DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 20 de marzo de 2024 Páx. 19877

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da corrección de erros materiais do anexo II da normativa urbanística do Plan xeral de ordenación municipal de Silleda.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da corrección de erros materiais do anexo II da normativa urbanística do Plan xeral de ordenación municipal de Silleda, mediante Orde da Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 8 de marzo de 2024, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2024

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación da corrección de erros materiais do anexo II da normativa urbanística do Plan xeral de ordenación municipal de Silleda

I. Antecedentes de feito.

Primeiro. O Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Silleda (PXOM) foi aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 22 de decembro de 2022, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 14, do 20 de xaneiro de 2023 e inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia o 28 de abril de 2023 co núm. RPG/00024/2023.

Asemade, en cumprimento do disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, publicáronse integramente a normativa e as ordenanzas do planeamento aprobado definitivamente no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 87, do 8 de maio de 2023.

Segundo. O Concello de Silleda, o 5 de febreiro de 2024, remite, para a súa aprobación, a corrección dun erro material na normativa do PXOM de Silleda segundo detalla o documento informe sobre a corrección de erros na normativa do PXOM de Silleda, redactado por Alfonso Botana, datado no mes de setembro de 2023 e aprobado polo Pleno da Corporación o 22 de xaneiro de 2024.

II. Análise e consideracións.

Primeira. O anexo II da normativa urbanística do PXOM aprobado contén as fichas de xestión do solo urbanizable, aínda que tres delas presentan algún dos seus parámetros sen definir, aínda que estes se atopan referenciados na memoria xustificativa. Trátase das fichas do SUD-I.1 en Vilar (San Martiño), na que falta a ocupación máxima por definir, e os SUD-R.1 e SUR-T.1 en Silleda (Santa Baia), nas que a edificabilidade sae en branco.

Achéganse as fichas corrixidas en que se inclúen os parámetros que se omitiron tal e como se definen na memoria xustificativa:

SUD I1, ocupación máxima <2/3 partes.

SUD R1 edificabilidade 0,50 m2/m2.

SUD T1 superficie edificable máxima total de 0,60 m2/m2.

Segunda. Segundo o artigo 109 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, estas poderán rectificar en calquera momento de oficio ou por instancia de parte os errores materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.

Constitúe reiterada doutrina xurisprudencial a consideración que para poder aplicar o mecanismo procedemental de rectificación de erros materiais ou de feito requírese que se trate de simples equivocacións elementais de nomes, datas, operacións aritméticas ou transcricións de documentos; é mester considerar que o erro material ou de feito se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, sen necesidade de maiores razoamentos e que se aprecie tendo en conta exclusivamente os datos do expediente administrativo en que se advirte.

Aínda que sempre debe empregarse a corrección de erros de xeito restritivo, no caso que nos ocupa o erro material da transcrición, é indiscutible, evidente, manifesto e constatado coa comprobación dos documentos que obtiveron a aprobación definitiva, o que fai que sexa procedente a súa emenda, polo que procede a súa rectificación ao abeiro do previsto no artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Consonte a xustificación achegada polo concello cúmprense os requisitos indicados, pois trátase dun erro material constatable, que non precisa de interpretación nin valoración xurídica, facilmente constatable á vista da memoria xustificativa do PXOM.

III. Competencia.

O artigo 109.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas establece que as administracións públicas poderán, así mesmo, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes non seus actos.

A competencia para resolver corresponde á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61 e 83.5 da LSG en relación cos decretos 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e a proposta literal da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo,

RESOLVO:

1. Outorgar aprobación á presente corrección de erros do PXOM de Silleda, segundo a documentación aprobada polo Pleno do Concello na súa sesión do 22 de xaneiro de 2024, consistente en corrixir as fichas SUDI1, SUDR1 e SUDT1 do anexo II da normativa urbanística do PXOM.

2. De conformidade cos artigos 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal de Silleda no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De acordo co disposto polos artigos 82 e 88.4 da LSG e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas, unha vez inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 a 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.