DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 2024 Páx. 20154

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2024 pola que se procede á convocatoria das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2024 con carácter plurianual (código de procedemento VI435B).

No Diario Oficial de Galicia núm. 189, do 4 de outubro de 2022, publicouse a primeira convocatoria das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas.

Tras a experiencia da primeira convocatoria das axudas deste programa no ano 2023, modificáronse as bases reguladoras e convocáronse novamente estas axudas, convocatoria que se publicou no Diario Oficial de Galicia núm. 104, do 2 de xuño de 2023.

Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas, con carácter plurianual, para o ano 2024, e suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade co anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2024 as axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas, con carácter plurianual, que se tramitarán co código de procedemento VI435B.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 23 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B), publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 189, do 4 de outubro, modificadas pola Resolución do 16 de maio de 2023 pola que se modifican as bases reguladoras do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B), publicada no DOG núm. 104, do 2 de xuño de 2023.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas por un importe total de 9.423.000 euros, con cargo ás seguintes anualidades e aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024:

Anualidade

Aplicación

Importe

2024

06.81.451A.770.1

76.000 €

06.81.451A.780.0

2.500.000 €

2025

06.81.451A.770.1

47.000 €

06.81.451A.780.0

6.800.000 €

2. O financiamento desta convocatoria faise con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados ás anualidades 2024 e 2025 do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, sempre que se trate de persoas físicas ou xurídicas de natureza privada:

a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila.

b) As persoas propietarias ou usufrutuarias de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.

c) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas incluídas nun edificio de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.

d) As comunidades de persoas propietarias ou as súas agrupacións, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

e) As sociedades cooperativas de vivendas integradas por socios cooperativistas que precisen aloxamento para si ou os seus familiares, as sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo.

f) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios, que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal.

g) As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente a suficiente prazo coa propiedade, que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.

h) As persoas arrendatarias de vivendas, no suposto de que as obras ou actuacións non sexan de obrigada execución pola persoa propietaria e ambas as partes acorden que a arrendataria custee ao seu cargo as actuacións de mellora da accesibilidade, con cargo á parte ou á totalidade da renda arrendaticia.

2. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de persoas estranxeiras non comunitarias, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

3. Non poderán obter a condición de beneficiaria destas axudas as persoas ou entidades que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nin aquelas ás cales se lles teña revogado algunha das axudas previstas neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa que lles sexa imputable.

4. As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non poderán ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5. As persoas ou entidades beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das obras e actuacións para a mellora da accesibilidade. Cando se trate de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, o importe da axuda deberá repercutirse entre as persoas propietarias de vivendas e, de ser o caso, as persoas propietarias de locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, se algún dos membros da comunidade de persoas propietarias ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias incorre nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, non recibirá a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida. Esta parte ratearase entre os restantes membros da comunidade ou agrupación.

6. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A axuda total de minimis a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) núm. 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 euros durante os tres anos previos. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Quinto. Requisitos

1. As vivendas unifamiliares, illadas ou agrupadas en fila, para as que se solicite a axuda deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar rematadas antes de 2006. Esta circunstancia acreditarase mediante escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais. Non se exixirá este requisito no suposto de que na vivenda habiten persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Que constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias no momento de solicitar as axudas. A dita circunstancia acreditarase mediante o empadroamento.

2. Os edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva que se acollan ás axudas deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estaren rematados antes de 2006. Esta circunstancia acreditarase mediante escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais. Non obstante, non se exixirá este requisito no suposto de que no edificio habiten persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Que, polo menos, o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores, se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda. Esta circunstancia poderá acreditarse mediante escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais.

c) Que, polo menos, o 30 % das vivendas constitúan o domicilio habitual dos seus propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios no momento de solicitar as axudas deste programa. A dita circunstancia acreditarase mediante o empadroamento.

Este requisito non se terá en conta nos seguintes casos:

– Cando se trate de propietario/a único/a que tivese que proceder ao realoxo das persoas inquilinas para realizar as obras de mellora da accesibilidade, caso en que deberá xustificar esta circunstancia e o compromiso de destinar as vivendas obxecto de mellora na súa accesibilidade a domicilio habitual das persoas arrendatarias na referida porcentaxe.

– Cando se trate dun inmoble onde se encontre o domicilio habitual dunha persoa con discapacidade física que, debido á falta de accesibilidade nas zonas comúns, se encontre confinada na súa vivenda.

d) Que, de ser o caso, as actuacións conten co acordo da comunidade ou comunidades de persoas propietarias debidamente agrupadas e coa autorización ou autorizacións administrativas correspondentes.

3. As vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva para as cales se solicite de forma independente a axuda deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estaren rematadas antes de 2006. Esta circunstancia acreditarase mediante escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais. Non obstante, non se exixirá este requisito, no suposto de que na vivenda habiten persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Que constitúan o domicilio habitual e permanente dos seus propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios no momento de solicitar acollerse ás axudas. A dita circunstancia acreditarase mediante o empadroamento.

4. O prazo para executar as obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que poida exceder os doce meses, contados desde a data de notificación da citada resolución, no caso de obras en vivendas unifamiliares ou vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de vinte e catro meses, no caso de obras en edificios de tipoloxía residencial colectiva.

Nos supostos en que a concesión da licenza municipal ou autorización administrativa de que se trate se demore e non sexa concedida no prazo de doce meses desde a súa solicitude, os prazos anteriores poderán incrementarse no prazo da demora, ata doce meses como máximo, podendo facerse o correspondente reaxuste sen que poida exceder as anualidades de gasto previstas na convocatoria e supeditadas á existencia de crédito na anualidade resultante.

Así mesmo, estes prazos poderán prorrogarse por folgas que afecten o desenvolvemento das actuacións, razóns climatolóxicas que alteren calendarios de execución de obras ou calquera outra causa de forza maior, debidamente acreditada, e polo tempo de demora imputable ás ditas causas, sen que poida exceder as anualidades de gasto previstas na convocatoria e supeditadas á existencia de crédito na anualidade resultante.

Cando o prazo de execución fixado na resolución de concesión sexa inferior ao sinalado nos parágrafos anteriores, este poderá ampliarse ata o citado prazo máximo, logo de solicitude da persoa ou entidade interesada, se concorren causas que a xustifiquen e sempre que se conte coa correspondente dotación orzamentaria.

5. Nas solicitudes das axudas, as persoas e as entidades solicitantes farán constar as anualidades en que pretenden executar as actuacións, co importe do orzamento imputable a cada exercicio, o cal será vinculante para os efectos da concesión da axuda e do seu pagamento, salvo no suposto de que se solicitase un reaxuste de anualidades, caso en que se observará o establecido no punto 7 do ordinal décimo noveno.

6. O orzamento e o custo das obras, así como o dos certificados, informes e proxectos técnicos que procedan non poderán superar os custos medios de mercado que a tales actuacións correspondan; tal aspecto farao constar a persoa técnica redactora do proxecto ou da memoria.

Sexto. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse subvencionables as actuacións para a mellora da accesibilidade. En particular, as seguintes:

a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas, incorporando mecanismos motorizados ou outros dispositivos de accesibilidade, así como calquera medida de accesibilidade que facilite a autonomía e a vida independente de persoas con mobilidade reducida, tanto en edificios como en vivendas unifamiliares, incluíndo os dispositivos adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente. Inclúese a integración mediante un único mecanismo de identificación (teléfono intelixente, cámaras, pantallas ou outros dispositivos tecnolóxicos equivalentes en canto á súa funcionalidade) dos sistemas de apertura e control de accesos e doutros sistemas que necesiten control persoal e a adaptación, cando existan, á altura non superior a 1,40 m dos dispositivos xa instalados.

b) A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, así como sistemas tecnolóxicos de guiado que permitan a localización, ou o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.

c) A instalación de elementos de información, de comunicación ou de aviso, tales como sinais luminosos e visuais, vibrotáctiles ou sonoras que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas. En particular, a instalación de elementos que melloren a accesibilidade e seguridade no uso dos ascensores, como a comunicación bidireccional en cabina.

d) A instalación de produtos de apoio á audición para a accesibilidade no contorno, como os bucles magnéticos.

e) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como videoporteiros que proporcionan información visual e auditiva e análogos.

f) A instalación de dispositivos de alarma no ascensor que garantan un sistema de comunicación visual, auditiva e bidireccional co exterior para os casos de emerxencia ou atrapamento, así como a instalación de bucle magnético nos devanditos dispositivos.

g) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.

h) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas (unifamiliares, agrupadas en fila ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva) ou nos propios edificios de tipoloxía residencial colectiva obxecto deste programa, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda que cumpran coas condicións do Código técnico da edificación no referido a vivenda accesible, así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas, as modificacións e adaptacións necesarias e adecuadas ás circunstancias específicas das persoas con discapacidade que habitan as vivendas. Inclúense, así mesmo, as obras necesarias e complementarias sobre elementos directamente relacionados coa actuación de mellora de accesibilidade universal e cuxo mal estado de conservación aconselle a intervención.

i) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do Código técnico da edificación DB-SUA, Seguridade de utilización e accesibilidade. En particular, a instalación de elementos que melloren a accesibilidade e seguridade de utilización nos ascensores, como a mellora da nivelación da cabina.

2. As actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG.

Sétimo. Contía das axudas

1. A contía máxima das axudas non poderá superar os seguintes límites:

a) 12.500 euros por vivenda, cando se solicite para actuacións correspondentes a vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila.

Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda, se reside unha persoa con discapacidade, e ata 18.000 euros por vivenda, se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) 9.000 euros por vivenda e 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles, cando se solicite para actuacións correspondentes a edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación.

Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda, se reside no edificio unha persoa con discapacidade, e ata 18.000 euros por vivenda, se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

c) 6.000 euros por vivenda, cando se solicita para actuacións correspondentes a vivendas localizadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva.

Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda, se reside unha persoa con discapacidade, e ata 18.000 euros por vivenda, se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

d) O 60 % do custo da actuación.

Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 %, se na vivenda ou unha das persoas que resida no edificio sexa unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

2. O límite unitario das axudas establecido nas letras a), b) e c) poderá ser incrementado en 3.000 euros máis por vivenda en edificios ou vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con algún nivel de protección no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

3. O custo das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, de ser o caso, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e tributos, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.

4. Para a determinación da contía da axuda cada vivenda debe contar coa súa referencia catastral propia. Noutro caso, computarase para os efectos da axuda, un edificio como unha única vivenda.

Oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Non obstante o anterior, se antes da finalización do devandito prazo dun mes se esgota o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Noveno. Solicitudes

1. As solicitudes realizaranse mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, que deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou o edificio.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, htps://sede.xunta.gal

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as comunidades de persoas propietarias e as súas agrupacións.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (htps://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Declaración responsable de que non se lle concedeu ningunha axuda de minimis. No caso de ter solicitado ou obtido axuda de minimis, deberá indicar cales e a súa contía.

c) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.

d) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

e) Declaración responsable de que non está incursa nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

f) Declaración responsable de que non se lle revogou nin foi obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa que lle fose imputable.

g) Declaración responsable de que as obras non estean rematadas na data da publicación desta resolución no DOG.

h) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Décimo. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Escritura pública, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a propiedade ou o usufruto da vivenda, no caso de que a solicitante sexa unha persoa física ou unha agrupación de persoas propietarias que non consten como titulares catastrais.

c) Escritura da división horizontal, no caso das comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias.

d) Escritura pública, nota simple rexistral ou consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais que acredite que a vivenda ou o edificio se rematou antes de 2006, agás nos supostos en que este requisito non sexa exixible conforme ao ordinal quinto.

e) Informe técnico, subscrito por persoa técnica competente, conforme a Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, con data anterior á solicitude da axuda que acredite a procedencia da actuación. Non será necesario achegar este informe cando a xustificación da actuación se acredite nos documentos sinalados na letra f).

f) Proxecto das actuacións que se van realizar. No caso de que non sexa exixible, será necesario xustificar nunha memoria, subscrita por persoa técnica competente, a adecuación da actuación ao Código técnico da edificación e demais normativa de aplicación.

No caso de que o ben inmoble obxecto da actuación subvencionable sexa un edificio ou vivenda declarada BIC, catalogado ou conte con algún nivel de protección no instrumento de ordenación urbanística correspondente, o proxecto ou a memoria deberán engadir a ficha do catálogo de patrimonio cultural da normativa urbanística vixente no termo municipal onde se sitúe o ben inmoble.

g) Orzamento/s da empresa ou empresas que realizarán a execución das actuacións, suficientemente desagregado/s. No suposto de que o importe correspondente aos custos elixibles da actuación supere a contía de 40.000 euros para obras e/ou 15.000 euros en servizos ou subministracións, presentaranse tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme os criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

h) Certificado do inicio das obras, no caso de obras iniciadas con anterioridade á data da publicación da resolución da convocatoria.

i) Anexo II, de declaración responsable e comprobación de datos das persoas partícipes nas obras e interesadas na subvención.

No caso de que exista máis dunha persoa copropietaria, deben figurar todas ata completar o 100 % da propiedade, agás no caso previsto na letra l).

No caso de solicitudes presentadas por comunidades e agrupacións de persoas propietarias, agrupacións de persoas propietarias ou cooperativas, deben presentarse tantos anexos II como vivendas partícipes e interesadas na subvención se sinalen nos anexos I e III. No suposto de non presentar tantos anexos II como partícipes sinalados no anexo III, soamente serán tidos en conta os anexos II presentados dentro do prazo de presentación de solicitudes sen que poidan, posteriormente, incluírse novos anexos II entendéndose, neste caso, completa a documentación na data de presentación do último anexo II, sempre que o resto da documentación conste no expediente.

En ningún caso se admitirán novos anexos, unha vez concedida a subvención, aínda que non rematase o prazo de presentación de solicitudes.

j) De ser o caso, certificado de discapacidade da persoa solicitante ou das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou das agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención e/ou das persoas integrantes das súas unidades de convivencia, no caso de que non o emitise a Xunta de Galicia.

k) Contrato formalizado coa persoa propietaria que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras obxecto do programa, no caso de solicitudes formuladas por empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios.

l) Autorización do resto das persoas copropietarias para a realización pola persoa solicitante das actuacións e para percibir a subvención correspondente, no caso de que existan varias persoas copropietarias da vivenda e unicamente a solicitante se considere a promotora e beneficiaria finalista da subvención.

2. No caso de solicitudes para actuacións en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva deberá presentar, ademais, de ser o caso, a documentación seguinte:

a) Acta de constitución da comunidade, agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias.

b) Anexo III, de certificado do acordo da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou do acordo da agrupación de persoas propietarias para a realización das actuacións, solicitar a correspondente axuda, nomear a persoa que as represente na tramitación do expediente e que, ademais, conteña o número de vivendas e a superficie total construída dos locais comerciais partícipes nas obras e interesados na subvención, con indicación da súa referencia catastral, así como a relación de todas as persoas propietarias comuneiras, con indicación das súas correspondentes cotas de participación e o número total de vivendas que integran o edificio, así como cales delas participan nas obras.

c) Anexo IV, de declaración responsable e comprobación de datos das persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias das vivendas que non participen nas obras e non estean interesadas na subvención, no caso de actuacións en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva en que non se acredite previamente que o 30 % das vivendas constitúe o seu domicilio habitual.

d) Documento que acredite que no edificio ten o domicilio habitual unha persoa con discapacidade física que, debido á falta de accesibilidade nas zonas comúns, se encontre confinada na súa vivenda.

3. No caso de que a solicitante sexa unha persoa arrendataria dunha vivenda, deberá presentar, ademais da documentación enunciada nos puntos anteriores, de ser o caso, os seguintes documentos:

a) Contrato de alugamento da vivenda obxecto da actuación, con indicación da súa referencia catastral.

b) Acordo asinado entre a persoa arrendataria e a persoa ou entidade propietaria, polo que aquela asume o custo das actuacións con cargo a parte ou a totalidade da renda. Neste acordo deberá constar, expresamente, que entre as partes non existe parentesco en primeiro e segundo grao de consanguinidade ou de afinidade e que non son socias ou partícipes de ningunha entidade conxunta.

4. No caso de que a persoa solicitante sexa propietaria única dun edificio de tipoloxía residencial colectiva que tivese que proceder ao realoxo das persoas inquilinas para realizar as obras de mellora da accesibilidade, deberá presentar, ademais, de ser o caso, a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa da necesidade de realoxo das persoas inquilinas para realizar as obras obxecto da solicitude de subvención, no caso de non cumprir o requisito de domicilio habitual establecido no punto 2.c) do ordinal quinto.

b) Compromiso de destinar as vivendas obxecto de mellora na súa accesibilidade a domicilio habitual das persoas arrendatarias na referida porcentaxe.

5. No caso de que a solicitante sexa unha empresa construtora, arrendataria ou concesionaria dos edificios e/ou sociedade cooperativa non composta por comunidades ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias, deberán achegar, ademais da documentación sinalada no punto 1, a seguinte:

a) Contrato vixente, formalizado coa persoa propietaria ou propietarias do edificio, que acredite a relación xurídica existente entre a propiedade e a entidade solicitante, así como que a citada entidade solicitante está autorizada, expresamente, para poder executar as actuacións obxecto da axuda.

b) Certificado do acordo do órgano competente da entidade de solicitar a axuda.

c) Escritura de constitución e/ou estatutos vixentes, debidamente inscritos nos rexistros públicos correspondentes.

d) Xustificante do pagamento do último recibo do imposto de actividades económicas na actividade económica relacionada coa actuación obxecto da súa solicitude.

6. Aquelas persoas ou entidades que, tendo presentada unha solicitude na convocatoria de 2023 e lles fose denegada por esgotamento de crédito, sempre que non modifiquen as actuacións, a súa documentación técnica e, ademais, non tivesen rematadas as obras antes da publicación desta resolución, non terán que achegar coa nova solicitude a documentación complementaria xa presentada coa solicitude anterior, agás o certificado de inicio das obras, no caso de non telo xa presentado. En todo caso, deberán indicar o número do expediente que figura na resolución de denegación notificada. Nestes supostos, entenderanse válidas as declaracións responsables e as autorizacións de comprobación de datos contidas na devandita documentación complementaria.

Non obstante, para o caso de que se tivesen producido modificacións nas persoas partícipes e interesadas nas actuacións subvencionables, presentaranse, ademais, os anexos II que correspondan.

Así mesmo, se os certificados ou volantes de empadroamento presentados na convocatoria anterior xa caducaran, deberán presentarse os certificados ou volantes actualizados.

7. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

8. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.

Décimo primeiro. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e as comunidades de persoas propietarias e as súas agrupacións. Se algunha destas persoas ou entidades presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segundo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso; así como das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e interesadas na subvención, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia e, de ser o caso, das persoas maiores de 65 anos que residan no edificio; e/ou das persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias das vivendas que non participen nas obras e non estean interesadas na subvención, nos supostos en que non se acredite previamente que o 30 % das vivendas constitúe o seu domicilio habitual, no suposto de actuacións en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta de datos de residencia con data de última variación padroal das persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias das vivendas ou edificios que sexan promotoras da actuación así como, en edificios de tipoloxía residencial colectiva, no suposto de que coas anteriores non se chegue ao límite do 30 % previsto no punto 2.c) do ordinal quinto, das persoas que non sexan promotoras da actuación nin participen nas obras e non estean interesadas na subvención.

f) Certificados acreditativos de non ter débedas coa AEAT, coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención ou, de ser o caso, das persoas membros da unidade de convivencia con discapacidade ou maior de 65 anos, distintas da persoa solicitante ou no suposto de que existan persoas copropietarias promotoras das actuacións.

g) Certificación de titularidade da Dirección Xeral do Catastro correspondentes á persoa solicitante ou, de ser o caso, ás persoas que sexan membros da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias, que participen nas obras e estean interesadas na subvención ou, de ser o caso, das persoas membros da unidade de convivencia con discapacidade ou maior de 65 anos, distintas da persoa solicitante ou no suposto de que existan persoas copropietarias promotoras das actuacións.

h) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso e o ano de construción, para as actuacións promovidas por comunidades ou pola agrupación de comunidades de persoas propietarias ou por agrupacións de persoas propietarias ou polas sociedades cooperativas compostas polas entidades ou persoas sinaladas anteriormente, ou pola persoa física propietaria ou usufrutuaria ou, de ser o caso, polas persoas membros da unidade de convivencia con discapacidade ou maior de 65 anos, distintas da persoa solicitante, ou no suposto de que existan persoas copropietarias promotoras das actuacións.

i) Consulta de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas membros da unidade de convivencia con discapacidade ou maior de 65 anos, distintas da persoa solicitante ou no suposto de que existan persoas copropietarias promotoras das actuacións.

j) Consulta dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van levar a cabo as actuacións, para as actuacións promovidas por comunidades ou pola agrupación de comunidades de persoas propietarias ou por agrupacións de persoas propietarias ou polas sociedades cooperativas compostas polas entidades ou persoas sinaladas anteriormente ou pola persoa física propietaria ou usufrutuaria ou, de ser o caso, polas persoas membros da unidade de convivencia con discapacidade ou maior de 65 anos, distintas da persoa solicitante ou no suposto de que existan persoas copropietarias promotoras das actuacións.

k) Consulta de subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante.

l) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante.

m) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Consulta de datos de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.

b) Certificado da discapacidade expedido pola Xunta de Galicia da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso, así como das persoas que sexan membros de comunidades e agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou pola agrupación de persoas propietarias, así como das persoas integrantes das súas unidades de convivencia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo terceiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo cuarto. Órganos competentes para instruír e resolver os procedementos

1. A instrución do procedemento é competencia da Área Provincial do IGVS onde estea situado o edificio ou a vivenda no que se realicen as actuacións.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo quinto. Procedementos de concesión e requirimentos de emenda

1. Os procedementos iniciaranse de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa ou entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, a persoa ou a entidade solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa ou entidade solicitante non poderá modificar a súa solicitude, aumentando o importe do custo das actuacións nin variando os tipos de actuacións que se vaian realizar.

5. O órgano instrutor remitirá o expediente ao correspondente servizo técnico para a elaboración dun informe, en que se definirá a tipoloxía das actuacións requiridas, o prazo máximo de execución e o orzamento da actuación.

6. Unha vez completado o expediente e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da correspondente área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que, en dereito, proceda.

7. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións de denegación das axudas solicitadas poderán publicarse na páxina web do IGVS igvs.xunta.gal, logo de publicación desta circunstancia no DOG.

Décimo sexto. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver a concesión da axuda será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas ou entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, a contía da subvención concedida, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización.

Para o caso de que a subvención se configurara con carácter plurianual, a resolución de concesión fixará os importes da subvención correspondentes a cada una das anualidades, que deberán ser xustificados na forma sinalada no ordinal décimo noveno. O importe dos pagamentos á conta non poderá ser superior, en ningún caso, ao 80% do total da subvención, nin superar o importe máximo de 18.000 euros, nin exceder da anualidade prevista para cada exercicio orzamentario na resolución de concesión.

3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e vir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

5. As persoas ou entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa notificación da resolución de concesión, para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se produza manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.

Décimo sétimo. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, de ser o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, fóra dos casos permitidos por esta resolución, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención ou a súa revogación.

2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Décimo oitavo. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude da subvención o incumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e/ou no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar o esgotamento de crédito será o previsto no punto 3 do ordinal décimo sexto.

Décimo noveno. Xustificación e pagamento da subvención

1. As persoas e as entidades beneficiarias deberán comunicar á correspondente área provincial do IGVS o remate das obras relativas a cada unha das anualidades previstas na resolución de concesión. A comunicación deberá realizarse nun prazo máximo de quince días, contado, ben desde o día seguinte ao da finalización das obras, ben desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación de cada anualidade das obras. A comunicación realizarase mediante a presentación do anexo V desta resolución.

2. A comunicación de execución parcial de obras deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado de inicio das obras, no caso de que non se presentase con anterioridade.

b) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, en que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que lle corresponda xustificar. Conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa ou entidade solicitante.

c) Memoria explicativa das obras realizadas, asinada, se for o caso, por persoa técnica competente.

d) Fotografías que mostren as obras realizadas.

e) Copia de tres orzamentos, de conformidade co establecido no artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros, cando se trate de obras, e/ou 15.000 euros, cando se trate de servizos ou subministracións. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

f) Licenza de obras, no caso de actuacións sometidas a este réxime, sempre que non se achegase con anterioridade.

3. A comunicación final das obras deberá ir acompañada, ademais de coa documentación sinalada no punto anterior, do certificado de finalización das obras e, cando proceda, das correspondentes autorizacións administrativas polas instalacións realizadas.

4. Esta documentación presentarase de conformidade co establecido no ordinal décimo primeiro.

5. Transcorridos os prazos indicados sen que as persoas ou entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa da anualidade correspondente, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez días.

6. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión.

7. No caso de que o ritmo de execución das obras fose diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades, logo de solicitude da persoa ou da entidade beneficiaria, conforme o establecido no ordinal quinto, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

8. No caso de non terse presentado a xustificación correspondente nos prazos indicados, perderase o dereito ao cobramento á subvención concedida, o que será notificado á persoa ou á entidade beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

9. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da área provincial do IGVS emitirá certificado acreditativo das verificacións realizadas, en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e o alcance das comprobacións practicadas, e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.

10. Os pagamentos da subvención realizaranse mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa ou entidade beneficiaria, sinalada para estes efectos no anexo I.

Vixésimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válido, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada coando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo primeiro. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo segundo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no punto oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Vixésimo terceiro. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Vixésimo cuarto. Prazo de execución das actuacións

O prazo de execución das actuacións en ningún caso poderá exceder o 1 de decembro de 2025.

Vixésimo quinto. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o primeiro día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file