DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 29 de febreiro de 2024 Páx. 16317

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 2 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Carballal, sito no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (IN408A 2018/016).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 2 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Carballal,

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, propón o seguinte: «proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o presuposto de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración da cal se propón, que o 40 % corresponderá á fase de obras e o 60 % á de desmantelamento do parque eólico». Proponse a cantidade de 279.961 euros, dos cales 167.977 corresponden á fase de obras e 111.984 á de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental de do 7.11.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e ao Instituto de Estudos do Territorio de acordo cos puntos 4.1.3 e 4.1.6 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, o acordo previo favorable da autoridade nacional de supervisión civil, en coordinación co órgano competente do Ministerio de Defensa, de acordo co disposto no artigo 15 do Real decreto 369/2023, do 16 de maio, polo que se regulan as servidumes aeronáuticas de protección da navegación aérea.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, a contar desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación, sen prexuízo do disposto no artigo 28 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 7.11.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 23.4.2018, Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Carballal, sito no concello da Pastoriza (Lugo).

2. O 24.10.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 13.11.2018, o promotor achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

3. O 19.9.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe ao que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

4. O 27.11.2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, no se indica que «todas as posicións cumpren a distancia mínima de 500 m regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable».

5. O 1.10.2021, o promotor presenta o estudo de impacto ambiental. O 21.3.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriu ao promotor para que emendase a documentación achegada.

6. O 31.8.2023, o promotor presenta documentación complementaria do proxecto de execución, estudo de impacto ambiental e separatas do parque eólico.

7. O 5.9.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Carballal á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

8. Mediante Acordo do 7 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Carballal, no concello da Pastoriza (expediente IN408A 2018/016).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12.9.2022 (DOG nº 173). Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do Concello da Pastoriza e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Deputación Provincial de Lugo, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L., Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., Concello da Pastoriza.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica Galicia Costa o 10.10.2023, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural o 23.10.2023, Deputación Provincial de Lugo o 18.1.2024, Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.) o 19.10.2023, Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. o 26.10.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

10. O 9.3.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Carballal (expediente IN408A/2018/016), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. e por Resolución do 28 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Carballal (nº de expediente IN408A/2018/016), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

11. O 25.10.2023, o promotor achega unha addenda ao estudo de impacto ambiental mencionado no antecedente de feito sexto para dar resposta aos requirimentos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e ao Instituto de Estudos do Territorio.

12. O 2.11.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Concello da Pastoriza, Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cumprida a tramitación ambiental, o 7.11.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 8 de novembro de 2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG nº 221, do 21 de novembro).

14. O 13.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

15. O 22.12.2022, a promotora presentou declaración responsable en que declaraba «que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Carballal non modifica as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar unhas novas». O 9.1.2024, a empresa deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior achegando o proxecto de execución refundido denominado proxecto de execución do parque eólico Carballal, no termo municipal da Pastoriza (Lugo), visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste o 9.1.2024, no que se recolle a configuración final do parque incorporando os cambios consecuencia dos diversos condicionados técnicos e das alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública e que se recolle na DIA do 7.11.2023 e o shape final das infraestruturas, reducindo o número de aeroxeradores de 9 a 3, cambiando o modelo da máquina e eliminando a torre meteorolóxica.

16. O 11.1.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Lugo un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, achegando como documentación o proxecto mencionado no antecedente de feito anterior e o arquivo shape presentados polo promotor o 9.1.2024.

17. O 22.1.2024 o promotor achega documentación complementaria do proxecto de execución refundido denominado proyecto de ejecución del parque eólico Carballal, en el término municipal da Pastoriza (Lugo), asinado pola enxeñeira de Minas, María Moreno Martínez e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste o 18.1.2024.

18. O 22.1.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do punto anterior á Xefatura Territorial de Lugo para a remisión pola súa parte do novo informe de instalacións.

19. O 31.1.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito décimo sétimo.

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 37,8 MW, segundo o informe do xestor da rede do 7.4.2021 e 18.6.2022.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais