DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 27 de marzo de 2024 Páx. 21221

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 12 de marzo de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Serro e Forcadas e Lagoas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Fradelo, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Serro e Forcadas e Lagoas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Fradelo, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 17.2.2023, a CMVMC de Fradelo presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/569630) de revisión parcial de esbozo dos MVMC Serro e Forcadas e Lagoas, no concello de Viana do Bolo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 22.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 11 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto da revisión de esbozo é o perímetro lindeiro con particulares.

A superficie do MVMC Serro, unha vez revisado o esbozo, sería de 92,18 ha fronte ás 95 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 3,0 %; en canto ao MVMC Forcadas e Lagoas, pasaría de 138 a 116,59 ha, o que supón unha redución sensiblemente superior, en concreto, do 15,5 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Serro e Forcadas e Lagoas.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 11 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Serro e Forcadas e Lagoas, pertencente á CMVMC de Fradelo, no concello de Viana do Bolo.

Ourense, 13 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense