DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2024 Páx. 19226

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Servizos Sociais

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2024 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta axencia para o curso 2024/25 (códigos de procedemento BS402A e BS402F).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu artigo 3 os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Así mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, establece no seu artigo 49.1 que a Administración autonómica garantirá a calidade e o carácter inclusivo dos recursos de educación infantil 0-3, avanzará na súa universalización e gratuidade e promoverá unha dotación suficiente de prazas e os recursos para facer efectivas as posibilidades de acceso, permanencia e promoción de toda a poboación infantil a esta etapa educativa, preferentemente en centros públicos.

Na súa consecución, a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na súa disposición adicional novena prevé, tras a última modificación introducida pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, a extensión da medida de gratuidade da atención educativa nas escolas infantís 0-3 para todos os nenos e nenas matriculados nestes centros.

O Decreto 40/2014, do 20 de marzo, polo que se crea a Axencia Galega de Servizos Sociais e se aproban os seus estatutos, establece na súa disposición adicional primeira que esta asumirá, desde a súa posta en funcionamento, as competencias atribuídas en materia de xestión de escolas infantís á Dirección Xeral de Familia e Inclusión. A nova entidade subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das súas competencias.

Na súa disposición transitoria primeira o dito decreto establece, non obstante, que a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión desenvolverá transitoriamente e pola súa propia condición as funcións que corresponden á persoa titular da dirección da Axencia Galega de Servizos Sociais ata o nomeamento desta a través do procedemento recollido nestes estatutos.

Así mesmo, na dita disposición transitoria establécese que a través das xefaturas territoriais se poderán seguir realizando os labores de apoio para a xestión dos centros da Axencia Galega de Servizos Sociais no seu ámbito territorial, ata que esta dispoña de servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

De conformidade co Decreto 124/2022, do 23 de xuño polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, atribúese actualmente á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como, a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

En consecuencia, de conformidade co Decreto 40/2014, do 20 de marzo,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Socias (en diante Agass) para o curso 2024/25 (código de procedemento BS402A solicitudes de novo ingreso, e código de procedemento BS402F solicitudes de renovación).

Artigo 2. Requisitos para ser adxudicatario/a

Serán requisitos para ser adxudicatario/a de praza nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Socias para o curso 2024/25:

a) Que o neno ou a nena xa nacese no momento de presentación da solicitude e teña a súa residencia en Galicia.

b) Que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso na escola infantil en que obteña praza e non teña feitos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2024. Non obstante o anterior, poderanse eximir do límite de idade dos 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, de acordo co Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que as familias que xa escolarizasen un fillo ou filla no mesmo centro ou en calquera outro centro da Rede pública autonómica A Galiña Azul, que comprende as escolas infantís 0-3 dependentes da Agass e do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, estean ao día no pagamento das cotas polos servizos recibidos na data de presentación da solicitude, tanto nos supostos de renovación de praza como de novo ingreso nos centros da Agass.

Artigo 3. Orde de adxudicación das prazas

1. O procedemento ordinario de adxudicación das prazas nos centros da Agass realizarase, directamente, pola seguinte orde preferente de solicitude:

a) Para as nenas e os nenos xa escolarizados durante o curso 2023/24 en calquera das escolas infantís da Agass, a solicitude de renovación automática da súa praza na quenda na cal estivesen escolarizadas/os sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2.

Naqueles centros en que por carecer de demanda suficiente se reduzan os horarios, o dito alumnado con dereito a renovación de praza en xornada de tarde poderá renovala para o mesmo centro en xornada de mañá.

b) Para as nenas e os nenos xa escolarizados nunha escola infantil da Rede pública autonómica A Galiña Azul cuxas familias xustifiquen un cambio de domicilio e/ou de lugar de traballo, a solicitude dunha praza en calquera das escolas infantís da Agass sempre que, unha vez rematado o proceso de renovación de praza do alumnado da propia escola establecido na letra a), existan prazas suficientes.

c) Para as nenas e nenos para os que se solicite novo ingreso en calquera das escolas infantís da Agass. Estas seguirán a seguinte orde de adxudicación:

1º. As dos fillos e as fillas do persoal que preste servizo nas escolas infantís 0-3 dependentes da Agass, cando soliciten a praza para o centro onde presta servizo a nai/o pai, a persoa acolledora ou a persoa titora legal.

2º. As de nenas e nenos con irmán ou irmá con praza no centro para o que solicitan a praza, renovada ou de novo ingreso.

3º. As nenas e nenos con medidas administrativas de tutela ou garda pola Consellería de Política Social e Xuventude en situación de acollemento familiar.

4º. As prazas que queden vacantes por non se cubriren por calquera dos supostos recollidos nos tres números ordinais anteriores adxudicaranse segundo a puntuación obtida pola aplicación do baremo que figura no anexo IV.

2. Con carácter excepcional habilitarase un procedemento extraordinario nos supostos que se relacionan, en que se realizará a adxudicación das prazas pola seguinte orde:

a) Un 5 % das prazas de cada centro reservarase para as solicitudes de ingreso urxente. Ao respecto, considéranse ingresos urxentes os destinados:

1º. Ás nenas e nenos tuteladas/os ou en situación de garda pola Consellería de Política Social e Xuventude.

2º. Aos/ás fillos/as das mulleres que se atopen nunha casa de acollida e/ou sexan vítimas de violencia de xénero.

3º. A aqueloutros en que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.

b) As solicitudes presentadas pasado o prazo establecido no primeiro parágrafo do artigo 8.2 que se atopen nos seguintes casos:

1º. Nacemento, acollemento ou adopción do neno ou da nena con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

2º. Cambio de concello de residencia ou de traballo da unidade familiar.

3º. Cambio de domicilio ou lugar de traballo da unidade familiar dentro do mesmo concello.

4º. Retorno a Galicia durante o ano 2024 das galegas e galegos que residisen fóra de España, sempre que o dito retorno se producise con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

5º. Excepcionalmente, outras circunstancias que motivadamente aprecien as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude.

Estas solicitudes deberán ir acompañadas da documentación acreditativa da circunstancia que motiva a súa presentación pasado o prazo establecido no primeiro parágrafo do artigo 8.2.

Nestes supostos, a adxudicación estará condicionada á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade do neno ou da nena no centro para o que se solicita praza.

3. As solicitudes relativas aos supostos recollidos no número 2.b) 2º e 3º con praza de novo ingreso adxudicada nunha escola infantil da Rede pública autonómica A Galiña Azul, de non existiren prazas vacantes no novo centro solicitado dependente da Agass, serán integradas na lista de espera con carácter preferente sobre as que concorran ás vacantes resultantes do procedemento ordinario, segundo o establecido no número 1.c) 4º.

De haber máis dunha solicitude nestas circunstancias, a adxudicación realizarase segundo a data da súa presentación en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 4. Calendario e horario de apertura das escolas infantís

1. Nas escolas infantís 0-3 a que se refire esta resolución, o curso escolar dará comezo o venres 6 de setembro de 2024.

Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 23, 24 e 31 de decembro de 2024.

Así mesmo, con carácter xeral, todos os centros permanecerán pechados durante o mes de agosto correspondente ao curso 2024/25.

Excepcionalmente, no mes de agosto de 2025, sempre que exista unha demanda igual ou superior a 15 alumnos/as, podería procederse á apertura dun centro por localidade. Nestes casos, o seu peche diario realizarase ás 17.00 horas. Neste suposto a familia deberá xustificar, con base en motivos laborais ou de saúde, a necesidade de levalo ao centro durante o citado período do mes de agosto.

O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2024/25.

2. O horario de apertura das escolas infantís 0-3 dependentes da Agass para o curso 2024/25 e a relación delas xunto cos seus enderezos pode consultarse no anexo VI, e nas páxinas web: https://politicasocial.xunta.gal e https://sede.xunta.gal

As persoas usuarias, dentro do horario de apertura do centro, poderán optar por xornada completa continuada ou por media xornada.

Enténdese por xornada completa continuada aquela que se desenvolve desde primeiras horas da mañá, abrangue as horas centrais da actividade escolar e inclúe o servizo de comedor, con independencia da potestade organizativa dos centros.

Enténdese por media xornada aquela que, cun horario diario mínimo de tres horas e máximo de catro, se desenvolve en xornada de mañá, con ou sen servizo de comedor, ou en xornada de tarde, con independencia da potestade organizativa dos centros. A media xornada de tarde, sen servizo de comedor, só se ofertará nos centros con horario ampliado ata as 20.00 horas.

A permanencia do alumnado no centro non poderá superar as oito horas diarias dentro da xornada pola que opte, agás cando, por circunstancias excepcionais debidamente acreditadas, teña que permanecer un tempo superior ao máximo establecido. Estes supostos serán estudados e, de ser o caso, autorizados pola xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude correspondente.

3. A Dirección da Agass poderá autorizar tempos de reunión para o persoal das escolas dentro do horario de apertura destas. As direccións das escolas infantís deberán informar as familias das datas e horas en que teñan lugar as ditas reunións no momento de matriculación das nenas e nenos.

Artigo 5. Prestacións das escolas infantís

1. As persoas usuarias que soliciten praza para unha das escolas infantís 0-3 da Agass poden optar por unha das seguintes modalidades de servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor.

A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

2. O horario para o alumnado que opte pola modalidade de servizo prevista na letra b) do número anterior será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.

3. As nenas e nenos que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos, sempre que se comunique á dirección do centro con antelación suficiente e se aboe o prezo estipulado.

Artigo 6. Prezos para os servizos complementarios das escolas infantís

1. Os prezos que deberán pagar as persoas usuarias para o curso 2024/25 serán os establecidos na normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico de servizos sociais para os servizos complementarios, ao ser gratuíta a atención educativa para todo o alumnado solicitante.

2. Aboaranse once mensualidades por curso, agás nos casos establecidos na devandita normativa de prezos.

3. A non asistencia á escola infantil durante un determinado período non supón redución nin exención ningunha do pagamento das cotas correspondentes aos servizos complementarios, agás nos casos establecidos na dita normativa de prezos.

Artigo 7. Regras para a determinación do importe do prezo público aplicables aos servizos complementarios

Para a determinación do importe mensual do prezo público que se debe aboar polos servizos complementarios utilizados nas escolas infantís 0-3 dependentes da Agass teranse en conta as especificacións recollidas na normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico de servizos sociais.

Para estes efectos, tomarase para o cálculo da cota a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF) do último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude.

Artigo 8. Forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes

1. As solicitudes para a renovación de praza (procedemento BS402F) do alumnado escolarizado durante o curso 2023/24 presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo V) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As solicitudes de novo ingreso (procedemento código BS402A) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Neste impreso de solicitude poderá solicitarse praza para un máximo de dous centros indicando a orde de preferencia.

Os impresos estarán dispoñibles, ademais, no enderezo electrónico https://politicasocial.xunta.gal e facilitaranse tamén nos propios centros en que se solicite praza e nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o día 5 de abril de 2024.

O prazo para a presentación das solicitudes que se presenten ao abeiro do disposto no artigo 3.2.b) finalizará o 15 de marzo de 2025.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. Para a renovación de praza, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación (procedemento BS402F):

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella da persoa solicitante ou outros membros da unidade familiar, de ser o caso.

b) Anexo III, no caso de persoas solicitantes, separadas ou divorciadas, que necesitan dunha autorización expresa do proxenitor ou proxenitora non solicitante para presentar a solicitude de praza.

2. Para novo ingreso as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación (anexo I, procedemento BS402A):

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos da persoa cónxuxe ou parella da persoa solicitante ou outros membros da unidade familiar, de ser o caso.

b) Anexo III, no caso de persoas solicitantes, separadas ou divorciadas, que necesitan dunha autorización expresa do proxenitor ou proxenitora non solicitante para presentar a solicitude de praza.

c) Copia do libro de familia ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

d) Certificado do grao de discapacidade e/ou de dependencia do neno ou da nena para quen se solicita praza, se é o caso, cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Informe sobre a necesidade de integración na escola infantil acreditada por un equipo de valoración e orientación da Consellería de Política Social e Xuventude, no caso dos nenos e das nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

f) Copia da resolución administrativa de acollemento ou de garda con fins adoptivos, cando estean formalizados por outra comunidade autónoma distinta da galega.

g) Xustificación de ocupación da nai/pai, persoa titora legal ou acolledora, actualizada, no caso de persoas traballadoras que non estean dadas de alta no réxime xeral da Seguridade Social.

h) Se procede, outros documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo, nos supostos en que este sexa de aplicación, que se relacionan:

1º. Certificado do grao de discapacidade e/ou de dependencia da nai/pai, da persoa acolledora, da persoa titora legal ou outros membros da unidade familiar, cando non fosen expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Certificado administrativo de monoparentalidade expedido por outra comunidade autónoma ou, na súa falta, certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución xudicial de medidas paterno-filiais.

3º. Copia do título de familia numerosa, no caso de que non fose expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4º. Certificado que acredite a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento deportivo, ou a condición de persoa adestradora, técnica, xuíza ou árbitro/a de alto nivel deportivo recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia da propia orde de protección ou da medida cautelar autenticada polo letrado ou letrada da Administración de xustiza.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

7º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

k) Certificado de empadroamento da unidade familiar expedido polo concello correspondente, no cal se fará constar a data de alta no padrón municipal de habitantes que, en todo caso, deberá ser anterior ao 1 de xaneiro do ano en que se solicite a praza, só nos supostos de escolas infantís situadas en concellos limítrofes con outras comunidades autónomas.

3. A falta de presentación dalgún dos documentos recollidos nas letras d), f), g), h) do número anterior dentro do prazo de presentación da solicitude e emenda suporá a non valoración, na correspondente epígrafe do baremo, nos supostos da súa aplicación, que se recolle no anexo IV, de calquera das circunstancias alegadas.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do IRPF, da persoa solicitante, da/do cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período impositivo prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

2. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso (procedemento BS402A), consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Alta na Seguridade Social na data de presentación da solicitude da persoa solicitante e da/do cónxuxe ou parella.

b) Grao de discapacidade e/ou dependencia do neno ou da nena para quen se solicita praza, recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acollemento ou garda con fins adoptivos do neno ou da nena para quen se solicita praza, formalizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Estar a persoa solicitante e o/a cónxuxe ou parella inscrita como demandante de emprego, na data do día anterior ao da publicación desta resolución, de ser o caso.

e) Grao de discapacidade e/ou dependencia da nai/pai, persoa acolledora ou persoa titora legal, recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Situación de monoparentalidade recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Familia numerosa recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e no anexo II, no caso de novo ingreso (procedemento BS402A) ou no anexo V e anexo II, no caso de renovación (procedemento BS402F), e achegar os correspondentes documentos acreditativos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución do procedemento

Os servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude serán os órganos responsables da tramitación dos expedientes en cada unha das provincias e comprobarán que estes reúnen os requisitos recollidos nesta resolución. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Os órganos responsables da tramitación da instrución dos expedientes poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos que coiden precisos para unha realización máis eficaz da súa función e a súa debida acreditación documental.

Artigo 13. Comisións de valoración

1. A adxudicación de praza nos supostos do número 1, letra c), ordinal 4º, e número 2, letra b), do artigo 3 efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo IV. No caso de obter igual puntuación terán preferencia, en primeiro lugar, as solicitudes coa renda per cápita máis baixa e, despois, as de xornada completa con servizo de comedor, sobre as solicitudes de media xornada.

2. Con tal fin constituirase, en cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude, unha comisión provincial de valoración que se rexerá polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e máis na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular do servizo competente en materia de familia, infancia e dinamización demográfica.

b) Vogais: a persoa titular da dirección do centro, unha persoa en representación das persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras do alumnado do centro de que se estean a baremar as solicitudes e unha persoa funcionaria da xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude designada pola persoa titular da xefatura territorial, que exercerá a secretaría.

Os acordos tomaranse por maioría simple e, en caso de empate, resolverá a presidencia.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa designada pola presidencia da comisión.

Se, por calquera causa, a persoa que exerza a presidencia non puider asistir á comisión, será substituída pola persoa que designe a persoa titular da dirección da Agass.

3. En cada comisión provincial de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. A dirección de cada centro convocará as persoas solicitantes proxenitoras, titoras ou acolledoras a unha reunión que se realizará antes de rematar o prazo de presentación das solicitudes, co fin de elixir, de entre elas, quen exercerá a súa representación na Comisión de Valoración, mediante votación e por maioría simple.

5. Unha vez baremadas as solicitudes, a comisión emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

A persoa que exerza a presidencia remitirá o dito informe ao órgano instrutor, que emitirá a proposta de adxudicación e a elevará á persoa titular da xefatura territorial.

6. A relación provisional de persoas admitidas e a lista de espera coas puntuacións obtidas faranse públicas o día 6 de maio de 2024 e poderanse consultar nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude, así como na páxina web: https://politicasocial.xunta.gal e nos respectivos centros.

Artigo 14. Reclamacións

As persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos 5 días hábiles posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 15. Resolución do procedemento

1. Correspóndelle á persoa titular de cada xefatura territorial, por delegación da dirección da Agass, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva de persoas admitidas en cada provincia e da lista de espera, onde figurará a puntuación obtida.

A relación definitiva de adxudicación de prazas coa puntuación das solicitudes sometidas a baremo poderase consultar desde o día 31 de maio de 2024 nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude, así como na páxina web https://politicasocial.xunta.gal e nos respectivos centros.

2. O neno ou nena adxudicatario/a dunha praza pública nunha escola infantil da Agass non poderá ser adxudicatario/a doutra praza pública das escolas infantís da Rede pública autonómica A Galiña Azul.

3. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver e notificar este procedemento será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ou desde a entrada da solicitude no rexistro nos casos de solicitudes non sometidas a baremo. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes consideraranse desestimadas.

4. Na relación definitiva de admisión tamén estarán incluídas as solicitudes presentadas pasado o prazo establecido no artigo 8.2, coa xustificación que proceda segundo o artigo 3.2.b), que tivesen entrada con anterioridade á data de publicación da relación provisional.

5. Sen prexuízo do disposto no número 3, no suposto de ingresos urxentes do artigo 3.2.a), a resolución do procedemento correspóndelle á persoa titular da dirección da Agass, por proposta da persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude correspondente, nun prazo de cinco (5) días hábiles desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude terase por desestimada.

6. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución é presunta, a interposición deste recurso caberá en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 16. Publicación e notificación

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como as correspondentes resolucións, sen prexuízo do disposto no artigo 46 da mesma lei. Esta publicación producirá os efectos de notificación. Así mesmo, de forma complementaria poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos parágrafos seguintes:

a) As notificacións de resolucións e actos administrativos complementarios practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

b) A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

c) No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

d) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralle ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

e) As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

f) Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Matrícula

1. As persoas que obteñan praza disporán de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, para presentar o impreso de matrícula debidamente cuberto xunto coa copia da cartilla de vacinación do neno ou nena, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, onde poden acceder á Carpeta cidadá da persoa interesada, ou no centro onde obtivesen a dita praza.

Nos supostos de ingreso pasado o prazo ordinario, disporase de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da praza, para a realización deste trámite.

O cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, así como a formalización da matrícula no prazo sinalado son imprescindibles para confirmar a praza; en caso contrario, a persoa interesada decaerá da súa solicitude.

2. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como na páxina web: https://politicasocial.xunta.gal

Artigo 18. Lista de espera

1. A lista de espera estará constituída polas persoas solicitantes que non obteñan praza pública, ordenadas segundo a puntuación acadada no baremo de admisión, en cada grupo de idade.

2. As prazas que queden vacantes ao longo do curso serán cubertas polas solicitudes en lista de espera por rigorosa orde de puntuación.

3. As solicitudes que se presenten pasado o prazo fixado nesta convocatoria, nos casos establecidos no número 2.b) do artigo 3 debidamente xustificadas, serán valoradas polas comisións provinciais e, no caso de non se lles poder adxudicar unha praza, incluiranse na lista de espera segundo a puntuación obtida.

4. Na relación definitiva da lista de espera tamén estarán incluídas as solicitudes presentadas pasado o prazo establecido no artigo 8.2, coa xustificación que proceda segundo o artigo 3.2.b), que teñan entrada con anterioridade á data de publicación da relación provisional.

Artigo 19. Revisión do prezo

1. O prezo fixado inicialmente para os servizos complementarios, de acordo coa normativa de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades do sector público autonómico de servizos sociais, revisarase nos seguintes casos:

a) Modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) Variación no número de membros da unidade familiar.

Para estes efectos, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar, á xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude correspondente, calquera variación que se produza nos supostos que deron lugar ao cálculo do prezo público que se lle aplica.

2. A modificación do prezo será resolta pola persoa titular da xefatura territorial e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 20. Baixas

1. Será causa de baixa na escola infantil:

a) O cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) A solicitude das persoas proxenitoras ou representantes legais.

c) A falta de pagamento do prezo establecido polos servizos complementarios durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación desta polo procedemento administrativo de constrinximento.

d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.

e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) A falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que se produza unha falta de asistencia prolongada, deberá presentarse, cunha periodicidade mensual, a documentación acreditativa da causa que a produce. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas motivadas polo establecido na letra e) do número 1 serán resoltas pola persoa titular da Dirección da Agass, por proposta da xefa ou xefe territorial correspondente, unha vez oída a dirección do centro a que asiste a alumna ou alumno e realizado o trámite de audiencia da/das persoa/s interesada/s. O prazo de resolución será de 2 meses desde o inicio do expediente. Nos demais supostos aprobarase a baixa por resolución da persoa titular da xefatura territorial correspondente, por delegación da Dirección da Agass.

Contra as resolucións ditadas no procedemento anterior será de aplicación o establecido no artigo 15.6.

4. As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que figuren nese momento en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Artigo 21. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten os códigos BS402A e BS402F, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no portal da Consellería de Política Social e Xuventude http://politicasocial.xunta.gal, no teléfono 012, así como nos enderezos electrónicos seguintes:

012@xunta.es

administrativos.familia.coruna@xunta.gal

familia.politicasocial.lugo@xunta.gal

politicasocial.ourense@xunta.gal

familia.ctb.vigo@xunta.gal

demografiaeconciliacion@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Flexibilización do período de escolarización para alumnos/as con necesidades especificas de apoio educativo

As familias dos/das alumnos/as con necesidades específicas de apoio educativo que excedan o límite de idade establecido no artigo 2, estivesen ou non escolarizados/as durante o curso 2023/24, poderán solicitar a súa permanencia ou acceso á escola infantil 0-3 un curso máis, para o que deberán presentar a correspondente solicitude de praza.

Xunto coa dita solicitude deberán achegar os informes dos/das profesionais que levan o seguimento do neno ou nena, tales como o da unidade de atención temperá, o da unidade de rehabilitación ou do servizo de pediatría correspondente.

A dirección da escola infantil 0-3 elaborará un informe de observación e seguimento do neno ou nena e realizará unha valoración sobre a pertinencia da súa permanencia na escola infantil, tendo en conta a súa evolución, as consideracións da familia e os informes doutros/as profesionais, e remitirá a solicitude xunto co resto da documentación á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o seu traslado ao equipo de orientación específico, quen emitirá o correspondente ditame de escolarización.

No caso de que o ditame de escolarización sexa favorable, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica emitirá a resolución de permanencia do/da alumno/a na escola infantil 0-3 para o curso escolar solicitado.

Paralelamente, a familia deberá solicitar praza para o segundo ciclo de educación infantil nun centro que imparta este nivel educativo dentro dos prazos anuais establecidos para estes efectos pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Deste xeito asegurará a escolarización nun centro da súa elección no caso de que o ditame de escolarización sexa desfavorable á flexibilización do período de escolarización nunha escola infantil 0-3.

Con carácter xeral, todos/as os/as nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo incorporaranse no grupo que lles corresponde atendendo á súa idade cronolóxica. Excepcionalmente, poderán ser situados noutro grupo considerando a súa idade madurativa segundo as recomendacións explicitadas nos informes das e dos profesionais que fan o seguimento e valoración do neno ou da nena.

Disposición adicional segunda. Ratio de nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo

No caso de se integraren nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dun alumno ou dunha alumna con estas necesidades por aula. Para os efectos da ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Dirección da Agass nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude para a resolución de adxudicacións e baixas establecidas nesta convocatoria.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024

O/a director/a da Axencia Galega de Servizos Sociais
P.S. (Disposición transitoria primeira do Decreto 40/2014, do 20 de marzo)
Jacobo Rey Sastre
Director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Baremo

No suposto previsto no artigo 3.1.c) 4º e 3.2.b), aplicaranse os criterios establecidos no seguinte baremo:

* Situación socio-familiar.

1. Por cada membro da unidade familiar: 2 puntos.

2. Por cada persoa que, non formando parte da unidade familiar, estea a cargo desta: 1 punto.

3. No caso de que o/a neno/a para o que se solicita a praza nacese nun parto múltiple: 1 punto.

4. Por cada membro da unidade familiar afectado por discapacidade ou enfermidade que requira internamento periódico: 2 puntos.

5. Pola condición de familia monoparental: 3 puntos.

6. Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais: 6 puntos.

7. Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.

8. Cando a persoa solicitante sexa deportista de alto nivel ou de alto rendemento deportivo, ou teña a condición de adestradora, técnica, xuíza ou árbitro/a de alto nivel deportivo recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia: 1 punto.

9. Outras circunstancias familiares debidamente acreditadas: ata 3 puntos.

* Situación laboral familiar.

Criterios sobre a situación laboral e familiar:

a) Situación laboral de ocupación:

– Nai: 8 puntos.

– Pai: 8 puntos.

b) Situación laboral de desemprego (1):

– Nai: 2 puntos.

– Pai: 2 puntos.

c) Persoas que desenvolvan e perciban o tramo de inserción (Risga):

– Nai: 3 puntos.

– Pai: 3 puntos.

(1) Sobre a situación laboral de desemprego, valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta resolución.

No caso de familias monoparentais ou aquelas en que o neno ou a nena conviva cunha soa persoa proxenitora, adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

Só se poderá obter puntuación por unha das epígrafes anteriores.

* Situación económica.

Renda per cápita (RPC) mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente (calculada de acordo co establecido no artigo 7 desta resolución):

– Inferior ao 30 % do IPREM: +4 puntos.

– Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM: +3 puntos.

– Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM: +2 puntos.

– Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM: +1 punto.

– Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM: -1 punto.

– Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM: -2 puntos.

– Entre o 150 % e o 200 % do IPREM: -3 puntos.

– Superior ao 200 % do IPREM: -4 puntos.

En caso de obter igual puntuación, terán preferencia en primeiro lugar as solicitudes coa renda per cápita máis baixa e, despois, as de xornada completa con servizo de comedor sobre as solicitudes de media xornada.

Para os efectos desta resolución, están a cargo da unidade familiar as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

No caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais, adxudicarase a puntuación máxima nas epígrafes da situación laboral familiar e da situación económica do baremo.

No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Relación de escolas infantís 0-3 dependentes
da Axencia Galega de Servizos Sociais

Provincia

Centro

Enderezo

Localidade

Horario
de apertura

A Coruña

EI As Mariñas

Rúa Orillamar, 37

15002 A Coruña

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI O Ventorrillo

Rúa Mosteiro de Caaveiro, 44

15010 A Coruña

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Santa María de Oza

Rúa Xasmíns-U. veciñal, 5

15008 A Coruña

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Elviña

Avda. Pablo Picasso, 7

15008 A Coruña

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Catabois

Estrada de Catabois, s/n

15405 Ferrol

Das 7.30 ás 17.00 horas

EI Virxe de Chamorro(1)

Rúa Santos, s/n

15401 Ferrol

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Santa Susana

Paseo da Ferradura, s/n

15705 Santiago de Compostela

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Vite

Praza Lalo Hernández, s/n

15704 Santiago de Compostela

Das 7.30 ás 17.00 horas

Lugo

EI Nosa Señora da Purificación

Rúa Concepción Arenal, s/n

27780 Foz

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Nosa Señora do Campo

Rúa Ibáñez, s/n

27700 Ribadeo

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Sagrado Corazón

Rúa Curros Enríquez, 34

27004 Lugo

Das 7.45 ás 18.00 horas

EI Paradai

Rúa Narciso Peinado, s/n

27003 Lugo

Das 7.45 ás 17.00 horas

EI Casa do Mar de Celeiro

Avda. Ramón Canosa, s/n, Celeiro

27863 Viveiro

Das 8.00 ás 17.00 horas

Ourense

EI Antela

Rúa Ervedelo, 51

32002 Ourense

Das 8.00 ás 17.30 horas

EI A Farixa

Rúa Acevedo e Zúñiga, 3

32005 Ourense

Das 8.00 ás 18.00 horas

EI Virxe de Covadonga

Rúa Valdegola, 7

32001 Ourense

Das 8.00 ás 17.00 horas

Pontevedra

EI Bouzas

Rúa Pardaíña, 2

36208 Vigo

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Relfas

Camiño do Marco, 28, Moledo

36214 Vigo

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Rosalía de Castro

Rúa Baiona, 9, Coia

36209 Vigo

Das 7.45 ás 17.00 horas

EI Caeiro(1)

Rúa Gorguiña, 2, Cabral

36215 Vigo

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI San Paio

Ronda de Don Bosco, 1

36202 Vigo

Das 7.30 ás 20.00 horas

EI Campolongo

Rúa Xeneral Rubín, s/n, Campolongo

36001 Pontevedra

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI O Toxo

Rúa San Roque, 1

36001 Pontevedra

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Marisma Santa Mariña

Rúa Pexegueiro, 7

36800 Redondela

Das 8.00 ás 17.00 horas

EI Casa do Mar de Marín

Rúa Ezequiel Massoni, 7

36900 Marín

Das 8.00 ás 17.00 horas

(1) Estas escolas infantís non dispoñen de grupo 0-1 anos.