DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 13 de marzo de 2024 Páx. 18551

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 28 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional que se inicien no curso académico 2024/25 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma de Galicia asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a viviren e traballaren na súa propia terra.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 a 44 os principios xerais, os obxectivos, os contidos, os títulos e as validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español.

A Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 15 de decembro de 2022, inclúe medidas destinadas a atraer persoas galegas residentes no exterior, tanto emigrantes como descendentes destas; ofrecer e procurarlles unha cobertura integral das súas necesidades básicas; facilitar a súa integración educativa e laboral; analizar e executar todas as medidas ao alcance do Goberno galego para combater e superar o complexo reto demográfico de Galicia desde o fomento do retorno.

Un dos obxectivos desta estratexia é incentivar o retorno das familias do exterior, favorecendo a incorporación nos centros de ensino da nosa Comunidade Autónoma, así como no Sistema universitario de Galicia.

Neste obxectivo enmárcase o programa Retorna Talento FP, que busca incentivar o retorno das persoas galegas do exterior para cursar ensinanzas de formación profesional nos centros educativos da nosa Comunidade Autónoma e a súa posterior incorporación ao mercado laboral galego.

A través deste programa preténdese, tamén, que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas galegas que residiron ou naceron no estranxeiro e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación con esta Comunidade Autónoma.

Na súa virtude e no uso das atribucións que lle foron concedidas á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cento oito (108) bolsas Retorna Talento FP para cursar determinadas ensinanzas de formación profesional que se inicien no curso 2024/25 en centros da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED333B).

Artigo 2. Modalidades das bolsas

Establécense as seguintes modalidades de bolsas:

1. Modalidade A: programas específicos básicos.

Corenta e oito (48) bolsas para cursar as ensinanzas de formación específica básica que se detallan no anexo IV.

O alumnado seleccionado cursará as devanditas ensinanzas na modalidade presencial durante o curso 2024/25.

2. Modalidade B: ciclos de formación profesional dual.

Sesenta (60) bolsas para cursar os ciclos de formación profesional dual que se indican no anexo V.

Nesta modalidade a formación terá unha duración de dous cursos académicos. Durante o curso 2024/25, o alumnado cursará un período inicial na modalidade semipresencial e a distancia que poderá desenvolver desde o seu país de residencia, seguido dun período na modalidade presencial dual, que se desenvolverá entre o centro educativo e a empresa. Durante o curso 2025/26, o alumnado cursará un período inicial na modalidade semipresencial e a distancia, que se impartirá desde o centro educativo, seguido dun período na modalidade presencial dual, que se desenvolverá na empresa.

As persoas solicitantes poderán concorrer unicamente a unha das dúas modalidades ofertadas, elixindo unha primeira opción como preferente e sinalando na solicitude as restantes opcións segundo a súa orde de preferencia cun máximo de 3 opcións pertences á modalidade escollida.

Artigo 3. Persoas destinatarias

1. Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 4.

2. Quedan excluídas desta convocatoria, as persoas que xa fosen beneficiarias da bolsa convocada pola Orde do 4 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o Programa Retorna Talento, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2023/24 en centros educativos de Galicia (DOG núm. 156, do 18 de agosto de 2023), ou outras bolsas de edicións anteriores.

3. Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa fosen beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 4. Requisitos

1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no prazo de presentación de solicitudes:

a) Ser menor de 45 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir no estranxeiro.

d) Acreditar un mínimo de dous (2) anos de residencia fóra de España inmediatamente anterior á data da presentación da solicitude.

e) Cumprir polo menos unha das seguintes condicións:

– Ser emigrante nacido/a en Galicia.

– Ser emigrante non nacido/a en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

– Ser descendente por consanguinidade de emigrante nacido/a en Galicia, sempre que a persoa solicitante nacese no estranxeiro.

f) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estar vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda da documentación preceptiva.

g) No caso das persoas solicitantes da modalidade B:

– Estar en posesión dalgunha das titulacións que dan acceso ao ciclo formativo correspondente de acordo co establecido nos artigos 6 e 7 da Orde do 15 de xuño de 2016 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de grao medio e de grao superior en réxime ordinario e para as persoas adultas. As ditas titulacións pódense consultar na seguinte páxina web:

https://www.xunta.gal/dog/publicados/2016/20160627/anunciog0164-210616-0003_es.html

– A titulación deberá estar homologada e acreditarase mediante a correspondente credencial de homologación. Non obstante, permitirase a inscrición condicionada neste procedemento mediante a presentación da solicitude de homologación xunto coa declaración responsable no modelo do anexo III da Orde do 9 de xullo de 2018 reguladora do procedemento de homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias. En calquera caso, a credencial de homologación deberá estar resolta positivamente, e deberá estar enviada antes do 31 de xaneiro do 2025 ao correo electrónico retorna.talento.fp@edu.xunta.gal

– Dispoñer de conexión á internet e ordenador ou dispositivo móbil compatible coa plataforma de teleformación da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal/fpadistancia/).

Artigo 5. Orzamento

1. Esta convocatoria terá carácter plurianual e destinaranse un total de 960.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10.07.422M.480.1 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, dos orzamentos de 2024, 2025 e 2026.

As dúas modalidades (A e B) terán os importes e a distribución seguintes:

Modalidade

Dotación económica

Modalidade A

312.000 euros

Modalidade B

648.000 euros

2. A distribución de crédito por anualidades será a seguinte:

Modalidade

2024

2025

2026

Modalidade A

177.600 euros

134.400 euros

-

Modalidade B

-

372.000 euros

276.000 euros

A concesión destas subvencións quedará condicionada aos ditos límites orzamentarios.

3. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 6. Contía das axudas

1. Modalidade A: a contía de cada bolsa será de 6.500 euros.

A distribución das axudas será a que se amosa na táboa seguinte e o seu pagamento estará condicionado ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 17.1 desta orde.

Distribución dos pagamentos

Curso 2024/25

(6.500 euros)

1º pagamento, de 3.700 euros, último trimestre 2024 (anualidade 2024)

2º pagamento, de 2.800 euros, antes de rematar o curso 2024/25 (anualidade 2025)

2. Modalidade B: a contía de cada bolsa será de 10.800 euros.

A distribución das axudas será a que se amosa na táboa seguinte e o seu pagamento estará condicionado ao cumprimento dos establecidos no artigo 17.2 desta orde.

Distribución dos pagamentos

Curso 2024/25

(6.200 euros)

1º pagamento, de 3.500 euros, no 1º trimestre do ano 2025 (anualidade 2025)

2º pagamento, de 2.700 euros, antes de rematar o curso 2024/25 (anualidade 2025)

Curso 2025/26

(4.600 euros)

3º pagamento, de 2.300 euros, no 1º trimestre do ano 2026 (anualidade 2026)

4º pagamento, de 2.300 euros, antes de rematar o curso 2025/26 (anualidade 2026)

Coa contía asignada, as persoas beneficiarias deberán afrontar todos os gastos que se xeren para poder realizar a formación, tales como son a viaxe desde o seu país de procedencia, aloxamento e manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso.

Artigo 7. Forma, prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuran na aplicación informática Ciclosadmisión (https://www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/) e incorporar os documentos requiridos no artigo 8 desta orde á dita aplicación. Rematado este proceso, deberán confirmar a solicitude que, unha vez enviada, non poderá ser modificada. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado, que figura como anexo I desta orde a título informativo, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Entendendo que as persoas ás cales vai dirixida esta convocatoria teñen acceso e capacidade para realizar este trámite, e as especiais circunstancias que poderían presentarse nos países en que residen, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento, de conformidade co establecido no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas solicitantes residentes en Cuba que así o desexen poderanse dirixir á Federación de Sociedades Galegas na Habana, na cal existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no anexo I.

3. A presentación da solicitude implicará a aceptación do disposto nesta orde e responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, da veracidade dos documentos presentados; será unha infracción grave falsear calquera das condicións requiridas para a obtención da subvención solicitada, de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Para calquera información adicional, as persoas interesadas poderanse dirixir ao correo electrónico: retorna.talento.fp@edu.xunta.gal

5. O prazo de presentación de solicitudes será de 60 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará ás 23.59.59 horas (hora peninsular española) do día no que finalice o dito cómputo.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade ou nacionalidade española, para as persoas solicitantes que non teñan DNI español.

b) Documentación acreditativa da residencia actual no estranxeiro.

c) Documentación xustificativa do tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous (2) anos inmediatamente anteriores á data de fin de presentación da solicitude.

d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia:

– Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.

– Persoas non nacidas en Galicia, pero que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do padrón municipal do/s concello/s galego/s onde residiron.

– Descendentes por consanguinidade de emigrante nacido/a en Galicia: certificados de nacemento ou libros de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa emigrante nacida en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.

e) Para as persoas solicitantes nacidas no estranxeiro, documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), ou calquera outra documentación acreditativa deste aspecto.

f) Para as persoas solicitantes da modalidade A:

– Documentación acreditativa da experiencia laboral relacionada coa praza que solicita.

– Documentación acreditativa da formación relacionada coa praza que solicita.

g) Para as persoas solicitantes da modalidade B:

– Documentación acreditativa da formación necesaria para acceder ao ciclo ofertado segundo o establecido no artigo 4.g).

– Currículo actualizado.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

5. Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución xurada deles en calquera destes idiomas.

6. A persoa beneficiaria presentará, na súa solicitude, unha declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. A citada declaración atópase na epígrafe correspondente ás declaracións da persoa solicitante ou representante do anexo I.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante, de dispoñer del.

– DNI/NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

– Expediente académico.

– Certificado de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de que a persoa solicitante está ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

– Certificado de que a persoa solicitante está ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes realizarase de maneira electrónica a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 11. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Formación Profesional será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das prazas e bolsas asociadas, e correspóndelle ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ditar a correspondente resolución para cada modalidade.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e examinadas estas e a documentación complementaria, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades exporá, para cada modalidade, as listaxes provisionais de solicitudes admitidas, solicitudes a emendar, e solicitudes excluídas, en que se sinalarán os motivos de exclusión, a través da publicación no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal).

3. As persoas con solicitudes para emendar disporán dun prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao desta publicación na páxina web (que rematará ás 23.59.59 horas-hora peninsular española), para emendar a falta ou achegar os documentos preceptivos. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e nas condicións que se establecen no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades exporá, para cada modalidade, as listaxes definitivas de solicitudes admitidas e solicitudes excluídas, en que se sinalarán os motivos de exclusión, a través da publicación no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal).

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria, de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo ou persoa en quen delegue.

– Vogais: catro persoas en representación da Dirección Xeral de Formación Profesional, con categoría de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo.

– Secretaría: actuará como secretario/a unha persoa asesora da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, con voz pero sen voto.

3. A Comisión de Valoración constituirase na sede da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo ou de modo telemático. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. Para as bolsas da modalidade A farase unha comparativa entre as solicitudes admitidas e establecerase unha prelación entre elas, de acordo cos criterios que se determinan a seguir, e as prazas solicitadas.

A Comisión de Valoración avaliará os méritos acreditados polas persoas solicitantes de acordo co seguinte baremo:

a) Vinculación con Galicia: ata 15 puntos coa seguinte distribución:

1. Nacido/a en Galicia e/ou que residiu en Galicia de xeito continuado durante dez anos antes de emigrar: 15 puntos.

2. Nacido/a no estranxeiro e fillo/a dunha persoa nacida en Galicia: 10 puntos.

3. Outras persoas descendentes dunha persoa nacida en Galicia: 5 puntos.

b) Acreditar experiencia laboral relacionada coa praza que solicita: 1 punto por ano completo traballado (0,0833 puntos/mes), ata un máximo de 5 puntos.

c) Acreditar formación relacionada coa praza que solicita: 0,10 puntos por cada 10 horas de formación acreditada, ata un máximo de 5 puntos.

2. Para as bolsas da modalidade B, as persoas solicitantes admitidas participarán nunha entrevista individual por videoconferencia coas empresas participantes na formación dual do ciclo solicitado de forma preferente, dando cumprimento ao establecido na Orde do 14 de xuño de 2018 pola que se autorizan proxectos experimentais de formación profesional dual de ciclos formativos de formación profesional en centros educativos, en colaboración con diversas entidades. Durante as entrevistas deberá estar presente un docente do centro educativo en que se imparta o ciclo formativo.

Os criterios de selección serán os seguintes:

a) Experiencia previa en roles similares ou en campos relacionados co perfil profesional da praza que se solicita: ata 5 puntos.

b) Capacidade para adaptarse a novos contornos, tecnoloxías ou responsabilidades: ata 5 puntos.

c) Coñecemento previo da empresa e do sector produtivo: ata 5 puntos.

d) Experiencia profesional previa noutros campos: ata 2 puntos.

e) Dominio de habilidades brandas, como a comunicación, a empatía, as habilidades interpersoais ou a capacidade de traballo en equipo: ata 3 puntos.

f) Disposición da persoa candidata durante a entrevista, tendo en conta a actitude, enfoque construtivo e capacidade para manexar situacións difíciles: ata 5 puntos.

A persoa solicitante poderá participar nunha ou varias entrevistas coas empresas que participan na formación do ciclo formativo solicitado de forma preferente.

Unha vez realizadas as entrevistas, cada empresa emitirá un informe para a Comisión de Valoración no que determinará as persoas seleccionadas e as excluídas indicando os motivos de aceptación ou rexeitamento das distintas candidaturas. O número de persoas seleccionadas non poderá ser superior ao número de prazas establecidas para cada ensinanza ofertada.

Nos casos de rexeitamento, a persoa solicitante poderá participar nunha ou varias entrevistas coas empresas participantes na formación dual dos restantes ciclos formativos segundo a orde de prioridade sinalada na súa solicitude.

Artigo 14. Resolución

1. Modalidade A.

Unha vez avaliados os méritos acreditados documentalmente, a Comisión de Valoración elaborará a listaxe provisional de persoas seleccionadas e en reserva para cada ensinanza ofertada, xunto coa puntuación obtida por cada unha.

Para o caso de empate na puntuación obtida, daráselle prioridade a quen teña a maior vinculación con Galicia; en segundo lugar, quen acredite maior experiencia laboral relacionada; en terceiro lugar, quen acredite maior formación relacionada, e en cuarto lugar, a data de nacemento máis recente.

Esta listaxe provisional publicarase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal). As persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da dita publicación (que rematará ás 23.59.59 horas-hora peninsular española), para interpor reclamacións ou renuncias ante a presidencia da Comisión de Valoración.

Transcorrido este prazo, e unha vez estudadas e, de ser o caso, atendidas as ditas reclamacións e renuncias, a Comisión de Selección emitirá unha proposta de adxudicación das axudas, que se publicará no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal).

A persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional elevará a proposta de adxudicación á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que resolverá o que proceda, nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Modalidade B.

A Comisión de Valoración examinará os informes de cada empresa participante e elaborará a listaxe provisional de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas para cada ensinanza ofertada.

Esta listaxe provisional publicarase no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal).

As persoas interesadas disporán dun prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da dita publicación (que rematará ás 23.59.59 horas-hora peninsular española), para interpor reclamacións ou renuncias ante a presidencia da Comisión de Valoración.

Transcorrido este prazo, e unha vez estudadas e, de ser o caso, atendidas as ditas reclamacións e renuncias, a Comisión de Selección emitirá unha proposta de adxudicación das axudas, que se publicará no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal).

A persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional elevará a proposta de adxudicación á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que resolverá o que proceda, nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Aceptación ou renuncia

1. A persoa beneficiaria terá a obriga de aceptar ou renunciar á bolsa nun prazo de cinco días hábiles contado a partir do seguinte ao da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia.

2. A aceptación farase segundo o modelo que se indica no anexo II.

3. A renuncia poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para o cal se poderá utilizar o anexo III.

4. No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. No caso de que as persoas adxudicatarias renuncien á concesión ou causen baixa por calquera outro motivo, poderán ser substituídas pola persoa seguinte na orde de puntuación que figure na lista de reservas, de ser o caso.

6. As persoas adxudicatarias da modalidade B que nos primeiros 7 días hábiles tras o inicio da formación non se conectasen á plataforma de formación a distancia segundo rexistro da aplicación informática poderán ser dadas de baixa, e perderán o dereito á bolsa.

Artigo 16. Formalización de matrícula

Unha vez publicadas as adxudicacións definitivas das bolsas en cada unha das modalidades, procederase a formalizar a matrícula das persoas admitidas nas ensinanzas ofertadas nos centros educativos correspondentes. Os prazos de matriculación serán independentes para cada unha das modalidades ofertadas no programa.

Artigo 17. Pagamento das axudas

1. As axudas da modalidade A faranse efectivas en dous pagamentos:

a) O primeiro pagamento, de 3.700 euros, farase no último trimestre do ano 2024, logo de publicada a resolución da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia, da formalización da matrícula e do comezo efectivo das clases.

b) O segundo pagamento, de 2.800 euros, farase antes de rematar o curso 2024/25, unha vez comprobado no expediente académico do/da alumno/a que ten aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento.

O alumnado será excluído da formación, perdendo o dereito á bolsa, tal e como se establece no artigo 22.3 desta orde, por acumulación dun 10 % de faltas non xustificadas sobre o total de horas do curso.

As axudas serán transferidas directamente á persoa beneficiaria, a través dunha conta bancaria aberta en España. Para esta finalidade, as persoas beneficiarias deberán achegar, por vía electrónica, o certificado de titularidade bancaria correspondente.

2. As axudas da modalidade B faranse efectivas en catro pagamentos:

a) O primeiro pagamento, de 3.500 euros, farase no 1º trimestre do ano 2025, unha vez iniciada a formación presencial e comprobado no seu expediente académico que ten aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento.

b) O segundo pagamento, de 2.700 euros, farase antes de rematar o curso 2024/25, unha vez comprobado no expediente académico que ten aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento.

c) O terceiro pagamento, de 2.300 euros, farase no 1º trimestre do ano 2026, unha vez iniciada a formación presencial e comprobado no seu expediente académico que ten aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento.

d) O cuarto pagamento, de 2.300 euros, farase antes de rematar o curso 2025/26, unha vez comprobado no expediente académico que ten aprobado o 70 % dos módulos cursados ata o momento.

O alumnado será excluído do proxecto de formación dual, perdendo o dereito á bolsa, tal e como se establece no artigo 22.3 desta orde, nos seguintes casos:

1. Durante o período de formación presencial no centro educativo, por acumulación dun 10 % de faltas de asistencia non xustificadas sobre o total de horas establecidas.

2. Durante o período de formación na empresa:

– Por acumulación dun 10 % de faltas de asistencia non xustificadas sobre o total de horas establecidas e/ou por faltas repetidas de puntualidade non xustificadas.

– Por actitude incorrecta, atendendo ao código disciplinario da empresa, ou por falta de aproveitamento. Neste caso, a decisión deberá estar suficientemente motivada.

– Para o alumnado con contrato para a formación en alternancia, pola extinción do contrato por calquera das causas que se establecen no artigo 49 do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto 2/2015, do 23 de outubro.

– Outras circunstancias que figuren no convenio subscrito entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a entidade colaboradora correspondente.

As axudas serán transferidas directamente á persoa beneficiaria, a través dunha conta bancaria aberta en España. Para esta finalidade, as persoas beneficiarias deberán achegar, por vía electrónica, o certificado de titularidade bancaria correspondente.

Artigo 18. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo de resolución será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderase entender desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das axudas convocadas nesta orde quedan obrigadas a:

a) Cumprir os requisitos de formalización de matrícula, asistencia, rendemento académico e aproveitamento das ensinanzas establecidos no artigo 17.

b) Comunicar o enderezo para os efectos de notificación, correo electrónico e teléfono de contacto en Galicia, así como os cambios que se poidan producir neles.

c) Comunicar por escrito por vía electrónica á Consellería Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a aceptación (anexo II) ou a renuncia (anexo III) á praza e á bolsa, así como calquera modificación substancial que afecte as condicións desta.

d) Abrir unha conta bancaria en España na cal figure como titular.

e) Participar nas accións de fomento do emprego ou de inserción laboral que se desenvolvan nesta Comunidade Autónoma.

f) Asistir ás reunións ou actividades que organice a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o desenvolvemento do programa.

g) Someterse aos requisitos legais e regulamentos que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto aos recollidos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

h) Comunicarlle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

2. As persoas beneficiarias están obrigadas ao reintegro, total ou parcial, das subvencións ou das axudas públicas percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Compatibilidade das axudas da presente convocatoria

1. As axudas asociadas á presente convocatoria son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada.

2. Estas axudas son incompatibles coas bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración (DOG núm. 6, do 9 de xaneiro de 2024).

Artigo 22. Perda das axudas

1. A falsidade dos datos ou a falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos das persoas solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. O incumprimento das condicións establecidas na concesión das prazas desta orde dará lugar ao reintegro, total ou parcial, por parte da persoa beneficiaria da subvención ou da axuda pública percibida.

Artigo 23. Devolución voluntaria da bolsa

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte da persoa beneficiaria.

Artigo 24. Adaptación

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 25. Prioridade de aloxamento en centros residenciais docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

As persoas beneficiarias terán prioridade na concesión dunha praza nos centros residenciais docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades sobre o resto de candidatos que participen nos procedementos de solicitude de prazas nestes centros para o curso 2024/25.

Disposición adicional primeira. Actualización da oferta de ensinanzas de formación profesional

As ensinanzas que se recollen nos anexos IV e V desta orde serán incluídas na actualización da oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2024/25.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar as medidas e os actos necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Ensinanzas ofertadas na modalidade A

Concello

Código de centro

Centro

Programas específicos básicos

A Coruña

15024513

CIFP Someso

Formación específica básica de albanelaría e fontanaría (597 horas, 16 prazas)

MF0276_1. Labores auxiliares de obra (50 horas)

MF0869_1. Pastas, morteiros, adhesivos e formigóns (30 horas)

MF0871_1. Tratamento de soportes para revestimento en construción (100 horas)

MF0872_1. Recebados e gornecidos «a boa vista» (unidade formativa UF0644, 60 horas)

MF0873_1. Pintura e materiais de imprimación e protectores en construción (120 horas)

MP0134. Módulo de prácticas profesionais non laborais (80 horas)

MP3024. Fontanaría e calefacción básica (157 horas)

Culleredo

15005749

CIFP Universidade Laboral

Formación específica básica de fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios (860 horas, 16 prazas)

MF1154_1. Instalación de tubaxes (170 horas)

MF1155_1. Instalación e mantemento de sanitarios e elementos de climatización (unidades formativas UF0411 e UF0412, 150 horas)

MP0090. Módulo de prácticas profesionais non laborais (160 horas)

MF0816_1. Operacións de montaxe de instalacións eléctricas de baixa tensión e domóticas en edificios (150 horas)

MF0817_1. Operacións de montaxe de instalacións de telecomunicacións (unidades formativas UF0540 e UF00541, 150 horas)

MP0118. Módulo de prácticas profesionais non laborais (80 horas)

Ferrol

15005754

CIFP Ferrolterra

Formación específica básica de fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios (860 horas, 16 prazas)

MF1154_1. Instalación de tubaxes (170 horas)

MF1155_1. Instalación e mantemento de sanitarios e elementos de climatización (unidades formativas UF0411 e UF0412, 150 horas)

MP0090. Módulo de prácticas profesionais non laborais (160 horas)

MF0816_1. Operacións de montaxe de instalacións eléctricas de baixa tensión e domóticas en edificios (150 horas)

MF0817_1. Operacións de montaxe de instalacións de telecomunicacións (unidades formativas UF0540 e UF0541, 150 horas)

MP0118. Módulo de prácticas profesionais non laborais (80 horas)

ANEXO V

Ensinanzas ofertadas na modalidade B

Concello

Código de centro

Centro

Ciclo de formación profesional dual

Ferrol

15005754

CIFP Ferrolterra

Ciclo superior de Deseño e amoblamento (2.000 horas, 12 prazas)

Código do ciclo: SMAM01

Máis información: https://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo/SMAM01

A Coruña

15024513

CIFP Someso

Ciclo superior de Proxectos de edificación (2.000 horas, 12 prazas)

Código do ciclo: SEOC01

Máis información: https://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo/SEOC01

Culleredo

15005749

CIFP Universidade Laboral

Ciclo superior de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos (2.000 horas, 12 prazas)

Código do ciclo: SIMA01

Máis información: https://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo/SIMA01

Vilamarín

32016285

IES de Vilamarín

Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos (2.000 horas, 12 prazas)

Código do ciclo: SHOT01

Máis información: https://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo/SHOT01

Redondela

36019566

IES de Chapela

Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia (2.000 horas, 12 prazas)

Código do ciclo: MSSC01

Máis información: https://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo/MSSC01