DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 2024 Páx. 16069

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de febreiro de 2024 pola que se crea e se regula a Comisión Técnica para o seguimento e a avaliación do Plan Obesidade Zero en Galicia.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle no artigo 12 os dereitos relacionados coa prestación de servizos sanitarios, entre os cales se inclúe, no seu número 6, o dereito á educación sanitaria e á información adecuada que propicie a adopción de hábitos e estilos de vida saudable.

Na citada lei, no artigo 32.3 e 32.7, establécense, entre outros, como principios reitores do Sistema público de saúde de Galicia, a concepción integral da saúde, que inclúe a promoción da saúde, a protección fronte a situacións e circunstancias que supoñan un risco para a saúde, en particular a prevención da enfermidade e a asistencia sanitaria, así como a información sobre as formas de vida saudables, os recursos e os servizos existentes.

A Dirección Xeral de Saúde Pública é o órgano encargado da promoción e protección colectiva da saúde da poboación galega e do desenvolvemento de programas sanitarios en materia de saúde pública. A súa misión é a mellora da saúde da poboación galega desde unha perspectiva comunitaria. Para iso, entre outras, identifica perigos para a saúde, os problemas de saúde e as poboacións máis susceptibles, e, de acordo coas políticas de saúde da Comunidade Autónoma de Galicia, propón, planifica e, se procede, desenvolve programas e actuacións para controlar os riscos de enfermar.

Mediante o Acordo da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, que tivo lugar o 2 de setembro de 2022, o Parlamento de Galicia aprobou o Plan Obesidade Zero en Galicia, un plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia desde unha perspectiva de saúde pública 2022-2030.

O Plan Obesidade Zero en Galicia ten a visión de mellorar o acceso ao coñecemento sobre hábitos de vida saudables a contornos seguros e promotores de saúde e a unha oferta accesible e de calidade de produtos saudables, como un medio que permita reducir o sobrepeso e a obesidade e mellorar a saúde individual e comunitaria contribuíndo, deste xeito, ao desenvolvemento social, cultural e económico de toda a poboación de Galicia.

No número «6. Avaliación e seguimento» e, concretamente, no terceiro punto da subepígrafe «Accións» do Plan Obesidade Zero en Galicia disponse, entre outras, a necesidade de establecer unha estrutura para a avaliación e o seguimento que asegure a adopción das medidas necesarias para o cumprimento do referido plan.

A dita estrutura funcional será unha comisión técnica, que realizará o seguimento global do plan e a avaliación dos seus obxectivos e actuacións, recibirá información sobre o grao de cumprimento de cada liña estratéxica e proporá á Dirección Xeral de Saúde Pública os cambios e axustes que considere oportunos.

O Plan Obesidade Zero en Galicia tamén prevé que a referida comisión técnica se reunirá, polo menos, cunha frecuencia anual e terá carácter interdepartamental, e que estará constituída polos órganos directivos implicados na súa posta en marcha. A Comisión poderá convidar as persoas expertas que considere oportunas en cada momento.

Por outra banda, as súas funcións centraranse en impulsar a execución do plan, coordinar a súa execución con outras estratexias e plans autonómicos, estatais e internacionais, e aprobar os documentos de avaliación do plan.

Para levar a cabo todo iso e con carácter previo, é preciso proceder á súa creación, así como regular a composición e as funcións da Comisión Técnica para o seguimento e a avaliación do Plan Obesidade Zero en Galicia.

A creación da Comisión Técnica axústase ao establecido no artigo 15 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Esta orde foi obxecto de publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia, e foi sometida a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, e informe sobre impacto de xénero. O resto dos trámites seguiron as previsións contidas nos artigos 40 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 127 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Esta orde consta de trece (13) artigos, nos cales se regulan o obxecto, a natureza e réxime xurídico, a finalidade, as funcións, a composición e o funcionamento da Comisión Técnica, as funcións, dereitos e cesamento dos membros que compoñen a Comisión Técnica. Así mesmo, a orde finaliza cunha disposición adicional única e unha disposición derradeira, relativas, respectivamente, ao crédito orzamentario e á determinación da súa entrada en vigor.

Finalmente, a regulación contida nesta orde axústase aos principios de boa regulación, como son os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia, e eficiencia, recollidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En virtude do anterior, de conformidade coas atribucións que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a creación da Comisión Técnica para o seguimento e a avaliación do Plan Obesidade Zero en Galicia (en diante, a Comisión Técnica), así como a regulación da súa composición, funcións, constitución e réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza e réxime xurídico

1. A Comisión Técnica configúrase como un órgano colexiado interno de seguimento e avaliación do Plan Obesidade Zero en Galicia, adscrito ao órgano directivo con rango de subdirección xeral con competencia no fomento de estilos de vida saudable e a coordinación das actividades de promoción e educación para a saúde, ou persoa en quen delegue.

2. O seu ámbito de actuación será a Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A Comisión Técnica elaborará e aprobará o seu regulamento de organización e funcionamento interno, sen prexuízo da aplicación do previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na sección 3, subsección I, do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no que se refire ao réxime de constitución, organización e funcionamento dos órganos colexiados.

Artigo 3. Finalidade

A Comisión Técnica ten como obxectivo xeral impulsar a execución do Plan Obesidade Zero en Galicia, coordinar a súa execución con outras estratexias e plans autonómicos, estatais e internacionais, e aprobar os documentos de avaliación e seguimento do plan en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Funcións da Comisión Técnica

1. A Comisión Técnica desenvolverá, no seu ámbito de actuación, as seguintes funcións:

a) Aprobar o plan anual de actividades, xunto co orzamento correspondente, ademais de calquera modificación deste.

b) Recibir información puntual sobre a marcha das actividades e proxectos programados.

c) Promover e autorizar a intervención doutras entidades que desexen colaborar coa Comisión Técnica en temas de interese común que favorezan a consecución dos seus obxectivos.

d) Deliberar sobre calquera cuestión que poida xurdir relacionada co Plan Obesidade Zero en Galicia.

e) Resolver as posibles controversias respecto da interpretación, modificación e resolución do Plan Obesidade Zero en Galicia.

f) Calquera outra función relacionada co Plan Obesidade Zero en Galicia que lle sexa encomendada polo órgano directivo con competencia no desenvolvemento de programas en materia de saúde pública.

2. No desenvolvemento das súas funcións, a Comisión Técnica integrará a perspectiva de xénero e, no caso de que se precise integrar estatísticas, establecerá indicadores de xénero en todas aquelas que afecten as persoas físicas de xeito directo ou indirecto.

Artigo 5. Composición da Comisión Técnica

1. A Comisión Técnica estará composta por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un número de seis vogais coa finalidade de que a Comisión Técnica poida desenvolver axeitadamente as súas funcións.

2. A Presidencia da Comisión Técnica corresponderalle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de estilos de vida saudables ou persoa que considere.

3. As persoas que ocupen as vogalías serán designadas respectando a seguinte composición:

a) A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ou persoa en quen delegue.

b) Unha persoa en representación das xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade.

c) A persoa titular da Presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

d) A persoa titular da Fundación Deporte Galego.

e) A persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade.

f) A persoa coordinadora ou representante do corpo de dietistas nutricionistas do Servizo Galego de Saúde.

4. Exercerá a función da Secretaría da Comisión Técnica, con voz e sen voto, non sendo membro da Comisión Técnica, a persoa titular do servizo competente na planificación, programación e a xestión das actividades dos programas de promoción de estilos de vida saudables e a difusión da información sobre os mencionados programas.

5. As persoas que ocupen a Secretaría e as vogalías da Comisión Técnica serán nomeadas e cesadas pola persoa titular da subdirección xeral competente en materia de fomento de estilos de vida saudable e de coordinación das actividades de promoción e educación para a saúde, por proposta da persoa titular do servizo competente na planificación, programación e a xestión das actividades dos programas de promoción de estilos de vida saudables e a difusión da información sobre os mencionados programas. Os nomeamentos realizaranse por un período de tres anos, prorrogable de maneira sucesiva ao finalizar cada trienio.

6. Na súa composición procurarase o respecto ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes. Do mesmo xeito, as suplencias ou substitucións das persoas que formen parte do Comisión Técnica seguirán igual principio.

Artigo 6. Funcións da Presidencia da Comisión Técnica

Son funcións da Presidencia da Comisión Técnica:

a) Dirixir, promover e coordinar a actuación da Comisión Técnica.

b) Desempeñar a representación institucional da Comisión Técnica.

c) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día das sesións, tendo en conta as propostas e peticións formuladas polos seus membros.

d) Convocar e presidir as sesións da Comisión Técnica, moderar o desenvolvemento dos debates, suspendelos por causas xustificadas e dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

e) Aprobar o calendario de reunións.

f) Dar o visto e prace das actas e certificacións dos acordos da Comisión Técnica.

g) Solicitar, en nome da Comisión Técnica, a colaboración que considere necesaria a institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como dispor o necesario para levar a cabo as formas de participación previstas no artigo 5 desta orde.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a da Comisión Técnica.

Artigo 7. Funcións da Secretaría da Comisión Técnica

1. Correspóndelle á Secretaría da Comisión Técnica:

a) Asistir ás sesións da Comisión Técnica con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións por orde da Presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación entre a Comisión Técnica e os seus membros, así como recibir e cursar as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións da Comisión Técnica.

e) Expedir as certificacións das consultas, acordos aprobados ou, de ser o caso, ditames e informes emitidos, de conformidade co acordado pola Comisión Técnica.

f) Custodiar e arquivar as actas, resolucións, informes, ditames, propostas e documentación da Comisión Técnica.

g) Elaborar unha memoria anual que recolla todas as actividades desenvolvidas pola Comisión Técnica, que deberá ser entregada á Presidencia da Comisión Técnica previamente á súa aprobación por ela.

h) Cantas outras funcións sexan inherentes á condición da Secretaría.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, as súas funcións serán exercidas por outra persoa designada pola Presidencia.

Artigo 8. Causas de cesamento e substitución dos membros da Comisión Técnica

1. Serán causas de cesamento das persoas que ocupen as vogalías as seguintes:

a) O transcurso do tempo para o cal foi realizado o seu nomeamento.

b) A renuncia expresa presentada por escrito ante a Presidencia da Comisión Técnica.

c) A non asistencia, sen causa xustificada, a máis da metade das reunións do ano anterior.

d) Calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

2. Cando unha das persoas que ocupen as vogalías e a Secretaría da Comisión Técnica cese por algunha das causas indicadas anteriormente, procederase á designación dun novo membro na forma establecida no artigo 5.5 desta orde.

Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que ocupe o cargo da Presidencia será substituída polo membro do órgano colexiado de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, entre os seus compoñentes. No caso da persoa que actúe como secretario/a, as funcións serán exercidas por outra persoa designada pola Presidencia, e, no caso dos membros titulares do órgano colexiado, estes serán substituídos polos seus suplentes, se os houber.

Artigo 9. Dereitos e obrigas dos membros da Comisión Técnica

1. Os membros da Comisión Técnica terán os seguintes dereitos:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estarán á disposición dos membros coa referida antelación.

Para que as propostas e peticións formuladas polos membros do Comisión Técnica se incorporen á orde do día, será necesario que estas sexan enviadas á Secretaría antes de que se produza a convocatoria correspondente, para que se poidan pór á disposición no prazo establecido.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido deste e os motivos que o xustifican.

d) Propor liñas de traballo.

e) Participar na rolda de intervencións.

f) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

2. Os membros da Comisión Técnica terán as seguintes obrigas:

a) Asistir ás sesións ás cales foron convocados e participar nos seus debates.

b) Adecuar a súa conduta ás disposicións contidas nesta orde e ás previsións do regulamento de organización e funcionamento que, no seu desenvolvemento, aprobe o Pleno da Comisión Técnica.

c) Manter a debida reserva e confidencialidade da información e documentación en relación coas actuacións e informacións que se traten na Comisión Técnica. As persoas que integren a Comisión Técnica, mesmo despois do cesamento no seu cargo, así como as persoas que asisten ás súas reunións, deberán gardar o segredo da información de carácter confidencial que nel se trate, e estarán obrigadas a gardar reserva de todos os datos que coñezan como consecuencia do exercicio dese cargo ou da asistencia ás súas reunións.

Artigo 10. Funcionamento da Comisión Técnica

1. A Comisión Técnica funcionará en pleno, sen prexuízo de que se poida acordar a creación de subcomisións ou grupos de traballo para o estudo de temas concretos.

2. Para aspectos técnicos concretos que requiran dun coñecemento ou perfil técnico especializados, e logo de acordo adoptado en pleno, a Comisión Técnica poderá:

a) Dispor da participación puntual de persoal asesor especialista alleo. A designación acoutará a materia e a duración da participación.

b) Constituír os grupos de traballo específicos que considere necesarios para a consecución dos obxectivos. De forma específica, a Comisión Técnica buscará asesoramento en materia de igualdade de xénero co fin de aplicar con maior efectividade os principios de igualdade na Administración. No acordo de constitución faranse constar a composición, as funcións e as finalidades da subcomisión ou grupo de traballo.

Na participación nas reunións da Comisión Técnica, ou dos grupos de traballo, as persoas expertas disporán de voz pero non de voto.

3. O Pleno da Comisión Técnica reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ao ano. As sesións extraordinarias serán convocadas pola Presidencia, por propia iniciativa ou por proposta da maioría simple dos membros do Pleno. Ambos os dous tipos de sesións se poden desenvolver de forma telemática cos mesmos requisitos de validez e efectos que as reunións presenciais.

4. O Pleno quedará constituído en primeira convocatoria coa presenza da maioría absoluta dos seus membros. De non se acadar este quórum, o Pleno poderase constituír en segunda convocatoria, media hora máis tarde da primeira, coa asistencia de dúas quintas partes dos seus membros. Nos dous casos é indispensable a presenza das persoas que ocupan a Presidencia e a Secretaría ou, de ser o caso, da persoa que as substitúa.

5. Non poderán ser obxecto de deliberación nin acordo os asuntos que non figuren incluídos na orde do día correspondente á sesión, agás que, presentes todos os membros da Comisión Técnica, acorden a declaración de urxencia do asunto co voto favorable da maioría.

6. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos. En caso de empate, a Presidencia decidirá co seu voto de calidade.

7. De cada sesión elaborarase a correspondente acta, que será asinada pola persoa titular da Secretaría e contará co visto e prace da Presidencia. Na acta faranse constar, como mínimo, a relación de asistentes, o lugar, a data e a hora da sesión, asuntos da orde do día, principais intervencións, resultados das votacións e os acordos adoptados. A acta remitiráselles aos membros da Comisión Técnica xunto coa convocatoria e a orde do día da seguinte sesión, para os efectos da súa aprobación, se procede, sen prexuízo do disposto no artigo 20.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

8. Os acordos ou propostas xurídicas no seo da Comisión Técnica serán comunicados á persoa titular do servizo competente na planificación, programación e a xestión das actividades dos programas de promoción de estilos de vida saudables e a difusión da información sobre os mencionados programas.

Artigo 11. Uso de medios electrónicos

1. De conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro:

a) A Comisión Técnica poderá constituírse e adoptar acordos a distancia utilizando medios electrónicos, respectando os trámites esenciais establecidos nos artigos 17 e 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

b) As convocatorias ás reunións da Comisión Técnica poderán efectuarse por medio de correo electrónico sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 21.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

c) Nas sesións que realice a distancia a Comisión Técnica, os seus membros poderán encontrarse en distintos lugares coa condición de que se asegure por medios electrónicos –considerándose tamén tales os telefónicos e audiovisuais– a identidade dos membros ou persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

2. As notificacións no marco da intervención da Comisión Técnica poderán facerse por medios electrónicos, de maneira que se acrediten a data e a hora en que se produza a posta á disposición das entidades ou persoas interesadas da notificación realizada, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá efectuada para todos os efectos legais.

Artigo 12. Tratamento de datos de carácter persoal

O tratamento dos datos de carácter persoal que se realice como consecuencia do desenvolvemento e aplicación desta norma efectuarase de acordo co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e o resto da normativa que resulte de aplicación.

A subdirección xeral competente en materia de fomento de estilos de vida saudable e a coordinación das actividades de promoción e educación para a saúde, ou persoa en quen delegue, en coordinación coa unidade responsable da seguridade da información na consellería competente en materia de sanidade, adoptará as medidas de seguridade que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade, seguridade e integridade dos datos, velando por que o uso destes teña unha finalidade estritamente sanitaria e se axuste ao disposto na normativa europea e estatal na materia.

Artigo 13. Réxime supletorio

A Comisión Técnica rexerase polos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e polas normas que se poidan aprobar de orde interna.

Disposición adicional única. Crédito orzamentario

O funcionamento da Comisión Técnica, de conformidade co regulado nesta orde, non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade