DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 20 de marzo de 2024 Páx. 19940

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia para proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT207M).

BDNS (Identif.): 749490.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3 b) e 20.8 a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias, sempre que cumpran cos requisitos establecidos nas bases reguladoras:

1. As persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que teñan como obxecto social a exhibición comercial de películas cinematográficas e estean dadas de alta na epígrafe 963.1 do imposto de actividades económicas no momento da publicación desta convocatoria, e que sexan titulares ou posuidoras, por calquera título válido en dereito, da sala ou salas de exhibición cinematográfica situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Aquelas agrupacións de titulares e/ou posuidoras, por calquera título válido en dereito, de salas de exhibición cinematográfica situadas na Comunidade Autónoma, sempre que se constitúan como agrupación, todos os membros cumpran cos requisitos necesarios para obter a condición de persoas beneficiarias e designen unha persoa representante con capacidade para actuar en nome e por conta de todas as persoas titulares ou arrendatarias que conformen a agrupación.

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para impulsar proxectos dirixidos a innovar e mellorar o funcionamento dixitalizado e sustentable das salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia, e fomentar medidas de captación de público e de adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual nestes espazos, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e convocalas para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 7 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia para proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento UE 2021/241, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT207M).

Cuarto. Importe

Esta convocatoria financiarase cun crédito total de 380.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.1 dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais, co código de proxecto 2021 00004.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais