DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2024 Páx. 15735

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2024 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso na escala técnica administrativa, subescala de administración, pola quenda de promoción interna.

De conformidade co disposto na Resolución reitoral do 10 de decembro de 2021 (DOG do 27 de decembro) pola que se publicou a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2021, esta reitoría, en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro), resolve convocar proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, na escala técnica administrativa, con suxeición ás seguintes bases:

1. Normas xerais.

1.1. Convócase proceso selectivo para cubrir unha praza na escala técnica administrativa, subescala de administración, da Universidade de Vigo, subgrupo C1, pola quenda de promoción interna.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición, coas características que se indican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que se relaciona no anexo II.

1.4. A este proceso selectivo seranlle aplicables as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: a Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (EBEP); a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG); o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo; os estatutos da Universidade de Vigo e o disposto nesta convocatoria.

1.5. Notificacións. De conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos deste proceso que se deban publicar, agás cando a publicación se realice no DOG, terán como data de efectos a da súa publicación no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml

1.6. A información deste proceso selectivo publicarase na seguinte páxina: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/tipo/convocatorias-pas. As consultas poden realizarse a través do correo electrónico consultapas@uvigo.gal e por teléfono ao 986 81 37 62.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario os seguintes requisitos:

a) Idade: non superar a idade máxima de xubilación forzosa.

b) Titulación: estar en posesión do título de bacharel, técnico ou equivalente, ou ter superadas as probas de acceso á universidade para maiores de vinte e cinco anos. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título.

Cumprirá este requisito quen acredite unha antigüidade de dez anos nun corpo ou escala do subgrupo C2, ou ter unha antigüidade de cinco anos e superar un curso específico de formación, consonte o regulado na disposición adicional novena do Real decreto 364/1995.

c) Ser persoal funcionario de carreira da Universidade de Vigo, da escala auxiliar administrativa, subescala de administración, e estar prestando servizos na Universidade de Vigo na situación de servizo activo con destino definitivo ou en adscrición provisional ou noutra situación administrativa con dereito a reserva de praza.

d) Ter prestado servizos efectivos como persoal funcionario durante, polo menos, dous anos na escala e subescala desde a cal se pretenda promocionar. Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 167 e 172 da LEPG).

e) Capacidade: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada, nin pertencer á mesma escala a que se presenta.

3. Solicitudes.

3.1. Para tomar parte nestas probas selectivas deberase presentar unha solicitude, mediante a instancia xenérica dispoñible na sede electrónica da Universidade de Vigo, dirixida á Reitoría, que se poderá presentar na forma e nos lugares que se indican no punto seguinte.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Presentaranse preferentemente a través da sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/catalog/catalog-index.xhtml) e opcionalmente nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Campus de Vigo (Edificio Exeria; Campus Universitario, 36310 Vigo), do Campus de Ourense (unidade administrativa) e do Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal), ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.3. A Xerencia expedirá, de oficio, unha certificación da cal remitirá copia á persoa interesada en que acredite os méritos da fase de concurso indicados no anexo I, de acordo cos que nesa data consten no seu poder.

Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data da publicación da convocatoria no DOG.

3.4. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; para este fin, deberase achegar coa solicitude un certificado que acredite a discapacidade, así como o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade; para estes efectos, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.5. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes e unicamente poderán demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2. Transcorrido este prazo, non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola Universidade.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor da Universidade de Vigo ditará unha resolución, que se publicará no DOG, en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas e indique o lugar no cal se encontre exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que conterá o nome, os apelidos e o número de DNI das persoas excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión. Quen, dentro do prazo sinalado, non emende a exclusión ou alegue a omisión, xustificando o dereito á súa inclusión na relación de persoas admitidas, será definitivamente excluído/a do proceso selectivo.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderase implícita na resolución do reitor que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará igualmente no DOG.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecerlles ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo, de xeito que a constatación de que non os posúen, segundo o establecido na base oitava, producirá o seu decaemento en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o seguinte:

Titular:

Presidencia: Ana Isabel González Penín, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Vigo.

Vogais:

Eduardo Iván Carrera Conde, funcionario da escala de apoio á docencia e investigación da Universidade de Vigo.

Xoán Manuel Cebro Rodríguez, funcionario da escala técnica administrativa da Universidade de Vigo.

María José Ríos Santomé, funcionaria da escala técnica administrativa da Universidade de Vigo.

Secretaría: Isabel Gómez Campos, funcionaria da escala técnica administrativa da Universidade de Vigo.

Suplente:

Presidencia: Ricardo Corderí Salgado, funcionario da escala de xestión da Universidade de Vigo.

Vogais:

Ana María Pérez López, funcionaria da escala técnica administrativa da Universidade de Vigo.

Benedicta Expósito González, funcionaria da escala técnica administrativa da Universidade de Vigo.

José Antonio Gándara Pérez, funcionario da escala de xestión da Universidade de Vigo.

Secretaría: Belén Jácome Pérez, funcionaria da escala técnica administrativa da Universidade de Vigo.

Terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño) e na súa actuación axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir e notificaranllo ao reitor da Universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria, ou de teren colaborado durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.

A Presidencia deberá solicitarlles ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non encontrarse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os e as integrantes do tribunal cando concorran neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da LRXSP.

5.3. A autoridade convocante publicará no lugar establecido na base 1.5 a resolución pola cal se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunhas das causas previstas na base anterior.

5.4. Logo da convocatoria da Presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia do/da presidente/a e do/da secretario/a ou, de ser o caso, de quen os/as substitúan, e a metade, polo menos, dos/das seus/súas membros.

5.5. Corresponderalle ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento dos exercicios, e adoptará ao respecto as decisións que considere pertinentes.

5.6. O tribunal poderá proporlle ao reitor a designación de asesores/as especialistas, que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar do reitor a designación de persoal colaborador. Estas designacións publicaranse na páxina electrónica indicada na base 1.5 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os e as aspirantes con discapacidades desfruten de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto dos e das aspirantes. Para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base 3.4, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes, e excluirá aquelas que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade

5.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos nesta convocatoria, logo de audiencia da persoa interesada, deberá propor a súa exclusión ao órgano convocante ou, de ser o caso, pór no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, logo das comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.9. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.10. Para os efectos de comunicacións e consultas, o tribunal terá a súa sede no Edificio Exeria, no Campus de Vigo, e poderán dirixirse polas canles sinaladas na base 1.6 sen que teñan a consideración de rexistro telemático.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra H, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 31 de xaneiro de 2024 (DOG do 9 de febreiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para o exercicio nun único chamamento, no cal acreditarán a súa identidade, e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal e, de ser o caso, do persoal colaborador a prol do seu correcto desenvolvemento; en caso contrario, poderán impedirlle ao aspirante a continuación do proceso. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio poderano pór en coñecemento do tribunal e deberán xuntar á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos cinco (5) días hábiles seguintes ao do anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente, tomando en conta, ademais do alegado, os dereitos dos demais aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e as necesidades e intereses da Universidade. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.4. O lugar, a data e a hora de realización do exercicio da fase de oposición publicaranse nos lugares previstos na base 1, cunha antelación mínima dun mes, e non se realizará antes do 1 de abril de 2024.

6.5. En caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaranse nos lugares previstos na base 1.

6.6. Tras a realización do exercicio, as persoas aspirantes poderán levar os cuestionarios e o tribunal publicará as respostas correctas nos lugares previstos na base 1.

7. Listaxe de persoas aprobadas.

7.1. Concluído o exercicio da fase de oposición, o tribunal fará público nos lugares previstos na base 1.6 un acordo coa relación de aspirantes, con indicación da puntuación obtida e do nome. Contra este acordo poderase presentar reclamación no prazo de cinco días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para as persoas que a superen, o tribunal publicará as puntuacións provisionais obtidas na fase de concurso, detalladas para cada unha das epígrafes relacionadas no anexo I, que en ningún caso se poderán sumar para os efectos de superar o exercicio da oposición, e contra as cales as persoas aspirantes poderán presentar reclamacións no prazo de tres días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

7.3. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

a) Puntuación obtida na fase de oposición.

b) Puntuación obtida no conxunto da fase de concurso.

c) Puntuación obtida en cada unha das epígrafes da fase de concurso na orde en que se relacionan no anexo.

d) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

7.4. Rematado o proceso selectivo, a Presidencia do tribunal elevará ao reitor a relación definitiva de persoas aspirantes aprobadas que superaron o proceso, por orde de puntuación, na cal constarán as cualificacións da fase de concurso e do exercicio da fase de oposición e a suma total. A continuación, o reitor ditará unha resolución que porá fin ao proceso selectivo, coa relación das persoas que o superaron ordenadas de acordo coa puntuación final.

8. Presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

8.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte ao de publicación da resolución final do proceso selectivo, deberán presentarse nos lugares previstos na base 3.2 os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título exixido na base 2.a) ou certificación académica acreditativa de ter aprobados todas as materias que capacitan para a obtención do título, xunto co xustificante xustificativo de ter aboado os dereitos para a expedición do título; no caso de titulación obtida no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

b) Declaración de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas segundo o modelo que figura como anexo III.

8.2. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non se presenta a documentación ou do seu exame se deduce que carece dalgún dos requisitos, non poderá ser nomeado persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

8.3. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, procederase ao nomeamento como persoal funcionario de carreira mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

8.4. A toma de posesión como funcionario/a de carreira efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

8.5. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, ás persoas aspirantes que superen o concurso-oposición adxudicaráselles con carácter definitivo o mesmo posto de que son titulares.

9. Norma derradeira.

9.1. De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos ou RXPD), e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, informámolo/a de que os datos que vostede nos facilite na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, coa finalidade de xestionar a tramitación deste procedemento selectivo e amparados pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e os estatutos da Universidade de Vigo.

Conforme o disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Universidade de Vigo está lexitimada para a publicación daqueles datos persoais que foren precisos atendendo á natureza e á finalidade do acto que sexa obxecto de publicación. Non obstante, e co fin de previr riscos para a publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a dita circunstancia deberá comunicala a persoa afectada coa maior celeridade posible á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, ao teléfono 986 81 34 19 ou ao enderezo electrónico igualdade@uvigo.gal

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e serán conservados durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que poidan derivar da dita finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas interesadas teñen dereito a solicitarlle ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento. Tamén terán dereito a oporse ao dito tratamento, así como a solicitar, salvo casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Os citados dereitos poderán exercelos a través da sede electrónica da Universidade de Vigo https://sede.uvigo.gal/ (preferentemente a través do procedemento específico SXER-Exercicio dereitos sobre protección de datos) ou mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo e presentada ante as oficinas de asistencia en materia de rexistro da Universidade de Vigo ou calquera dos rexistros ou oficina de Correos indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e remitida á Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Campus Universitario As Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo (Pontevedra). Para máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos

Igualmente, poderán dirixir a dita solicitude directamente ao delegado de Protección de Datos da Universidade de Vigo, ao enderezo electrónico: dpd@uvigo.gal

Así mesmo, se a súa solicitude non é atendida pola Universidade de Vigo, teñen dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

9.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso, perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpor contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 15 de febreiro de 2024

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Proceso selectivo

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a seguir se indican:

I. Fase de oposición.

Estará constituída por un exercicio escrito e eliminatorio que consistirá en contestar un cuestionario de setenta e cinco preguntas tipo test, máis cinco preguntas de reserva, correspondentes ás materias do programa. Cada pregunta conterá catro respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta. Todas as preguntas terán a mesma valoración e non puntuarán negativamente as respostas incorrectas. As preguntas non contestadas non puntuarán.

O exercicio terá unha duración máxima de noventa minutos. Cualificarase de 0 a 70 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta e sete puntos.

Non se permitirá o uso de ningún tipo de material, nin recursos en ningún formato. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite do día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o exercicio, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II. Fase de concurso.

Consistirá na valoración dos méritos que se indican a continuación e referidos á data da publicación desta convocatoria no DOG. O cómputo dos meses realizarase por días naturais (30 días), e para estes efectos calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta e multiplicarase o cociente, desprezando os decimais, pola puntuación que se sinale en cada epígrafe.

a) Antigüidade na Administración pública ata un máximo de 12 puntos, a razón de 0,04 por mes completo de servizos. Computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

b) Grao persoal: segundo o grao persoal que se teña recoñecido, outorgarase a seguinte puntuación:

Grao

Puntos

20

5

19

4,5

18

4

17

3,5

16

3

15

2,5

14 ou inferior

2

c) Nivel de complemento de destino, correspondente ao posto de traballo que se ocupa con carácter definitivo como persoal funcionario da escala auxiliar admnistrativa ou do subgrupo C2, outorgarase a seguinte puntuación:

Nivel

Puntos

20

7

19

6

18

5

17

4

16

3

15 ou inferior

2

O traballo desenvolvido en comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do persoal funcionario, e os servizos prestados en adscrición provisional ou á disposición valoraranse polo nivel correspondente ao grao que tivese recoñecido.

d) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data da publicación no DOG desta convocatoria, ata un máximo de 1 punto:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento (artigos 121 e 122 da LEPG): 0,2 puntos/permiso.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo (artigo 124 da LEPG): 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106.2.a) e b) da LEPG: 0,04 puntos/mes.

– Excedencia por coidado de familiares (artigo 176 da LEPG): 0,04 puntos/mes.

ANEXO II

Programa

I. Organización universitaria. Estatutos da Universidade de Vigo.

1. Título preliminar. Disposicións xerais (artigos do 1 ao 5).

2. Título I. Estrutura, goberno e administración da Universidade (artigos do 6 ao 50).

3. Título II. Comunidade universitaria (artigos do 51 ao 96).

II. Función pública. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

4. Título III. Clases de persoal: (Artigo 20. Concepto e clases de empregados públicos). Sección 2ª. Persoal funcionario de carreira: (Artigo 21. Concepto. Artigo 22. Funcións e postos de traballo reservados ao persoal funcionario). Sección 3ª. Persoal funcionario interino: (Artigo 23. Concepto e requisitos. Artigo 24. Adquisición e perda da condición de persoal funcionario interino. Artigo 25. Réxime xurídico. Artigo 28. Persoal laboral indefinido).

5. Capítulo II. Persoal directivo: (Artigo 33. Concepto. Artigo 34. Adquisición da condición de persoal directivo e carreira directiva).

6. Título IV. Organización do emprego público. Capítulo I. Estrutura do emprego público: (Artigo 37. Posto de traballo. Artigo 38. Relación de postos de traballo). Sección 2ª. Ordenación dos empregados públicos: (Artigo 40. Corpos e escalas). Capítulo II. Planificación do emprego público: (Artigo 45. Obxectivos da planificación. Artigo 47. Plans de ordenación de recursos humanos. Artigo 48. Oferta de emprego público).

III. Procedemento administrativo.

7. A iniciación do procedemento.

8. A instrución do procedemento.

9. A terminación normal do procedemento: a resolución.

10. A terminación do procedemento por silencio administrativo.

11. Os recursos administrativos.

ANEXO III

Declaración xurada/promesa

Don/dona ........................................................................................................................, con DNI/NIE/pasaporte ..................................... e nacionalidade .......................................,

DECLARA BAIXO XURAMENTO OU PROMETE para os efectos de ser nomeado/a funcionario/a pola Universidade de Vigo

□ (Cidadáns/ás españois/las) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas.

□ (Cidadáns/ás estranxeiros/as) Non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

……………………..............., …..... de ……........…… de 202....

(localidade) (día) (mes) (ano)