O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, así como nos estatutos desta universidade, e co fin de atender as necesidades do persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en execución do previsto no anexo IV, oferta de promoción interna independente do PAS, da Resolución do 23 de novembro de 2023 (DOG do 1 de decembro) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2023, resolve convocar probas selectivas para cubrir tres prazas da categoría profesional de técnico especialista de publicacións, grupo III, do seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes
Bases da convocatoria
Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
1. Normas xerais.
1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo tres prazas da categoría profesional de técnico especialista de publicacións, grupo III, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de promoción interna.
1.2. Esta convocatoria non xerará prazas vacantes na categoría da cal procedan as persoas que superen o proceso selectivo.
1.3. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.
1.4. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.
1.5. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.
1.6. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.
2. Requisitos das persoas aspirantes.
2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento de formalización do contrato os seguintes requisitos:
a) Posuír a condición de persoal laboral fixo, na categoría de técnico de publicacións, e estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional no Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.
b) Ter unha antigüidade efectiva de, polo menos, seis meses como persoal laboral fixo na categoría a que pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.
c) Estar en posesión do título de bacharel, técnico ou equivalentes. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Poderán quedar exentos do requisito de titulación exixido para a quenda libre, dado que a relación de postos de traballo non recolle unha titulación específica de acordo co previsto no artigo 37.2 do Convenio colectivo para o persoal laboral.
d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría a que se pretende incorporar.
e) Non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.
f) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.
g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.8 desta convocatoria para as persoas con discapacidade e para os membros de familias numerosas.
3. Solicitudes.
3.1. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
3.2. As persoas que desexen participar nestas probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude, exclusivamente por medios electrónicos, así como aboar a taxa correspondente. Para iso empregarase o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no Catálogo de procedementos da sede electrónica da USC https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm, empregando como medio de identificación electrónica as credenciais corporativas da USC.
3.3. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:
– Certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 3 ou equivalente). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.
As/os aspirantes que teñan expediente administrativo como PAS na USC estarán exentas/os de xustificar documentalmente as condicións e os requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento e deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se encontre debidamente acreditada no seu expediente persoal.
3.4. A Xerencia expedirá e engadirá, de oficio, á solicitude presentada pola persoa aspirante un certificado acreditativo dos servizos prestados, no cal consten a categoría e os períodos en que se prestaron, así como os cursos de formación e cualificación profesional que consten no expediente.
3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.
3.6. A Universidade poderá requirir en calquera momento os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.
3.7. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios no cal reflectirán con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.
3.8. Os dereitos de exame serán de 33,13 €. Para realizar o seu ingreso empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición:
• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.
• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo; non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.
3.8.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:
Do importe total da taxa:
• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Do 50 % do importe da taxa:
• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
3.8.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:
• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.
• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial, ou carné familiar en que conste o dito carácter.
3.8.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.
3.8.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.
3.9. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica, polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe «Medios de aviso de notificación» do formulario o teléfono e o enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica, e para o acceso a esta empregaranse os medios de identificación que se indican na base 3.2.
4. Admisión de persoas aspirantes.
4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o lugar no cal se encontra exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para emendalas.
4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivaron a exclusión.
Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do Catálogo de procedementos na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/
emendaSelecPersoalLaboral.htm, para o cal os/as aspirantes deberán empregar o medio de identificación e sinatura que se indica no número 3.2 desta convocatoria.
4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.
4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso, ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición, ante o reitor, no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 7 desta convocatoria.
5. Tribunal.
5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría segunda de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020.
O seu procedemento de actuación axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Regulamento de selección de persoal funcionario da USC. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.
5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, e notificarallo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.
A Presidencia solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de que non están incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.
Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.
5.3. En caso de ter que substituír algún membro do tribunal, por renuncia, por algunha das circunstancias citadas no anterior artigo ou calquera outra causa de forza maior, daráselle publicidade ao novo nomeamento no Diario Oficial de Galicia.
5.4. Logo da convocatoria da Presidencia, constituirase o tribunal coa presenza de todos os seus membros, tal e como prescribe o Regulamento de selección da USC no seu artigo 6. Os titulares que non asistan serán substituídos polos suplentes. Nesa sesión acordaranse todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.
5.5. A partir da súa constitución, o tribunal requirirá a asistencia presencial ou a distancia das persoas que exerzan a Presidencia e a Secretaría, e da metade, polo menos, dos seus membros para actuar validamente.
5.6. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.
5.7. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.
Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.
5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.
5.9. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.
5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, de se producir a renuncia dunha persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou cando non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.
6. Desenvolvemento dos exercicios.
6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra H, de conformidade co establecido na Resolución do 31 de xaneiro de 2024 da Consellería de Facenda e Administración Pública.
6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.
Non estará permitido o uso de teléfonos móbiles ou calquera outro dispositivo de almacenamento de información ou con capacidade de comunicación dentro da aula de exame. Durante o desenvolvemento do exercicio deberán permanecer apagados.
As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal e deberán achegar á comunicación o correspondente informe médico oficial.
A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.
6.3. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas, se se trata dun novo.
6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.
6.5. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propor a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.
Contra esta exclusión poderase interpor recurso, perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.
6.6. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado e naqueloutros lugares que coide oportunos a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.
6.7. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentaren reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.
Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentaren reclamacións ás cualificacións.
6.8. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.
6.9. A publicación anterior irá acompañada da relación de persoas aspirantes que superaron todas as probas, segundo a orde de puntuación acadada, na cal constarán a cualificación final obtida en cada unha das fases –oposición e concurso– e da proposta provisional da persoa seleccionada segundo o previsto no anexo I.
No caso de producirse empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios: maior puntuación na fase de oposición, maior puntuación na fase de coñecementos específicos, maior puntuación no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.
6.10. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do Rexistro de Entrada electrónico da USC
https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o cal a/o aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no número 3.2.
6.11. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor das persoas aspirantes seleccionadas, tendo en conta o previsto no número 5.10 desta convocatoria. Esta proposta elevarase ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web
https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado
7. Finalización do proceso.
7.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a proposta de contratación, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC a documentación que acredite a posesión dos requisitos que figuran na base 2 desta convocatoria para proceder á contratación como persoal laboral fixo, agás que xa conste no seu expediente persoal.
7.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.
7.3. Quen, dentro do prazo fixado e salvo caso de forza maior, non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2 non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.
7.4. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 %, poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude deberá xuntarse un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.
7.5. A adxudicación das prazas obxecto de promoción ás persoas que superen o proceso selectivo comporta a amortización das prazas da categoría de orixe.
7.6. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superasen serán contratadas como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia ou do día que estableza a propia resolución, en aplicación do artigo 60 da Lei 2/2015, do emprego público de Galicia.
7.7. Elaborarase unha lista de espera coas persoas aspirantes que obteñan, como mínimo, unha puntuación de 12,5 puntos no segundo exercicio da fase de oposición. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.
8. Norma derradeira.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, perante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mencionado no parágrafo anterior mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
ANEXO I
Denominación da praza: técnico especialista de publicacións
O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:
I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro.
Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o segundo, que será obrigatorio e non eliminatorio.
As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.
Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que achegasen documentalmente xunto coa solicitude ou que teñan acreditado no expediente o certificado Celga 3 ou equivalente.
Este exercicio terá a seguinte estrutura:
Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.
As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.
A duración máxima desta proba será de noventa minutos.
Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.
As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo, e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.
A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.
Para superar este exercicio será necesario obter o resultado de apto.
Segundo exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 90 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao programa que se relaciona no anexo II.
O tempo para a súa realización será de 95 minutos e a súa valoración de 0 a 25 puntos.
Terceiro exercicio: consistirá na realización dun exercicio de carácter práctico ou teórico-práctico, proposto polo tribunal e relacionado co contido do programa, no cal os/as aspirantes deberán demostrar as capacidades para o desempeño das funcións correspondentes.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.
A puntuación deste exercicio será de 0 a 35 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos.
Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobado e publicado os criterios de avaliación e corrección.
As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.
II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.
Experiencia: máximo 35 puntos:
• Na mesma categoría incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase a 0,40 puntos/mes. Non se valorará o tempo traballado en categoría superior por atribución temporal de funcións.
• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.
• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase a 0,10 puntos/mes, ata un máximo de 10 puntos.
Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:
Cursos de formación relacionados coa praza:
• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.
• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.
• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.
Cursos de formación de lingua galega:
• Celga 4: 0,50 puntos.
• Curso de linguaxe administrativa medio: 0,60 puntos.
• Curso de linguaxe administrativa superior: 0,80 puntos.
• Celga 5: 1 punto.
Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.
Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.
A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.
Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listas de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listas e poderalles solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que proceda.
ANEXO II
Programa
Denominación da praza: técnico especialista de publicacións
1. Regulamento do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico (SPIC).
2. Comercio e márketing dixital. Prestashop e e-commerce. SEO, SEM, posicionamento e analítica web, estratexia de contidos.
3. Softwares de código aberto (open source) na xestión dixital da edición académica. OMP (Open Monograph Press): interconexión co comercio dixital, tipos de publicación e condicións de venda.
4. Softwares de código aberto (open source) na xestión dixital da edición académica. OJS (Open Journal Systems)
5. A Libraría Dixital da USC. Análise, control e estudo de prezos, descontos, devolucións, vendas.
6. Procesamento informático de pedidos, entrega de pedidos, modalidades de cobramento, cobramento, informes de vendas, xestión de incidencias (Redmine)
7. A Libraría Dixital da USC. Xestión, supervisión e control do backoffice de Prestashop. Edición de banners e sliders.
8. Xestión comercial. Facturación: tipos de IVE. Programa AGC de xestión editorial. Análise e posta en función de accións eficaces de promoción comercial e establecemento de relacións sistemáticas para a visibilización do fondo editorial do servizo.
9. Loxística de produto e xestión de almacén: retail, control de stocks, puntos e procesos de almacenaxe, almacén e pick-ups.
10. Acceso aberto e propiedade intelectual. A Declaración de Berlín. Copyright e copyleft. As licenzas Creative Commons.
11. O acceso aberto na edición académica. Os repositorios institucionais.
12. Dspace, contorno dixital dos repositorios institucionais. O permalink Handle.
13. Minerva, repositorio institucional da USC. Control e mantemento de contidos.
14. Minerva, Libraría Dixital e Portal Dixital de Revistas: plugins e relacións de interconexión.
15. Regulamento de Minerva.
16. O contorno legal e xurídico da edición: a Lei de propiedade intelectual.
17. O contorno legal e xurídico da edición: a Lei de depósito legal.
18. O contorno legal e xurídico da edición: a Lei da lectura, do libro e das bibliotecas.
19. O contorno técnico da edición dixital. Formatos: Epub, PDF, XMLJATS. Uso editorial do software profesional: Adobe Acrobat. Adobe Photoshop, Coreldraw. Código de barras. Código QR.
20. O contorno operativo da edición dixital: DILVE, ISBN, DOI.
21. Xestión e mantemento do megaportal web do SPIC: edicións USC, Libraría Dixital, Portal dixital de libros da USC.
22. Promoción institucional: xestión de envíos institucionais, envíos para recensión, presenza en feiras nacionais e internacionais. Relacións coa asociación de editoriais universitarias UNE: Unebook.
23. O sistema de xestión de calidade USC Editora. Requisitos da norma ISO 9001:2015. Aspectos xerais.
24. O sistema de xestión de calidade USC Editora: partes interesadas, riscos e oportunidades, análise DAFO e análise CAME, indicadores de calidade, obxectivos de calidade e accións de mellora.
25. O sistema de xestión de calidade USC Editora: xestión do sistema na intranet da Área de Calidade e Mellora dos Procedementos da USC.
Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, deben entenderse referidas á lexislación en vigor.
ANEXO III
Tribunal
Denominación da praza: técnico especialista de publicacións
Tribunal titular:
Presidente: Juan Luis Blanco Valdés, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
Vogais:
– Natalia Villar Conde, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
– Anxos Cabado Lourés, persoal laboral fixo do grupo III da USC.
– Manuel Vicente Bermúdez Blanco, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
Secretaria: Luisa Ferreiro Couselo, funcionaria de carreira da escala administrativa da USC, que actuará con voz e voto.
Tribunal suplente:
Presidente: Isolino Castiñeiras Vázquez, persoal laboral fixo do grupo III da USC.
Vogais:
– José Enrique Quintáns Míguez, funcionario de carreira da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da USC.
– Juan Oreiro Formoso, persoal laboral fixo do grupo II da USC.
– María Luisa González Vázquez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.
Secretaria: M. Carmen Moreira Figueiras, funcionaria de carreira da escala administrativa da USC, que actuará con voz e voto.