DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 2024 Páx. 18343

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2024 pola que se ordena a publicación do Acordo do 29 de febreiro de 2024, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproba a Instrución relativa á fiscalización das contabilidades das eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024.

En cumprimento do Acordo do 29 de febreiro de 2024, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproba a Instrución relativa á fiscalización das contabilidades das eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas

Acordo do 29 de febreiro de 2024, do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproba a Instrución relativa á fiscalización das contabilidades das eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024

O Decreto 150/2023, do 25 de decembro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións (DOG núm. 243, do 26 de decembro), fixou a data de celebración do 18 de febreiro de 2024.

O artigo 27 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades dependentes delas (en diante, Lei 9/2015), establece que o Consello de Contas se pronunciará, no exercicio da súa función fiscalizadora, sobre a regularidade da contabilidade electoral, así como sobre o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 17 da dita lei, respecto de cada unha das formacións políticas. No caso de que apreciase irregularidades ou violación dos límites establecidos respecto aos ingresos e gastos electorais, poderá propoñer a non adxudicación ou a redución da subvención a obter do órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma para o partido, coalición, federación ou agrupación afectada. Se advertise, ademais, indicios de condutas constitutivas de delito, comunicarao ao Ministerio Fiscal.

O Plan de traballo de 2024, aprobado polo Pleno do Consello de Contas que tivo lugar o 28 de decembro de 2023, inclúe a fiscalización de regularidade das contabilidades electorais correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia previstas para 2024.

O Consello de Contas considerou convinte elaborar unha instrución coa finalidade de precisar os criterios técnicos que se seguirán na fiscalización das contabilidades correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024, para facilitar ás formacións políticas o cumprimento das obrigas previstas na normativa electoral.

Na súa consecuencia, o Pleno do Consello de Contas de Galicia, na súa sesión do 29 de febreiro de 2024, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Aprobar a Instrución relativa á fiscalización das contabilidades electorais relativas ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024, que se reproduce a seguir.

Segundo. Dar a coñecer a Instrución mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Consello de Contas de Galicia, e comunicala á Xunta Electoral de Galicia e a todas as formacións políticas que, de conformidade co previsto na normativa electoral, estean obrigadas a presentar a contabilidade electoral ante o Consello de Contas.

Número 1. Obxecto

Esta instrución ten por obxecto precisar os criterios técnicos que se seguirán na fiscalización das contabilidades relativas ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024, así como determinar o alcance e os requisitos da documentación contable e xustificativa que debe remitirse ao Consello de Contas de Galicia para o exercicio da súa función de fiscalización, de xeito que sexan coñecidos polas formacións políticas, coa finalidade de facilitar o cumprimento das obrigas previstas na normativa electoral.

Número 2. Ámbito de aplicación e destinatarios

Esta norma é aplicable ás formacións políticas que obteñan representación no Parlamento de Galicia e ás entidades que realizasen operacións que comporten dereitos e obrigas de contido económico que deban ser rexistradas na contabilidade específica das eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024.

Serán destinatarios desta instrución os partidos e as formacións políticas que están obrigadas a presentar ao Consello de Contas a contabilidade electoral e que que reúnan os requisitos exixidos polo artigo 17 da Lei 9/2015, para seren beneficiarias das subvencións ou que solicitasen anticipos con cargo a estas, debendo presentar unha contabilidade detallada e documentada dos seus respectivos ingresos e gastos electorais, a cal deberá axustarse ao disposto na Lei orgánica 8/2007, do 4 de xullo, sobre financiamento dos partidos políticos (en diante, Lei orgánica 8/2007), así como ao plan de contabilidade adaptado ás formacións políticas, e recollerá necesariamente a orixe dos fondos e a súa aplicación, e deberá ir acompañada da documentación xustificativa dos ingresos e gastos electorais.

Así mesmo, a Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral (en diante, LOREX), é de aplicación ás eleccións obxecto desta norma, nos termos que establece a súa disposición adicional primeira e ten carácter supletorio da lexislación autonómica na materia.

Número 3. Remisión telemática da contabilidade electoral pola sede electrónica do Consello de Contas

As contabilidades electorais correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024 serán presentadas ao Consello de Contas mediante soporte informático.

A remisión da documentación contable, conxuntamente cos demais documentos xustificativos establecidos nesta instrución, realizarase a través da sede electrónica do Consello de Contas e recibirase a través do seu rexistro telemático, conforme o establecido no Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 23 de decembro de 2011, polo que se regula a creación e funcionamento do rexistro electrónico desta institución.

O procedemento para a remisión telemática da documentación axustarase ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como nas súas normas de desenvolvemento en relación cos procedementos electrónicos.

A contabilidade electoral deberá remitirse nun formato electrónico [xlsx] (Excel 2010), na sede electrónica do Consello de Contas (https://sede.consellodecontas.es/), conforme as seguintes indicacións:

– A persoa autorizada para o envío da información e documentación debe estar en posesión do certificado electrónico recoñecido e cumprir cos requisitos técnicos que se indican na axuda da sede para o correcto funcionamento do portal.

– Acceder á pestana Catálogo de trámites e seleccionar o procedemento Fiscalización do sector público autonómico.

– A seguir amósase unha lista de expedientes onde deberá seleccionarse «1502024-03 Fiscalización das contabilidades electorais. Eleccións ao Parlamento de Galicia 2024» e na marxe dereita hai que premer onde di «Procesamento electrónico».

– Ficheiros anexos. Neste campo xuntaranse os arquivos que hai que remitir, que se deberán subir de un en un e cumprir co indicado na axuda da sede.

Unicamente se presentará mediante ficheiros en formato [pdf] a documentación complementaria que se especifica en cada caso. Para a remisión da documentación contable e da documentación xustificativa adicional, cada formación política deberá presentar os ficheiros informáticos nos formatos establecidos nos anexos 1 e 2 desta instrución, respectivamente. Esta información deberá enviarse acompañada do documento de remisión consonte o modelo e formato incluído no anexo 3.

Para calquera eventualidade ou dificultade que se presente no proceso de envío da contabilidade electoral, poderase contactar co seguinte enderezo de correo electrónico: informatica@ccontasgalicia.es

Número 4. Documentación que se debe presentar e prazos legais

De conformidade co previsto no artigo 23 da Lei 9/2015, entre os cen e os cento vinte e cinco días posteriores ao das eleccións, é dicir, entre o 28 de maio de 2024 e o 22 de xuño de 2024, as formacións políticas que reúnan os requisitos exixidos para recibir subvencións da Xunta de Galicia ou que solicitasen anticipos con cargo a estas, deberán presentar ante o Consello de Contas unha contabilidade detallada e documentada dos seus respectivos ingresos e gastos electorais.

Os estados contables xerais e específicos deberán ser remitidos telemáticamente en formato [xlsx] (Excel 2010), coas precisións que se detallan nesta instrución.

Con carácter xeral, a documentación xustificativa tal como declaracións, certificados, contratos, recibos, facturas e demais deberán ser remitidos telematicamente en formato [pdf].

Número 5. Requisitos da documentación xustificativa que hai que presentar ante o Consello de Contas de Galicia

5.1. Documentación contable (en formato [xlsx]).

O número 1 do artigo 23 da Lei 9/2015 establece que as formacións políticas deberán presentar unha contabilidade detallada e documentada dos seus respectivos ingresos e gastos electorais. O mesmo número dispón que a presentación será realizada polos administradores ou administradoras xerais dos partidos, federacións e coalicións que concorresen ás eleccións en varias circunscricións e polos administradores ou administradoras das candidaturas nos restantes casos.

A contabilidade electoral formularase segundo o Plan de contabilidade adaptado ás formacións políticas (en diante, PCAFP), aprobado polo Pleno do Tribunal de Contas na súa sesión do 20 de decembro de 2018 e modificado o 7 de marzo de 2019. Os estados contables que hai que remitir incluirán o balance de situación, a conta de resultados (segundo os modelos incluídos na epígrafe IV da terceira parte do PCAFP), o libro diario, o extracto dos movementos rexistrados agrupados por contas (libro maior) e o balance de sumas e saldos previo ao peche da contabilidade.

No caso excepcional de formacións que tiveran concorrido ao proceso electoral nun ámbito territorial limitado e que non acaden unha cifra de gasto igual ou superior a 10.000 euros, para cada proceso electoral, deberán remitir cando menos unha relación pormenorizada de cada un dos gastos da campaña electoral, agrupados segundo os conceptos sinalados no artigo 14 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, por circunscrición electoral, e indicar para cada unha das partidas a data de pagamento se este se efectuou a través de caixa ou bancos, así como, se é o caso, a conta bancaria utilizada.

As formacións políticas deberán integrar nas contas anuais do exercicio 2024 –cuxa fiscalización corresponde exclusivamente ao Tribunal de Contas– a contabilidade das operacións económico-financeiras derivadas da súa participación no proceso electoral.

5.2. Documentación xustificativa dos ingresos.

O artigo 10 da Lei 9/2015 establece que todos os fondos destinados a sufragar os gastos electorais, calquera que sexa a súa procedencia, deben ingresarse nas contas abertas para a recadación de tales fondos e todos os gastos deben pagarse con cargo a estas contas electorais.

Con carácter xeral, as formacións políticas deberán achegar a documentación acreditativa da orixe de todos os recursos aplicados á campaña electoral, en que, como mínimo, se deberá incluír:

a) Relación identificativa das achegas privadas cos requisitos exixidos no artigo 126 da LOREX (nome, domicilio e número do documento nacional de identidade ou pasaporte (en formato [xlsx]). No caso de recibir doazóns a través de mecanismos de financiamento participativo (crowdfunding), seralles de aplicación o disposto no citado artigo da LOREX respecto das achegas privadas.

b) Documentación acreditativa da orixe dos fondos procedentes da tesouraría ordinaria do partido, segundo o recollido na LOREX (en formato [xlsx]).

c) Pólizas das operacións de crédito e/ou contratos das operacións de préstamos formalizados con particulares (microcréditos) que fosen utilizados para financiar a campaña electoral (en formato [pdf]). Neste último caso, facilitarase unha listaxe coa identificación completa dos achegantes (en formato [xlsx]). Nas operacións de endebedamento por concesión de microcréditos, comprobarase se os achegantes están correctamente identificados e se os importes dos créditos non exceden o límite máximo previsto na normativa electoral para as achegas de fondos, así como se as ditas operacións se formalizaron debidamente e nos respectivos contratos se estipularon as condicións esenciais destas, os xuros aplicables e o prazo de vencemento. A verificación, se é o caso, do efectivo reintegro polas correspondentes formacións políticas corresponde ao Tribunal de Contas por exceder o ámbito temporal do informe que ten que emitir o Consello de Contas, sendo así que a devolución das cantidades recibidas polos partidos políticos terá lugar tras a cobranza das subvencións electorais.

d) Documentos acreditativos dos adiantos das subvencións electorais (en formato [pdf]).

5.3. Documentación xustificativa dos gastos electorais ordinarios.

5.3.1. Gastos electorais ordinarios.

De conformidade co artigo 14 da Lei 9/2015, consideraranse gastos electorais os que realicen os partidos, federacións, coalicións ou agrupacións participantes nas eleccións desde o día da convocatoria ata o da proclamación de electos, polos conceptos determinados no dito artigo. Consideraranse irregulares, por vulneraren o dito precepto, os gastos electorais que sexan realizados polas fundacións e demais entidades vinculadas ou dependentes dos partidos políticos, así como polos grupos institucionais daqueles.

Para os efectos da fiscalización dos gastos electorais ordinarios, teranse en conta os seguintes requisitos:

– Remitirase copia da factura ou documento acreditativo similar e xustificante do pagamento (en formato [pdf]). Todas as facturas xustificativas remitidas deberán indicar expresamente as eleccións a que corresponde o gasto electoral, así como o/os concepto/s de gasto de que se trate, de forma que se poida identificar con claridade a súa natureza electoral.

– Considerarase a totalidade do importe facturado (impostos indirectos incluídos) na cuantificación dos gastos electorais.

– No caso de que os documentos xustificativos que acrediten a realización dos gastos electorais conteñan descricións xenéricas dos bens ou servizos facturados cuxo valor individual supere o importe de 50.000 euros, deberase achegar o orzamento ou documento descritivo similar que permita verificar a natureza e importe dos conceptos facturados (en formato [pdf]).

– A xustificación dos gastos de persoal non permanente a que se refire a alínea d) do artigo 130 da LOREX requirirá achegar, ademais das nóminas, os contratos de traballo subscritos cos traballadores para a campaña electoral. Así mesmo, no caso de gastos de seguros contratados para actos electorais, deberase xuntar a póliza subscrita coa entidade aseguradora.

– Se se declararan gastos de alugamento de locais para a realización de actos da campaña electoral, dos previstos na alínea c) do artigo 130 da LOREX, deberase achegar unha memoria explicativa, segundo o modelo do anexo 4, en que se informe, como mínimo, dos seguintes aspectos para cada acto: lugar e data de realización, descrición do obxecto ou finalidade, así como relación dos gastos incorridos (en formato [xlsx]).

5.3.2. Criterios interpretativos dos gastos electorais.

Os criterios que mantén o Consello de Contas respecto á consideración dun gasto como electoral recóllense tanto nas instrucións aprobadas polo Pleno da institución para a súa aplicación a anteriores procesos electorais como nos propios informes de fiscalización.

Así mesmo, adoptáronse como criterios de referencia os que figuran na Moción relativa ao financiamento, a actividade económico-financeira e o control das formacións políticas e das fundacións e demais entidades vinculadas ou dependentes delas, aprobada polo Tribunal de Contas o 27 de xullo de 2021.

Ante a necesidade de especificar e delimitar en maior medida as categorías de gastos electorais recollidas no artigo 130 da LOREX, cómpre formular determinadas precisións.

Entre os gastos que non se consideran comprendidos nos conceptos incluídos no citado artigo 130 da LOREX están os seguintes:

– Os gastos de restauración salvo aqueles en que se incorra para o avituallamento das mesas electorais.

– Os gastos derivados da realización de enquisas, consultoría, asesoramento estratéxico ou de seguimento de redes sociais e os dirixidos a coñecer a intención de voto ou as características da poboación a través de análises de datos e/ou estudos sociolóxicos, demográficos etc., respecto desta.

– Os gastos vinculados á contratación de autobuses ou outros medios de transporte para o desprazamento de afiliados e/ou simpatizantes aos actos de campaña. Considéranse gastos electorais, porén, como dispón a alínea e) do mencionado artigo 130, cando a dita contratación o sexa para o desprazamento de candidatos, dirixentes dos partidos e persoal ao servizo da candidatura.

– Os gastos de formación dos candidatos ou de interventores ou apoderados nas mesas electorais, así como os gastos de estilismo.

– Os gastos de subministracións, tales como electricidade, teléfono etc., salvo que se acredite de xeito fidedigno o seu carácter electoral e, en consecuencia, a súa contratación con motivo do proceso electoral.

– O material de oficina non adquirido especificamente para o traballo electoral, que noutro caso constitúe gasto de funcionamento ordinario.

– Os gastos notariais de constitución do partido político ou os de lexitimación das sinaturas necesarias para a presentación das candidaturas.

– O alugamento de salóns ou espazos na noite electoral, atendendo ao establecido na alínea c) do mencionado artigo 130 da LOREX, que limita a condición de gasto electoral aos alugamentos de salas para a celebración de actos da campaña electoral. Tampouco se consideran necesarios os gastos de aloxamento unha vez rematada a campaña electoral.

– Os gastos de actuacións musicais ou de entretemento e de atraccións infantís, xa que non son propaganda ou publicidade dirixida a promover o voto, nin constitúen un gasto necesario para desenvolver os actos electorais.

– Os gastos de publicidade exterior e de publicidade en prensa e radio que fosen realizados con anterioridade ao inicio da campaña electoral, unha vez convocadas as eleccións, consideraranse prohibidos nos termos establecidos na Instrución 3/2011, do 24 de marzo, da Xunta Electoral Central, sobre interpretación da prohibición de realización de campaña electoral incluída no artigo 53 da LOREX, aínda que estes se terán en conta no cálculo dos límites de gastos. En ningún caso se poderán devindicar este tipo de gastos publicitarios unha vez rematada a campaña electoral, salvo para desmontaxe ou retirada dos elementos publicitarios.

Pola contra, considéranse comprendidos como gastos electorais nos conceptos enumerados no artigo 130 da LOREX os seguintes:

– Os derivados da preparación da documentación contable e administrativa asociada ao proceso electoral, sempre que os servizos fosen especificamente contratados con motivo deste.

– Os realizados en elementos publicitarios de carácter inventariable, con independencia de que sexan reutilizables en período non electoral ou noutros procesos electorais.

– Con carácter xeral, considérase que os gastos necesarios a que se refire a alínea h) do artigo 130 da LOREX comprenden aqueles conceptos de gastos cuxa falta de realización poida afectar o normal funcionamento das oficinas e servizos requiridos no proceso electoral. En particular, os gastos das oficinas administrativas abertas con fins electorais.

5.3.3. Cálculo da previsión dos xuros das operacións de crédito.

En relación cos xuros das operacións de crédito concertadas para o financiamento das campañas electorais que se recollen na alínea g) do artigo 130 da LOREX, mantense o criterio, xa seguido en fiscalizacións anteriores, de considerar os xuros devindicados desde a formalización do crédito ata un ano despois da celebración das eleccións, período medio estimado para a percepción das subvencións correspondentes ou, de ser o caso, ata a data de amortización do crédito se esta se producise antes. A dita estimación calcularase sobre os seguintes importes do principal da débeda e períodos:

a) Sobre o capital pendente de amortizar, ata a data en que xorde o dereito da percepción do adianto tras a presentación da contabilidade electoral ao Consello de Contas. Co obxecto de homoxeneizar o período de devindicación, este comprenderá desde o día da convocatoria das eleccións ata transcorridos cinco meses tras a súa celebración.

b) Sobre os saldos non cubertos polos adiantos das subvencións, ata completar o ano a partir da celebración das eleccións ou, de ser o caso, ata a data de amortización do crédito se se produce antes.

No caso de que se computasen xuros como gastos electorais ordinarios e como gastos por envíos de propaganda e publicidade electoral, a imputación a este último concepto deberá observar, como máximo, a mesma proporción que os gastos por envíos de propaganda electoral representan sobre a totalidade dos gastos electorais.

Se no exame da contabilidade remitida se observa que unha formación política, sen xustificación suficiente, non aplicou os criterios anteriores no cálculo e distribución dos xuros, o Consello de Contas axustará os importes declarados para os únicos efectos da verificación do cumprimento do límite de gastos e da imputación total de gastos por envíos directos e persoais de propaganda e publicidade electoral.

5.4. Documentación xustificativa dos gastos por envíos de propaganda electoral e do número de envíos persoais e directos.

A Orde do 28 de decembro de 2023, da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que terán lugar o 18 de febreiro de 2024 (DOG núm. 246, do 29 de decembro de 2023), establece no seu artigo único:

«As cantidades a que se refiren os artigos 15 e 19 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, unha vez actualizadas serán as seguintes:

...

3. Ademais das subvencións a que se refiren os números anteriores, a Comunidade Autónoma subvencionará os partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores polos gastos ocasionados polo envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou propaganda e publicidade electoral, a razón de vinte e cinco céntimos de euro (0,25 €) por elector, sempre que a candidatura de referencia obteña representación».

En coherencia co regulado no artigo 59 da LOREX, que establece o «máximo dun envío por elector en cada convocatoria electoral», con cargo á subvención específica de mailing pode financiarse un único envío de propaganda electoral por elector e convocatoria. De acordo coa normativa vixente nesta materia, o importe dos gastos por envíos electorais que non resulte cuberto pola subvención que se percibirá polo número de envíos xustificados incrementará, para todos os efectos, os gastos declarados pola actividade electoral ordinaria.

As formacións políticas deberán declarar de forma expresa, en documento á parte, o número de electores aos cales se lles efectuou o envío directo e persoal de sobres e papeletas electorais ou de propaganda electoral por cada unha das circunscricións (en formato [xlsx]).

Para a correcta xustificación dos envíos teranse en conta os seguintes criterios:

– Se a formación política tivera dereito a percibir a subvención para sufragar este tipo de gastos, deberá presentar documentación xustificativa de todos os gastos desta natureza, con independencia da súa contía (en formato [pdf]). Nela deberá figurar información detallada das unidades facturadas. Así mesmo, todas as facturas deberán indicar expresamente as eleccións a que corresponde o gasto electoral.

– Nos envíos deberá figurar expresamente o enderezo con especificación do destinatario, polo que, seguindo o criterio dos informes de fiscalización relativos ás contabilidades de procesos electorais, os gastos de plurienvío non poden considerarse como gastos ocasionados polo envío directo e persoal de propaganda electoral. As formacións políticas deberán declarar de forma expresa o número de electores a que se lles efectuase o envío directo e persoal de sobres e papeletas electorais ou de propaganda electoral por cada unha das circunscricións (en formato [xlsx]).

– En canto á xustificación dos mencionados envíos, deberase achegar a documentación que acredite de forma fidedigna a súa realización en formato [pdf]. Así, no caso de que os envíos se efectuasen a través de Correos ou dunha empresa privada de distribución, deberá remitirse certificación expedida pola entidade correspondente, comprensiva do número de envíos directos e persoais aos electores efectuados a nivel provincial, salvo cando na factura emitida pola empresa que realizou os envíos se indique expresamente a prestación da actividade e os envíos efectuados ao nivel requirido.

– Se a distribución se realizou directamente con medios propios, o responsable de cada formación política certificará, igualmente a nivel provincial, o número de envíos directos e persoais efectuados. A formación política deberá conservar a relación das persoas que participaron na dita distribución por se o Consello de Contas considera oportuno efectuar as comprobacións pertinentes que acrediten suficientemente a realización efectiva da actividade.

– No caso de envíos aos electores residentes no estranxeiro, deberá informarse especificamente do número total de envíos efectuados e achegar a documentación que acredite de forma explícita a realización deste tipo de envíos (en formato [pdf]).

– Cando a formación política realizase envíos en máis dunha circunscrición, deberá presentar unha memoria explicativa dos gastos por envíos electorais, segundo o modelo do anexo 5, en que se informe dos elementos incluídos nos sobres, as empresas encargadas de confeccionalos e distribuílos, a numeración das facturas xustificativas dos ditos gastos, así como o destino dos envíos por circunscricións (en formato [xlsx]). Tamén deberá informarse dos gastos asociados aos envíos (tratamento do censo electoral, xestión administrativa, transporte, embalaxe etc.).

De acordo coa normativa electoral, o importe dos gastos por envíos electorais que non resulte cuberto pola subvención que se perciba polo número de envíos xustificados incrementará, para todos os efectos, os gastos declarados pola actividade electoral ordinaria.

5.5. Outra documentación.

Remitirase copia íntegra dos extractos das contas bancarias electorais desde a súa data de apertura en entidades de crédito, así como das contas asociadas aos créditos. As contas bancarias electorais deberán abrirse baixo a titularidade e co NIF da formación política que presenta a candidatura e será o administrador electoral o interveniente nesta. As ditas contas necesariamente deben ser diferentes para cada proceso electoral concreto e distintas daquelas que operan no funcionamento ordinario do partido político.

Sen prexuízo da documentación que se considere precisa para realizar a fiscalización, que poderá solicitarse en calquera momento, considérase necesario dispoñer de copia das comunicacións efectuadas á xunta electoral competente, relativas aos seguintes aspectos:

a) Nomeamento do administrador ou administrador xeral responsable da contabilidade electoral.

b) Identificación das contas bancarias electorais abertas.

c) Afección, se é o caso, das subvencións electorais aos créditos outorgados.

d) No suposto de presentarse en coalición, copia do pacto de coalición comunicado á xunta electoral competente e do acordo de integración das contabilidades electorais.

5.6. Presentación e custodia da documentación para remitir.

Para os efectos da presentación da documentación contable e xustificativa sinalada anteriormente, xuntarase escrito de remisión asinado polo administrador ou administrador xeral, en que deberá figurar debidamente identificada a documentación remitida e no cal se certifique a súa autenticidade, segundo o modelo do anexo 3 (en formato [pdf]).

A custodia dos orixinais, tanto dos estados contables como da totalidade de documentos xustificativos, será responsabilidade de cada formación política.

Número 6. Información das entidades financeiras e dos provedores

As entidades financeiras que concertasen operacións coas formacións políticas e as empresas que lles facturasen por gastos electorais superiores a 10.000 euros deberán informar o Consello de Contas das súas respectivas operacións, polo que, co obxecto de poder contrastar os gastos declarados polas formacións políticas, se solicita a colaboración destas co fin de que, no momento da contratación do servizo ou cando o consideren oportuno, lembren ás citadas entidades financeiras e empresas o cumprimento desta obriga.

As entidades financeiras e os provedores deberán remitir a información relativa ás súas operacións coas formacións políticas empregando os modelos que figuran nos anexos 6 e 7 desta instrución.

Para tal fin, deberase utilizar o seguinte enderezo de correo electrónico:

eleccionsautonomicas@ccontasgalicia.es ou o rexistro electrónico do Consello de Contas.

Número 7. Cuantificación e comprobación dos límites legais de gastos

7.1. Límite máximo de gastos electorais.

Para o cálculo do límite máximo de gastos electorais aplicarase o recollido no artigo 15 da Lei 9/2015, atendendo ao importe actualizado establecido na Orde do 28 de decembro de 2023, da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Para os efectos da comprobación do dito límite, computaranse os gastos declarados pola formación política que teñan a consideración de gastos subvencionables, fosen ou non suficientemente xustificados mediante a correspondente factura ou documento acreditativo similar. En relación cos gastos que, non sendo declarados na contabilidade presentada pola formación política, sexan detectados polo Consello de Contas e se considere que corresponden a gastos electorais, estes incluiranse para os efectos do límite de gastos, pero non serán subvencionables. En todo caso, con independencia da súa consideración para os efectos da observancia do límite de gastos, os gastos non declarados non serán subvencionables.

Igualmente, comprobarase que os envíos de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral realizados directamente polas formacións políticas non superan o número máximo de electores nas circunscricións (provincias) a que a formación política se presentase. No caso de que os superasen, os gastos polo exceso dos envíos declarados sobre o número máximo de electores consideraranse non subvencionables por este concepto e agregaranse aos gastos declarados pola actividade electoral ordinaria.

A contía dos gastos polos mencionados envíos directos e persoais de propaganda electoral que non resulten subvencionables agregarase aos gastos declarados pola actividade electoral ordinaria e, en consecuencia, será computada para os efectos do cumprimento do límite máximo de gastos.

Para o cálculo do límite máximo de gastos, utilizaranse as cifras de poboación resultantes da última revisión do padrón municipal referida ao 1 de xaneiro de 2023, con efectos desde o 31 de decembro de 2023, declaradas oficiais mediante Real decreto 1085/2023, do 5 de decembro.

7.2. Outros límites de gastos.

Os artigos 55 e 58 da LOREX recollen dous límites específicos referidos a determinados gastos de publicidade exterior e a gastos de publicidade en prensa periódica e emisoras de radio privadas, respectivamente, que non poderán exceder o 20 por cento do límite máximo de gastos en ambos os casos.

Para facilitar a comprobación de ambos os límites, a formación política deberá presentar, na contabilidade remitida, os gastos desta natureza de forma diferenciada da do resto de gastos.

Os gastos en publicidade exterior vinculados ao deseño e impresión de valos publicitarios, bandeirolas e carteis consideraranse gastos electorais ordinarios para todos os efectos. O dito criterio aplicarase, así mesmo, para a publicidade permanente en vehículos e medios de transporte dos candidatos e persoal ao servizo da candidatura.

Con respecto aos gastos de publicidade en prensa periódica, consideraranse incluídos os gastos realizados en prensa dixital pola formación política para a campaña electoral. A publicidade electoral en redes sociais non resulta imputable ao límite de gastos de publicidade en prensa e radio, sempre que non se trate de páxinas ou perfís correspondentes aos referidos medios, todo iso sen prexuízo de que estean suxeitos ao límite legal de gastos electorais establecido para cada proceso electoral.

Número 8. Propostas do Consello de Contas en relación coa subvención que percibirán as formacións políticas

De acordo co artigo 19 da Lei 9/2015, o órgano competente da Administración da Comunidade Autónoma subvencionará os gastos electorais de acordo coas regras específicas establecidas na citada lei. En ningún caso a subvención correspondente a cada formación política poderá exceder a cifra de gastos electorais declarados xustificados polo Consello de Contas no exercicio da súa función fiscalizadora.

Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 27 da mesma lei, no caso de que se apreciasen irregularidades nas contabilidades electorais presentadas polas formacións políticas ou violacións das restricións establecidas en materia de ingresos e gastos electorais, o Consello de Contas poderá propoñer a non adxudicación ou redución da subvención pública que percibirá a formación política de que se trate.

No informe de fiscalización deixarase constancia expresa das irregularidades ou violacións que se aprecien, entre elas as que puidesen ter o carácter de infraccións tipificadas no artigo 17 da Lei orgánica 8/2007. No caso que proceda, efectuarase a proposta de non adxudicación ou de redución que corresponda respecto á subvención electoral. Cando non se realicen estas propostas, farase constar expresamente este feito.

8.1. Proposta de non adxudicación da subvención electoral.

A proposta de non adxudicación da subvención electoral formularase para as formacións políticas nos seguintes casos:

a) Incumprimento dos requisitos previstos no artigo 17 da Lei 9/2015.

b) Que non cumpran coa obriga de presentar ante o Consello de Contas unha contabilidade detallada e documentada dos seus respectivos ingresos e gastos electorais conforme o disposto nos artigos 23.1 e 23.2 da citada lei.

c) Incumprimento por parte da formación política do deber de colaboración que exixe o artigo 25.1 da mesma lei, tras ser requirida para iso en dúas ocasións polo Consello de Contas.

8.2. Proposta de redución da subvención electoral.

A proposta de redución da subvención electoral fundamentarase nos seguintes supostos:

a) A superación dos límites establecidos para as achegas privadas.

b) A falta de xustificación suficiente da procedencia dos fondos utilizados na campaña electoral, e os fondos recibidos que incumpran o artigo 128 da LOREX.

c) A realización de gastos non autorizados pola normativa electoral relativos á contratación de espazos de publicidade electoral en emisoras de televisión privada (artigo 60 da LOREX), nas emisoras de radiodifusión sonora de titularidade municipal (Lei orgánica 10/1991) e nas emisoras de televisión local por ondas terrestres (Lei orgánica 14/1995).

d) O pagamento dos gastos electorais en efectivo ou desde contas bancarias non electorais, incumprindo o sinalado no artigo 125.1 da LOREX.

e) A realización de pagamentos aos provedores con posterioridade ao prazo fixado no artigo 125.3 da LOREX.

Para os efectos de cuantificar o importe da proposta de redución da subvención electoral que corresponda a cada formación política, aplicaranse os seguintes criterios:

a) No caso de que as achegas privadas superen o límite legal máximo de 10.000 euros, propoñerase unha redución polo dobre da cantidade excedida.

b) No caso de recursos utilizados na campaña electoral pola formación política cuxa procedencia non quedase suficientemente acreditada, ou que incumpran o artigo 128 da LOREX, proporase unha redución do dobre dos recursos declarados irregulares.

c) No caso de gastos non autorizados pola normativa electoral vixente relativos á contratación de espazos de publicidade electoral nas emisoras de televisión privada (artigo 60 da LOREX), nas emisoras de radiodifusión sonora de titularidade municipal (Lei orgánica 10/1991) e nas emisoras de televisión local por ondas terrestres (Lei orgánica 14/1995), proporase a redución da subvención polo dobre dos gastos declarados irregulares.

d) Para os gastos electorais que sexan pagados en efectivo ou desde contas bancarias non electorais contravindo o sinalado no artigo 125.1 da LOREX, proporase unha redución da subvención no 10 % do importe dos ditos gastos.

e) Se se efectuasen pagamentos a provedores con posterioridade ao prazo indicado no artigo 125.3 da LOREX, proporase unha redución da subvención no 10 % do importe dos ditos gastos.

No caso de que as deficiencias detectadas afecten fundamentalmente aspectos de natureza formal, valorarase a súa incidencia na xustificación e, en consecuencia, o Consello de Contas considerará a formulación de proposta de redución da subvención que se percibirá.

Con independencia da contía das reducións propostas, estas terán como límite o importe das subvencións que correspondan ás formacións políticas polos resultados obtidos. As ditas subvencións, de acordo co disposto no artigo 127.1 da LOREX, en ningún caso poderán exceder a cifra de gastos declarados xustificados polo Consello de Contas no exercicio da súa función fiscalizadora.

Número 9. Delimitación do alcance da fiscalización do Consello de Contas

A función fiscalizadora do Consello de Contas esténdese á comprobación da regularidade das contabilidades electorais, así como do cumprimento dos requisitos previstos no artigo 17 da Lei 9/2015. Para o exercicio desta función, disporá dun prazo de seis meses posteriores ás eleccións, é dicir, ata o 18 de agosto de 2024, para remitir ao Parlamento de Galicia o correspondente informe de fiscalización.

No suposto de apreciárense irregularidades ou violación dos límites establecidos en materia de ingresos e gastos electorais, efectuaranse propostas de redución ou de non adxudicación da subvención que se percibirá, atendendo aos supostos recollidos no artigo 27 da dita norma.

Os resultados provisionais das actuacións fiscalizadoras da contabilidade electoral remitiranse, por medios telemáticos, ás formacións políticas co fin de que estas poidan formular alegacións e achegar cantos documentos xulguen pertinentes. Para cumprir este trámite as formacións políticas fiscalizadas dispoñerán dun prazo non superior a 10 días hábiles.

Número 10. Identificación de supostos de irregularidades que poderían constituír infraccións sancionables establecidas na Lei orgánica 8/2007

Atendendo ao recollido no artigo 134.2 da LOREX, e ademais das posibles propostas de non adxudicación ou redución da subvención pública que percibirá a formación política que poidan efectuarse, o Consello de Contas identificará as irregularidades ou violacións que poidan constituír infraccións sancionables en materia de ingresos e gastos electorais regulados no artigo 17 da Lei orgánica 8/2007. En particular, os supostos que se refiran á superación dos límites de gastos electorais regulados nos artigos 55.3, 58.1 e 175.2 da LOREX, nos termos establecidos nos puntos dous.b), tres.b) e catro.b) do dito artigo 17 da Lei orgánica 8/2007.

No caso de observarse a existencia das ditas irregularidades, porase de manifesto esta circunstancia no Informe de fiscalización, sen prexuízo de facer constar outros posibles incumprimentos, para os efectos de que o Tribunal de Contas poida, de ser o caso, iniciar o procedemento sancionador regulado no artigo 18 da citada Lei orgánica 8/2007, consonte as regras internas do Tribunal de Contas para a iniciación e tramitación do procedemento sancionador sobre financiamento de partidos políticos previsto na lei, aprobadas por el Pleno dese tribunal na súa sesión do 30 de abril de 2015 e modificadas o 30 de marzo de 2017 e o 31 de marzo de 2022.

O sinalamento no informe de fiscalización da existencia de presuntas infraccións sancionables previstas no artigo 17 da Lei orgánica 8/2007 non constitúe en si mesmo un acto de inicio do procedemento sancionador, que se iniciará, de ser o caso, mediante acordo do Pleno do Tribunal, de conformidade co disposto no mesmo texto legal.

Número 11. Deber de colaboración

Conforme establece o artigo 25 da Lei 9/2015, o Consello de Contas poderá solicitar das formacións políticas sometidas a fiscalización, así como das fundacións e entidades vinculadas ás formacións políticas ou dependentes delas, as aclaracións e os documentos suplementarios que xulgue necesarios para o exercicio da súa función fiscalizadora.

Así mesmo, o Consello de Contas poderá requirir das entidades que manteñan relacións de natureza económica coas formacións políticas, así como das entidades de crédito en que estas teñan abertas contas, para a información e a xustificación detallada que lles solicite, cumprindo normas de auditoría pública, para os efectos de verificar o cumprimento dos límites, requisitos e obrigas establecidos na lei reguladora.

O incumprimento dos requirimentos do Consello de Contas dará lugar á imposición das multas coercitivas previstas no artigo 28 da Lei 6/1985 do Consello de Contas de Galicia.

O Consello de Contas poñerá en coñecemento do Parlamento de Galicia a falta de colaboración dos suxeitos obrigados a prestala.

Número 12. Entrada en vigor

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2024

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas

ANEXO 1

Ficheiros de documentación contable que hai que remitir

• Estados contables que teñen presentar polas formacións políticas segundo os modelos do Plan de contabilidade adaptado ás formacións políticas.

As formacións políticas remitirán os seus estados contables mediante os seguintes ficheiros:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_BALANCE.xlsx

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_RESULTADOS.xlsx

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_SUMAS-SALDOS.xlsx

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_MAIORES.xlsx

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_DIARIO.xlsx

No campo «DATA» farase constar a seguinte referencia ao proceso electoral: «18F24».

ANEXO 2

Ficheiros de documentación xustificativa adicional que hai que remitir

• Información adicional sobre os ingresos.

Para os recursos aplicados á campaña electoral:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_RECURSOS.xlsx

Recursos empregados para financiar a campaña electoral

Recursos declarados pola formación

Importe (€)

Achegas privadas

 

Achegas do partido

 

Adiantos de subvencións electorais

 

Operacións de endebedamento

 

Outros ingresos

 

Total

Nota: nas operacións de endebedamento débense incluír tanto as contraídas con entidades de crédito como con particulares.

Para as achegas privadas e a súa xustificación:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ACHEGAS-PRIVADAS.xlsx

Desagregación de achegas privadas

Data operación

Nome

Apelidos

DNI/pasaporte

Enderezo completo

Provincia

Importe (€)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ACHEGAS-PRIVADAS.pdf

Para as achegas de fondos procedentes do partido e a súa xustificación:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ACHEGAS-PARTIDO.xlsx

Achegas da formación política

IBAN C/C de orixe

IBAN C/C de destino

Conta contable de Tesouraría

Achegas (€)

Reintegros (€)

Saldo (€)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Nota: os campos «IBAN C/C deben figurar co formato «XXXX-XXXX-XX-XXXXXXXXXX».

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ACHEGAS-PARTIDO.pdf

Para a/as póliza/s de crédito subscrita/s para o financiamento da campaña electoral:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_POLIZA.pdf

(En caso de subscribir máis dunha póliza, establecerase unha numeración do tipo «POLIZA1», «POLIZA2»…).

Para a acreditación dos adiantos das subvencións electorais:

SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ADIANTOS.pdf

• Información adicional dos gastos electorais ordinarios.

Para a relación de gastos electorais ordinarios contraídos:

SIGLAS FORMACIÓN_DATA_GASTOS-ORDINARIOS.xlsx

Detalle de gastos electorais ordinarios contraídos por importes superiores a 1.000 euros

Provincia/sede contable

Conta contable máx. desagregación

Concepto de gasto

Nº asento

NIF/CIF provedor

Provedor

Número factura

Data factura

Importe factura (€)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Para a xustificación das anotacións contables:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_GASTOS-ORDINARIOS.pdf

(Permítese o fraccionamento deste ficheiro, tantas veces como resulte necesario, pero, en todo caso, numerando os ficheiros de xeito secuencial).

Para os orzamentos ou documentos descritivos dos gastos por importes superiores a 50.000 euros:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ORZAMENTOS.pdf

(Permítese o fraccionamento deste ficheiro, tantas veces como resulte necesario, en todo caso, numerando os ficheiros de xeito secuencial).

