DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2024 Páx. 19352

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2024, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso oposición, para o ingreso nos grupos II e III categoría 62, de persoal laboral fixo, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 10 de novembro de 2023 (modificada pola Resolución do 28 de novembro) para cualificar este proceso selectivo, en sesións que tiveron lugar o 12, 14 e 22 de febreiro de 2024, ao abeiro do previsto na base III.1.2 da Resolución do 27 de decembro de 2022 pola que se convoca o devandito proceso selectivo, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o único exercicio da fase de oposición realizado o 3 de febreiro de 2024, e de realizar a corrección e cualificación dos exames:

ACORDOU:

Primeiro. Modificar o modelo da folla de respostas dos cuestionarios dos exames no seguinte senso: no exame para o ingreso no grupo II, na pregunta 8 a alternativa correcta é a d), e na pregunta 28 a alternativa correcta é a c); no exame para o ingreso no grupo III categoría 62, na pregunta 12 a alternativa correcta é a d).

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1 da convocatoria o exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos.

Dado que o número de aspirantes presentados á devandita proba non acadan o resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións, sempre que acaden en cada unha das partes o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Asígnase a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Terceiro. Publicar no portal web corporativo da Funga https://www.funga.org os modelos de corrección de respostas e a relación das persoas presentadas á proba realizada o 3 de febreiro de 2024, indicando as puntuacións obtidas dos que superaron o dito exercicio e os que non acadaron a puntuación mínima establecida na base III.1.1, correspondente ao único exercicio da fase de oposición do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso oposición, para o ingreso nos grupos II e III categoría 62 de persoal laboral fixo da Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga), entidade instrumental do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. De acordo coa base III.1.2.8. da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas nun prazo de dez (10) días hábiles que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). A súa presentación irá dirixida á Funga, sita no Edificio Cegadi, rúa Queixume dos Pinos, nº 2, 15705 Santiago de Compostela.

Quinto. De acordo coa base III.3 da convocatoria, os aspirantes do proceso selectivo para o ingreso no Grupo II, que superaron este exercicio, deberán presentar no prazo de dez (10) días hábiles contados desde a publicación desta resolución no DOG a documentación relativa á fase de concurso, que irá dirixida á dirección-xerencia da Funga (Edificio Cegadi, rúa Queixume dos Pinos, nº 2, 15705 Santiago de Compostela), nos termos establecidos na base III.2 da convocatoria.

No proceso selectivo para o ingreso no grupo III categoría 62 non se abre o dito prazo, ao ter superado a fase de oposición un único aspirante, polo que a valoración dos méritos da fase do concurso non é necesaria para determinar a orde de prelación dos aspirantes recollida na base III.4.

Sexto. De acordo co previsto na base IV.13 da convocatoria deste proceso selectivo, contra este acordo poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da dirección-xerencia da Funga, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2024

Sonia Piñeiro Saá
Presidenta do tribunal