DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 2024 Páx. 19421

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de catorce bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia, e se convoca para o ano 2024 (código de procedemento TU981A).

O artigo 27.11 do Estatuto de autonomía de Galicia sinala como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia a promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos establece que a Axencia terá como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

A importancia do turismo no tecido económico e social de Galicia, así como o incremento da calidade do sector turístico, son considerados elementos primordiais para o crecemento sustentado das cotas de competitividade, o que require a realización dun esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician ou desenvolven a súa actividade neste sector. As oficinas de información turística pertencentes á Axencia de Turismo de Galicia prestan un servizo importante aos turistas e visitantes e contribúen de xeito significativo a proxectar a imaxe de Galicia no exterior. Por iso, a Axencia de Turismo de Galicia considera conveniente convocar estas bolsas de formación práctica que permiten ás persoas tituladas acceder a prácticas tuteladas co fin de actualizar e mellorar os seus coñecementos e habilidades en materias vencelladas co turismo.

Por outra banda, coa finalidade de que as persoas adxudicatarias das bolsas poidan comezar canto antes a súa formación, prevese a tramitación do procedemento de concesión das ditas bolsas pola vía de urxencia, polo que se reducen á metade (cinco días) os prazos para efectuar os requirimentos de emenda, presentar reclamacións á listaxe provisional de puntuacións, poñer de manifesto o procedemento ás persoas interesadas e aceptar as ditas bolsas.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de catorce (14) bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TU981A).

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Cuarto. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia:

https://www.turismo.gal/espazo-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios?langId=gl_ES

b) O teléfono 981 54 74 06 ou o enderezo electrónico proxectos.turismo@xunta.gal

c) Presencialmente: Axencia de Turismo de Galicia, Área de Calidade e Proxectos Europeos; estrada Santiago-Noia, km 3, 15897 Santiago de Compostela.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas relacionadas coa presentación de formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no correo electrónico 012@xunta.gal

Quinto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Sexto. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

O director da Axencia de Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012;
DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Antonio Casas Calviño
Xerente da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de catorce bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia para o ano 2024

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de catorce (14) bolsas de formación práctica, en réxime de concorrencia competitiva, nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas en oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (rúa do Vilar), 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (rúa Carretas), 2 bolsas na Oficina de Turismo da Coruña, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Pontevedra, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Vigo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Lugo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Ourense (código de procedemento TU981A).

Artigo 2. Condicións xerais

1. O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional das persoas bolseiras mediante a realización de prácticas formativas nas oficinas de turismo dependentes da Axencia de Turismo de Galicia con suxeición ás indicacións do/da titor/a que lle será asignado/a ao comezo das súas prácticas.

2. As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

3. As bolsas serán indivisibles e improrrogables e a súa percepción é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria da persoa interesada e coa percepción da prestación por desemprego.

4. O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2024 cunha duración máxima de 6 meses, contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira que será, previsiblemente, o 1 de maio de 2024.

5. A dotación económica das bolsas será como se indica no seguinte cadro:

Área de destino

Nº de bolsas

Dotación euros por bolseiro/a

Total

Oficina de Turismo da Coruña

2

6.000,00 €

12.000,00 €

Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (rúa do Vilar)

2

6.000,00 €

12.000,00 €

Oficina de Turismo de Santiago de Compstela (rúa Carretas)

2

6.000,00 €

12.000,00 €

Oficina de Turismo de Lugo

2

6.000,00 €

12.000,00 €

Oficina de Turismo de Ourense

2

6.000,00 €

12.000,00 €

Oficina de Turismo de Pontevedra

2

6.000,00 €

12.000,00 €

Oficina de Turismo de Vigo

2

6.000,00 €

12.000,00 €

6. Durante o tempo de duración da bolsa, a persoa bolseira quedará incluída no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

7. A concesión e goce da bolsa non suporán vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Axencia de Turismo de Galicia.

Artigo 3. Financiamento

1. A Axencia de Turismo de Galicia financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.A2.761A.480.0 e 04.A2.761A.484.0 destinadas ao pagamento das retribucións e das cotas da Seguridade Social, respectivamente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 88.987,62 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 84.000,00 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0 e 4.987,62 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.484.0, e que se destinarán ao pagamento ás persoas bolseiras do importe das bolsas e das cotas patronais da Seguridade Social, respectivamente.

2. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 4.987,62 €, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Axencia de Turismo de Galicia por continxencias comúns e profesionais.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea.

b) Titulación: estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dalgún dos seguintes títulos: grao en turismo; técnico superior en guía, información e asistencia turísticas; técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos. Só serán válidos os títulos obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2019.

c) Idiomas:

c.1) Todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente.

c.2) Inglés: deberase achegar certificado B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas ou superior, ou acreditación oficial de nivel equivalente ao B1 ou superior. De consideralo necesario, a Comisión de Valoración poderá realizar unha proba oral para a comprobación do nivel de idioma.

2. En ningún caso poderán ser persoas beneficiarias desta bolsa aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídas da convocatoria aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias das bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas durante o seu desenvolvemento.

3. As persoas beneficiarias non poderán gozar de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego ou a renda activa de inserción para persoas desempregadas.

4. As persoas beneficiarias non poderán ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes e das declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para estes efectos, enténdese que queda acreditado que as persoas solicitantes gozan do acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios por razón da súa capacidade técnica e dedicación profesional, en virtude do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de cinco días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

4. No caso de que a persoa solicitante actuase por medio de representante, deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito. Na sede electrónica está dispoñible un modelo xenérico de representación.

5. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

b) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

e) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 16 das bases reguladoras.

f) Que non ten ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación por desemprego no momento da incorporación á bolsa.

g) Que non foi beneficiaria desta mesma bolsa de formación en edicións anteriores nin renunciou a ela con posterioridade á súa aceptación.

h) Se, en relación con outras axudas ou bolsas, se solicitou, ou non; ou se recibiu, ou non, algunha/s outra/s axuda/s ou bolsa/s, para o mesmo período, procedentes das administracións públicas ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Certificación de pagamento dos dereitos de expedición dos títulos universitarios e certificación académica completa, de ser o caso. No caso de presentar título académico estranxeiro será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

c) Certificación de pagamento dos dereitos de expedición dos títulos non universitarios e certificación académica completa, se fose o caso. No caso de presentar título académico estranxeiro será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

d) Declaración da orde de preferencia de destino das bolsas de oficinas de información turística segundo o anexo III.

e) Relación de méritos segundo o anexo V.

En ningún caso se achegará documentación relativa a méritos non susceptibles de valoración. Non serán computables aqueles méritos que non estean convenientemente xustificados.

f) Copia dos documentos acreditativos computables dos méritos alegados.

g) Copia dos títulos acreditativos do nivel de idiomas.

h) Certificado do Celga 4 ou equivalente, só no caso de que a persoa interesada conte cun que non fose expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada nos supostos en que o consentimento sexa un requisito legal.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Título oficial universitario.

e) Título oficial non universitario.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

j) Certificado de non estar inhabilitado para obter subvencións.

k) Certificado de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nas bases e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada. A Comisión de Valoración poderá contar co asesoramento de persoal experto externo, que será nomeado polo órgano instrutor do procedemento.

2. A Comisión de Valoración estará composta por tres membros designados pola persoa titular da Dirección de Competitividade da Axencia de Turismo de Galicia, todos eles con voz e voto:

a) Presidente/a: unha persoa funcionaria da Dirección de Competitividade da Axencia de Turismo de Galicia.

b) Secretario/a: unha persoa funcionaria da Axencia de Turismo de Galicia.

c) Vogal: unha persoa designada entre o persoal da Axencia de Turismo de Galicia.

3. No informe final que elabore a Comisión de Valoración figurarán, de xeito individualizado, as persoas solicitantes propostas para obter a bolsa e a puntuación obtida, ordenada de maior a menor. O informe será remitido ao órgano instrutor do procedemento.

Artigo 11. Avaliación e selección das solicitudes

1. Para a concesión das bolsas realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas e establecerase unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir:

• Baremo de méritos: ata un máximo de 80 puntos.

• Entrevista persoal: ata un máximo de 20 puntos.

2. As persoas adxudicatarias serán as que acaden unha maior puntuación como consecuencia da suma dos puntos obtidos na avaliación dos méritos. A puntuación máxima será de cen puntos.

3. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo:

Formación

Máximo 80 puntos

Mestrado ou doutorado universitario en turismo (máximo 20 puntos)

– 10 puntos por cada mestrado ou doutorado universitario en materia de turismo.

Outras titulacións distintas do título co que concorre á bolsa (máximo 20 puntos)

– Por estar en posesión doutras titulacións universitarias de licenciatura ou grao: 5 puntos por cada titulación, ata un máximo de 10 puntos.

– Por estar en posesión doutros títulos de formación profesional de grao superior en materia de turismo: 3 puntos por cada título, ata un máximo de 6 puntos.

– Outros mestrados universitarios: 1 punto ata un máximo de 4 puntos.

Formación complementaria

(máximo 20 puntos)

– Por cada curso de formación en materia de turismo cunha duración mínima de 30 horas: 0,05 puntos por cada hora de formación.

Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica nin os cursos que non acrediten as horas lectivas.

Idiomas (máximo 20 puntos)

Idioma

Puntuacións por idiomas

B1

B2

C1

C2

Inglés

0

(requisito)

8

10

12

Outros idiomas

2

4

6

8

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Todos os méritos recollidos neste artigo computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

4. Entrevista persoal. Máximo 20 puntos.

Na entrevista valoraranse a capacidade de resposta, madurez, motivación e iniciativa das persoas candidatas e os coñecementos sobre os seguintes puntos:

– Historia e xeografía de Galicia, patrimonio cultural galego, recursos e produtos turísticos de Galicia (máximo 10 puntos).

– Defensa do curriculum vitae e motivación persoal (máximo 10 puntos).

A Comisión de Valoración poderá formular preguntas en lingua inglesa.

A concorrencia á entrevista persoal é obrigatoria. As persoas candidatas que non se presenten á entrevista quedarán automaticamente eliminadas do procedemento de selección. No caso de ser necesario, poderase realizar a entrevista persoal por videoconferencia.

Para acceder a unha das bolsas convocadas, será necesario acadar unha puntuación mínima de 5 puntos na entrevista.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión de bolsas, presentadas ao abeiro desta convocatoria, corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

O órgano instrutor do procedemento será a Dirección de Competitividade da Axencia de Turismo de Galicia, que, de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección de Competitividade, aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que serán publicadas no taboleiro de anuncios da páxina web de Turismo de Galicia e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación da/das causa/s determinante/s das exclusións que procedan.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita coa publicación da listaxe definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no taboleiro de anuncios da páxina web de Turismo de Galicia.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A Comisión de Valoración convocará as persoas candidatas admitidas á realización da entrevista. A data e o lugar da celebración da entrevista publicaranse no taboleiro de anuncios da páxina web da Axencia de Turismo de Galicia:

https://www.turismo.gal/espazo-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios?langId=gl_ES

A Comisión valorará os méritos alegados polas persoas candidatas conforme o baremo indicado nas bases e formulará un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación obtida, que será remitida ao órgano instrutor.

No caso de empate na puntuación obtida en calquera das modalidades das bolsas, este resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido das persoas candidatas, comezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Artigo 13. Resolución

1. Á vista do informe da Comisión de Valoración, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional que se porá de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de cinco días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Transcorrido o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución coa puntuación definitiva ordenada de maior a menor e a proposta de asignación de destinos seguindo a dita orde e atendendo á orde de preferencias manifestada pola persoa beneficiaria na súa solicitude (anexo III) e a elevará á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, quen resolverá o procedemento de concesión.

2. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de tres meses desde a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14. Publicación e notificacións

1. A resolución, así como os datos que se deban notificar de forma conxunta, publicaranse na páxina web da Axencia de Turismo de Galicia:

https://www.turismo.gal/espazo-institucional/actualidade/taboleiro-de-anuncios?langId=gl_ES

2. A concesión da bolsa seralle notificada ás persoas adxudicatarias. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se accedese ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As persoas adxudicatarias disporán dun prazo de cinco días hábiles para comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a súa aceptación ou renuncia por escrito, conforme o modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. Se transcorridos os sinalados cinco días non se producise manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada.

4. Se a persoa beneficiaria non acepta a bolsa ou non se pode incorporar por calquera outro motivo ou renuncia á bolsa, esta concederáselle ao/á seguinte candidato/a con mellor puntuación da listaxe de reserva.

Se durante o desenvolvemento das prácticas se produce algunha vacante ou renuncia por parte das persoas beneficiarias, procederase á súa cobertura seguindo a orde establecida nas correspondentes listaxes de reserva en función da puntuación obtida.

Artigo 15. Réxime de recursos

A resolución da persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Artigo 16. Desenvolvemento da bolsa. Obrigas e dereitos das persoas beneficiarias

1. Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

a) Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

b) Realizar as actividades encomendadas e cumprir co horario indicado polo/a titor/a. Ao remate da bolsa, remitirán á Axencia de Turismo de Galicia unha memoria final sobre as actividades desenvolvidas, visada polo/a titor/a ou responsable da oficina onde se realizaron as prácticas.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

d) Todos os estudos, informes e demais documentos que xere a persoa bolseira durante o desenvolvemento da súa formación, quedarán á disposición da Axencia de Turismo de Galicia, que será titular dos dereitos de explotación e demais relativos á propiedade intelectual dos estudos e informes. As persoas bolseiras deberán aceptar por escrito esta atribución de dereitos a prol da dita entidade antes da súa incorporación.

2. A duración da xornada laboral será dun máximo de 37,5 horas semanais e a xornada de traballo adaptarase ao horario establecido na oficina de destino.

As persoas bolseiras terán dereito ao gozo de 11 días hábiles de vacacións e aos permisos necesarios por motivos xustificados, coa solicitude previa.

As anteriores circunstancias determinaranse segundo as necesidades do servizo.

Artigo 17. Aboamento das axudas

O pagamento das bolsas realizarase por períodos mensuais vencidos. No caso de se producir a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a persoa bolseira percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa. As devanditas contías estarán suxeitas á retención que legalmente proceda.

1. Primeiro pagamento: para o seu aboamento será requisito ter enviado con carácter previo a seguinte documentación:

a) Escrito de aceptación da bolsa, onde conste o compromiso de cumprimento das normas e obrigas derivadas das bases desta convocatoria, segundo o modelo do anexo IV desta resolución.

b) Declaración responsable, segundo o modelo do anexo VI desta resolución, de:

b.1) Non ter ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación por desemprego no momento de incorporación á bolsa.

b.2) Non ter solicitada nin concedida ningunha outra subvención, axuda ou ingreso para este mesmo proxecto ou conceptos para os que solicita a bolsa. No caso de que, durante a vixencia da bolsa de formación concedida na Axencia de Turismo de Galicia, deixase de cumprir a condición anterior por pasar a percibir calquera xénero de compensación económica, obrígase expresamente a poñelo en coñecemento do dito centro directivo, e causará baixa na percepción da bolsa.

b.3) Non ter sido adxudicataria da mesma bolsa de formación en edicións anteriores ou ter renunciado á bolsa con posterioridade á súa aceptación.

c) Datos da conta bancaria.

2. Pagamento final: para o aboamento do último pagamento será requisito ter presentado a seguinte documentación:

a) Certificación, expedida polo/a titor/a ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas, de que a persoa adxudicataria levou a cabo a súa actividade cun nivel de rendemento satisfactorio.

b) Memoria realizada polo/a bolseiro/a e visada polo/a titor/a ou responsable da oficina respecto do labor realizado.

3. De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), as persoas beneficiarias das bolsas quedan exentas da obriga de constituíren garantía.

Artigo 18. Certificado de aproveitamento

O/a titor/a ou persoa competente na Axencia de Turismo de Galicia expedirá un certificado sobre asistencia e aproveitamento da bolsa.

Artigo 19. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención

1. Sen prexuízo das causas xerais establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos seguintes casos, en consonancia co establecido no artigo seguinte:

a) O incumprimento de calquera das obrigas contidas nestas bases reguladoras.

b) A falta de rendemento da persoa beneficiaria, o incumprimento do plan de actuación aprobado ou a inadaptación ás normas de funcionamento da Axencia.

c) O incumprimento dos compromisos adquiridos.

2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impidan, a falta de rendemento, o incumprimento do plan de actuación aprobado ou a inadaptación ás normas de funcionamento da Axencia ou a percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa subvención, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente.

Artigo 20. Incidencias

A Axencia de Turismo de Galicia resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

En calquera momento, a persoa responsable da oficina correspondente ou o/a titor/a poderá propoñerlle á Dirección da Axencia de Turismo cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria, incumprimento do plan de actuación aprobado ou inadaptación ás normas de funcionamento da oficina. A Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, logo de dar trámite de audiencia á persoa interesada, poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria.

A Axencia de Turismo de Galicia poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación da persoa bolseira ao destino adxudicado, por motivos de forza maior. No caso de que a interrupción supere o 10 % do tempo total de duración da bolsa suporá a súa revogación.

A renuncia durante o gozo da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria para presentarse a futuras convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola Axencia de Turismo de Galicia.

O incumprimento dos compromisos adquiridos, de acordo coas bases precedentes, dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta resolución e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 21. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file