DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 29 de febreiro de 2024 Páx. 16365

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monteiro, sito nos concellos de Baralla, Baleira e Becerreá (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (IN408A 2018/034).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monteiro, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 9.8.2018, Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente, proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Monteiro, sito nos concellos de Baralla, Baleira e Becerreá (Lugo).

Segundo. O 17.1.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 23.1.2019, o promotor achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. O 30.9.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

Cuarto. O 17.12.2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Quinto. O 22.7.2020, o promotor presentou o estudo de impacto ambiental.

Sexto. O 8.2.2022, o promotor achegou documentación adicional en resposta a varios requirimentos desta dirección xeral.

Sétimo. O 19.4.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Monteiro á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

Oitavo. Mediante o Acordo do 30 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico), en relación co proxecto do parque eólico Monteiro, nos concellos de Baralla, Baleira e Becerreá (Lugo) (expediente IN408A 2018/034).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 147, do 3 de agosto de 2023. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación e remitiuse para a súa publicación nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Baralla, Baleira e Becerreá). Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Deputación Provincial de Lugo, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L., Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., Concellos de Baleira, Baralla e Becerreá, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Lineox, Telefónica, S.A. e Vodafone España, S.A.U.

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Confederación Hidrográfica Galicia Costa o 29.7.2022, Retevisión-Cellnex Telecom, S.A. o 7.9.2022, Concello de Baleira o 7.9.2022, Deputación de Lugo o 2.8.2022, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural o 19.8.2022, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. o 23.8.2022 e Telefónica, S.A. o 23.9.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo. O 28.3.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monteiro, promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., e pola Resolución do 28 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se declara a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Monteiro (IN408A/2018/034), sito nos concellos de Baralla, Baleira e Becerreá (Lugo) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo primeiro. O 6.10.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo segundo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, concellos de Baleira, Baralla e Becerreá, Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cuberta a tramitación ambiental, o 30.10.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 31 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 216, do 14 de novembro).

Décimo terceiro. O 26.12.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo cuarto. O 9.1.2024, a empresa deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achega o proxecto de execución refundido «Proxecto de execución do parque eólico Monteiro, nos termos municipais de Baralla, Baleira e Becerreá (Lugo)» visado o 8.1.2024 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, en que se recolle a configuración final do parque, se reduce o número de aeroxeradores de 8 a 5, se cambia o modelo da máquina e se elimina a torre meteorolóxica, incorporando así os cambios consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública e que se recolle na DIA do 30.10.2023 e o shape final das infraestruturas, así como unha declaración responsable en que manifesta «as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Monteiro non modifican as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar unhas novas. En concreto, maniféstase que non se modifican as separatas».

Décimo quinto. O 11.1.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Lugo un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución mencionado no antecedente de feito anterior.

Décimo sexto. O 24.1.2024, o promotor achega documentación complementaria do proxecto que substitúe a presentada o 9.1.2024 e citada no antecedente de feito décimo cuarto: «Proxecto de execución do parque eólico Monteiro, nos termos municipais de Baralla, Baleira e Becerreá (Lugo)», asinado 22.1.2024 por María Moreno Martínez, colexiada numero 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, e visado o 22.1.2024.

Décimo sétimo. O 31.1.2024, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito décimo sexto.

Décimo oitavo. O 2.2.2024, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informe de distancias conforme o artigo 33 da Lei 8/2009 nos termos indicados na disposición transitoria sétima, en relación co refundido achegado polo promotor o 24.1.2024, onde se recolle a eliminación de varios aeroxeradores e a relocalización dun deles.

Décimo noveno. O 5.2.2024, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009 onde se conclúe que «e as coordenadas dos 5 aeroxeneradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 33,6 MW, segundo o informe do xestor da rede do 7.4.2021 e 18.6.2022.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente, Consellería de Economía, Industria e Innovación) (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 26.1.2024, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recollen as respostas a elas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 31.10.2023 (publicada o 14.11.2023 no DOG núm. 216) e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal, de Saúde Pública e de Desenvolvemento Rural, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia, da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do Concello de Baleira e da Sociedade Galega de Historia Natural.

2. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I».

O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, «as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «despezamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental, incluído un plano de sinerxias coa situación das infraestruturas próximas ao parque eólico Monteiro. O estudo sobre a fauna realizouse considerando os parques eólicos e liñas eléctricas, tanto instalados como en tramitación, que se encontren a menos de 10 km.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso seu compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo remate, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, na marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define o parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que lle debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo aos superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

3. Polo que atinxe á afección ao medio hídrico, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico emitiu informe o 21.11.2022, en que informa sobre a rede fluvial, zonas inundables e aproveitamentos hídricos e sinala que, aínda que non se prevén afeccións a concesións existentes, existen polo menos dúas en zonas próximas á área do proxecto. Ao concluir indica unha serie de consideracións a ter en conta tanto previas, sobre o estudo de impacto ambiental e outras a ter en conta en relación coa construción de instalacións eléctricas.

Por outra banda, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil emite informe o 2.11.2022, en que sinala unha serie de consideracións sobre posibles afeccións ao dominio público hidráulico, zona de policía de canle pública e servidumes; posibles captacións de augas superficiais e/ou subterráneas; calidade das augas superficiais e/ou subterráneas; zonas protexidas e valores dos ecosistemas ligados a medios hídricos.

O promotor manifestou a súa conformidade co contido dos mencionados informes.

4. En relación coas afeccións a elementos arqueolóxicos do patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe o 21.8.2023, no cal, entre outras cousas, sinala que unicamente se sitúa preto das obras unha mámoa, cun impacto moderado, e que o impacto sobre o Camiño de Santiago (Camiño do Norte, ruta do interior) resulta non significativo, coa configuración definitiva do parque. O informe é favorable, sempre que se cumpran as medidas preventivas, protectoras e correctoras establecidas na documentación, así como as condicións e consideracións indicadas.

5. No caso dos impactos sobre a saúde humana, a Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable, o 26.1.2023, sobre o proxecto, tras realizar unha avaliación del desde os seguintes puntos de vista: caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos potenciais perigos e identificación das posibles vías de exposición.

6. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal emitiu o 17.11.2022 informe favorable condicionado, e sinala os montes en convenio que se atopan dentro da poligonal e lembra que, no caso de cambio de clasificación, prevalecen sempre as condicións de uso máis restritivas.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 3.11.2022 en que conclúe: «tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais,…), emítese informe favorable sobre a realización do parque eólico Monteiro, situado nos concellos de Baralla, Baleira e Becerreá na provincia de Lugo».

7. Así mesmo, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable (...).

9. Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ás diferentes publicacións do acordo e da documentación obxecto da información pública no DOG núm. 147, publicado o 3 de agosto de 2022. No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

10. En relación coa solicitude de acceso ao programa de vixilancia ambiental, indicar que a dita información forma parte do estudo de impacto ambiental, sometido a IP (DOG num. 147, do 3 de agosto de 2022).

11. Polo que atinxe ás solicitudes de acceso aos principais informes sectoriais que deberan ser obxecto de información pública e non foron, a este respecto o artigo 6 da Directiva 2011/92/UE, tal e como recolle a Sentenza 1768/2023, ditada polo TS en recurso de casación 3303/2022, non impón expresamente que no trámite de consultas ás autoridades se realice antes da información pública para incluír nel a información que naquelas se obteña. Polo tanto, a dita solicitude non pode ser atendida, por no existir obriga de obter informes con carácter previo á información pública e, polo tanto, non dispoñer deles nese momento do procedemento.

Xa que logo, a falta de posta á disposición dos informes sectoriais no trámite de información pública non constitúe ningún defecto de tramitación. Todo isto sen prexuízo do dereito das persoas e entidades interesadas no procedemento de acceder e a obter copia dos informes mencionados e do resto de información ambiental contida no expediente, se así o solicitan.

12. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e publicouse o Acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

13. Respecto á saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

14. Con respecto á alegación referida á obrigatoriedade da colexiación para o exercicio da profesión de biólogo, o promotor respondeu o 6.10.2023 e solventou a defectuosa identificación dos asinantes do estudo de impacto ambiental, ao proceder a identificar o correspondente número de colexiado tanto para o caso da profesional bióloga como do enxeñeiro agrónomo, ambos os asinantes do estudo de impacto ambiental.

15. Polo que atinxe ás alegacións extemporáneas, de conformidade co artigo 38.3 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, non se terán en conta por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 36 e 37 da devandita lei».

Polo que atinxe ás alegación presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 2.10.2023, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 24/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Monteiro, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 30.10.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a declaración de impacto ambiental nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monteiro.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monteiro, sito nos concellos de Baralla, Baleira e Becerreá (Lugo), e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 33 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monteiro, composto polo documento «Proxecto de execución do parque eólico Monteiro, nos termos municipais de Baralla, Baleira, e Becerreá (Lugo)» asinado o 22.1.2024 por María Moreno Martínez, colexiada número 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, e visado polo devandito colexio o 22.1.2024.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power, S.L.U.

Domicilio social: praza María Pita, nº 10, 1º, 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico Monteiro.

Potencia instalada: 33 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 33 MW.

Produción neta: 105.490 GWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.197 h.

Concellos afectados: Baralla, Baleira e Becerreá (Lugo).

Orzamento de execución material (sen IVE): 25.463.397,51 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

650.695

4.762.773

2

652.282

4.755.676

3

647.681

4.755.337

4

649.076

4.762.386

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE 02

649.630

4.760.489

AE 04

650.168

4.759.016

AE 05

650.319

4.758.614

AE 07

649.872

4.756.900

AE 08

649.837

4.756.223

Coordenadas da subestación:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET

650.319

4.758.294

Coordenadas da envolvente da subestación:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

650.348

4.758.318

2

650.358

4.758.270

3

650.286

4.758.256

4

650.277

4.758.304

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Cinco (5) aeroxeradores modelo SG 170 6.6 do fabricante Siemens Gamesa, de potencia máxima activa de xeración eléctrica 6.600 kW, cun diámetro de rotor de 170 m e altura de buxa 115 m.

– Cinco (5) centros de transformación, instalados no interior da torre de cada un dos aeroxeradores, formados por transformadores de 7.000 kVA de potencia nominal e relación de transformación de 0,69/30kV, celas de media tensión de 36 kV e os correspondentes equipos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Rede colectora soterrada de 30kV, conformada polos cables de MT, con condutor tipo RHZ1-OL 18/30kV, os cables de comunicación e os cables de terra, que unen os aeroxeradores entre si e coa subestación eléctrica do parque, co obxecto de evacuar a enerxía xerada.

– Subestación eléctrica «Monteiro» tipo convencional, constituída por:

• Un edificio de control que alberga as celas compactas de MT, blindadas e illadas en SF6, equipos de control, protección, comunicacións e servizos auxiliares.

• Parque exterior onde se localizan elementos de 132 kV, en configuración de simple barra, con tres posicións de liña e unha posición de transformador de potencia, segundo as especificacións de proxecto.

• Un transformador de intemperie de relación de 132/30 kV e potencia de 35/40MVA ONAN/ONAF.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, cimentacións, plataformas dos aeroxeradores e gabias para cablaxe e rede de terras.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático propón o seguinte: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o presuposto de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración da que se propón que o 40 % corresponderá á fase de obras e o 60 % ao de desmantelamento do parque eólico». Proponse a cantidade de 445.609 euros, dos cales, 178.243 corresponden á fase de obras e 267.366 á de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30.10.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública e a Axencia de Turismo de Galicia, de acordo cos puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, o acordo previo favorable da autoridade nacional de supervisión civil, en coordinación co órgano competente do Ministerio de Defensa, de acordo co disposto no artigo 15 do Real decreto 369/2023, do 16 de maio, polo que se regulan as servidumes aeronáuticas de protección da navegación aérea.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación, sen prexuízo do disposto no artigo 28 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30.10.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais