DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2024 Páx. 18579

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 28 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no curso académico 2024/25 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

BDNS (Identif.): 748061.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 4.

Requisitos.

Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias da bolsa convocada pola Orde do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o Programa Retorna Talento, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2023/24 en centros educativos de Galicia (DOG núm. 156, do 18 de agosto de 2023), ou outras bolsas de edicións anteriores.

Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa fosen beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cento oito (108) bolsas Retorna Talento FP para cursar determinadas ensinanzas de formación profesional que se inicien no curso 2024/25 en centros da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED333B).

Establécense as seguintes modalidades de bolsas:

1. Modalidade A: programas específicos básicos.

Corenta e oito (48) bolsas para cursar as ensinanzas de formación específica básica que se detallan no anexo IV.

O alumnado seleccionado cursará as devanditas ensinanzas na modalidade presencial durante o curso 2023/24.

2. Modalidade B: ciclos de formación profesional dual.

Sesenta (60) bolsas para cursar os ciclos de formación profesional dual que se indican no anexo V.

Nesta modalidade a formación terá unha duración de dous cursos académicos. Durante o curso 2024/25, o alumnado cursará un período inicial na modalidade semipresencial e a distancia que poderá desenvolver desde o seu país de residencia, seguido dun período na modalidade presencial dual, que se desenvolverá entre o centro educativo e a empresa. Durante o curso 2025/26, o alumnado cursará un período inicial na modalidade semipresencial e a distancia, que se impartirá desde o centro educativo, seguido dun período na modalidade presencial dual, que se desenvolverá na empresa.

As persoas solicitantes poderán concorrer unicamente a unha das dúas modalidades ofertadas, elixindo unha primeira opción como preferente e sinalando na solicitude as restantes opcións segundo a súa orde de preferencia cun máximo de 3 opcións pertences á modalidade escollida.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 28 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no curso académico 2024/25 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

Cuarto. Importe

Esta convocatoria terá carácter plurianual e destinaranse un total de 960.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.07.422M.480.1 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, dos orzamentos de 2024, 2025 e 2026.

As dúas modalidades (A e B) terán os importes e a distribución seguintes:

Modalidade

Dotación económica

Modalidade A

312.000 €

Modalidade B

648.000 €

2. A distribución de crédito por anualidades será a seguinte:

Modalidade

2024

2025

2026

Modalidade A

177.600 €

134.400 €

-

Modalidade B

-

372.000 €

276.000 €

A contía de cada bolsa será de 6.500 € na modalidade A e de 10.800 € na modalidade B.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 60 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará ás 23.59.59 horas (hora peninsular española) do día no que finalice o dito cómputo.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades