da contía anual da subvención concedida, achegando para o efecto, os anexos II e V.

3. Antes de proceder ao pagamento de cada liquidación final, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as persoas beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

4. Atendendo á natureza da actividade que se vai desenvolver, para a resolución de concesión dos anticipos e pagamento á conta da liquidación efectiva previstos nesta orde, non será preciso a constitución de garantías.

Artigo 21. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 18 e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o que se concedeu a subvención ou a obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para iso ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. Para os efectos desta orde, consideraranse supostos de reintegro parcial:

a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os fondos financiados que supoñerá unha perda do 2 % da subvención concedida.

b) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos obxecto de subvención, que supoñerá a perda dun 2 % da subvención concedida.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, que supoñerá a perda dun 5 % da axuda concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que supoñerá un reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumpriu este requisito.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar, con carácter voluntario, a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES8220800300873110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, no Servizo de Recursos Comúns, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, do teléfono 012 ou de modo presencial.

Disposición adicional primeira. Persoas usuarias da Casa do Maior

1. Acceso ao recurso

Poderán acceder a este recurso, por unha banda, as persoas ás cales de conformidade coa normativa reguladora do procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, se lles recoñecese a súa condición de persoas en situación de dependencia grao I e lles resolvese no seu Programa individual de atención o recurso que se vai subvencionar a través desta orde.

Igualmente, as persoas maiores que non teñan recoñecida a condición de dependencia poderán accedar ao recurso, polo sistema de libre concorrencia, de existir dispoñibilidade de prazas.

2. Asignación e ingreso no servizo.

Todas as persoas físicas ou cooperativa de traballo asociado promotoras dunha casa do maior que xestionen este recurso deberán comunicar á xefatura territorial correspondente todas aquelas prazas que se atopen vacantes e dispoñibles para a súa cobertura no prazo máximo de cinco días hábiles desde que se produza a vacante.

A asignación de praza correspóndelle á xefatura territorial correspondente, de conformidade cos artigos 44 e 45 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, seguindo o procedemento ordinario, de acordo coa seguinte priorización:

Persoas maiores de 60 anos segundo esta orde:

a) As persoas en situación de dependencia grao I e con Programa individual de atención resolto.

b) As persoas que tendo recoñecida a dependencia non conten con Programa individual de atención.

c) Persoas que, presentada a solicitude, non teñan resolto o expediente de dependencia.

d) Así mesmo, no caso de existir prazas vacantes, poden acceder ao recurso, as persoas sen dependencia recoñecida. Neste último caso, seguirase o seguinte procedemento:

1º. As persoas interesadas deberán dirixirse aos servizos sociais do concello en que están empadroadas, para os efectos de que, desde estes, se valore o cumprimento dos requisitos e a idoneidade do recurso e elaboren o correspondente informe social.

2º. Os servizos sociais do concello remitirán a persoa interesada á correspondente casa do maior, ao tempo que tramitan a solicitude inicial de valoración da dependencia e a solicitude do recurso da casa do maior.

3º. A persoa promotora da casa do maior consultará a respectiva xefatura territorial por correo electrónico que non hai persoas en lista de espera para esa casa do maior e que, por tanto, hai dispoñibilidade de prazas.

4º. A persoa promotora da casa do maior tramitará ante a Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria a autorización de cobertura de praza a través da sede electrónica, procedemento BS212B, mediante a presentación do modelo de solicitude, acompañado dunha copia da solicitude de recoñecemento da dependencia e do informe social e de saúde da persoa interesada en acceder ao recurso.

A cobertura de praza por persoas sen dependencia recoñecida, de cumprirse os requisitos establecidos, será autorizada pola Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, e comunicada á persoa promotora da casa do maior.

5º. Recibida a autorización da cobertura da praza, a persoa promotora da casa do maior nun prazo máximo de cinco días hábiles porase en contacto coa persoa beneficiaria do recurso, co fin de acordar o ingreso efectivo. O contacto coa persoa beneficiaria poderá realizarse por calquera medio que permita ter constancia da súa realización.

6º. Realizado o ingreso efectivo, a persoa promotora da casa do maior, no prazo de dous días hábiles, deberá comunicar á respectiva xefatura territorial a data en que aquel tivo lugar, acompañando a documentación acreditativa do dito ingreso.

3. Notificación e recursos.

A resolución da asignación do recurso non pon fin á vía administrativa. Será notificada á persoa beneficiaria do recurso, ou persoa titora ou representa legal, de ser o caso, pola unidade administrativa responsable, quen poderá impugnala en recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, de conformidade cos artigos 121 e 122 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Comunicación á persoa beneficiaria promotora da casa do maior.

De forma simultánea á notificación á persoa beneficiaria do recurso, a xefatura territorial correspondente comunicaralle á persoa promotora da casa do maior a asignación de praza vacante, para os efectos de que, nun prazo máximo de cinco días hábiles, se poña en contacto coa persoa beneficiaria, persoa titora ou representante legal, de ser o caso, co fin de acordar o ingreso efectivo. O contacto coa persoa beneficiaria do recurso, ou quen exerza a súa representación legal, poderá realizarse por calquera medio que permita ter constancia da súa realización.

O prazo para o ingreso na praza vacante será de dez días hábiles que comezarán a contar desde o día seguinte a aquel en que a persoa beneficiaria do recurso reciba a comunicación por parte da persoa promotora da casa do maior, nos termos a que se refire o parágrafo anterior. A non incorporación no prazo sinalado entenderase como unha renuncia ao dereito de asignación do recurso.

5. Comunicación do ingreso.

No prazo de dous días hábiles desde que se produza o ingreso, a persoa promotora da casa do maior deberá comunicar á xefatura territorial a data en que aquel tivo lugar. Así mesmo, deberá comunicarse á indicada xefatura os casos de non incorporación dentro do prazo establecido e de renuncia, acompañando a documentación acreditativa.

6. Renuncia.

A persoa beneficiaria do recurso, ou quen exerza a súa representación legal, poderá renunciar ao dereito recoñecido de asignación do recurso. Formalizada a renuncia, arquivarase a solicitude e poñerase fin ao expediente.

7. Adiamento do ingreso.

Cando por causas de forza maior ou por razón de ingreso hospitalario, non se produza o ingreso dentro do prazo regulado no número 4, a persoa interesada, ou quen exerza a súa representación legal, antes da finalización deste prazo, poderá solicitar o seu adiamento. De ser o caso, a súa praza será cuberta por outra persoa. Desaparecida a causa que xustifica o adiamento, incorporarase na primeira vacante que se produza no recurso previamente recoñecido.

A autorización do adiamento, que recollerá debidamente xustificada a súa causa, efectuaraa a xefatura territorial nun prazo máximo de tres días hábiles.

Subsidiariamente ao disposto nesta disposición adicional, será de aplicación a normativa vixente en materia de ingresos.

Disposición adicional segunda. Cambio de localización da casa do maior

No suposto de que se produza un cambio de localización da casa do maior, poderase manter a condición de beneficiaria das axudas reguladas nesta orde sempre que a nova localización estea no mesmo concello e nun núcleo rural en que non exista ningunha outra casa do maior e que se presente un informe emitido por un técnico con titulación habilitante acreditativo de que o novo inmoble proposto cumpre, segundo se trate de inmobles destinados ou non a vivenda, coas condicións de habitabilidade ou coas do Código técnico da edificación, e que conte, logo da reforma proposta, no caso de que sexa necesario, coas seguintes dotacións:

1º. Instalación de auga corrente. O centro disporá de auga corrente procedente da rede de abastecemento público ou de calquera outra fonte que cumpra a normativa técnico-sanitaria vixente.

2º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da actividade subvencionada e conte coa protección de elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto ou outros riscos para a integridade dos maiores.

3º. Estancias que deberán dispoñer de ventilación e iluminación natural. Exceptúanse destes requisitos os cuartos de baño, en que a ventilación pode ser natural ou forzada.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada cos elementos necesarios para prestar o servizo de manutención.

5º. Unha zona de comedor habilitada para o efecto.

6º. Unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene, que deberá contar:

6º.1. Cunha sala de estar para a realización de actividades individuais ou grupais, que posibilite a convivencia e a participación social. A súa superficie nunca será inferior a 12,5 metros cadrados e deberá dispoñer de iluminación e ventilación natural.

6º.2. Como mínimo con dous servizos hixiénicos diferenciados, un para cada sexo, e contarán cunha dotación mínima de lavabo e inodoro. Un dos servizos hixiénicos deberá contar cunha ducha. Deberán estar dotados de axudas técnicas en paredes e sanitarios, así como timbre de chamada con conexión ás zonas comúns. O piso será antiescorregadizo e de doada limpeza, e as portas terán un dispositivo fácil de peche e apertura.

Ambas as zonas deberán estar situadas, preferiblemente, na planta baixa ou planta primeira con fácil acceso ao exterior e ser accesibles.

7º. Barras, axudas e timbre, que faciliten a accesibilidade ás persoas usuarias da casa do maior.

8º. Zonas de acceso axeitadas ás persoas usuarias de andador e cadeiras de rodas, así como axeitadas ao servizo de transporte adaptado.

9º. Un mobiliario e equipamento que permita a cobertura das necesidades e características específicas das persoas maiores usuarias.

O referido informe técnico deberá ir acompañado de reportaxe fotográfica do novo inmoble coas súas dotacións e planos do mesmo.

Estes aspectos serán comprobados pola Consellería de Política Social e Xuventude con carácter previo ao inicio da actividade no novo inmoble.

Disposición adicional terceira Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación e actos do procedemento previstos nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o ditado de instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal de Benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file