Para os criterios de repartición dos gastos comúns:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_CRITERIOS-REPARTO.pdf

• Información dos gastos por envíos directos de sobres e papeletas electorais e de propaganda e publicidade electoral e do número de envíos persoais e directos.

Para a relación de gastos electorais por envíos de propaganda electoral:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_GASTOS-ENVIOS.xlsx

Detalle de gastos electorais por envíos de propaganda electoral

Provincia/sede contable

Conta contable máx. desagregación

Concepto de gasto

Nº asento

NIF/CIF provedor

Provedor

Número factura

Data

factura

Importe factura (€)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Para a xustificación das anotacións contables:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_GASTOS-ENVIOS.pdf

(Permítese o fraccionamento deste ficheiro, tantas veces como resulte necesario, no caso de que supere o tamaño máximo).

Para a declaración do número de envíos por cada unha das circunscricións:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_NUM-ENVIOS.xlsx

Para a xustificación do número de envíos:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_NUM-ENVIOS.pdf

Para a acreditación do número de envíos efectuados ao estranxeiro:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_NUM-ESTRANXEIRO.pdf

• Outra información.

Para a comunicación á xunta electoral competente do nomeamento do administrador xeral:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_ADMINISTRADOR.pdf

Para a comunicación á xunta electoral competente da conta electoral aberta:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_CONTAS.pdf

Para a comunicación á xunta electoral competente da afección das subvencións electorais aos créditos outorgados:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_AFECCION-SUBV.pdf

Para a copia do pacto de coalición comunicado á xunta electoral competente:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_PACTO-COALICION.pdf

Para a remisión dos extractos bancarios da conta electoral e, se é o caso, da/s conta/s asociada/s aos créditos outorgados:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_EXTRACTO-CC.pdf

(En caso de haber máis dun extracto, establecerase unha numeración do tipo «EXTRACTO-CC1», «EXTRACTO-CC2»…).

Para a copia do acordo de integración da contabilidade electoral no caso de coalicións electorais:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_INTEGRACIÓN.pdf

No campo «DATA» farase constar a seguinte referencia ao proceso electoral: «18F24».

ANEXO 3

Documento para a remisión da documentación que teñen que presentar as formacións políticas

Os estados contables e demais documentación xustificativa deberán ser remitidos mediante un documento, igualmente protexido por sinatura dixital, do seguinte tenor:

D/Dª... (nome e apelidos do contadante), .... (administrador/a xeral electoral da formación política xxx) para as eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024, remito ao Consello de Contas de Galicia a contabilidade electoral das ditas eleccións, de conformidade co disposto no artigo 23.1 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, na forma e coa documentación adicional a que se refire a Instrución do Consello de Contas aprobada mediante Acordo do seu Pleno do 29 de febreiro de 2024 e publicada no DOG núm. XX, do XX do marzo de 2024, relativa á fiscalización das contabilidades correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024.

A información relativa á dita contabilidade electoral queda contida nos ficheiros presentados a través da sede electrónica do Consello de Contas.

Así mesmo, certifico a autenticidade dos datos remitidos e das copias da documentación xustificativa presentadas respecto dos orixinais que conserva esta formación política á disposición do Consello de Contas.

En..., o ... de... de 2024

O/a administrador/a xeral electoral

Este arquivo será nomeado como se indica a seguir:

– SIGLAS FORMACIÓN_DATA_DOC-REMISION.pdf

Nota: no campo «DATA» farase constar a seguinte referencia ao proceso electoral: «18F24».

ANEXO 4

Memoria de actos e mitins celebrados na campaña electoral

Formación política:

Proceso electoral:

Inclúese unha relación dos actos e mitins celebrados na campaña electoral, especificando a data, o lugar de celebración e os gastos asociados a estes:

Denominación

Data

Lugar

Provedor

N° factura

Importe (€)(1)

Total

(1)IVE incluído

ANEXO 5

Memoria de gastos por envíos de sobres, papeletas, propaganda e publicidade electoral

Formación política:

Proceso electoral:

Inclúese un detalle por cada unha das circunscricións en que se presenta candidatura dos gastos asociados aos elementos que compoñen os sobres co mailing e do resto de gastos asociados aos envíos.

1. Gastos asociados á confección de todos os elementos que compoñen o mailing: papeletas de votación, sobres de votación, publicidade e propaganda electoral, sobres contedores etc.

Circunscrición dos envíos

Descrición

Provedor

Conta contable

N° factura

Importe factura (€)

2. Outros gastos asociados aos envíos do mailing: transporte, tratamentos do censo electoral, xestión administrativa, franqueo postal etc.

Circunscrición dos envíos

Descrición

Provedor

Conta contable

N° factura

Importe factura (€)

ANEXO 6

Modelo de información que teñen que presentar as entidades financeiras

Entidade financeira

Persoa de contacto

Teléfono de contacto

Para os efectos do previsto no artigo 24 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, remítese ao Consello de Contas a seguinte información sobre os créditos concedidos ás formacións políticas para o financiamento dos gastos das eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o 18 de febreiro de 2024:

Formación política

Tipo de operación

Nº operación

Importe concedido (€)

Vencemento

Xuros (%)

(Data, sinatura e selo)

ANEXO 7

Modelo de información que teñen que presentar os provedores das formacións políticas

Razón social da empresa

Domicilio

Número de identificación fiscal

Teléfono de contacto

Para os efectos do previsto no artigo 24 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, remítese ao Consello de Contas de Galicia a seguinte información sobre os importes facturados por esta empresa ás formacións políticas correspondentes ás eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o 18 de febreiro de 2024:

Formación política

Nº factura

Data factura

Importe (€)(1)

IVE incluído

(Data, sinatura e selo)