DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 6 de marzo de 2024 Páx. 17281

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 22 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT207E).

BDNS (Identif.): 746432.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas todas as persoas físicas que poidan acreditar a súa vinculación previa coa realización dunha obra audiovisual ou formación académica no ámbito da creación ou produción audiovisual, ou ben a súa participación en cursos ou obradoiros relacionados coa creación audiovisual, e desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia.

2. As persoas físicas autónomas ou as persoas xurídicas que estean constituídas como produtora independente no momento de presentar a solicitude, teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e desenvolva a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia.

Segundo. Finalidade

O apoio á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a realización de curtametraxes a cargo de creadores/as individuais, e a posprodución de curtametraxes e realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 22 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT207E).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 176.000 euros, con cargo ás seguintes aplicacións do orzamento da Axencia Galega das Industrias Culturais:

Aplicación orzamentaria

Ano 2024

Ano 2025

10.A1.432B.480.0

48.000 €

-

10.A1.432B.770.0

34.000 €

94.000 €

Código de procedemento 2015-00003.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais