DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 27 de marzo de 2024 Páx. 21219

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 12 de marzo de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Comunal de Tameirón, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameirón, no concello da Gudiña.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Comunal de Tameirón, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Tameirón, no concello da Gudiña, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de Tameirón presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2389099) de revisión parcial de esbozo do MVMC Comunal de Tameirón, no concello da Gudiña.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 27.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 16 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto da revisión de esbozo é o perímetro lindeiro con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Comunal de Tameirón, unha vez revisado o esbozo, resulta de 1.657,36 ha fronte ás 1.542 ha da clasificación, o que supón un aumento dun 7 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Comunal de Tameirón.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 16 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Tameirón, pertencente á CMVMC de Tameirón, no concello da Gudiña.

Ourense, 13 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense