DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 2024 Páx. 18290

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 35/2024, do 29 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello do Folgoso do Courel, dun treito da estrada provincial LU-P-1303.

Segundo o previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Folgoso do Courel solicita á Deputación Provincial de Lugo a cesión de titularidade dun treito da vía provincial LU-P-1303 Seoane (LU-P-1301) Visuña-Ferramulín (LU-P-5004), dunha lonxitude de 50 metros, desde o p.q. 0+000 ao p.q. 0+050.

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo, na sesión ordinaria do día 28.3.2023, aprobou o cambio de titularidade solicitado polo concello.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, indica que os cambios de titularidade de estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídas no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas.

O treito da estrada LU-P-1303 a que se refire este informe cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito da estrada LU-P-1303 que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de febreiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Folgoso do Courel, do treito da estrada LU-P-1303:

Clave

Denominación

p.q.i

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

p.q.f

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

LU-P-1303

Seoane (LU P 1301)-Visuña-Ferramulín (LU-P-5004)

0+000

X=651.637

Y=4.722.394

0+050

X=651.643

Y=4.722.345

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello do Folgoso do Courel, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de febreiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade