DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 27 de marzo de 2024 Páx. 21223

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de marzo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 13 de marzo de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Campaceira, da Veiguiña e do Couto, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Seadur, no concello de Larouco.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Campaceira, da Veiguiña e do Couto, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Seadur, no concello de Larouco, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Seadur presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2404904) de revisión parcial do esbozo do MVMC Campaceira, da Veiguiña e do Couto, no concello de Larouco.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 3.7.2021.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 15 de maio de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto da presente revisión de esbozo é unha parte do perímetro lindeiro con particulares. Só se modifican catro pequenos tramos que suman entre todos eles un total de 1,631 km e o resto do perímetro do monte queda como na clasificación do ano 2010. Nese ano non se dixitalizou o perímetro do monte, soamente se clasificou sobre o plano en papel. Así, o resto da liña perimetral considérase como non revisada para todos os efectos e non está aprobada pola comunidade propietaria.

A superficie do MVMC Campaceira, da Veiguiña e do Couto, despois da presente revisión do esbozo, ten unha superficie de 126,29 ha, fronte as 130,5 ha da clasificación, o que supón unha redución dun 3 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Campaceira, da Veiguiña e do Couto.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 15 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 20 de febreiro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Campaceira, da Veiguiña e do Couto, pertencente á CMVMC de Seadur, no concello de Larouco.

Ourense, 13 de marzo de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense