En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual núm. 6 do Plan xeral de ordenación urbana da Guarda, mediante a Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 31 de xaneiro de 2024, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2470&_aaeTipology_WAR_aae_id=2470
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024
Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
ANEXO
Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 6
do Plan xeral de ordenación urbana do concello da Guarda (PTU-PO-20/077)
O Concello da Guarda remite documentación relativa á modificación puntual (MP) referida, de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e aos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento (RLSG).
Analizada a documentación redactada polo arquitecto municipal Antonio Hernández Crespo, aprobada provisionalmente o 27 de setembro de 2023, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
1. O Concello da Guarda conta cun Plan xeral de ordenación urbana (PXOU) aprobado definitivamente o día 29.7.1993; publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 22.10.1993 o acordo de aprobación, e o 2.11.1993 a súa normativa.
2. Mediante Resolución do 4 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, formulouse o informe ambiental estratéxico da modificación puntual e decídese non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 21 de marzo, expediente 2022AAE2643).
3. Mediante Acordo do Pleno, do 27 de maio de 2022, acordouse: declarar a nulidade da tramitación simplificada da modificación puntual 6 do PXOU; conservar os informes sectoriais emitidos durante a tramitación simplificada nos que as entidades emisoras determinaron non desempeñar competencias por quedar fóra do ámbito de aplicación ou incidencia da MP6, e solicitar a emisión dos informes municipais preceptivos para a tramitación ordinaria.
4. Constan informes municipais: técnico, do 9.6.2022; xurídico, do 15.6.2022; de Secretaría, do 27.6.2022; e de Intervención, do 16.6.2022.
5. A modificación puntual número 6 aprobouse inicialmente o 29.7.2022, e someteuse a información pública polo prazo de dous meses, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia do 13.9.2022 e no xornal Faro de Vigo do 13.9.2022. Consta certificado do 16.11.2022 de non se presentar alegacións.
6. Desde o Concello foron solicitados os informes estatais. Constan emitidos: informe da Delegación do Goberno (do 15.12.2022), que remite o informe da Subdirección Xeral de Planificación, Rede Transeuropea e Loxística do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do 13.12.2022; e informe da Deputación de Pontevedra (Resolución do deputado delegado de Infraestruturas e Vías Provinciais do 5 de xaneiro de 2023).
7. Segundo o previsto no artigo 60.7 da LSG, e dado que a modificación puntual xa fora sometida ao trámite previsto nel con carácter previo ao reinicio da tramitación do expediente, solicitouse aos organismos correspondentes a ratificación, de ser o caso, dos informes xa emitidos ou ben que, unha vez examinado o novo documento, procedesen á emisión dun novo informe. Foron recibidos informes de: Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas, do 29.12.2022, e o previsto no artigo 102 do Plan de ordenación do litoral, do 5.5.2023; Instituto de Estudos do Territorio do 26.1.2023 e do 27.1.2023; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 10.1.2023; Augas de Galicia, do 21.4.2023; Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 9.3.2023; e Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, do 26.4.2023.
Deuse audiencia ao concello limítrofe do Rosal, que non respondeu á solicitude de informe no prazo establecido no artigo 60.7 da LSG.
8. Constan informes técnico e xurídico, do 6.9.2023, e de Secretaría, do 7.9.2023.
9. O Concello Pleno aprobou provisionalmente a modificación puntual en sesión do 27.9.2023. O concello da Guarda achegou o documento segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG.
II. Obxecto e descrición da modificación.
O obxecto desta modificación puntual é alterar a aliñación nunha parcela en solo urbano, no centro da vila histórica, para emendar a situación derivada das previsións do PXOU vixente onde a totalidade da parcela figura como unha ampliación do espazo público destinado a viarios en formación dunha praza de pequenas dimensións sobre unha edificación existente.
Non existe no PXOU ningunha referencia ou previsión en relación coa execución desta actuación illada en solo urbano e a ampliación de viario prevista afecta á totalidade da parcela, polo que non existe ningunha posibilidade de materializala a través das cesións obrigatorias previstas.
A modificación aféctalle á parcela catastral 0590203NG1309S0002DT, situada en solo urbano consolidado, entre a rúa Hernán Cortés e as escaleiras que ascenden cara a Praza de Ignacio Sobrino. A parcela está ocupada por unha edificación de planta baixa e primeira en moi mal estado de conservación. A modificación puntual fixa unha aliñación que mantén o parcelario orixinal e asume os parámetros urbanísticos do PXOU vixente, asignándolle a ordenanza 5, de edificación en zonas de núcleo antigo.
III. Análise e consideracións.
1. As razóns de interese público en que se xustifica esta modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG e 201.1 do RLSG, baséanse na necesidade de manter a estrutura parcelaria e normalizar a situación das parcelas lindeiras, consolidando o tecido urbano, fomentando a edificación residencial na vila histórica e eliminando a necesidade de inversión pública con nulo retorno.
2. Analizada a proposta non se observa impedimento para a súa aprobación definitiva.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación cos decretos 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
IV. Resolución.
En consecuencia, e visto o que antecede,
RESOLVO:
1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 6 do Plan xeral de ordenación urbana do Concello da Guarda (Pontevedra).
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82.4 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.
4. Notifíquese esta orde ao Concello.
5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.