DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 29 de febreiro de 2024 Páx. 16325

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico As Louseiras e ás súas infraestruturas de evacuación, sito nos concellos de Meira e A Pastoriza, promovido por Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U. (IN408A/2019/014).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico As Louseiras e as súas infraestruturas de evacuación (en adiante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 15.3.2019, Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico As Louseiras, sito nos concellos de Meira e A Pastoriza (Lugo).

Segundo. O 18.6.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 19.6.2019 o promotor achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. O 2.10.2020 o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico.

Cuarto. O 14.7.2021 o promotor presentou o permiso de acceso na subestación Xove 400 kV e achegou o documento de Red Eléctrica de España do 13.4.2021.

Quinto. O 28.1.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

Sexto. O 2.3.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, en que se indica: «conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

Sétimo. O 26.7.2022, Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para a autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación do proxecto do parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente na redución do número de aeroxeradores, que pasan de 6 a 4, co que se reduce a potencia total, modifican a poligonal e relocalizan a subestación. O 3.11.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Oitavo. O 3.11.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

Noveno. O 28.11.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, en que se indica: «de acordo co establecido na disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a distancia mínima a núcleos rurais, urbanos e urbanizables delimitado para a modificación substancial do parque eólico será de 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa). Neste caso, resulta: 5 x (122,50+75) = 992,50 m» e conclúe «as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 992,50 m a núcleos de poboación».

Décimo. O 27.12.2022 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico As Louseiras á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo, actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. Mediante o Acordo do 1 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico As Louseiras, nos concellos da Pastoriza e Meira (expediente IN408A 2019/014).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 15.2.2023 (DOG núm. 32). Así mesmo, permaneceu exposto ao público e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiu os correspondentes certificados de exposición pública, e remitiuse para a súa publicación nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Pastoriza e Meira). Ademais, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo segundo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Ministerio de Fomento, Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Deputación Provincial de Lugo, Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD), Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., concellos de Meira e A Pastoriza, Telefónica España, S.A., Orange España Comunicaciones Fijas, S.L., Vodafone e Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica Galicia Costa o 7.3.2023, Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 26.6.2023, Deputación de Lugo o 18.5.2023, Retegal, S.A. o 27.3.2023, Telefónica España, S.A. o 10.5.2023, Orange España Comunicaciones Fijas, S.L. o 11.5.2023, Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD) o 3.3.2023 e o 17.5.2023, e Orange España Comunicaciones Fijas, S.L. o 11.5.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. O 28.3.2023 o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico As Louseiras (IN408A 2019/014), promovido por Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U. e mediante a Resolución do 28 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se declara a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico As Louseiras (IN408A 2019/014), promovido por Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo cuarto. Con data do 6.11.2023 a Xefatura Territorial remitiulle o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo quinto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, concellos de Meira e da Pastoriza, Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

Formalizada a tramitación ambiental, o 9.11.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 10 de novembro de 2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 223, do 23 de novembro).

Décimo sexto. O 13.11.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo sétimo. O 22.12.2023 a empresa deu resposta a parte do requirimento mencionado no antecedente de feito anterior cunha declaración responsable en que «Declara que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico As Louseiras non modifica as afecciones xa sometidas a informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar unhas novas».

Décimo oitavo. O 9.1.2024 a empresa achegou os proxectos de execución refundidos denominados Proxecto de execución do parque eólico As Louseiras nos termos municipais da Pastoriza e Meira (Lugo), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 4.1.2024 e visado polo COEMNE o 9.1.2024 (núm. de folio 01 e núm. de asento 009) e Proxecto técnico LAT 132 kV evacuación do parque eólico As Louseiras, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez o 19.10.2023 e o shape final en que se recolle a configuración final do parque incorporando os cambios como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública e que se recollen na DIA do 9.11.2023, con eliminación dun aeroxerador, que pasan de 4 a 3.

Décimo noveno. O 10.1.2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, un acordo vinculante co uso compartido das infraestruturas de evacuación. O 25.1.2024 o promotor achegou o citado documento.

Vixésimo. O 11.1.2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Lugo un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, e achegou como documentación os proxectos mencionados no antecedente de feito décimo oitavo.

Vixésimo primeiro. O 19.1.2024 o promotor achega documentación complementaria dos proxectos de execución refundidos denominados Proxecto de execución do parque eólico As Louseiras nos termos municipais da Pastoriza e Meira (Lugo), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 17.1.2024 e visado polo Colexio Oficial de Minas do Noroeste o 18.1.2024 (núm. de folio 02 e núm. de asento 013) e Proxecto técnico LAT 132 kV evacuación do parque eólico As Louseiras, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez o 19.10.2023 e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense o 5.12.2023 (número de visado V230715).

Vixésimo segundo. O 19.1.2024 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do punto anterior á Xefatura Territorial de Lugo para a remisión pola súa parte do novo informe de instalacións.

Vixésimo terceiro. O 19.1.2024 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre os proxectos refundidos do parque eólico do antecedente de feito vixésimo primeiro.

Vixésimo cuarto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27 MW, segundo o informe do xestor da rede do 13.4.2021 e 18.6.2022.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación) (DOG núm. 126, do 4 de xullo); no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 25.1.2024 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recollen as respostas a elas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«1. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “fraccionamento” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental (punto 7.6. Análise dos efectos sinérxicos) cunha zona de estudo nun raio de 15 km dos parques eólicos en execución ou tramitación situadas na súa contorna).

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita sentenza do 11 de decembro de 2013, “non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se deberá perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, o que reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009, remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico As Louseiras comparte liña de evacuación con outros promotores, o que non impide que teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 9.11.2023, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico, a Dirección Xeral de Defensa do Monte, a Dirección Xeral de Ordenación Forestal, a Deputación de Lugo e a Sociedade de Historia Natural.

3. No que respecta ás distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 28.11.2022 recóllese que: “Comprobados os planeamentos vixentes no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal da Pastoriza do 9.8.2013 e Plan xeral de ordenación urbana de Meira, modificado puntualmente para a delimitación dos núcleos rurais Riocabo, A Pena, A Valiña, Paredes e Irimia Alta) e as coordenadas dos 4 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 992,50 m a núcleos de poboación”.

3. En relación coas afeccións a elementos arqueolóxicos do patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 23.10.2023 un informe desfavorable para a “posición do aeroxerador AE4 e as súas vías de acceso, polo que se debe buscar outra localización na aliñación do resto dos aeroxeradores que non supoña atravesar a Vía Rexia de peregrinación e de xeito que non haxa aeroxeradores a ambos os lados deste camiño. Sobre o resto das infraestruturas do parque eólico emítese informe de xeito favorable coa adopción das medidas correctoras establecidas”. En resposta a este informe o promotor presenta escrito o 26.10.2023, no cal acepta o contido do informe para non atrasar a obtención da declaración de impacto ambiental do proxecto e sinala que eliminará a posición AE4 xunto coa súa vía de acceso. A este mesmo respecto, na DIA emitida en data 9.11.2023 confirmase o dito cambio, de xeito que se eliminará o aeroxerador mencionado.

4. En relación coa afección ao medio hídrico, recóllese informe da demarcación hidrográfica afectada polo proxecto:

– A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) emitiu un informe favorable condicionado o 1.6.2023, en que establecía as cuestións que había que considerar antes da execución do proxecto.

– Augas de Galicia emite un informe o 7.3.2023 en que indica que, á vista da documentación achegada, tendo en conta a localización das instalacións proxectadas sobre as cales se solicita informe, constátase que as ditas instalacións non se atopan dentro do ámbito territorial da demarcación hidrográfica Galicia Costa, definida no artigo 6 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, polo que non procede a emisión de informe por parte deste organismo.

– A Confederación Hidrográfica do Cantábrico emitiu un informe favorable condicionado o 8.6.2023 en que establecía as cuestións que se debían considerar antes da execución do proxecto.

5. Con respecto á posible vulneración das normas de conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no seu informe acerca do estudo de impacto ambiental do Proxecto do parque eólico As Louseiras e a súa Infraestrutura eléctrica de evacuación, e da addenda a este, de data 6.10.2023, di: “Á vista dos antecedentes e da análise da documentación presentada, considérase que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, ao ser compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade. Por tanto, emítese informe favorable, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e que se teñan en conta as consideracións indicadas”.

En relación cos efectos sinérxicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural analiza e valora os posibles efectos acumulativos e sinérxicos do parque a raíz da confluencia na mesma área de desenvolvemento eólico (ADE) de máis instalacións eólicas. Segundo a análise da documentación presentada, esta dirección xeral conclúe que o presente proxecto analizado se sitúa nunha contorna onde se considera que o aumento de densidade de aeroxeradores non producirá efectos sinérxicos incompatibles.

6. No que respecta aos posibles prexuízos significativos e incompatibles coa paisaxe e co turismo e as posibles afeccións paisaxísticas, no expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio (IET) de datas 4.5.2023 e 2.10.2023, en relación co impacto e integración paisaxística, en que se conclúe que o proxecto provocará un impacto paisaxístico derivado da intrusión visual que producirán as infraestruturas do parque, principalmente os aeroxeradores, e aínda que non é viable ocultar ou apantallar estes desde a maioría dos puntos de observación (agás nos núcleos rurais), esta incidencia visual non supón (para os efectos do artigo 33.1.d) do RLPPG) un impacto crítico.

7. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu informe o 1.3.2023: “tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas (de mantemento permanente do acceso dos medios dos servizos de prevención de incendios forestais aos puntos de carga de auga e resto de infraestruturas de incendios forestais), emítese informe favorable á realización do parque eólico As Louseiras, situado nos concellos da Pastoriza e Meira, na provincia de Lugo”.

8. No que respecta ás posibles afeccións á saúde humana e ao benestar derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Saúde Pública emitiu informe favorable o 15.3.2023, sen prexuízo do cumprimento das consideracións recollidas no informe.

9. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal emitiu con data do 28.3.2023 informe favorable tendo en conta as condicións indicadas.

10. Así mesmo, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

11. Con respecto ao tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico, é preciso indicar que esta acreditou a capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009.

12. No que respecta ás alegacións relativas ás afeccións derivadas das distancias previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a promotora deberá cumprir coas prescricións da dita lei que resulten de aplicación.

13. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

14. Os estudos de colisión e electrocución da avifauna forman parte do estudo de impacto ambiental, sometido a IP. Ao respecto dos principais informes sectoriais que deberían ser obxecto de información pública e non o foron, o artigo 6 da Directiva 2011/92/UE, tal e como recolle a Sentenza 1768/2023, ditada polo TS en recurso de casación 3303/2022, non impón expresamente que o trámite de consultas ás autoridades se realice antes da información pública para incluír nel a información que naquelas se obteña. Polo tanto, a dita solicitude non pode ser atendida, por no existir obriga de obter informes con carácter previo á información pública e, polo tanto, non dispor deles nese momento do procedemento.

15. Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, cómpre expor que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

16. Respecto á ausencia de xustificación da necesidade do proxecto eólico, tal afirmación, ademais de subxectiva e inxustificada, carece de calquera fundamento legal, especialmente nun contorno como o actual en que a Unión Europea é clara en cuanto á necesidade de alcanzar a independencia enerxética da Unión a través do desenvolvemento de enerxías limpas que contribúen a frear o cambio climático e á protección do ambiente. Só é precisa unha lectura das recomendacións da Directiva 2018/2001, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, como da Comunicación da Comisión REPowerEU: acción conxunta para unha enerxía máis accesible, segura e sostible, do 8 de marzo de 2022 (Plan REPowerEU), páxina 4|27. En desenvolvemento do anterior, o recente Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías, que na súa exposición de motivos declara que busca “adoptar medidas inmediatas e temporais adicionais para acelerar o despregamento de fontes de enerxía renovables, en particular mediante medidas específicas que sexan capaces de acelerar a curto prazo o ritmo de despregamento das enerxías renovables na Unión, precisamente tendo en conta o contexto xerado pola Guerra de Rusia contra Ucraína, e co fin de facer fronte á exposición dos consumidores e as empresas europeos a uns prezos elevados e volátiles que están ocasionando dificultades económicas e sociais, de facilitar a necesaria redución da demanda de enerxía substituíndo a subministración de gas natural por enerxía procedente de fontes renovables e aumentar a seguridade de subministración”. Pois ben, dando continuidade á sinalada política, a recente Directiva (UE) 2023/2413 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de outubro, elimina o carácter temporal e excepcional das anteriores medidas, e recoñece o interese prioritario do desenvolvemento de enerxías renovables ata que a Unión Europea alcance a neutralidade climática. Estas políticas foron xa traspostas ao ordenamento español través do Real decreto lei 20/2022, do 27 de decembro.

17. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

18. En relación cos defectos de tramitación pola falta de posta á disposición de todos os informes preceptivos emitidos polos organismos (trámite que, segundo se desprende dos escritos de denuncia o denunciante considera que se debe producir antes do trámite de información pública), cómpre sinalar que esta cuestión foi resolta recentemente pola Sala do Contencioso-Administrativo (Sección 5ª) do Tribunal Supremo na súa sentenza do 21.12.2023 (recurso de casación núm. 3303/2022), na cal, rectificando a interpretación da normativa comunitaria e estatal realizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na súa sentenza do 21.1.2022 (que casa e anula), establece o seguinte criterio interpretativo no fundamento de dereito sétimo: “A Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o ambiente, modificada pola Directiva 2014/52/UE, e a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, non impoñen que no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria de proxectos antes da información pública se deba realizar o trámite de consultas ás autoridades (...)”.

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 9.11.2023, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 24/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan nas vías administrativa e xudicial fronte ao acto polo cal se autoriza o proxecto».

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico As Louseiras, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 9.11.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a declaración de impacto ambiental nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico As Louseiras.

Nos epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do Programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

Propón:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico As Louseiras, sito nos concellos de Meira e A Pastoriza (Lugo), promovido por Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U., para unha potencia de 19,8 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico As Louseiras, composto polos documentos:

1. Proxecto de execución do parque eólico As Louseiras nos termos municipais da Pastoriza e Meira (Lugo), asinado pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez o 17.1.2024 e visado polo Colexio Oficial de Minas do Noroeste o 18.1.2024 (núm. de folio 02 e núm. de asento 013).

2. Proxecto técnico LAT 132 kV evacuación do parque eólico As Louseiras, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez o 19.10.2023 e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense o 5.12.2023 (número de visado V230715).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U.

Domicilio social: praza María Pita, núm. 10 1º, A Coruña.

Denominación: parque eólico As Louseiras.

Potencia instalada: 19,8 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 19,8 MW.

Produción neta: 69.070 GWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.488 h.

Concellos afectados: A Pastoriza e Meira (Lugo).

Orzamento de execución material (sen IVE): 16.189.139,77 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice
poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

639.876,00

4.791.849,00

2

640.450,00

4.791.690,00

3

641.575,00

4.790.790,00

4

641.630,00

4.789.365,00

5

641.190,00

4.788.725,00

6

640.475,00

4.788.737,00

7

639.876,00

4.789.230,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE 01

641.165,00

4.790.525,00

AE 02

640.868,00

4.789.760,00

AE 03

640.928,00

4.789.369,00

Coordenadas da envolvente da subestación:

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

CT/SUB

640.497,00

4.789.451,00

P01

640.527,00

4.789.474,00

P02

640.527,00

4.789.455,00

P03

640.518,00

4.789.455,00

P04

640.518,00

4.789.440,00

P05

640.473,00

4.789.440,00

P06

640.473,00

4.789.463,00

P07

640.484,00

4.789.463,00

P08

640.484,00

4.789.474,00

Coordenadas do pórtico da subestación As Louseiras:

Pórtico

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

As Louseiras

640.478,95

4.789.449,80

As coordenadas do apoio da LAT 132 kV da evacuación do PE As Louseiras:

Apoio

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

AP01

640.429,61

4.789.451,37

AP02

640.222,95

4.789.586,03

AP03

639.996,53

4.789.815,35

AP04

639.770,16

4.790.044,64

AP05

639.351,66

4.790.090,47

Coordenadas da localización do apoio núm. 38 da LAT 132 kV SET PE Ventisca-SET PE Borrasca, onde se realizará o entroncamento coa LAT 132 kV de evacuación do parque eólico As Louseiras:

Apoio

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

núm. 38

639.252,10

4.790.101,38

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• Tres (3) aeroxeradores modelo SG155 6,6 MW de 6,6 MW de potencia unitaria, con 122,5 m de altura de buxa, de 155 m de diámetro de rotor co seu correspondente centro de transformación, instalado no interior do aeroxerador, con potencia de 7.000 kVA e relación de transformación 30/0,69 kV

• Dúas (2) liñas de evacuación da enerxía eléctrica dos aeroxeradores en 30 kV con condutores tipo RHZ1 18/30 kV de 1x240 mm2 en sistema trifásico ata a subestación do parque eólico.

• Unha (1) subestación tipo convencional con 1 transformador de 30/35 MVA ONAN/ONAF 132/30 kV e 3 posicións de liña.

• Liña de evacuación do parque eólico denominada LAT 132 kV de evacuación do parque eólico As Louseiras:

Liña aérea de alta tensión que discorrerá polo termo municipal de Meira e A Pastoriza (Lugo). Lonxitude aproximada de 1.412,34 m, sen incluír o van destensado de conexión á SET PE As Louseiras (49,37 m aprox.).

A orixe da liña sitúase no pórtico metálico situado no interior da subestación do PE As Louseiras (termo municipal de Meira) e o final sitúase no apoio núm. 38 da LAT 132 kV SET PE Ventisca-SET PE Borrasca (termo municipal da Pastoriza). Constará dun simple circuíto de condutor LA-180

• Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, cimentacións, plataformas e gabias de cablaxe.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power As Louseiras, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, propón o seguinte: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o orzamento de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración, da cal se propón que o 40  % corresponderá á fase de obras e o 60  % á de desmantelamento do parque eólico». Proponse a cantidade de 283.310 euros, dos cales 169.986 corresponden á fase de obras e 113.324 á de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental de data 9.11.2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo ao punto 4.1.2 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberalle achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, o acordo previo favorable da autoridade nacional de supervisión civil, en coordinación co órgano competente do Ministerio de Defensa, de acordo co disposto no artigo 15 do Real decreto 369/2023, do 16 de maio, polo que se regulan as servidumes aeronáuticas de protección da navegación aérea.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación, sen prexuízo do disposto no artigo 28 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación deberán cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 9.11.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais