DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 29 de febreiro de 2024 Páx. 16347

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 2 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico As Louseiras e ás súas infraestruturas de evacuación, sito nos concellos de Meira e A Pastoriza, promovido por Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U. (IN408A 2019/014).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 2 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico As Louseiras e as súas infraestruturas de evacuación,

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, propón o seguinte: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o orzamento de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración, da cal se propón que o 40  % corresponderá á fase de obras e o 60  % á de desmantelamento do parque eólico.» Proponse a cantidade de 283.310 euros, dos cales 169.986 corresponden á fase de obras e 113.324 á de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 9.11.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo ao punto 4.1.2 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberalle achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, o acordo previo favorable da autoridade nacional de supervisión civil, en coordinación co órgano competente do Ministerio de Defensa, de acordo co disposto no artigo 15 do Real decreto 369/2023, do 16 de maio, polo que se regulan as servidumes aeronáuticas de protección da navegación aérea.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación, sen prexuízo do disposto no artigo 28 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación deberán cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 9.11.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 15.3.2019 Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico As Louseiras, sito nos concellos de Meira e A Pastoriza (Lugo).

2. O 18.6.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 19.6.2019 o promotor achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

3. O 2.10.2020 o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

4. O 14.7.2021 o promotor presentou o permiso de acceso na subestación Xove 400 kV e achegou o documento de Red Eléctrica de España do 13.4.2021.

5 O 28.1.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

6. O 2.3.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, en que se indica: «conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

7. O 26.7.2022, Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para a autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación do proxecto do parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente na redución do número de aeroxeradores, que pasan de 6 a 4, co que se reduce a potencia total, modifican a poligonal e relocalizan a subestación. O 3.11.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

8. O 3.11.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

9. O 28.11.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, en que se indica: «de acordo co establecido na disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitado para a modificación substancial do parque eólico será de 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa). Neste caso, resulta: 5 x (122,50+75) = 992,50 m» e conclúe «as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 992,50 m a núcleos de poboación».

10. O 27.12.2022 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico As Louseiras á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo, actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

11. Mediante o Acordo do 1 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico As Louseiras, nos concellos da Pastoriza e Meira (expediente IN408A 2019/014).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 15.2.2023 (DOG núm. 32). Así mesmo, permaneceu exposto ao público e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública e remitiuse para a súa publicación nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Pastoriza e Meira). Ademais, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

12. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Ministerio de Fomento, Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Deputación Provincial de Lugo, Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD), Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., concellos de Meira e A Pastoriza, Telefónica España, S.A., Orange España Comunicaciones Fijas, S.L., Vodafone e Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica Galicia Costa o 7.3.2023, Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 26.6.2023, Deputación de Lugo o 18.5.2023, Retegal, S.A. o 27.3.2023, Telefónica España, S.A. o 10.5.2023, Orange España Comunicaciones Fijas, S.L. o 11.5.2023, Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD) o 3.3.2023 e o 17.5.2023, e Orange España Comunicaciones Fijas, S.L. o 11.5.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

13. O 28.3.2023 o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico As Louseiras (IN408A/2019/014), promovido por Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U. e mediante a Resolución do 28 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se declara a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico As Louseiras (IN408A 2019/014), promovido por Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

14. Con data do 6.11.2023 a xefatura territorial remitiulle o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

15. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, concellos de Meira e da Pastoriza, Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

Formalizada a tramitación ambiental, o 9.11.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 10 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 223, do 23 de novembro).

16. O 13.11.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

17. O 22.12.2023 a empresa deu resposta a parte do requirimento mencionado no antecedente de feito anterior cunha declaración responsable en que «Declara que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico As Louseiras non modifica as afecciones xa sometidas a informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar unhas novas».

18. O 9.1.2024 a empresa achegou os proxectos de execución refundidos denominados Proxecto de execución do parque eólico As Louseiras nos termos municipais da Pastoriza e Meira (Lugo), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 4.1.2024 e visado polo Coemne o 9.1.2024 (número de folio 01 e número de asento 009) e Proxecto técnico LAT 132 kV evacuación do parque eólico As Louseiras, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez o 19.10.2023 e o shape final, en que se recolle a configuración final do parque incorporando os cambios como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública e que se recollen na DIA do 9.11.2023, con eliminación dun aeroxerador, que pasan de 4 a 3.

19. O 10.1.2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, un acordo vinculante co uso compartido das infraestruturas de evacuación. O 25.1.2024 o promotor achegou o citado documento.

20. O 11.1.2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Lugo un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, e achegou como documentación os proxectos mencionados no antecedente de feito décimo oitavo.

21. O 19.1.2024 o promotor achega documentación complementaria dos proxectos de execución refundidos denominados Proxecto de execución do parque eólico As Louseiras nos termos municipais da Pastoriza e Meira (Lugo), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 17.1.2024 e visado polo Colexio Oficial de Minas do Noroeste o 18.1.2024 (número de folio 02 e número de asento 013) e Proxecto técnico LAT 132 kV evacuación do parque eólico As Louseiras, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez o 19.10.2023 e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense o 5.12.2023 (número de visado V230715).

22. O 19.1.2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do punto anterior á Xefatura Territorial de Lugo para a remisión pola súa parte do novo informe de instalacións.

23. O 19.1.2024 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre os proxectos refundidos do parque eólico do antecedente de feito vixésimo primeiro.

24. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27 MW, segundo o informe do xestor da rede do 13.4.2021 e do 18.6.2022.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais