DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 2024 Páx. 19451

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de catorce bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento TU981A).

BDNS (Identif.): 748700.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios/as

1. Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea.

b) Titulación: estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dalgún dos seguintes títulos: grao en turismo; técnico superior en guía, información e asistencia turísticas; técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos. Só serán válidos os títulos obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2019.

c) Idiomas:

c.1) Todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente.

c.2) Inglés: deberase achegar certificado B1 do Marco común europeo de referencia para as linguas ou superior, ou acreditación oficial de nivel equivalente ao B1 ou superior. De consideralo necesario, a Comisión de Valoración poderá realizar unha proba oral para a comprobación do nivel de idioma.

2. En ningún caso poderán ser persoas beneficiarias desta bolsa aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídas da convocatoria aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias das bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas durante o seu desenvolvemento.

3. As persoas beneficiarias non poderán gozar de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego ou a renda activa de inserción para persoas desempregadas.

Segundo. Obxecto e finalidade

O establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de catorce (14) bolsas de formación práctica, en réxime de concorrencia competitiva, nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas en oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (rúa do Vilar), 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (rúa Carretas), 2 bolsas na Oficina de Turismo da Coruña, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Pontevedra, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Vigo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Lugo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Ourense.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de catorce bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes da Axencia de Turismo de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento TU981A).

Cuarto. Financiamento

A Axencia de Turismo de Galicia financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.A2.761A.480.0 e 04.A2.761A.484.0 destinadas ao pagamento das retribucións e das cotas da Seguridade Social, respectivamente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 88.987,62 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 84.000,00 € que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0 e 4.987,62 € que se imputarán á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.484.0 e que se destinarán ao pagamento ás persoas bolseiras do importe das bolsas e das cotas patronais da Seguridade Social, respectivamente.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro do mes.

Sexto. Aboamento das axudas

O pagamento das bolsas realizarase por períodos mensuais vencidos.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

O director da Axencia de Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012;
DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Antonio Casas Calviño
Xerente da Axencia de Turismo de Galicia