DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 21 de marzo de 2024 Páx. 20080

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que acorda anotar no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia as alfombras florais de Galicia como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial define este como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, LPCG.

O artigo 1 deste precepto legal, establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, no punto 5 deste artigo inclúense «os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos», no punto 6 «os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo» e, no punto 7, «as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos».

O artigo 14 da LPCG regula o Censo do Patrimonio Cultural do seguinte xeito:

1. Os bens e manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, en tanto non fosen declarados de interese cultural ou catalogados, incluiranse no Censo do Patrimonio Cultural para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores.

2. Os bens incorporaranse ao Censo do Patrimonio Cultural por resolución da dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural. O Censo será obxecto de continua actualización e as súas incorporacións serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia e difundidas por medio das tecnoloxías da información e a comunicación.

3. A inclusión dun ben no Censo do Patrimonio Cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben. O Censo servirá como elemento de referencia para a emisión dos informes que sexan competencia da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Así mesmo, servirá como instrumento complementario para os responsables da xestión sustentable dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico.

O artigo 91 da LPCG establece que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

As alfombras florais en Galicia proceden dunha tradición ancestral que se mantén viva na actualidade, adaptándose aos novos tempos, co fin de festexar comunitariamente celebracións relixiosas ou laicas que forman parte do patrimonio cultural de Galicia. Neste sentido, estase a tramitar o recoñecemento como ben de interese cultural das alfombras florais elaboradas para celebrar o Corpus Christi na vila de Ponteareas. Manifestación cultural que está recoñecida como unha festa de interese turístico internacional.

Ademais, foron recoñecidas como festas de interese turístico de Galicia, en que as alfombras florais son o elemento principal da celebración: a Festa das Alfombras Florais do Corpus Christi de Ares e a Festa das Alfombras Florais de Bueu.

Así mesmo, as alfombras florais participan como parte da celebración doutras festas e manifestacións culturais celebradas e mantidas polas poboacións locais de moitas cidades e vilas espalladas por todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Algunhas destas celebracións, en que as alfombras florais forman parte dela, son consideradas festas de interese turístico: a Semana Santa de Ferrol e a Semana Santa de Viveiro, como de interese turístico internacional, e como festas de interese turístico galego: a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis), a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento e a Festa do Corpus Christi de Redondela.

A análise do contido da documentación que contén o expediente administrativo, realizada polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, conclúe que as alfombras florais de Galicia configúrase como unha manifestación inmaterial da Comunidade Autónoma de Galicia e, en consecuencia, proponse a súa inclusión no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Por tanto, no exercicio das competencias exclusivas en materia de protección do patrimonio cultural recoñecidas constitucional e estatutariamente, que me atribúe artigo 19.1 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo), correspóndeme a incorporación de bens e manifestacións inmateriais no Censo do patrimonio cultural.

RESOLVO:

Primeiro. Anotar no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia as alfombras florais de Galicia, como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e difundir o seu contido na páxina web corporativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2024

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición da manifestación

1. Denominación: as alfombras florais de Galicia.

2. Natureza e condición:

• Natureza: inmaterial.

• Condición: manifestación.

• Categoría: os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos; os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo, e as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos (artigo 9.3.a).5º, 6º e 7º da LPCG).

• Interese: etnolóxico.

3. O proceso de elaboración das alfombras florais.

O proceso de realización das alfombras florais é similar nas distintas localidades de Galicia. Nun primeiro momento hai que establecer o deseño da alfombra, que é cotiá que non se revele ata o mesmo día da celebración, co fin de procurar un efecto sorpresa. Unha vez disposto o deseño, cuantifícanse e selecciónanse os materiais precisos para a creación da alfombra, como flores, plantas e outros elementos e procédese á súa recollida.

O proceso de elaboración máis común de alfombras florais está composto polas seguintes fases:

A) Esfollar o verde: nesta fase manipúlase manualmente a parte verde das distintas plantas e flores.

B) Corte da flor: un ou dous días antes da realización da alfombra procédese a realizar manualmente o corte da flor, co fin de evitar a súa deterioración e que luza o máis natural posible.

C) Marcado: o marcado realízase normalmente de noite, unha vez cortado o tráfico. O máis común é o que se fai con xiz ou escaiola marcando aquelas zonas que previamente foran recortadas nun modelo de plástico.

D) Perfilado: o obxectivo do perfilado é diferenciar e separar as diferentes partes do debuxo. Na actualidade úsanse preferentemente sementes, escamas de piña ou cortizas trituradas, entre outros elementos.

E) Elaboración: trátase da fase en que se coloca a flor no espazo disposto para ela no deseño da alfombra. Finalmente, colócase o verde ou material que se use de fondo no debuxo, que é habitual que ocupe a maior parte da alfombra.

4. O marco temporal en que se desenvolve a manifestación inmaterial.

A realización de alfombras florais desenvólvese maioritariamente na primavera, que é cando abundan as flores, materia prima principal para a elaboración das alfombras.

Algunhas das alfombras florais máis logradas de Galicia forman parte da celebración da Semana Santa, normalmente a comezos da primavera, e outras da festa do Corpus Christi, que é habitual que se celebre a finais da estación primaveral.

5. O marco espacial en que se realizan as alfombras florais.

Segundo a antropóloga Ana Isabel Filgueiras Rei, en Galicia son numerosos os lugares que continúan perpetuando a antiga tradición da elaboración de alfombras florais por ser un costume moi arraigado, exemplo de cohesión comunitaria e de identidade colectiva. Na actualidade estímase que sobrepasan o centenar o número de localidades que confeccionan alfombras florais.

En efecto, as celebracións e as manifestacións florais tradicionais celébranse en practicamente todos os recantos do país e son parte indispensable e indisociable de festividades locais patronais, así como noutras conmemoracións fundamentalmente relixiosas e de devoción popular. Na montaña ou na costa, humildes ermidas e capelas, benqueridas igrexas parroquiais, suntuosos santuarios de grande devoción no ámbito rural e urbano, así como nas monumentais catedrais, en todas eles palpitan ecos e memorias destas celebracións florais.

Os camiños de romaría alfombrados e sacramentados preparados con esmero para a solemne procesión que partindo dun punto simbólico do lugar realiza as pertinentes paradas segundo marca a tradición, para penetrar finalmente no interior dos templos alfombrados con primor.

Ás celebracións florais de ámbito terrestre temos que engadir as realizadas no medio fluvial e mariño, coa súa particular expresión. A romaría dos Caneiros de Betanzos participa de barcas enramadas e enfeitadas de flores polo río Mandeo como vía sacra procesional e devocional fluvial, reminiscencia de antigos e máis complexos cerimoniais. De forma análoga na cidade de Ourense a romaría fluvial de Nosa Señora de Portovello polo río Miño celebra o percorrido nunha barca enramada. Antigo porto e zona de pasaxe importante da cidade xa no século XV, pétalos de flores choven ao paso da virxe de Portovello no mes de maio.

Máis numerosas e devotas en Galicia son as diversas procesións marítimas de toda a costa nas que barcos e lanchas van enramadas e floridas portando a virxe acompañados de música e danzantes. Procesión e evocación de naufraxios e afogados que reciben como ofrenda unha coroa ou ramo floral no mar.

Como manifestacións culturais florais procesionais continúan vixentes determinadas expresións ou formas elaboradas con ramos e flores tanto no interior dos templos como no exterior. Neste último caso son moi importantes os lugares xeográficos simbólicos onde se instalan cruces e altares florais e se suceden as paradas procesionais.

De igual modo os cruceiros enramados e cruces. Outras manifestacións florais que poden acompañar ás mencionadas son ramos, arcos florais e outras arquitecturas efémeras, así como danzas e persoas enfeitadas con flores.

Se atendemos á conmemoración procesional do Corpus Christi pola súa relevancia en canto ao énfase e protagonismo das manifestacións florais que nela conflúen, así como pola suntuosidade destas e do cerimonial que comporta, temos que o marco xeográfico no que se desenvolve é diverso, abranguendo toda Galicia. Así e todo, hai vilas e cidades que gozan dunha tradición secular de vínculo e compromiso con esta singular celebración: cidades como Ourense, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo, A Coruña, e vilas como Betanzos, Redondela, Ponteareas, Baiona, Bueu, Allariz, Ribadavia, Verín, Celanova, Noia, Muros, Padrón, Viveiro, Mondoñedo, Monforte, Chantada, Cambados, Rianxo, Corcubión, A Pobra do Caramiñal, A Guarda, entre outras.

6. A comunidade portadora e as formas de transmisión.

Teñen a consideración de persoas portadoras aquelas que posúen saberes, coñecementos, métodos e técnicas relacionados coa realización de alfombras florais.

A transmisión da tradición da elaboración de alfombras florais realizouse e realízase fundamentalmente de forma oral no marco familiar e veciñal na que participan habitualmente varias xeracións.

7. A función social.

A realización das alfombras florais é unha actividade creadora da comunidade portadora que se desenvolve nun determinado marco temporal e espacial. Este feito é moi relevante en Galicia, pois vencella as diferentes persoas aos seus lugares de orixe, aqueles nos que viven ou aqueles onde teñen as súas raíces e volven para participar na manifestación inmaterial.

Ademais, a execución das alfombras florais engloba un conxunto de actos desenvolvidos ao seu redor que acreditan unhas funcións sociais moi destacables, como a de lograr a integración das persoas participantes nunha empresa común e comunitaria da veciñanza do lugar.

Asemade, as alfombras florais de Galicia forman parte de celebracións que teñen un gran potencial como activo económico de base cultural, que contribúe, así mesmo, ao reforzo do sentir identitario local entre as persoas participantes ao redor da creación artística que representa tanto crenzas de sentir relixioso, como tradicións vinculadas con outras formas de vivir e de relacionarse.