O 24 de outubro de 2023 publicouse, no Diario Oficial de Galicia número 202, o Anuncio do 18 de outubro de 2023, da Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee, polo que se dá publicidade á resolución da mesma data para a provisión, polo procedemento de avaliación colexiada, dun posto de xefe/a do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía.
O 24 de novembro de 2023 presentouse recurso de alzada contra a Resolución da Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee, do 18 de outubro de 2023, pola que se convocou o dito procedemento de provisión, en que se solicitaba unha revisión desta para concretar e acoutar o máximo posible os criterios de avaliación do currículo profesional (anexo II).
Mediante a Resolución do 13 de febreiro de 2024, da directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, estimouse o recurso de alzada presentado contra a convocatoria sinalada con anterioridade. No texto da resolución do recurso de alzada sinálase textualmente que «este órgano directivo considera que a Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee debe rectificar a súa Resolución do 18 de outubro de 2023 pola que se convoca a provisión do posto de xefe/a do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, e incluír no contido desta un desenvolvemento desagregado dos criterios que valorará a Comisión de Avaliación respecto do currículo profesional das persoas aspirantes, co obxecto de garantir plenamente o respecto ao principio constitucional de igualdade na promoción e progresión profesionais no emprego público.
Así mesmo, como consecuencia directa do anterior, debe retrotraerse o procedemento ao momento da publicación da convocatoria, en aplicación do artigo 119.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».
Tendo en conta o anterior, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro (DOG núm. 208, do 31 de outubro), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, o Decreto 134/2019, do 10 de outubro (DOG núm. 204, do 25 de outubro), polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, e de acordo co establecido na Orde do 22 de abril de 2020 (DOG núm. 82, do 29 de abril), de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, modificada pola Orde do 25 de maio de 2020 (DOG núm. 103, do 29 de maio), e pola Orde do 13 de maio de 2022 (DOG núm. 102, do 30 de maio), a Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee
RESOLVE:
Primeiro. Retrotraer as actuacións do procedemento de provisión do posto de xefe/a do Servizo de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, convocado pola Resolución desta xerencia do 18 de outubro de 2023 (Anuncio no DOG núm. 202, do 24 de outubro), ao momento da publicación da convocatoria.
Segundo. Rectificar o anexo II da convocatoria (avaliación do currículo profesional, proxecto técnico e dedicación exclusiva). O texto íntegro do devandito anexo estará exposto na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) e na páxina web do Espazo do Profesional da Área Sanitaria da Coruña e Cee.
Terceiro. Como consecuencia da presente rectificación, amplíase o prazo de presentación de solicitudes en quince días, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Porén, este novo prazo non modifica o establecido na base primeira e no punto 4 da base segunda da Resolución do 18 de outubro de 2023, respecto do cumprimento de requisitos e valoración de méritos, respectivamente. Para estes efectos, consideraranse válidas as solicitudes e méritos xa presentados polas persoas interesadas, sen prexuízo de que poidan presentarse novas solicitudes e acreditarse novos méritos mentres se manteña aberto o prazo de presentación de solicitudes.
Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos termos dos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A Coruña, 26 de febreiro de 2024
Luis Verde Remeseiro
Xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee