DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 2024 Páx. 16085

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que consonte co que establece a Orde do 21 de decembro de 2023, amplíase ao período abranguido entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2024 a aplicación da minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia establecida na Orde do 30 de agosto de 2022, así como as aplicables nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na Área de transporte metropolitano de Vigo, e nos ferroviarios integrados na Área de transporte metropolitano de Ferrol.

O 28 de decembro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de decembro da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (CIM) pola que se dá continuidade durante o mes de xaneiro de 2024 á minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia e establecida na Orde do 30 de agosto de 2022.

A disposición derradeira segunda da referida Orde da CIM do 21 de decembro de 2023 establece que no suposto de que por parte da Administración xeral do Estado se manteña unha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transporte público poderase acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais. De feito, mediante a Resolución do 23 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro) ampliouse o dito prazo de aplicación ao mes de febreiro.

Igualmente, a disposición derradeira segunda desta orde habilita tamén a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a extensión da minoración que establece esta orde a aqueles outros modos de transporte integrados en áreas de transporte metropolitano que comparten tráficos con servizos públicos de transporte interurbano por estrada, como os servizos de transporte marítimo na ría de Vigo ou os servizos ferroviarios na ATM de Ferrol. Extensión que tamén se acordou para o mes de febreiro mediante a Resolución do 23 de xaneiro.

Neste sentido, o 28 de decembro de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, polo que se adoptan medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo, así como para paliar os efectos da seca. Este real decreto lei permite bonificar o 30 % do prezo do transporte urbano e interurbano de competencia municipal ou autonómica para aqueles concellos e comunidades que acorden unha bonificación adicional do 20 %.

Posteriormente, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible adoptou a Orde ministerial do 23 de xaneiro de 2024 sobre as axudas directas ao transporte de viaxeiros do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, e publicouna na sede electrónica do indicado ministerio. Esta orde ministerial establece un procedemento de repartición análogo ao acordado con base no Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño.

Polo tanto, tendo acordado xa a Orde da CIM do 30 de agosto de 2022 a aplicación dunha minoración adicional do 50 %, e aplicándose esta bonificación ininterrompidamente desde o 1 de setembro de 2022 ata a actualidade, a nova liña de axudas que fixa o Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, estímase análoga, para estes efectos, á actuación promovida a través da anterior normativa e na Orde CIM do 21 de decembro de 2023.

Aínda que non estea concluído o procedemento que regulan o Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, e a citada Orde ministerial do 23 de xaneiro de 2024 e, por tanto, non estea confirmado o importe exacto que lle corresponderá á Comunidade Autónoma de Galicia respecto desta achega estatal, a súa analoxía coa regulación previa permite considerar que concorren as condicións de continuidade da medida estatal a que fai referencia a disposición derradeira segunda da Orde da CIM do 21 de decembro de 2023, continuidade que consonte co real decreto lei citado procede estender ata o 31 de decembro de 2024.

Igualmente, tendo en conta a habilitación que establece a disposición derradeira primeira da Orde do 21 de decembro de 2023, ao se manter as condicións que xustificaron a súa aprobación, procede manter durante ese mesmo período de 2024 a aplicación desta minoración adicional nos servizos regulares de transporte marítimo da Área de transporte metropolitano (ATM) de Vigo, e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

Á vista do exposto, e seguindo a súa liña de actuación, a Comunidade Autónoma de Galicia ten a vontade de adherirse ao citado sistema de axudas e proceder a ampliar o ámbito temporal da minoración das tarifas bonificadas ao período abranguido entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2024.

O financiamento desta minoración adicional realizarase con cargo inicialmente a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da aplicación 2024.08.02.512A.470.1 e, en canto ao transporte ferroviario integrado na ATM de Ferrol, na aplicación 2024.08.02.512A.403.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024.

De conformidade co exposto, considérase conveniente manter durante o período abranguido entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2024 a minoración de carácter adicional e temporal acordada pola Orde da CIM do 30 de agosto de 2022, cumpridos os trámites administrativos e contables oportunos,

RESOLVO:

1. Ampliar ao período abranguido entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2024 a aplicación da minoración adicional e temporal das tarifas bonificadas dos servizos públicos de transporte regular de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia acordada pola Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 21 de decembro de 2023.

2. Aplicar durante o mesmo período indicado no punto anterior, nos servizos regulares de transporte marítimo integrados na ATM de Vigo, e nos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol, as minoracións acordadas pola Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 21 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade