DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2024 Páx. 15954

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2024, conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a realización, dentro do curso 2023/24, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para o curso 2024/25.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece na disposición transitoria segunda que ata a implantación das modificacións previstas nesta lei o acceso e a admisión ás ensinanzas universitarias realizarase mediante avaliacións individualizadas ao finalizar a etapa de bacharelato.

Así mesmo, as administracións educativas en colaboración coas universidades, de acordo coas súas competencias en materia de acceso á universidade, asumirán as mesmas funcións e responsabilidades que tiñan en relación coas probas de acceso á universidade e organizarán a realización material da avaliación final de bacharelato para o acceso á universidade. En Galicia, estas probas estarán reguladas, de forma supletoria, e no que resulte compatible co novo marco normativo, pola Orde do 24 de marzo de 2011 pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do Sistema universitario de Galicia.

Mediante a Orde PJC/39/2024, do 24 de xaneiro, determínanse as características, o deseño e o contido da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, e as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas, para o curso 2023/24.

A disposición derradeira primeira da Orde do 24 de marzo de 2011 establece que se autoriza a Secretaría Xeral de Universidades e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para que, dentro das súas respectivas competencias, diten as disposicións que sexan precisas para a execución do establecido na devandita orde.

Tendo en conta este marco normativo, é preciso dar as instrucións oportunas que permitan concretar para o ámbito de Galicia a realización material, dentro do curso académico 2023/24, da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade no curso 2024/25.

De conformidade co exposto, o secretario xeral de Universidades e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

RESOLVEMOS:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Estas instrucións teñen por obxecto determinar para o curso 2023/24 aqueles aspectos organizativos necesarios para a realización material adecuada da proba da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establecida na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. Esta avaliación realizarase exclusivamente para o alumnado que queira acceder a estudos universitarios oficiais de grao.

Segunda. Materias obxecto de avaliación

1. A proba da ABAU estruturarase en dúas partes, denominadas respectivamente, parte obrigatoria e parte voluntaria.

2. A parte obrigatoria da proba versará sobre as seguintes materias correspondentes ao segundo curso de bacharelato: Lingua Castelá e Literatura II; Lingua Estranxeira II; Lingua Galega e Literatura II; Historia de España ou Historia da Filosofía, a elección do alumnado no momento da matrícula nas probas, e sobre a materia obrigatoria cursada da modalidade.

Parte obrigatoria

Materias comúns

– Historia de España ou Historia da Filosofía (a elección do alumnado)

– Lingua Castelá e Literatura II

– Lingua Estranxeira II

– Lingua Galega e Literatura II

Materia obrigatoria de modalidade

Artes

Ciencias e Tecnoloxía

Humanidades e Ciencias Sociais

Xeral

Artes Plásticas, Imaxe e Deseño

Música e Artes Escénicas

Debuxo Artístico II

Análise Musical II ou Artes Escénicas II

Matemáticas II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II

Latín II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II

Ciencias Xerais

Cada un dos exercicios das materias cualificarase de 0 a 10 con dúas cifras decimais.

3. Na parte voluntaria, o alumnado que queira mellorar a súa cualificación de admisión poderá examinarse dun máximo de catro materias, que escollerá entre as materias de modalidade do segundo curso de bacharelato e a materia común que non escolleran previamente na parte obrigatoria ao optar entre Historia de España e Historia da Filosofía. Así mesmo, os estudantes poderán examinarse da materia optativa Segunda Lingua Estranxeira II nunha das opcións lingüísticas (alemán, francés, inglés, italiano ou portugués) distinta da que cursasen na materia común Lingua Estranxeira II.

Parte voluntaria

Materia común

(a non elixida na parte obrigatoria)

Materias de modalidade obrigatorias (agás a realizada na parte obrigatoria) e de opción

(cursadas ou non cursadas)

Materia optativa

(cursada ou non cursada)

Historia de España ou Historia da Filosofía

– Análise Musical II

– Artes Escénicas II

– Bioloxía

– Ciencias Xerais

– Coro e Técnica Vocal II

– Debuxo artístico II

– Debuxo Técnico Aplicado ás Artes Plásticas e ao Deseño II

– Debuxo Técnico II

– Deseño

– Empresa e Deseño de Modelos de Negocio

– Física

– Xeografía

– Xeoloxía e Ciencias Ambientais

– Fundamentos Artísticos

– Grego II

– Química

– Historia da Arte

– Hª da Música e da Danza

– Latín II

– Literatura Dramática

– Matemáticas II

– Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II

– Movementos Culturais e Artísticos

– Tecnoloxía e Enxeñaría II

– Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica

– Segunda Lingua Estranxeira II

a) As probas correspondentes a estas materias teñen carácter voluntario e teñen por obxecto a avaliación dos coñecementos e a capacidade de razoamento nuns ámbitos disciplinares concretos relacionados cos estudos que se pretenden cursar e permiten mellorar a nota de admisión.

b) Cada unha das materias das cales se examine o alumnado con carácter voluntario para os efectos de mellorar a súa nota de admisión cualificarase de 0 a 10 puntos, con dúas cifras decimais. Considerarase superada a materia cando se obteña unha cualificación igual ou superior a 5 puntos.

c) Para a mellora da nota de admisión terase tamén en consideración a cualificación obtida na materia obrigatoria de cada modalidade (Artes Escénicas II, Análise Musical II, Ciencias Xerais, Debuxo Artístico II, Latín II, Matemáticas II e Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II), sempre e cando a cualificación acadada na materia correspondente sexa igual ou superior a 5 puntos.

Terceira. Características e deseño das probas

1. As características e o deseño das probas corresponderanse co establecido na Orde PJC/39/2024, do 24 de xaneiro.

2. Estará exento da realización da proba da materia de Lingua Galega e Literatura II o alumnado que se incorporase ao Sistema educativo de Galicia coa exención desta materia segundo o establecido no artigo 8.2 da Orde do 24 de marzo de 2011 pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).

3. No referente á lonxitude das probas, ás probas e á tipoloxía de preguntas e ao seu contido observarase o disposto nos artigos 5, 6 e 7, respectivamente, da Orde PJC/39/2024, do 24 de xaneiro, así como o establecido no artigo 12 da Orde do 24 do marzo de 2011.

a) O alumnado realizará os exercicios da proba da ABAU nos lugares que determine a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG).

b) Realizarase unha proba por cada unha das materias obxecto de avaliación.

c) O exercicio de cada materia será único e determinado por sorteo público pola CiUG a partir de, cando menos, 5 propostas presentadas por cada directora ou director do grupo de traballo da materia correspondente. Non haberá anulación da proba como primeira resolución, senón suspensión e/ou aprazamento dun determinado exercicio, sempre que se dea o caso. O/a director/a do grupo de traballo preparará unha proposta revisada por outros membros do grupo de traballo que poderá ser empregada no caso de resultar invalidado o exame previsto e o de reserva.

d) Os exercicios adecuaranse ao currículo do bacharelato establecido polo Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e pola Orde do 13 de febreiro de 2023 pola que se establece o currículo das materias optativas do bacharelato e se regula a súa oferta.

e) En cada proba, o alumnado disporá dunha única proposta de exame con varias preguntas.

Na elaboración da proba terase en conta que o número de preguntas que deba desenvolver o alumno ou a alumna se adapte ao tempo máximo de realización da proba, incluíndo o tempo de lectura desta.

A alumna ou o alumno terá que responder, á súa escolla, a un número de preguntas determinado previamente. O citado número de preguntas fixarase de forma que permita a todo o alumnado alcanzar a máxima puntuación na proba. Para realizar o número máximo de preguntas fixado, todas as preguntas deberán ser susceptibles de seren elixidas.

f) Para a realización dos exercicios, o alumnado poderá empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os exercicios correspondentes á Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Galega e Literatura II, Lingua Estranxeira II e Segunda Lingua Estranxeira II deberán realizarse nos seus respectivos idiomas.

g) Cada unha das probas da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade terá unha duración de 90 minutos. Establecerase un descanso entre probas consecutivas de, como mínimo, 30 minutos. Non se computará como período de descanso o utilizado para ampliar o tempo de realización das probas do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ao que se lle prescribise esta medida.

h) A ABAU terá unha duración de tres días.

i) Preferentemente, as probas contextualizaranse en contornos próximos á vida do alumnado: situacións persoais, familiares, escolares e sociais, ademais de contornos científicos e humanísticos.

j) Cada unha das probas conterá preguntas abertas e semiabertas que requirirán do alumnado capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez. Ademais destes tipos de preguntas, poderanse utilizar tamén preguntas de opción múltiple, sempre que en cada unha das probas a puntuación asignada ao total de preguntas abertas e semiabertas alcance como mínimo o 50 %.

Para estes efectos, as categorías de preguntas defínense da seguinte maneira:

– De opción múltiple: preguntas cunha soa resposta correcta inequívoca e que non exixen construción por parte da alumna ou do alumno, xa que esta/e se limitará a elixir unha de entre as opcións propostas.

– Semiabertas: preguntas con resposta correcta inequívoca e que exixen construción por parte da alumna ou do alumno. Esta construción será breve, por exemplo, un número que dea resposta a un problema matemático, ou unha palabra que complete unha frase ou dea resposta a unha cuestión sempre que non se facilite unha lista de posibles respostas.

– Abertas: preguntas que exixen construción por parte da alumna ou do alumno e que non teñen unha soa resposta correcta inequívoca. Englóbanse neste tipo as producións escritas e as composicións plásticas.

k) As probas avaliarán o grao de adquisición dos obxectivos das materias a que se refire a epígrafe segunda a través da aplicación dos criterios de avaliación previstos nos currículos establecidos conforme o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, e a Orde do 13 de febreiro de 2023, que constituirán o marco de referencia para determinar o seu contido.

l) Os protocolos dos exercicios deberán incluír necesariamente:

– Os criterios xerais de corrección, especificando tanto o valor asignado a cada unha das partes do currículo como aqueloutras consideracións que poidan ser necesarias para realizar unha valoración obxectiva.

– Os criterios específicos de corrección que servirán de base para a avaliación dos exercicios e para a resolución das reclamacións das probas que soliciten as estudantes e os estudantes.

m) Os criterios xerais de avaliación deberán ser coñecidos polas persoas integrantes das comisións delegadas e polo alumnado no momento da realización das probas. Os criterios específicos de corrección faranse públicos, unha vez realizadas estas, na páxina web da CiUG

Cuarta. Organización das probas

1. De acordo co establecido no artigo 11 da Orde PJC/39/2024, do 24 de xaneiro, as universidades asumen as mesmas funcións e responsabilidades que viñan realizando ata o curso 2016/17.

2. Segundo o establecido no artigo 4.1 da Orde do 24 de marzo de 2011, a CiUG é un órgano interuniversitario, sen personalidade xurídica, formado pola delegación de competencias propias das universidades do SUG en materia de acceso.

3. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade nomeou na súa Resolución do 19 de decembro de 2023 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2024), segundo o artigo 4.2 da Orde do 24 de marzo de 2011, os membros da CiUG, de acordo co establecido no convenio asinado polos reitores das universidades do SUG en presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria o 12 de marzo de 2001. No caso de que algúns dos membros designados non poidan desempeñar a súa función, a consellería designará a persoa ou persoas que os substitúan no seu labor dentro da CiUG.

4. Para a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade regulada na Orde PJC/39/2024, do 24 de xaneiro, a CiUG estará composta polos delegados dos reitores das universidades do SUG e por tres profesoras ou profesores de educación secundaria ou do corpo de inspección nomeados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Para o resto dos procedementos, estará composta polas delegadas ou os delegados dos reitorados.

5. Os membros da CiUG, para desenvolveren as atribucións a que fai referencia o artigo 19 da Orde do 24 de marzo de 2011, terán, para os efectos académicos e administrativos, a consideración e as atribucións que lles permitan o cumprimento das obrigas correspondentes á citada función.

6. Matrícula:

a) O alumnado formalizará a súa solicitude de matrícula para a proba da ABAU nas datas que determine a CiUG.

b) O alumnado entregará a solicitude na secretaría do centro en que superasen o segundo curso do bacharelato. Aquelas persoas que obtivesen o título de bacharel ou equivalentes en convocatorias anteriores presentarán a súa solicitude no lugar de entrega e recollida de documentación (LERD) que lle corresponda ao seu centro ou no que lle corresponda ao centro máis próximo ao seu lugar de residencia, ou mediante o procedemento telemático establecido pola CiUG.

c) O alumnado indicará na súa solicitude os seus datos persoais e as materias elixidas para a realización da proba da ABAU. Así mesmo, poderá solicitar a exención do exercicio de Lingua Galega e Literatura II prevista no artigo 3.3 do Real decreto 310/2016, do 29 de xullo, polo que se regulan as avaliacións finais de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.

d) Os centros de educación secundaria informatizarán os datos persoais, académicos e de matrícula para a proba da ABAU do seu alumnado; tamén facilitarán, se procede, as actas e as certificacións das cualificacións de bacharelato, nos prazos e segundo o procedemento que estableza a CiUG.

e) O alumnado que desexe concorrer á proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade deberá aboar as taxas correspondentes, de acordo co disposto no decreto en que se fixen os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario. A CiUG facilitaralles aos centros de educación secundaria e aos LERD os impresos e as indicacións necesarias para o aboamento das taxas e a relación de entidades bancarias en que o alumnado poderá realizar o ingreso.

7. Organización e documentación:

a) O calendario da proba da ABAU será fixado coordinadamente pola CiUG, as universidades do SUG e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, segundo o establecido no artigo 8 da Orde PJC/39/2024, do 24 de xaneiro.

b) Para os efectos administrativos, e tendo en conta a localización dos centros de educación secundaria, establécense LERD territorializados, onde se instrúan os expedientes e se executen os procedementos administrativos e informáticos no nivel de usuario (solicitante-centro de educación secundaria) que van asociados á xestión do alumnado no acceso (captura de datos, matrícula, solicitudes, etc.).

c) A captura de datos, tanto académicos como persoais, será responsabilidade da CiUG a través das tres universidades, nos formatos para a xestión informática previamente acordados co servizo de apoio ao SUG.

d) O deseño dos documentos correspondentes á solicitude de matrícula para a proba da ABAU é competencia da CiUG, tendo en conta as posibilidades informáticas do sistema.

e) A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades porá á disposición das universidades unha aplicación informática para realizar a xestión da proba de ABAU.

f) A custodia dos expedientes e das actas de cualificación do alumnado que participe na proba de ABAU corresponde á universidade respectiva, segundo o LERD asignado a cada estudante. Nas actas de cualificación deberán figurar os datos necesarios para a certificación e o traslado. Cada estudante que desexe iniciar estudos noutro distrito presentará, para os efectos de traslado, a solicitude na universidade respectiva. Esta universidade será́ a encargada de tramitar o traslado, arquivar os datos correspondentes e comunicalo á CiUG.

8. Da comisión organizadora:

a) As funcións de organización a que se fai referencia no artigo 11 da Orde PJC/39/2024, do 24 de xaneiro, serán desempeñadas pola CiUG, e coincidirán a presidencia da comisión organizadora e os seus membros coa presidencia e membros da CiUG.

b) A CiUG terá atribuídas, entre outras, as seguintes competencias:

1) Coordinación entre as universidades e os centros en que se imparta bacharelato, para os únicos efectos de organización e realización da proba de ABAU.

2) Adopción das medidas necesarias para garantir o segredo do procedemento de elaboración e selección dos exercicios, así como o anonimato do alumnado e dos centros durante o proceso de corrección dos exercicios.

3) Adopción das medidas necesarias para garantir que o alumnado poida empregar, á súa escolla, calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

4) Definición dos criterios para a elaboración das propostas dos exercicios, garantindo a adecuación destes ao currículo do bacharelato.

5) Designación e constitución dos tribunais.

6) Convocatoria da proba de ABAU.

7) Establecemento dos criterios xerais de avaliación dos exercicios.

8) Resolución das reclamacións.

9) Establecemento dos mecanismos de información axeitados.

c) Para adoptar os acordos dos puntos 8.b.4) e 8.b.7) a CiUG contará co asesoramento do correspondente grupo de traballo de cada materia.

d) A CiUG ten competencias para resolver os asuntos comúns de organización, deseño, coordinación, elaboración e execución de directrices e procedementos xerais para o cumprimento do principio de distrito único, no ámbito das competencias que lle foron delegadas.

e) A CiUG fará públicos os criterios de organización, a estrutura básica dos exercicios, os criterios xerais de cualificación e os parámetros de ponderación das materias.

f) A CiUG elaborará un informe da proba de ABAU e elaborará as recomendacións para a súa mellora. Este informe seralle remitido á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a cada unha das universidades do SUG.

9. Do tribunal cualificador:

a) O tribunal cualificador da proba de ABAU será nomeado pola CiUG para avaliar os coñecementos do alumnado, e estará constituído por:

1) O tribunal único da proba de ABAU, constituído por unha presidencia, unha secretaría e, se é o caso, unha vicepresidencia.

2) As comisións delegadas que actuarán en cada un dos centros en que se realice a proba de ABAU e que estarán territorializadas segundo o criterio de proximidade do alumnado. A CiUG establecerá o número destas comisións, determinará a súa composición e funcións, así como a súa localización, tendo en conta a prioridade de utilización de centros universitarios.

3) As comisións de avaliación de cada materia obxecto de exame na proba de ABAU, presididas polas directoras ou polos directores dos grupos de traballo e constituídas, así mesmo, por vogais especialistas da materia en número suficiente para o seu correcto funcionamento.

b) Para a constitución do tribunal único, das comisións delegadas e das comisións de avaliación consideraranse os seguintes criterios:

1) A presidencia e a secretaría do tribunal único e as presidentas ou os presidentes e secretarias e secretarios das comisións delegadas serán nomeados pola CiUG entre o persoal docente das universidades.

2) As e os vogais das comisións delegadas serán nomeados pola CiUG, entre o persoal docente das universidades e o profesorado dos corpos de profesorado de educación secundaria e dos corpos de profesorado de artes plásticas e deseño, que, de acordo coa lexislación vixente, poida impartir docencia nas materias de bacharelato, nun grao superior de formación profesional, nun grao superior de artes plásticas e deseño ou nun grao superior de ensinanzas deportivas, establecidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Tamén poderán nomear persoal do corpo de inspección e, de ser necesario, profesorado das escolas oficiais de idiomas, dos conservatorios profesionais ou superiores de música, ou especialistas en necesidades específicas de apoio educativo.

3) As e os vogais das comisións de avaliación serán nomeados pola CiUG entre o persoal docente das universidades e o profesorado dos corpos docentes e das especialidades que, de acordo coa lexislación vixente, poida impartir docencia nas materias de bacharelato. Tamén poderán nomear persoal do corpo de inspección e, de ser necesario, profesorado das escolas oficiais de idiomas e dos conservatorios profesionais ou superiores de música.

4) Na designación das persoas vogais das distintas comisións procurarase unha composición equilibrada entre mulleres e homes, agás que non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas. Así mesmo, deberase garantir para cada comisión de avaliación un reparto equilibrado entre docentes de universidade e profesorado de educación secundaria que imparta bacharelato.

5) As e os vogais integrantes das comisións delegadas e das comisións de avaliación serán designados entre o profesorado que o solicite á presidencia da CiUG, dentro do prazo que esta determine.

c) Co obxecto de garantir a imparcialidade do proceso e tendo en conta o disposto nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o profesorado que forme parte das comisións delegadas e de avaliación non poderá examinar ou avaliar o alumnado do seu centro de procedencia. Un vogal proposto por cada centro e nomeado pola presidencia da CiUG incorporarase á comisión delegada correspondente como representante do centro.

10. Dos grupos de traballo:

a) De acordo co establecido no artigo 21 da Orde do 24 de marzo de 2011, constitúense grupos de traballo das diferentes materias obxecto de exame na proba, coa finalidade de asesorar a CiUG na definición dos criterios para a elaboración das propostas de exame e no establecemento dos criterios xerais de avaliación da proba de ABAU.

b) A CiUG, xunto coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, establecerá o número de grupos de traballo e nomeará os seus compoñentes.

c) Cada grupo de traballo estará composto polas seguintes persoas especialistas na materia ou materias correspondentes:

1) Unha profesora ou un profesor de universidade, que desempeñará a función de directora ou director do grupo, que poderá estar asistido por unha subdirectora ou subdirector e serán nomeados ambos os dous pola CiUG.

2) Un membro da Inspección Educativa que será nomeado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

3) Unha persoa representante da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

4) Un máximo de catro profesoras ou profesores de educación secundaria, preferentemente que estean impartindo a materia no segundo curso do bacharelato, e que serán nomeados conxuntamente pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a CiUG.

d) As directoras e os directores dos grupos de traballo elaborarán os exercicios da proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade. Poderán contar coa colaboración de especialistas, e seralles de aplicación o disposto nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, referentes ao réxime de abstención e recusación.

e) A directora ou o director do grupo de traballo enviará á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a través da CiUG, unha memoria final das actividades desenvolvidas polo grupo de traballo antes da data que sinale a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Quinta. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

1. De acordo co establecido no artigo 4 da Orde PJC/39/2024, do 24 de xaneiro, adoptaranse as medidas necesarias para asegurar a igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

A este respecto, poderanse adoptar medidas como adaptación de tempos; elaboración de modelos especiais de exame; posta á disposición dos medios materiais e humanos, asistencias, apoios e axudas técnicas que precise o alumnado para a realización da proba; así como a garantía de accesibilidade á información e comunicación dos procesos e do recinto ou espazo físico onde esta se desenvolva.

2. A avaliación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo tomará como referencia as medidas realizadas para este ao longo da etapa. Particularmente, consideraranse medidas de flexibilización e metodolóxicas na avaliación de lingua estranxeira para o alumnado con discapacidade, en especial para os casos de alumnado con discapacidade auditiva, alumnado con dificultades na súa expresión oral e/ou trastornos da fala. Estas adaptacións en ningún caso se terán en conta para minorar as cualificacións obtidas.

Así mesmo, garantirase que as actuacións relativas ao proceso de revisión das probas reguladas na epígrafe sétima destas instrucións sexan accesibles para as persoas con discapacidade.

3. O tribunal cualificador das probas poderá requirir os informes e a colaboración precisa dos órganos técnicos competentes da Administración educativa, así como dos centros onde cursasen bacharelato as alumnas e os alumnos con discapacidade.

Sexta. Cualificación das probas

1. Segundo o establecido no artigo 9 da Orde PJC/39/2024, do 24 de xaneiro, a cualificación da proba de avaliación do bacharelato para o acceso á universidade será a media aritmética das cualificacións numéricas obtidas na parte obrigatoria, expresada nunha escala de 0 a 10 con tres cifras decimais e redondeada á milésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior. Esta cualificación deberá ser igual ou superior a 4 puntos.

2. A cualificación para o acceso á universidade calcularase ponderando un 40 % a cualificación sinalada no parágrafo anterior e un 60 % a nota media normalizada obtida na etapa. Entenderase que se reúnen os requisitos de acceso cando o resultado desta ponderación sexa igual ou superior a cinco puntos.

3. A superación da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade terá validez indefinida. As cualificacións obtidas nas probas para mellorar a nota de admisión terán validez durante os dous cursos académicos seguintes ao da súa superación.

Sétima. Procedemento de revisión das cualificacións obtidas

1. O alumnado e, se é o caso, as nais, os pais, ou as persoas titoras legais poderán solicitar ante a presidencia do tribunal cualificador a revisión da cualificación obtida nunha ou varias das probas que compoñen a avaliación. O prazo de presentación destas solicitudes será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións.

2. As probas sobre as cales se presentase solicitude de revisión serán analizadas, en primeiro lugar, co obxecto de verificar que todas as cuestións foron avaliadas e que non existen erros no proceso de cálculo da cualificación final.

No caso de existir algún erro, modificarase a cualificación, tanto á alza como á baixa. A cualificación provisoria obtida pasará a ser a nova cualificación.

A continuación será realizada unha segunda corrección por unha nova profesora ou profesor especialista distinto ao que realizou a primeira corrección. No suposto de que a diferenza entre as dúas cualificacións sexa menor de dous puntos, a cualificación definitiva será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións.

No suposto de que existise unha diferenza de dous ou máis puntos entre as dúas cualificacións, será efectuada unha terceira corrección por unha profesora ou un profesor especialista distinto aos anteriores. A cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións.

Este procedemento deberá efectuarse no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo de tres días establecido no número 1 desta epígrafe.

3. O alumnado e, se é o caso, as nais, os pais, ou as persoas titoras legais terán dereito a ver as probas revisadas unha vez finalizado o proceso de revisión, no prazo de dez días desde a notificación da resolución de revisión e segundo os termos do artigo 15.5 da Orde do 24 de marzo de 2011.

4. Unha vez finalizado na súa totalidade o procedemento de revisión establecido, adoptarase a resolución que estableza as cualificacións definitivas e seralle notificada ás persoas reclamantes. Segundo o disposto no artigo 15.6 da Orde do 24 de marzo de 2011, contra a resolución adoptada pola CiUG, que porá fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación ante a propia CiUG. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa do recurso potestativo de reposición ou se produza o acto presunto.

Oitava. Convocatorias e datas de realización das probas

1. Anualmente realizaranse dúas convocatorias da ABAU: unha ordinaria e outra extraordinaria.

– As probas correspondentes á convocatoria ordinaria realizaranse os días 4, 5 e 6 de xuño de 2024.

– As probas correspondentes á convocatoria extraordinaria realizaranse os días 2, 3 e 4 de xullo de 2024.

2. O alumnado poderá presentarse en sucesivas convocatorias para mellorar a cualificación obtida en calquera das probas. Tomarase en consideración a cualificación obtida na nova convocatoria, sempre que esta sexa superior á anterior.

Disposición adicional primeira. Adscrición para a participación na proba

1. O alumnado realizará a ABAU na universidade á cal estea adscrito. Para os efectos indicados, tomarase como referencia o centro de educación secundaria no cal obtivese o título de bacharel ou equivalentes.

2. As e os estudantes que obtivesen o título de bacharel ou equivalentes en convocatorias anteriores, tamén poderán realizar a ABAU na universidade á cal estea adscrito o centro de educación secundaria máis próximo ao seu lugar de residencia.

3. No suposto de realizar a ABAU en máis dunha universidade na mesma convocatoria, quedarán anuladas todas elas. Isto non será de aplicación para o alumnado que curse o bacharelato internacional para os efectos da realización da ABAU na UNED.

Disposición adicional segunda. Avaliación de materias superadas conforme o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia

O alumnado procedente do sistema establecido pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, que escolla para a proba a modalidade de Artes poderá examinarse, no lugar da materia obrigatoria da modalidade de Artes prevista na epígrafe segunda número 1, da materia Fundamentos de Arte II regulada no Decreto 86/2015, do 25 de xuño ou da materia Fundamentos Artísticos regulada no Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

Disposición adicional terceira. Alumnado que obtivera o título de bacharel desde outras ensinanzas

O alumnado que obtivese o título de bacharel de acordo ao establecido no artigo 25 do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, poderá substituír a materia obrigatoria de modalidade a que se refire a epígrafe segunda pola materia que non escollera previamente ao optar entre Historia de España e Historia da Filosofía.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades

Judith Fernández Novoa
Directora xeral de Ordenación e
Innovación Educativa