DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 7 de marzo de 2024 Páx. 17500

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I).

O 19 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I).

O parágrafo terceiro do artigo 6.1.a) sinala que ten consideración de gasto subvencionable a adecuación das adegas para facelas visitables e que está incluída a adaptación de espazos que permitan o acceso e a visita dos/das turistas, mobiliario e reformas que non afecten a estrutura da edificación, así como a mellora das condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. Esta redacción parece dar lugar a entender que só é subvencionable o edificio en que se atopa a adega cando, por outra banda, o artigo 5.2.a) sinala como actuación subvencionable a adecuación e embelecemento de establecementos enoturísticos, que abrangue proxectos de adecuación de adegas, vinculadas a establecementos turísticos, que permitan ser visitadas polos/as turistas. Inclúe a implantación dun proxecto novo ou ampliación dun proxecto existente, que poderá consistir na adecuación do centro para a recepción e atención de visitantes, adecuación do percorrido para visita, así como os espazos destinados a exposición ou museo. Polo tanto, cómpre modificar o parágrafo terceiro do artigo 6.1.a) para considerar gasto subvencionable non só o edificio da adega propiamente dito senón tamén a súa contorna, en liña co establecido no artigo 5.2.a).

Aínda que tanto a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, recollen que, cando a natureza da subvención así o xustifique, poidan realizarse pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, a Resolución do 21 de decembro de 2023 non prevé a posibilidade de realizar pagamentos anticipados. Non obstante, tendo en conta que o investimento neto admitido pode chegar ata 250.000 € tanto na liña 1 como na liña 3, e ata 50.000 € na liña 2, e que cada persoa interesada pode presentar unha solicitude de axuda por cada liña de subvención, é comprensible que non dispoña de recursos suficientes para financiar transitoriamente a execución da actividade subvencionada, polo que parece lóxico que se poida prever a posibilidade de conceder anticipos para facilitar a realización do obxecto da subvención por parte das persoas beneficiarias.

A introdución destas modificacións persegue satisfacer o interese xeral das potenciais persoas beneficiarias das axudas, sen que supoña unha vulneración de intereses de terceiros nin unha alteración esencial da natureza e dos obxectivos da subvención.

Dado que estas modificacións se aplicarán a todas as persoas solicitantes desta convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes xa comezou o pasado 20 de xaneiro, amplíase o prazo de solicitudes un mes máis, ata o 19 de xullo de 2024, en prol de garantir a igualdade de dereitos de todas as persoas solicitantes.

De conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación do anexo I da Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I)

Modifícanse os artigos 6.1.a) e 26 do anexo I da Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I), nos termos que se recollen a seguir:

Un. O artigo 6.1.a) queda redactado nos seguintes termos:

«a) Liña 1.1: adecuación e embelecemento de establecementos enoturísticos. Rehabilitación e reforma sustentable.

– Reforma e rehabilitación sustentable de edificacións pertencentes a establecementos turísticos. Enténdese por rehabilitación sustentable aquela que é respectuosa coa contorna e está adaptada ás súas condicións, que aforre recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental (procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables) e aumente a vida útil do edificio.

– Actuacións en establecementos turísticos que reduzan a pegada de carbono: a instalación de cubertas vexetais e optimización de sistemas de ciclo de auga.

– Adecuación das adegas e da súa contorna para facelas visitables e poñer en marcha a experiencia enoturística. Inclúe a adaptación de espazos que permitan o acceso e a visita dos/das turistas, mobiliario e reformas que non afecten a estrutura da edificación, así como a mellora das condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. A adecuación deberá realizarse seguindo criterios de sustentabilidade, de maneira que sexa respectuosa coa contorna e promova o aforro de recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental (procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables).

– Gastos de elaboración do proxecto de obra. Será subvencionable por este concepto ata o 5 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 5.000 €».

Dous. O artigo 26 queda redactado nos seguintes termos:

«1. O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo de que a persoa beneficiaria presente a solicitude de aboamento e a xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. Neste caso, o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo de que a persoa beneficiaria presente, no prazo establecido, a documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados de ata o 50 % do importe da subvención concedida, sen superar o importe da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os pagamentos anticipados supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados (anexo XI) pola persoa beneficiaria tras a notificación da resolución de concesión, no prazo máximo dun mes.

4. O pagamento de anticipos estará supeditado á constitución dunha garantía que corresponda ao 110 % do importe anticipado.

5. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por unha entidade aseguradora ou mediante aval solidario dunha entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nestas bases reguladoras.

6. A garantía deberá constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda. O xustificante orixinal de depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos deberá presentarse xunto coa solicitude de anticipo.

7. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

8. En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a persoas beneficiarias cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento ou se atopen declaradas en concurso, salvo que neste adquirise eficacia un convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso».

Artigo 2. Anexo XI

Introdúcese o anexo XI para que as persoas beneficiarias poidan solicitar o pagamento anticipado do importe da subvención concedida.

Artigo 3. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Acórdase ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 9 das bases reguladoras da Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I), nun mes, polo que o prazo de presentación de solicitudes rematará o 19 de xullo de 2024.

Esta ampliación permite que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta a modificación efectuada.

Artigo 4. Prazo de solicitude do anticipo para persoas beneficiarias que xa contan cunha resolución de concesión da axuda

Se, no momento de publicación desta resolución pola que se modifica a Resolución do 21 de decembro de 2023, algunha persoa beneficiaria xa conta cunha resolución de concesión da subvención, disporá dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitar o anticipo.

Artigo 5. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2024

O director da Axencia de Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012, DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Antonio Casas Calviño
Xerente da Axencia de Turismo de Galicia

missing image file