DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2024 Páx. 15928

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 30 de xaneiro de 2024 pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE) para o ano 2024 (código de procedemento ED305F).

As diversas leis educativas veñen sinalando a importancia do dominio dunha segunda, ou mesmo dunha terceira lingua estranxeira na educación como consecuencia do proceso de globalización que vivimos. A Unión Europea fixa o fomento do plurilingüismo como un obxectivo irrenunciable para a construción dun proxecto europeo.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (en diante, Consellería) vén convocando, nos últimos anos, actividades formativas para o profesorado no estranxeiro co obxecto de fomentar a actualización metodolóxica e a mellora do seu nivel de competencia en comunicación lingüística en linguas estranxeiras a través do contacto directo con persoas dos países de fala inglesa, francesa, alemá e portuguesa.

Esta consellería, consciente da importancia da aprendizaxe destas linguas para os cidadáns e cidadás da nosa comunicade autónoma e da preocupación que, neste sentido, se manifesta desde todos os ámbitos sociais, promove e convoca diversos plans e actuacións. Todas estas accións requiren, para a súa implementación, dun profesorado actualizado e cun nivel de competencia comunicativa óptimo. Do mesmo xeito, véñense levando a cabo diferentes actividades formativas no marco do fomento das competencias profesionais docentes, como o Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE).

Este programa enmárcase dentro da Estratexia galega de linguas estranxeiras Edulingüe 2030, na súa liña de impacto L.8. Accións para a mellora da competencia comunicativa: mobilidades e intercambios, que incide directamente na mellora da competencia comunicativa do profesorado e favorece a internacionalización do sistema educativo.

Con este fin, ofértanse itinerarios formativos que revitalicen e potencien contidos e aspectos lingüísticos e promovan a actualización metodolóxica do profesorado participante.

Por todo o exposto, en virtude das competencias atribuídas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é a convocatoria de prazas para a realización de itinerarios formativos para a mellora da competencia lingüística e comunicativa e a actualización metodolóxica en lingua estranxeira do profesorado.

Para a identificación desta convocatoria na sede electrónica da Xunta de Galicia, denomínase «Realización de actividades de formación do profesorado no estranxeiro», co código de procedemento ED305F.

Artigo 2. Modalidade das prazas convocadas

As modalidades en que se convocan prazas para o profesorado son as seguintes:

1. Modalidade 1: Integración. Itinerario formativo en dúas fases.

a) Fase A (100 horas): programa de inmersión en inglés, francés ou portugués, consistente na integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, en centros escolares do Canadá, Francia ou Portugal. O profesorado seleccionado integrarase en centros escolares e estará acompañado no horario lectivo do centro por un/unha docente da súa mesma área ou materia durante catro semanas, no primeiro trimestre do curso 2024/25. No caso do profesorado de formación profesional, o profesorado estará acompañado por un/unha docente dos mesmos módulos, cando sexa posible, ou por unha persoa docente dun módulo afín.

b) Fase B (25 horas): difusión da experiencia adquirida.

Nesta fase, o profesorado deberá realizar:

1) Memoria de difusión, na cal se deberá acreditar adecuadamente todo o plan desenvolvido segundo as orientacións do anexo V.

2) Unha proposta didáctica como recurso educativo aberto segundo o modelo que a Consellería facilitará para tal fin.

Estes documentos –memoria e proposta didáctica– enviaranse de acordo co procedemento que estableza esta consellería, antes do 31 de marzo de 2025, e a equivalencia en horas de formación desta fase será de 25 horas de formación.

2. Modalidade 2: Curso no estranxeiro. Itinerario formativo en dúas fases.

a) Fase A (50 horas): curso de formación de dúas semanas de duración nun país estranxeiro (O Reino Unido, Francia, Portugal ou Alemaña), que se desenvolverá no mes de xullo de 2024.

b) Fase B (25 horas): elaboración dunha proposta didáctica como recurso educativo aberto segundo o modelo que a Consellería facilitará para tal fin.

Esta proposta entregarase antes do 31 de decembro de 2024, de acordo co procedemento que estableza esta consellería, e a equivalencia en horas de formación desta fase será de 25 horas de formación.

3. Será necesario que a persoa participante obteña unha avaliación positiva en cada unha das fases do itinerario formativo para poder realizar a fase seguinte e, de ser o caso, para obter a certificación.

Artigo 3. Certificación

A Consellería expedirá as seguintes certificacións, segundo as modalidades:

1. Modalidade 1: Integración. Rematadas as dúas fases, a Consellería emitirá dous certificados de formación do profesorado ás persoas participantes no programa: un certificado de 100 horas pola fase A e un certificado de 25 horas pola fase B. En ningún caso se certificará a actividade de maneira parcial nin de xeito anticipado. Só recibirá a certificación de todas as partes o profesorado que remate todo o itinerario formativo, despois da entrega dos materiais elaborados na última fase, sempre e cando obteña unha avaliación positiva nas dúas fases.

2. Modalidade 2: Curso no estranxeiro. Rematadas as dúas fases, a Consellería emitirá dous certificados de formación do profesorado ás persoas participantes no programa: un certificado de 50 horas pola fase A e un certificado de 25 horas pola fase B. En ningún caso se certificará a actividade de maneira parcial nin de xeito anticipado. Só recibirá a certificación de todas as partes o profesorado que remate todo o itinerario formativo, despois da entrega dos materiais elaborados na última fase, sempre e cando obteña unha avaliación positiva nas dúas fases.

Artigo 4. Acreditación de nivel lingüístico

O nivel lingüístico alegado para a participación nesta convocatoria deberá ser, en todo caso, o nivel máximo que a persoa solicitante teña acreditado no momento de presentación da solicitude. O incumprimento do establecido neste parágrafo poderá dar lugar, de acordo co previsto no artigo 74 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, á incursión en responsabilidades disciplinarias de acordo co vixente Regulamento do réxime disciplinario do persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Actividades formativas, profesorado destinatario e requisitos

1. As persoas solicitantes deben ser funcionarios/as de carreira ou funcionarios/as en prácticas dos corpos docentes detallados neste artigo, que estean a impartir docencia en centros educativos públicos de ensinanzas non universitarias. No caso do funcionariado en prácticas, poderá participar nas actividades formativas sempre e cando estas se desenvolvan fóra do período efectivo de prácticas.

Cada docente realizará unha única solicitude con elección por orde de prioridade das actividades formativas en que desexe participar e a adxudicación será a unha das actividades, segundo a orde de prioridade marcada, e non quedará como suplente no resto de actividades solicitadas. No caso de que non se lle adxudique ningunha actividade, pasará a estar na listaxe de suplentes para todas as actividades solicitadas. Se se lle ofrece unha praza, ao producirse algunha renuncia nalgunha das actividades solicitadas, ten que aceptar esa praza ou renunciar a todas, sen posibilidade de optar a outra das actividades solicitadas en caso de que haxa unha renuncia posterior.

2. Na modalidade 1: Integración, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:

a) Actividade 1. Integración para profesorado de inglés en infantil e primaria.

Profesorado especialista en inglés do corpo de mestres que estea a impartir a lingua estranxeira en educación infantil, educación primaria ou 1º e 2º de ESO.

b) Actividade 2. Integración para profesorado de inglés de secundaria e formación profesional.

Profesorado especialista en inglés do corpo de profesores ou catedráticos de ensino secundario que estea a impartir inglés en educación secundaria obrigatoria, bacharelato ou formación profesional.

c) Actividade 3. Integración inglés para profesorado CLIL de ESO e bacharelato.

Profesorado de materias/módulos non lingüísticos impartidos en inglés (en diante, CLIL en inglés) dos corpos de profesores ou catedráticos de ensino secundario, que estea a participar nos programas de centros plurilingües e/ou seccións bilingües, que imparta docencia directa na aula en educación secundaria obrigatoria ou bacharelato e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL.

d) Actividade 4. Integración inglés para profesorado CLIL de infantil e primaria.

Profesorado CLIL en inglés do corpo de mestres que estea a participar nos programas de centros plurilingües e/ou seccións bilingües, que imparta docencia directa na aula en infantil, primaria ou 1º e 2º da ESO e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL.

e) Actividade 5. Integración inglés para profesorado CLIL de FP.

Profesorado CLIL en inglés que imparte docencia directa na aula en formación profesional, que estea a participar nos programas de plurilingüismo e/ou seccións bilingües e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL.

f) Actividade 6. Integración en lingua portuguesa para profesorado especialista e CLIL de educación secundaria e FP.

Profesorado de lingua portuguesa e CLIL en portugués que imparta docencia directa na aula en educación secundaria e formación profesional e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua portuguesa do MCERL.

g) Actividade 7. Integración en lingua francesa para profesorado especialista e CLIL de educación primaria, educación secundaria e FP.

Profesorado especialista de francés que imparta docencia en educación primaria, educación secundaria e formación profesional, así como profesorado CLIL en francés que imparta docencia directa na aula en educación primaria, educación secundaria e formación profesional e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en francés do MCERL.

3. Na modalidade 2, Curso no estranxeiro, poderá participar, segundo as actividades relacionadas no anexo IV, o seguinte profesorado:

a) Actividade 8. Inglés para profesorado especialista de primaria.

Profesorado especialista en inglés do corpo de mestres que estea a impartir lingua inglesa en educación infantil, educación primaria ou 1º e 2º da ESO.

b) Actividade 9. Inglés para profesorado especialista de secundaria, formación profesional e EOI.

Profesorado especialista en inglés do corpo de profesores ou catedráticos de ensino secundario e profesorado ou catedráticos de EOI que estea a impartir inglés en educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ou EOI.

c) Actividade 10. Inglés para profesorado CLIL de infantil e primaria.

Profesorado CLIL en inglés do corpo de mestres/as que imparta docencia directa na aula en educación infantil, educación primaria ou 1º e 2º da ESO e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL. Do mesmo xeito, poderá participar outro profesorado do corpo de mestres/as, que imparta docencia directa na aula, que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL de acordo co anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería.

d) Actividade 11. Inglés para profesorado CLIL de secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, agás EOI.

Profesorado CLIL en inglés dos corpos de profesores ou catedráticos de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional ou ensinanzas de réxime especial que imparte docencia directa na aula, en educación secundaria, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, agás en EOI, e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL. Do mesmo xeito, poderá participar outro profesorado de educación secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial que imparta docencia directa na aula e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua inglesa do MCERL.

e) Actividade 12. Francés para profesorado especialista e CLIL de educación primaria, educación secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Profesorado especialista en francés e CLIL en francés que imparte docencia directa na aula en educación primaria, educación secundaria, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua francesa do MCERL. Do mesmo xeito, poderá participar outro profesorado que imparta docencia directa na aula e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua francesa do MCERL de acordo co anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería.

f) Actividade 13. Portugués para profesorado especialista e CLIL de educación secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Profesorado especialista en portugués e CLIL en portugués que imparta docencia directa na aula en educación secundaria, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua portuguesa do MCERL. Do mesmo xeito, poderá participar outro profesorado que imparta docencia directa na aula e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua portuguesa do MCERL de acordo co anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería.

g) Actividade 14. Alemán para profesorado especialista e CLIL de educación secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Profesorado especialista de alemán e CLIL en alemán que imparta docencia directa na aula en educación secundaria, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua alemá do MCERL. Do mesmo xeito, poderá participar outro profesorado que imparta docencia directa na aula e que teña acreditado un nivel B2 ou superior en lingua alemá do MCERL, de acordo co anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería.

Artigo 6. Aceptación das bases

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

Artigo 7. Criterios de selección

Para a adxudicación das prazas ofertadas nas diferentes actividades formativas terá preferencia o profesorado que cumpra as seguintes condicións de acordo co establecido a seguir:

1. Para as actividades 1, 2, 3, 4, 5, 6 e 7 terá prioridade o profesorado que non realizase nas convocatorias do PIALE 2023, 2022, 2019, 2018, 2017 calquera das actividades de integración no Canadá, Portugal ou Francia.

2. Para as actividades 8, 9, 10, 11, 12, 13 e 14 terá prioridade o profesorado que non realizase nas convocatorias do PIALE 2023, 2022, 2019, 2018, 2017 calquera das actividades de cursos no Reino Unido, Portugal, Francia ou Alemaña.

3. Para as actividades 1, 2, 8 e 9:

1º. Non ter realizado o programa PIALE 2023.

2º. Impartir a lingua obxecto de estudo.

3º. Ter maior puntuación no baremo.

4. Para as actividades 3, 4, 5, 10 e 11:

1º. Non ter realizado o programa PIALE 2023.

2º. Non ser especialista na lingua obxecto de estudo.

3º. Ser docente CLIL na lingua obxecto de estudo.

4º. Maior puntuación do baremo.

5. Para as actividades 6, 7, 12, 13 e 14:

1º. Non ter realizado o programa PIALE 2023.

2º. Impartir a lingua obxecto de estudo ou ser docente CLIL na lingua obxecto de estudo.

3º. Ter nivel B2 ou superior do MCERL na lingua obxecto de estudo.

4º. Maior puntuación do baremo.

Artigo 8. Incompatibilidades

A adxudicación con carácter definitivo dunha das actividades é incompatible coa concesión, de ser o caso, de licenzas por formación para o curso 2024/25 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Artigo 9. Organización das actividades

1. A organización das actividades correspóndelle á Consellería, que poderá concertar os servizos necesarios para o seu desenvolvemento.

2. O financiamento dos gastos descritos realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.06.423B.640.2 dos orzamentos da Consellería para o ano 2024.

3. O importe total do programa ascende a 1.068.713,40 euros.

4. Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2024, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de outubro de 2023, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto. Todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que, no momento de ditarse a resolución de concesión, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron os ditos actos.

Artigo 10. Solicitude de participación e prazo de presentación

1. As solicitudes (anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código de procedemento ED305F). O procedemento de solicitude iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible desde a páxina web https://www.edu.xunta.gal/piale e cubrirase o formulario electrónico que corresponda en función da actividade en que desexan participar. Unha vez cuberto este formulario, gravarán os datos na aplicación en liña, e posteriormente realizarán a presentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/, segundo as indicacións dispoñibles na aplicación https://www.edu.xunta.gal/piale

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso de presentar máis dunha solicitude, admitirase unicamente a última presentada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3. O modelo de solicitude (anexo I) inclúe unha declaración responsable pola que a persoa solicitante declara que o nivel de coñecemento de linguas estranxeiras do MCERL alegado na solicitude é o nivel máximo que ten acreditado na data de presentación da solicitude, de acordo co establecido na Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG do 26 de abril), modificada pola Orde do 21 de xuño de 2016 (DOG do 7 de xullo).

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo III, modelo de folla de autobaremación cuberta nas epígrafes que correspondan, no cal se relacionen os méritos alegados na mesma orde que aparecen expostos no anexo II.

b) Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que aleguen, que non estean recollidos no seu expediente de datos persoais. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no baremo que se inclúe no anexo II. Non se terán en conta nin se valorarán os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que se aleguen fóra do prazo a que se refire o artigo 10 desta convocatoria.

c) Certificado, expedido pola Secretaría do centro, co visto e prace da persoa directora, en que consten a área, materia ou módulo que imparte a persoa solicitante durante o curso académico 2023/24. No caso de que a persoa solicitante sexa coordinadora de centros plurilingües ou do programa de seccións bilingües ou profesorado CLIL, tamén deberá constar esta circunstancia no certificado.

d) Acreditación do nivel lingüístico segundo o MCERL, na/s lingua/s correspondente/s das actividades solicitadas, agás para aquelas persoas que xa teñan recollida esta información no seu expediente de datos persoais.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Títulos oficiais non universitarios.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear, de oficio, o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Procedemento para a adxudicación das prazas

1. A selección das persoas candidatas será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: ata un máximo de catro vogais:

A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.

A persoa titular do Servizo de Apoio Económico ou persoa en quen delegue.

A persoa titular do Servizo de Innovación e Programas Educativos ou persoa en quen delegue.

c) Unha persoa funcionaria da Consellería, que actuará como secretaria, con voz e sen voto.

d) Os sindicatos integrantes da Mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear unha persoa representante para asistir ás sesións da Comisión.

A Comisión poderá solicitar a incorporación de persoas asesoras especialistas, que se limitarán a prestar a súa colaboración. A Comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 1 e 2 do baremo do anexo II. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na Mesa sectorial de persoal docente. Esta comisión rexerase polo previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

2. A Comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo os criterios de selección establecidos no artigo 7. En caso de empate entre as persoas solicitantes, este dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 1 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 2.2 do baremo.

c) Maior antigüidade no corpo.

d) De persistir o empate, aplicarase como criterio o resultado do sorteo previsto no artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Finalizada a preselección, a Comisión fará pública a resolución provisional, que se difundirá no portal educativo da Consellería na seguinte ligazón: www.edu.xunta.gal/piale

O día seguinte ao desta publicación abrirase un prazo de cinco días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das actividades perante a persoa que exerza a Presidencia da Comisión. A renuncia á adxudicación dunha actividade considérase renuncia a todas as actividades que a persoa interesada marcase na súa solicitude.

As reclamacións ou renuncias deberán presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia en https://sede.xunta.gal/portada. Deberán entrar en «A miña sede», na solicitude realizada para a convocatoria do programa PIALE 2024, código de procedemento ED305F, e premer en Accións, na opción Alegacións ou renuncia, segundo corresponda. Ao premer en Alegacións, poderán achegar a documentación que consideren.

Unha vez que a reclamación sexa remitida polo procedemento indicado, solicítase que se adiante, ademais, escaneada ao correo electrónico formaes@edu.xunta.gal para axilizar a súa tramitación de cara á publicación das listas definitivas.

Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, de ser o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a Comisión seleccionadora elevaralle a proposta definitiva á persoa titular da Consellería, que resolverá a relación final das persoas seleccionadas e das persoas suplentes ordenadas segundo os criterios de selección.

No caso de renuncias das persoas seleccionadas, as prazas vacantes seranlles ofertadas ás persoas suplentes por chamamento directo, de acordo coa relación publicada.

No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das actividades, por proposta motivada pola Comisión de Selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras actividades.

A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e expoñerase no portal educativo da Consellería na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/piale

4. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de cinco meses desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra a resolución definitiva, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 16. Renuncias, abandono e retirada de documentación

1. Unha vez resolta esta convocatoria, so se admitirá o abandono ou a renuncia á actividade concedida en casos de excepcional gravidade debidamente xustificada e libremente apreciada pola persoa que exerza a Presidencia da Comisión de Selección.

2. Nos seguintes casos, a persoa interesada non poderá participar nas cinco próximas convocatorias de prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE):

a) Renuncia ou abandono dalgunha das fases do itinerario formativo sen causa xustificada e aceptada pola persoa que exerza a Presidencia da Comisión de Selección.

b) Avaliación negativa, de acordo co establecido no artigo 2, da fase B das modalidades 1 ou 2.

3. Transcorridos tres meses desde a data de publicación da resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas, ou os seus representantes legais, dispoñerán dun prazo de seis meses para poder retirar a documentación ante a persoa que preside a Comisión. Transcorrido o dito prazo, entenderase que renuncian á súa devolución.

Artigo 17. Comunicación

Toda a información con respecto á organización e ao desenvolvemento dos cursos, viaxes ao lugar de realización e reunións informativas será anunciada no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/piale. Os requirimentos relativos á emenda de documentación realizaranse, de ser o caso, mediante o correo electrónico corporativo formaes@edu.xunta.gal

Artigo 18. Condicións económicas

Para as actividades ofertadas, a Consellería encargarase, a través das empresas adxudicatarias, do desprazamento (agás os traslados ata o punto de saída e chegada), a docencia, actividades culturais, manutención e aloxamento. A Consellería, a través das empresas adxudicatarias, determinará o medio de desprazamento, así como o tipo de aloxamento e manutención, e comunicaráselle ao profesorado seleccionado, por medio das ditas empresas, unha vez resolta a adxudicación.

Calquera modificación que a persoa asistente desexe realizar en relación coas datas ou medios de transporte de saída e/ou regreso será xestionada e aboada pola persoa beneficiaria, que non recibirá compensación ningunha polos gastos ocasionados pola dita modificación.

Artigo 19. Retribucións

Mentres duren as actividades de formación, o profesorado seleccionado recibirá os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional
e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Baremo

Méritos

Puntos por curso ou actividade

Total puntos máximo

Documentos

1. Méritos docentes.

- Por cada ano de servizo como funcionario ou funcionaria.

0,5 puntos por ano completo.

3 puntos

Copia certificacións acreditativas

2. Outros méritos.

2.1. Docencia en actividades de formación do profesorado, organizadas, homologadas ou recoñecidas polas administracións educativas.

0,10 puntos por cada 10 horas de formación.

1,5 puntos

Copia certificacións acreditativas

2.2. Asistencia e/ou coordinación de actividades de formación do profesorado relacionadas con linguas estranxeiras, organizadas, homologadas ou recoñecidas polas administracións educativas.

0,05 puntos por cada 10 horas de formación.

3 puntos

Copia certificacións acreditativas

2.3. Asistencia e/ou coordinación de actividades de formación do profesorado, organizadas, homologadas ou recoñecidas polas administracións educativas.

0,05 puntos por cada 10 horas de formación.

1,5 puntos

Copia certificacións acreditativas

2.4. Participación en proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, e participación no plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria establecidos pola Consellería. Participación no Programa de seccións europeas, seccións bilingües ou nos programas de plurilingüismo da Consellería. Coordinación do Programa de auxiliares de conversa.

0,25 puntos por certificado.

4 puntos

Copia certificacións acreditativas

2.5. Participación no Programa de inmersión lingüística con alumnado de 6º de EP e/ou 2º ESO, Ministerio de Educación. Participación na actividade English Week, Spring Week ou Digital Week acompañando o alumnado. Participación no programa EduExchanges presencial acompañando o alumnado.

0,25 puntos por actividade.

2 puntos

Copia certificacións acreditativas

2.6. Non ter realizado actividades no estranxeiro a través do programa PIALE nas últimas cinco (5) convocatorias.

10 puntos

ANEXO III

Modelo de folla de autobaremación

(Relaciónese e numérese na mesma orde que aparece no anexo II. As copias de certificacións acreditativas presentaranse na mesma orde).

Méritos

Puntos por curso ou actividade

Total puntos máximo

Documentos

1.

2.1.

2.2.

2.3.

2.4.

2.5.

2.6.

ANEXO IV

Relación de actividades

Actividade

Prazas

Fases

Duración

Lugar

Temporalización

Modalidade 1

1. Integración para profesorado de inglés en infantil e primaria.

5

A) Inmersión

4 semanas

O Canadá

1º trimestre curso 2024/25

B) Difusión: memoria e proposta didáctica

Antes do 31 de marzo de 2025

2. Integración para profesorado de inglés de secundaria e formación profesional.


5

A) Inmersión

4 semanas

O Canadá

1º trimestre curso 2024/25

B) Difusión: memoria e proposta didáctica

Antes do 31 de marzo de 2025

3. Integración inglés para profesorado CLIL de ESO e bacharelato.

10

A) Inmersión

4 semanas

O Canadá

1º trimestre curso 2024/25

B) Difusión: memoria e proposta didáctica

Antes do 31 de marzo de 2025

4. Integración inglés para profesorado CLIL de infantil e primaria.

10

A) Inmersión

4 semanas

O Canadá

1º trimestre curso 2024/25

B) Difusión:memoria e proposta didáctica

Antes do 31 de marzo de 2025

5. Integración inglés para profesorado CLIL de FP.

5

A) Inmersión

4 semanas

O Canadá

1º trimestre curso 2024/25

B) Difusión: memoria e proposta didáctica.

Antes do 31 de marzo de 2025

6. Integración en lingua portuguesa para profesorado especialista e CLIL de secundaria e formación profesional.

7

A) Inmersión

4 semanas

Portugal

1º trimestre curso 2024/25

B) Difusión:memoria e proposta didáctica.

Antes do 31 de marzo de 2025

7. Integración en lingua francesa para profesorado especialista de francés e CLIL de primaria, secundaria e formación profesional.

10

A) Inmersión

4 semanas

Francia

1º trimestre curso 2024/25

B) Difusión :memoria e proposta didáctica.

Antes do 31 de marzo de 2025

Modalidade 2

8. Inglés para profesorado especialista de infantil e primaria.

45

A) Fase formación

2 semanas

O Reino Unido

Xullo 2024

B) Elaboración proposta didáctica

Antes do 31 de decembro de 2024

9. Inglés para profesorado especialista de secundaria, formación profesional e EOI.

45

A) Fase formación

2 semanas

O Reino Unido

Xullo 2024

B) Elaboración proposta didáctica

Antes do 31 de decembro de 2024

10. Inglés para profesorado CLIL de infantil e primaria.

45

A) Fase formación

2 semanas

O Reino Unido

Xullo 2024

B) Elaboración proposta didáctica

Antes do 31 de decembro de 2024

11. Inglés para profesorado CLIL de secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, agás EOI.

60

A) Fase formación

2 semanas

O Reino Unido

Xullo 2024

B) Elaboración proposta didáctica

Antes do 31 de decembro de 2024

12. Francés para profesorado especialista e CLIL de primaria, secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

23

A) Fase formación

2 semanas

Francia

Xullo 2024

B) Elaboración proposta didáctica

Antes do 31 de decembro de 2024

13. Portugués para profesorado especialista e CLIL de secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

15

A) Fase formación

2 semanas

Portugal

Xullo 2024

B) Elaboración proposta didáctica

Antes do 31 de decembro de 2024

14. Alemán para profesorado especialista e CLIL de secundaria, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

5

A) Fase formación

2 semanas

Alemaña

Xullo 2024

B) Elaboración proposta didáctica

Antes do 31 de decembro de 2024

ANEXO V

Indicacións para a elaboración da memoria de difusión
e da proposta didáctica

Modalidade 1

Memoria da difusión:

Estrutura:

1. Obxectivos e contidos da difusión.

Cada persoa debe indicar cales foron os obxectivos e contidos da difusión da experiencia. Os contidos deberían recoller, polo menos:

– Aspectos destacables e transferibles da organización do sistema educativo canadense/francés/portugués.

– Aspectos destacables e transferibles da organización dos centros canadenses/franceses/portugueses.

– Aspectos metodolóxicos transferibles e destacables.

– Outros.

2. Lugares ou formatos da difusión.

Cando menos, debe recollerse o centro educativo de destino de cada persoa participante. Deberá indicarse se se trata dunha información que se facilitou de xeito colectivo para o profesorado ou individualizado segundo as súas experiencias e intereses, se se facilitou algunha información ao alumnado, ás familias... As modalidades de organización e transferencia desta información deben indicarse no seguinte punto (número 3).

Do mesmo xeito, débese indicar se se fixo algunha difusión da experiencia a través dos medios de comunicación local para dar a coñecer a experiencia do/da profesor/a e, por conseguinte, do centro neste tipo de actividade.

Debe figurar, igualmente, calquera outro mecanismo de difusión que se empregase noutros centros educativos do concello/comarca/provincia, a través dos centros de formación do profesorado ou calquera outro que as persoas participantes consideren adecuado para esta difusión.

3. Procedementos da difusión.

Deben indicarse os procedementos concretos a través dos cales que se difundiu a actividade: charlas/ presentacións (tipo, duración, espazo de realización, destinatarios, con que apoios visuais ou en papel...), información na páxina web do centro (características específicas), medios de comunicación (tipo de información, en que medios...), noutros centros ou no centro de formación do profesorado.

4. Programación e temporalización da difusión.

Deben figurar as datas e os lugares (de seren espazos físicos) en que se desenvolveron as actividades de difusión.

5. Repercusión da difusión.

Unha valoración, cuantificable na medida do posible, da repercusión desta difusión (número do alumnado do centro, número de profesorado... que foron destinatarios da difusión).