DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2024 Páx. 18118

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2024 pola que se notifican as resolucións das alegacións ao Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) da campaña 2023.

Mediante a Orde do 15 de marzo de 2023, a Consellería do Medio Rural regulou a tramitación de alegacións ao Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) da campaña 2023.

O artigo 18 da citada orde dispón que as solicitudes de modificación do Sixpac dos recintos situados na Comunidade Autónoma de Galicia se dirixirán á persoa titular da Dirección do Fogga, quen, conforme o que se indica no capítulo II do seu título I, ditará a resolución correspondente ás solicitudes da orde, que serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. De conformidade co establecido no artigo 45.1 da indicada lei, a notificación poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia cunha ligazón á páxina web do Fogga.

En relación coas alegacións ou solicitudes de modificación do Sixpac da campaña 2023, logo de informe da Subdirección Xeral de Xestión da PAC, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade na web do Fogga das listaxes das resolucións das alegacións ao Sixpac da Orde do 15 de marzo de 2023 citada.

As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/

Segundo. Pór á disposición das persoas interesadas no Portal de axudas PAC as resolucións completas das solicitudes citadas no punto primeiro desta resolución.

O acceso ao dito portal poderá realizarse a través da seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac

Neste portal cada persoa interesada poderá acceder ao contido da súa resolución individualizada mediante certificado dixital ou DNI-e (DNI electrónico) ou emprego de Chave365. A información sobre a forma de alta de Chave365 está na ligazón que se indica a seguir:

https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365

Terceiro. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o presidente do Fogga no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao desta publicación, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2024

O director do Fondo Galego de Garantía Agraria
P.S. (Resolución do 12.2.2024)
Juan José Cerviño Varela
Secretario do Fondo Galego de Garantía Agraria