DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 29 de febreiro de 2024 Páx. 16299

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Carballal, sito no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (IN408A 2018/016).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Carballal, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 23.4.2018, Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Carballal, sito no concello da Pastoriza (Lugo).

Segundo. O 24.10.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 13.11.2018, o promotor achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. O 19.9.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

Cuarto. O 27.11.2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, no que se indica que «todas as posicións cumpren a distancia mínima de 500 m regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable».

Quinto. O 1.10.2021, o promotor presenta o estudo de impacto ambiental. O 21.3.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriu ao promotor para que emendase a documentación achegada.

Sexto. O 31.8.2023, o promotor presenta documentación complementaria do proxecto de execución, estudo de impacto ambiental e separatas do parque eólico.

Sétimo. O 5.9.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Carballal á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

Oitavo. Mediante Acordo do 7 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Carballal, no concello da Pastoriza (expediente IN408A 2018/016).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12.9.2022 (DOG nº 173). Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do Concello da Pastoriza e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Dirección Xeral de Desenvolvemento do Rural, Deputación Provincial de Lugo, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L., Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., Concello da Pastoriza.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica Galicia Costa o 10.10.2023, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural o 23.10.2023, Deputación Provincial de Lugo o 18.1.2024, Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.) o 19.10.2023, Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. o 26.10.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo. O 9.3.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Carballal (expedienteIN408A 2018/016), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. e por Resolución do 28 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Carballal (nº de expediente IN408A 2018/016), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo primeiro. O 25.10.2023, o promotor achega unha addenda ao estudo de impacto ambiental mencionado no antecedente de feito sexto para dar resposta aos requirimentos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e ao Instituto de Estudos do Territorio.

Décimo segundo. O 2.11.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia deTurismo de Galicia, Concello da Pastoriza, Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cumprida a tramitación ambiental, o 7.11.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 8 de novembro de 2023 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG nº 221, do 21 de novembro).

Décimo cuarto. O 13.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e da alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo quinto. O 22.12.2022, a promotora presentou declaración responsable en que declaraba «que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Carballal non modifica as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar unhas novas». O 9.1.2024, a empresa deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior achegando o proxecto de execución refundido denominado proxecto de execución do parque eólico Carballal, no termo municipal da Pastoriza (Lugo), visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste o 9.1.2024, no que se recolle a configuración final do parque incorporando os cambios consecuencia dos diversos condicionados técnicos e das alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública e que se recolle na DIA do 7.11.2023 e o shape final das infraestruturas, reducindo o número de aeroxeradores de 9 a 3, cambiando o modelo da máquina e eliminando a torre meteorolóxica.

Décimo sexto. O 11.1.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Lugo un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, achegando como documentación o proxecto mencionado no antecedente de feito anterior e o arquivo shape presentados polo promotor o 9.1.2024.

Décimo sétimo. O 22.1.2024, o promotor achega documentación complementaria do proxecto de execución refundido denominado proxecto de execución do parque eólico Carballal, no termo municipal da Pastoriza (Lugo), asinado pola enxeñeira de Minas María Moreno Martínez e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste o 18.1.2024.

Décimo oitavo. O 22.1.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do punto anterior á Xefatura Territorial de Lugo para a remisión pola súa parte do novo informe de instalacións.

Décimo noveno. O 31.1.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito décimo sétimo.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 37,8MW, segundo o informe do xestor da rede do 7.4.2021 e 18.6.2022.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación conforme o Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 113, do 15 de xuño), e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 31.1.2024 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación no cal se recollen as súas respostas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«No que respecta ás alegacións de carácter ambiental cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 9.11.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal, de Saúde Pública e de Desenvolvemento Rural, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, da Sociedade Galega de Historia Natural, da Sociedade Galega de Ornitoloxía e da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia.

1. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas. O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental (anexo VI Estudo de efectos sinérxicos Ed. 3) cunha zona de estudo nun radio de 15 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición final segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido desta por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita sentenza do 11 de decembro de 2013 “non poderá darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente un fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto medioambiental, podería supoñer unha alteración da competencia o unha evitación de maiores exixencias medioambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

2. En relación coa afección ao medio hídrico, Augas de Galicia emitiu informe o 10.10.23, no que establece que: “vista a documentación achegada, tendo en conta a localización das instalacións proxectadas sobre as que se solicita informe, constátase que as ditas instalacións non se atopan dentro do ámbito territorial da demarcación hidrográfica Galicia Costa, definida no artigo 6 da Lei 9/2010, oe 4 de novembro, de augas de Galicia, polo que non procede a emisión de informe por parte de este organismo”.

3. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal emitiu informes o 9.10.23 e o 29.9.23 en que indica que a poligonal do parque eólico e as infraestruturas afectan os montes veciñais en man común MVMC Coto do Castro e Porto do Boi, MVMC Montereda e Corredoira, que contan con senllos convenios coa Administración forestal e tamén a ELENCO 2715699 Coto do Castro e Porto do Boi e ELENCO 2715567 Montareda e Corredoira xestionados pola Administración forestal. O resto da superficie afectada polas instalacións mantén usos forestais, agrarios e gandeiros. As parcelas que presentan cuberta arbórea están dominadas por especies do xénero eucalyptus e pinus. Non existen valores ou formacións forestais relevantes, nin formacións forestais do anexo I da Lei 7/2012, de montes de Galicia, que sexan superiores a 15 Ha; só de xeito illado se presentan pequenas parcelas poboadas por especies de frondosas do anexo I da Lei 7/2012.

No seu informe propón valorar outras opcións que reduzan a afección á superficie clasificada como MVMC e incluída en certificación da xestión forestal sostible por sistemas FSC e PEFC en certificación de secuestro e almacenamento de carbono por sistema FSC.

Inclúe consideracións sobre a posibilidade de firmar un acto de disposición, a necesidade de declaración de prevalencia, sobre as afeccións xestionadas pola Administración e a determinación da superficie ocupada e as distancias de servidume, así como a delimitación das faixas de biomasa de acordo coa Lei 3/2007, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia. Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 14.9.23 no que conclúe: “tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais,…), infórmase favorablemente a realización do parque eólico Carballal, situado no concello da Pastoriza, na provincia de Lugo”.

4. Asemade, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, indicar que non están previstas afeccións ós usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

5. No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27.11.19, recóllese que: “logo comprobar o planeamento vixente no concello da Pastoriza (Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 9.8.2013) e as posicións dos 9 aeroxeradores (AE01 a AE09, coordenadas UTM ETRS 89 Fuso 29 recollidas no punto 2.1.1 da memoria) conclúese que todas as posicións cumpren a distancia mínima de 500 m regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable”.

6. En relación coas alegacións relativas ás afeccións derivadas das distancias previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a promotora deberá cumprir coas prescricións da dita lei que resulten de aplicación. (..).

8. Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública cabe remitirse ás diferentes publicacións do acordo e da documentación obxecto da información pública. DOG número 173, publicado o 12 de setembro de 2023. Así mesmo, o dito acordo e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas no Concello da Pastoriza e na Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo. No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

9. Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico hai que indicar que esta acreditou a capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009, de 22 de decembro.

10. Polo que atinxe á saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como á solicitude de moratoria na autorización de parques cómpre expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

11. Respecto da obrigatoriedade da colexiación para o exercicio da profesión de biólogo, o documento ambiental sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental ordinaria (addenda ao estudo de impacto ambiental do parque eólico Carballal) está redactada por técnicos identificados indicando a súa titulación e o correspondente número de colexiado.

12. Polo que atinxe ás alegacións extemporáneas, de conformidade co artigo 38.3 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, non se terán en conta por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 36 e 37 da devandita lei.

13. En relación coa posta á disposición de todos os informes preceptivos emitidos polos organismos (trámite que, segundo se desprende do escrito de denuncia, o denunciante considera que se debe producir antes do trámite de información pública), cómpre sinalar que esta cuestión foi resolta recentemente pola Sala do Contencioso-Administrativo (sección 5ª) do Tribunal Supremo na súa sentenza do 21.12.2023 (recurso de casación núm. 3303/2022), na que, rectificando a interpretación da normativa comunitaria e estatal realizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na súa sentenza do 21.1.2022 (que casa e anula), establece o seguinte criterio interpretativo no fundamento de dereito sétimo: “a Directiva 2011/92/UE, relativa á avaliación das repercusión de determinados proxectos públicos e privados sobre o ambiente, modificada pola Directiva 2014/52/UE, e a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, non impoñen que, no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria de proxectos, antes da información pública deba realizarse o trámite de consultas ás autoridades (…)”.

14. Polo que atinxe ás solicitudes de acceso aos principais informes sectoriais que deberan ser obxecto de información pública e non foron. A este respecto, o artigo 6 da Directiva 2011/92/UE tal e como recolle a sentenza 1768/2023, ditada polo Tribunal Supremo no recurso de casación 3303/2022, non impón expresamente que no trámite de consultas ás autoridades se realice antes da información pública para incluír nel a información que naquelas se obteña. Polo tanto, a dita solicitude non pode ser atendida, por no existir obriga de obter informes con carácter previo á información pública e, polo tanto, non dispoñer deles nese momento do procedemento. Xa que logo, a falta de posta á disposición dos informes sectoriais no trámite de información pública non constitúe ningún defecto de tramitación. Todo isto sen prexuízo do dereito das persoas e entidades interesadas no procedemento de acceder e a obter copia dos informes mencionados e do resto de información ambiental contida no expediente se así o solicitan».

Polo que atinxe ás alegación presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 7.11.2023, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 24/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto á declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Carballal, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 7.11.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a declaración de impacto ambiental nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Carballal.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Carballal, sito no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 18,75 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Carballal, composto polo documento denominado proxecto de execución do parque eólico Carballal, no termo municipal da Pastoriza (Lugo), asinado pola enxeñeira de Minas María Moreno Martínez e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste o 18.1.2024.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power, S.L.U.

Enderezo social: praza María Pita, nº 10, 1º, 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico Carballal.

Potencia instalada: 18,75 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 18,75 MW.

Produción neta: 63,50 GWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.386 h

Concellos afectados: A Pastoriza (Lugo).

Orzamento de execución material (sen IVE): 15.997.750,55 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

633.810,00

4.799.786,00

2

633.809,00

4.795.217,00

3

633.759,00

4.791.786,00

4

632.108,00

4.791.786,00

5

631.872,00

4.795.028,00

6

632.288,00

4.799.786,00

7

632.769,00

4.799.786,00

8

633.163,00

4.800.144,00

9

633.163,00

4.799.786,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE 07

632.815,00

4.793.416,00

AE 08

632.807,00

4.793.085,00

AE 09

633.043,00

4.792.627,00

Coordenadas da subestación e da súa envolvente:

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET

633.117,00

4.795.303,00

V1

633.098,00

4.795.337,00

2

633.148,00

4.795.323,00

3

633.131,00

4.795.262,00

4

633.091,00

4.795.274,00

5

633.096,00

4.795.291,00

6

633.085,00

4.795.294,00

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

Tres (3) aeroxeradores modelo GOLDWIND 171 de 6,25 MW, de 94,5 m de altura de buxe e 171 m de diámetro de rotor, de 180 m de altura total.

• Tres (3) centros de transformación, instalados no interior da torre de cada un dos aeroxeradores, formados por transformadores de 6.500 kVA de potencia aparente e relación de transformación 0,90/30 kV, celas de media tensión de 30 kV e os correspondentes equipos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

• Rede colectora soterrada, conformada polos cables de evacuación de enerxía a 30 kV con condutores tipo RHZ1-OL 18/30 kV que unen os aeroxeradores entre si e coa subestación colectora do parque.

• Subestación colectora do parque (SET Caraballal), recolle enerxía do parque a 30 kV e elévaa ata 132 kV. Composta por:

– Sistema alta tensión 132 kV, intemperie, configuración simple barra, con tres posicións de liña e unha posición de transformador de potencia.

– Sistema de 30 kV en celas de interior, configuración simple barra con tres posicións de liña, dúas posicións de servizos auxiliares, unha posición de medida de barras e unha posición de protección xeral. Aparellaxe disposta en celas blindadas con illamento SF6.

– Conxunto de transformación formado por un transformador instalado en intemperie, tensións nominais de acordo as normalizadas e potencia de 90/95 MVA ONAN/ONAF.

– Sistema de posta a terra.

– Sistema de control, sistema de proteccións, sistema de servizos auxiliares e instalacións complementarias.

Os equipos de control, protección, comunicacións, servizos auxiliares e celas de 30 kV irán aloxados no edificio construído segundo planos incluídos no proxecto.

Os elementos de 132 kV irán localizados en parque exterior, delimitado por un peche perimetral, formado por postes metálicos e malla de simple torsión con recubrimento plástico.

- Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, cimentacións, plataformas dos aeroxeradores e gabias de cableado.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, propón o seguinte: «proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o presuposto de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración da cal se propón, que o 40 % corresponderá á fase de obras e o 60 % á de desmantelamento do parque eólico». Proponse a cantidade de 279.961 euros, dos cales 167.977 corresponden á fase de obras e 111.984 á de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 7.11.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o Instituto de Estudos do Territorio de acordo cos puntos 4.1.3 e 4.1.6 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, o acordo previo favorable da autoridade nacional de supervisión civil, en coordinación co órgano competente do Ministerio de Defensa, de acordo co disposto no artigo 15 do Real decreto 369/2023, do 16 de maio, polo que se regulan as servidumes aeronáuticas de protección da navegación aérea.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación, sen prexuízo do disposto no artigo 28 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 7.11.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais