DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 7 de marzo de 2024 Páx. 17597

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2024, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Gondomar e Baiona (expediente IN407A 2023/207-4).

Expediente: IN407A 2023/207-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS GON815, CTC na Bandeira-Borreiros.

Concellos: Gondomar e Baiona.

Feitos.

1. O 29.3.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS GON815, CTC na Bandeira-Borreiros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade resolver os problemas de subtensións no lugar da Bandeira, na parroquia de Borreiros, no concello de Gondomar (Pontevedra) e no lugar de Urgal, na parroquia de Belesar, no concello de Baiona (Pontevedra), mediante as seguintes actuacións:

– Instalación dun centro de transformación prefabricado 2L1P de 250 kVA de potencia, compacto de manobra exterior, telecontrolado por GPRS/FO e telexestionado.

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 916 metros para alimentar o centro de transformación proxectado.

2. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Gondomar, o Concello de Baiona, Augas de Galicia, a Deputación Provincial de Pontevedra, o Instituto de Estudos do Territorio e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Baiona e o Servizo do Patrimonio Cultural.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Como non foi posible efectuar a notificación ás persoas titulares das parcelas afectadas pola declaración de utilidade pública solicitada pola empresa promotora, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 5.6.2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 8.6.2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 5.5.2023 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 2.6.2023.

Xornal Faro de Vigo: 29.5.2023.

Taboleiro de anuncios do Concello de Gondomar, desde o 2.6.2023 ata o 15.7.2023, segundo certificado emitido polo propio Concello.

Taboleiro de anuncios do Concello de Baiona.

Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 916 metros de lonxitude, con orixe e final na LMTS existente GON8150965, mediante empalmes nas arquetas proxectadas fronte ao nº 54 do camiño Urgal (Baiona), facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado.

Centro de transformación a 250 kVA, con RT 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 5798602NG1559N0000GW no lugar da Bandeira, Borreiros, Gondomar.

A instalación está situada en Urgal, Belesar, no concello de Baiona, e na Bandeira, Borreiros, no concello de Gondomar (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS GON815, CTC na Bandeira-Borreiros, expediente IN407A 2023/207-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante esta xefatura territorial acompañada da seguinte documentación:

As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

Un certificado dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 13 de febreiro de 2024

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra