DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 2024 Páx. 20665

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 12 de marzo de 2024 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2022/23 (código de procedemento ED311B).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á capacitación para o exercicio de actividades profesionais, de coidados e de colaboración social, á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal, ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe e conseguir o pleno desenvolvemento da súa personalidade e a confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

A Orde EDU/2128/2011, do 15 de xullo (BOE núm. 180, do 28 de xullo), crea e regula os premios nacionais de formación profesional de grao superior establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No artigo 3 da citada orde establécese que poderá concorrer aos premios nacionais o alumnado que obtivese premio extraordinario de formación profesional de grao superior convocado na súa comunidade autónoma nos termos que se regulan nesa norma.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior.

En consonancia co anterior, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, de conformidade co establecido no artigo 4 da citada Orde EDU/2128/2011, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior (código de procedemento ED311B) correspondentes ao curso 2022/23 para o alumnado que realizou e que rematou os seus estudos no ano 2023.

2. A finalidade destes premios é a de dar recoñecemento público aos méritos baseados no esforzo e no traballo das persoas que finalizaron os estudos de formación profesional de grao superior cun excelente rendemento académico.

Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios

1. Poderanse conceder ata vinte e tres premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dotación para os premios será de 23.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.06.423A.480.1 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, dos orzamentos do ano 2024, que se distribuirán entre as persoas premiadas na mesma contía, e que non poderá exceder os 1.000 € por premio. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, de cumprir os requisitos establecidos no artigo 16 desta orde, e, ademais, recibirá un diploma acreditativo. A distinción de obter premio extraordinario farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

5. As persoas que obteñan premio extraordinario de formación profesional de grao superior poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ter cursados estudos de formación profesional de grao superior durante o curso 2022/23 nalgún centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ter rematado os seus estudos no ano 2023.

b) Ter obtido unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50, nos termos establecidos na normativa vixente. Esta cualificación expresarase con dúas cifras decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

c) Non ter a condición de persoal docente que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades nos tres anos anteriores a esta convocatoria.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de participación presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal), ou directamente desde a propia aplicación «PremiosEdu».

De acordo co previsto nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG núm. 141, do 26 de xullo), as persoas aspirantes, con base nos requisitos establecidos nas letras a) e b) do artigo 3 desta orde, presuponse que posúen a capacidade técnica suficiente para o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para tramitar a súa solicitude.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá asinala a persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes cubertas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación de súa solicitude no prazo e na forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Listaxe dos méritos que se desexen alegar relacionados co título de técnico ou técnica superior de formación profesional, de acordo co previsto no artigo 12.1.b) desta convocatoria e segundo o modelo do anexo II.

b) Documentación xustificativa dos méritos segundo o establecido no anexo V da presente convocatoria, onde consten expresamente o número de horas de duración da actividade, a data de inicio, a data de finalización e o organismo que convoca.

c) Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Expediente dos estudos de formación profesional de grao superior cursados pola persoa solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de non ter a condición de persoal docente que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades nos tres anos anteriores a esta convocatoria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Procedemento dos centros educativos

Os centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en que está o expediente académico do alumnado de centros privados enviarán a certificación académica dos estudos obxecto de baremo do alumnado que non teña todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE, en que se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 3.b) desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a.

Esta certificación enviarase ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá a relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas e os motivos de exclusión, nos lugares establecidos no artigo 17 desta orde.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro), do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

Artigo 11. Xurado de selección

Para a selección, análise e valoración das solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa designará un xurado de selección composto por un presidente ou unha presidenta, e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de Educación.

O presidente ou a presidenta deberá ser un subdirector xeral ou unha subdirectora xeral, ou un inspector ou unha inspectora de Educación.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

O xurado poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles méritos que coide pertinentes.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) A cualificación final do ciclo formativo polo que se opta ao premio extraordinario valorarase de 0 a 6 puntos e outorgaranse 0,04 puntos por cada centésima que supere o 8,50.

b) Méritos relacionados co título de técnico ou técnica superior de formación profesional que se relacionan no anexo V da presente convocatoria (tipo e subtipo).

2. A valoración final será a suma das valoracións dos números 1.a) e 1.b) deste artigo.

3. O xurado resolverá os empates tendo en conta a maior puntuación nos seguintes méritos e por esta orde:

a) Cualificación final do ciclo formativo polo que se opta ao premio extraordinario.

a) Méritos relacionados co título de técnico ou técnica superior de formación profesional (artigo 12.1.b).tipo I do anexo V).

b) Méritos relacionados co título de técnico ou técnica superior de formación profesional (artigo 12.1.b).tipo II do anexo V).

c) Méritos relacionados co título de técnico ou técnica superior de formación profesional (artigo 12.1.b).tipo III do anexo V).

d) Sorteo.

4. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 13. Puntuacións provisionais

1. O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polas persoas candidatas nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

2. O alumnado ou, se é o caso, os/as seus/súas representantes legais poderán presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez (10) días a partir do seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase por vía electrónica a través do anexo III dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 14. Resolución de concesión

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas das persoas aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde. A acta orixinal quedará rexistrada nos ficheiros da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo xurado de selección á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de catro (4) meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, por delegación de competencia establecida na Orde do 29 de xullo de 2022 (DOG núm. 151, do 9 de agosto), no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

1. Informar o órgano que concede o premio da obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

2. Para poder recibir a dotación económica do premio a que se refire o artigo 2.2 desta orde, o alumnado premiado non poderá estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A persoa premiada deberá remitir á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa o modelo 145 do imposto sobre a renda das persoas físicas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada nas dúas semanas seguintes á publicación da orde de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

4. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia. A contía do premio extraordinario de formación profesional de grao superior ten, actualmente e para efectos fiscais, a consideración de rendementos de traballo. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

5. A persoa premiada debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á devandita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación económica do premio a que se refire o artigo 2.2 desta orde, segundo o modelo de anexo IV.

Este anexo, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), presentarase por medios electrónicos, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Artigo 17. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas publicaranse no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Poderase solicitar información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigacións contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obrigación da persoa beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os intereses de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da orde de concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Efectos económicos do xurado de selección

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, o xurado de selección aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Baremo para a valoración de méritos

Mérito (tipo e subtipo)

Puntos

Documentos xustificativos

I. Actividades de formación (máximo 3,00 puntos).

1.1. Actividades de formación conducentes ás unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais de nivel 3 que pertenzan a unha cualificación profesional da mesma familia profesional do ciclo formativo polo que se opta ao premio.

0,04 puntos por cada 10 horas de formación; sumaranse as horas de todas as actividades e non se puntuará o resto do número de horas inferiores a 10

Copia simple do certificado destas expedido pola entidade organizadora en que conste de modo expreso o número de horas de duración da actividade e a data de inicio e remate desta.

No caso das actividades de formación conducentes ás unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais de nivel 3 o certificado debe facer mención expresa desta condición, e no caso das organizadas polas institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma fidedigna o recoñecemento ou homologación das devanditas actividades pola Administración educativa correspondente ou certificación de inscrición no rexistro de formación da Administración educativa.

1.2. Actividades de formación directamente relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

1.3. Actividades de formación de prevención de riscos laborais que non formen parte do ciclo formativo cursado.

1.4. Cursos coa cualificación de apto, realizados nas escolas oficiais de idiomas correspondentes ás ensinanzas establecidas no artigo 3.1 do Decreto 191/2007, do 20 de setembro (130 horas), e nas establecidas nos artigos 3 e 4 do Decreto 81/2018, do 19 de xullo (120 horas).

0,52 puntos por cada curso

II. Participación en proxectos ou programas europeos relacionados coa familia profesional correspondente (máximo 0,50 puntos).

2.1. Participación en proxectos ou programas europeos.

0,25 puntos por cada un

Copia simple da documentación xustificativa deste.

III. Proxectos de investigación, proxectos de innovación, premios, concursos, competicións de formación profesional e publicacións relacionados coa familia profesional correspondente (máximo 0,50 puntos).

3.1. Participación en proxectos de investigación ou innovación relacionados coa familia profesional.

0,10 puntos por cada un

Acreditación xustificativa de ter participado nos proxectos de investigación ou innovación expedidos pola Administración educativa correspondente.

3.2. Premios de ámbito autonómico, nacional ou internacional relacionados coa familia profesional.

Acreditación xustificativa de ter obtido o premio correspondente.

3.3. Concursos ou competicións relacionados coa familia profesional de ámbito autonómico, nacional ou internacional de recoñecido prestixio a xuízo do xurado de selección.

Certificación da entidade organizadora, en que conste/n o/os nome/s da/das persoa/s premiada/s, o ámbito e a categoría.

3.4. Publicacións directamente relacionadas coa familia profesional.

Exemplares correspondentes ou copias simples no caso de artigos.

Disposición complementaria primeira. Data en que teñen que estar recoñecidos os méritos alegados

Os méritos alegados, para a súa admisión, deben estar realizados e obtidos entre o día 1 de setembro de 2021 e o 31 de decembro de 2023.

Disposición complementaria segunda. Entidade certificadora

Os méritos alegados deben estar certificados por unha Administración ou entidade autorizada por ela.

Disposición complementaria terceira. Equivalencia entre créditos e horas de formación

Cando as actividades só viñesen expresadas en créditos, entenderase que cada crédito equivale a 10 horas.

Disposición complementaria cuarta. Cómputo de actividades

Non se computarán as actividades de formación incluídas no propio ciclo formativo nin os créditos conducentes á obtención dun título universitario.

Disposición complementaria quinta. Actividades de prevención de riscos laborais

Non se terán en conta os cursos de formación de prevención en riscos laborais organizados e convocados polo centro educativo onde a persoa aspirante realizou os seus estudos de formación profesional.

Disposición complementaria sexta. Valoración dos premios, concursos e competicións

Só se valorará o primeiro premio ou galardón acadados pola persoa gañadora.