DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 2024 Páx. 18327

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2024 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador, e se abre o prazo para presentar as solicitudes correspondentes á convocatoria de 2023 (código de procedemento ED701B).

O artigo 94 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece: «Tendo en conta os límites máximos de custos de persoal que os orzamentos xerais da Xunta de Galicia establezan para cada unha das universidades públicas do SUG, e segundo o procedemento que se determine regulamentariamente, o Consello Social, por proposta do Consello de Goberno da universidade e logo de valoración positiva do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, poderá acordar a asignación, singular e individualizada, de complementos retributivos ligados ao exercicio da actividade e da dedicación docente, investigadora, de transferencia de coñecemento ou de xestión, nos termos establecidos na Lei orgánica de universidades».

A Xunta de Galicia, a través do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario (DOG núm. 56, do 22 de marzo), crea catro tipos de complementos e restrinxe a súa aplicación, de conformidade co disposto no seu artigo 1, ao persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia. No seu artigo 8 indícase que a asignación dos complementos exixirá a valoración previa positiva dos méritos en que se sustentan por parte do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto polo propio consorcio e conforme os seguintes criterios obxectivos, indicativos e non exclusivos.

A Orde do 16 de abril de 2004 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006 (DOG do 8 de maio), así como as bases das correspondentes convocatorias do consorcio ACSUG, deben recoller as exixencias dos citados artigos 1 e 6 do Decreto 55/2004, limitan deste xeito o ámbito subxectivo dos complementos ao persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor fixo das universidades do SUG. De conformidade co establecido na citada orde, en cada convocatoria debe establecerse a data concreta en que os solicitantes deberán ter cumpridos os requisitos establecidos no artigo 6 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo. Non debemos esquecer que o número 2 do artigo 47 da Lei 39/2015 establece a nulidade de pleno dereito das disposicións administrativas que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de rango superior.

Neste sentido, os números 1 e 2 do artigo 6 do Decreto 55/2004 establecen como requisitos específicos do complemento de recoñecemento ao labor docente e do complemento de recoñecemento ao labor investigador «a exixencia de que a praza do solicitante debe ser fixa e estable, tras se superar o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei».

Porén, a última xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en aplicación da cláusula 4.1 da Directiva 1999/70/CE, prohibe o tratamento diferenciado nas condicións de traballo das persoas que teñan un contrato de duración determinada e das fixas comparables, a menos que se xustifique por razóns obxectivas.

Deste xeito, e tendo presente a Directiva 1999/70/CE, deixarase de aplicar o requisito da praza fixa e estable e da superación do correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei, ben que, todos os demais requisitos específicos exixidos en cada complemento seguen plenamente vixentes.

Finalmente, mediante a Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro), publícanse os acordos do Consello de Dirección do consorcio ACSUG polos cales que se delega, na súa Presidencia, a realización das convocatorias anuais de valoración previa á asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas,

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de solicitudes para a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador, establecidos, respectivamente, no artigo 2.1 e 2.2 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario (código de procedemento ED701B).

Segunda. Persoas solicitantes

1. De conformidade co disposto no artigo 1 do citado Decreto 55/2004, poderá solicitar esta valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor, tanto de carácter fixo como temporal, das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia (SUG).

2. Tendo en conta o carácter individual e consolidable destes complementos, non se admitirán a trámite as solicitudes dos solicitantes que xa fosen valoradas favorablemente en convocatorias anteriores.

Terceira. Requisitos

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, cos artigos 6.1 e 6.2 da mesma disposición, así como co disposto polos artigos 2 e 3 da Orde do 16 de abril de 2004, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006, para obter a valoración positiva será necesario:

a) Para o complemento de recoñecemento ao labor docente:

1. Estar integrado no cadro de persoal docente como funcionario ou como contratado doutor, tanto de carácter fixo como de carácter temporal, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Acreditar, polo menos, un ano de servizo na súa praza, feito en 31 de decembro de 2022, ou ben entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2023.

3. Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.

4. Valoración positiva dos méritos en que se sustente a solicitude polo consorcio (ACSUG), de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola CGIACA na Orde do 16 de abril de 2004.

b) Para o complemento de recoñecemento ao labor investigador:

1. Estar integrado no cadro de persoal docente como funcionario ou como contratado doutor, tanto de carácter fixo como de carácter temporal, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Acreditar, polo menos, un ano de servizo na súa praza, feito en 31 de decembro de 2022, ou ben entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2023.

3. Ter presentado na universidade un traballo de investigación que fose xulgado por un tribunal avaliador e co cal se lle teña outorgado o grao de doutor.

4. Valoración positiva dos méritos en que se sustente a solicitude por parte do consorcio (ACSUG), de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola CGIACA na Orde do 16 de abril de 2004.

Cuarta. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Os solicitantes deberán cubrir telematicamente a solicitude (anexo I), común para ambos os complementos, e as memorias de autoavaliación (anexo II.A e II.B), nos modelos dispoñibles na aplicación informática do consorcio ACSUG, á cal se deberá acceder a través da páxina web http://www.acsug.es/convocatorias-abertas. Deberá indicarse cunha aspa para cal ou cales das retribucións adicionais se solicita a avaliación.

No caso de que se solicite a valoración previa das dúas retribucións, farase na mesma solicitude.

2. Unha vez cuberta a solicitude (anexo I) da forma indicada no punto anterior, xerarase o correspondente documento PDF e presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de presentación dos formularios na sede electrónica, poderanse dirixir ao teléfono de información 012, equivalente 981 90 06 43 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Quinta. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

– Breve memoria de autoavaliación do labor docente, que se presentará de acordo co modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II. A que poderá descargarse a través da plataforma informática do consorcio ACSUG (só cando se solicite o complemento de recoñecemento ao labor docente).

– Breve memoria de autoavaliación do labor investigador, que se presentará de acordo co modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II.B, que poderá descargarse a través da plataforma informática do consorcio ACSUG (só cando se solicite o complemento de recoñecemento ao labor investigador).

– Outros documentos que a persoa solicitante considere relevantes.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE, ou documento equivalente, da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Título oficial de doutoramento (só cando se solicite o complemento de recoñecemento ao labor investigador).

d) Estar integrado no cadro de persoal docente como funcionario ou como contratado doutor, tanto de carácter fixo como temporal, de calquera das universidades públicas de Galicia, e ter acreditado, polo menos, un ano de servizo na súa praza, feito en a 31 de decembro de 2022, ou ben entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2023.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos necesarios.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Sétima. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Oitava. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Prazo

O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décima. Emenda e mellora da solicitude

1. Cando as solicitudes presentadas en prazo polas persoas interesadas non reúnan os requisitos exixidos pola normativa que lles resulte de aplicación, non se cubrise a solicitude ou non se xuntasen os documentos, do xeito exixido nestas bases, o consorcio ACSUG requirirá a persoa interesada para que, no prazo de dez (10) días hábiles a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, se emende a carencia, consonte o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015. No caso de non atender o devandito requirimento, entenderase que desisten da súa petición.

2. Finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, as avaliacións faranse con base nos méritos alegados na aplicación informática do consorcio ACSUG, así como con base na documentación acreditativa deles.

Décimo primeira. Procedemento

O procedemento para a tramitar as solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de abril de 2004, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo os criterios e méritos de avaliación e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e labor investigador.

Décimo segunda. Acordos de avaliación

1. De conformidade co establecido no artigo 23 dos estatutos do consorcio ACSUG, aprobados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións á que se fai referencia na base primeira.

2. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, previos á asignación singular e individual dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades, serán notificados a cada solicitante persoal e directamente nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do disposto na disposición adicional vixésimo primeira da Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 13 de abril).

Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, cando resulten positivos, serán notificados directamente polo consorcio ACSUG ás correspondentes universidades, para que, se é o caso, os consellos sociais realicen a asignación singular e individual dos referidos complementos.

Décimo terceira. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser obxecto de recurso de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou poderán ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Este recurso, unha vez cuberto, deberá asinarse e presentarse telematicamente, consonte o establecido na base sétima.

Décimo cuarta. Efectos económicos

1. Cando, de conformidade co disposto na base décimo segunda, os consellos sociais das universidades asignen os referidos complementos, o pagamento das correspondentes retribucións farase cos seguintes efectos:

– Cando o cumprimento dos requisitos sinalados na base terceira teña lugar ata o día 31 de decembro de 2022, o pagamento farase con efectos do 1 de xaneiro de 2023.

– Cando o cumprimento dos requisitos sinalados na base terceira teña lugar entre os días 1 de xaneiro e 30 de xuño de 2023, o pagamento farase con efectos do 1 de xullo de 2023.

2. O pagamento das correspondentes retribucións farase conforme as cantidades establecidas nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo quinta. Entrada en vigor

A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2024

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do consorcio Axencia para a
Calidade do Sistema Universitario de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file