DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 27 de marzo de 2024 Páx. 21217

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 12 de marzo de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común San Mamede de Porto, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Porto e Alemparte, no concello de Vilar de Barrio.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) San Mamede de Porto, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Porto e Alemparte, no concello de Vilar de Barrio, resultan o seguinte:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 a CMVMC de Porto e Alemparte presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2401764) de revisión parcial do esbozo do MVMC San Mamede de Porto, no concello de Vilar de Barrio.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 19.6.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 16 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto da revisión do esbozo é o perímetro lindeiro con particulares, e queda unha zona sen revisar pois aparecen dúbidas de propiedade non resoltas pola comunidade propietaria. Esta zona sen revisar está situada nas ladeiras do chamado na cartografía Regato do Arno, onde aparecen propiedades particulares segundo a carpeta ficha de clasificación do monte. O perímetro péchase unindo a liña revisada coa xeometría existente e permanece este perímetro como sen revisar, polo que non se ten en conta esta liña sen aprobar por parte da comunidade de Porto e Alemparte. Permanece, por tanto, esta zona tal e como se clasificou, como estaba antes da presente revisión do esbozo.

A superficie do MVMC San Mamede de Porto resulta de 634,84 ha fronte ás 638 ha da clasificación, o que supón unha redución de superficie inferior ao 1 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC San Mamede de Porto.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 16 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 20 de febreiro de 2024, aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC San Mamede de Porto, pertencente á CMVMC de Porto e Alemparte, no concello de Vilar de Barrio.

Ourense, 13 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense