DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 2024 Páx. 18850

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 11 de marzo de 2024 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR404A, MR404B, MR405D, MR405E, MR405F e MR405G).

O 22 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 2 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR404A, MR404B, MR405D, MR405E, MR405F e MR405G).

O artigo 24 da dita orde establece que o prazo de presentación de solicitudes será de 2 meses, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

O artigo 4 indica que as solicitudes de axuda serán cubertas a través da aplicación informática Melles, á cal se pode acceder mediante a seguinte ligazón: https://melles.xunta.gal/melles/sede

Ademais, a disposición adicional cuarta establece que se habilita o Sistema de xestión de explotacións agrarias de Galicia, Xeaga, para actualizar os elementos da explotación, accedendo a esta ferramenta mediante a ligazón https://xeaga.xunta.gal/xeaga/ antes de presentar a solicitude destas axudas.

Desde que se publicou a orde de axudas, estas dúas ferramentas (Melles e Xeaga) non están a funcionar correctamente, o que imposibilita a correcta presentación das solicitudes de axudas.

Cubrir unha solicitude destas axudas non é unha tarefa sinxela, require un grande esforzo e tempo. A solicitude leva implícita un estudo de viabilidade económica que demostre que se cumpre co requisito de ser viable economicamente. Para realizar este estudo é necesario dispor dunha descrición exhaustiva da situación inicial e final da explotación agraria, que inclúe, entre outros elementos: maquinaria, construcións, instalacións, parcelas, detalle de animais, unidades produtivas, man de obra ou plan de produción.

Esta ardua tarefa, que de momento non se puido levar a cabo correctamente debido ao mal funcionamento das ferramentas informáticas que a Administración puxo á disposición das persoas solicitantes, xustifica a necesidade de modificar o prazo de presentación de solicitudes sen que se prexudiquen os dereitos de terceiros. Polo tanto, o prazo de presentación de solicitudes será de 3 meses desde a data de publicación da Orde do 2 xaneiro de 2024 (DOG do 22 de xaneiro).

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 2 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR404A, MR404B, MR405D, MR405E, MR405F e MR405G)

A Orde do 2 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR404A, MR404B, MR405D, MR405E, MR405F e MR405G), queda redactada como segue:

Un. Modifícase o artigo 24, que queda redactado como segue:

Artigo 24. Prazo de presentación de solicitudes de axuda

«O prazo de presentación de solicitudes será de 3 meses, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Una vez rematado o prazo de solicitude e antes da aprobación, non se admitirán cambios no referente aos investimentos ou aos criterios de prioridade.

As persoas solicitantes deberán ter en conta que mentres non adquiran a condición de beneficiarias, coa aprobación da axuda, non poderán transferir a solicitude a outra persoa física ou xurídica aínda no suposto de que esta cumpra os requisitos e asuma os compromisos. Exceptúase o cambio de personalidade xurídica cando esta non implique ningún cambio na participación ou composición da persoa solicitante».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural