DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 27 de marzo de 2024 Páx. 21073

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2024 e 2025 das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos ambientais nos parques naturais de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MT819A).

BDNS (Identif.): 750896.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bsnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

a) As persoas físicas e xurídicas, ben sexan propietarias ou arrendatarias, titulares de terreos agrícolas, gandeiros e forestais privados e agrupacións destas (sociedades civís ou explotacións de titularidade compartida) incluídos nos parques naturais de Galicia.

b) Os concellos incluídos total ou parcialmente nun parque natural.

c) As asociacións ambientais, as comunidades de montes veciñais en man común e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas nun parque natural e debidamente inscritas no rexistro de asociacións.

d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios en que se sitúe o parque natural, constituídas con anterioridade á publicación desta orde. Priorizaranse aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural e que sexan propietarias ou arrendatarias das terras para as cales se solicita a axuda.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural dos parques naturais de Galicia ou nas súas áreas de influencia socioeconómica (código de procedemento administrativo MT819A).

Estas axudas convócanse en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva para os anos 2024 e 2025 e serán cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), contribuíndo á consecución dos obxectivos recollidos na Intervención 6871. Investimentos non produtivos en servizos básicos no medio natural - subintervención 68710_01.-RN 2000, incluída no PEPAC 2023-2027.

2. A finalidade desta orde é a de contribuír a deter e reverter a perda de biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats e as paisaxes das terras agrícolas galegas dentro dos parques naturais de Galicia ou nas súas áreas de influencia socioeconómica. Este fin levarase a cabo por medio de proxectos que contribúan a manter e recuperar a biodiversidade natural, con particular atención ás especies protexidas e aos hábitats naturais ou seminaturais, terrestres ou acuáticos afectados por explotacións agrarias, gandeiras ou forestais.

3. Para os efectos desta orde, entenderase por área de influencia socioeconómica do parque natural todo aquel municipio que teña toda ou parte da súa superficie dentro dun parque natural.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2024 e 2025 das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos ambientais nos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MT819A).

Cuarto. Contía

1. Crédito total da convocatoria: 1.629.892 euros. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Concederase o 100 % do seu custo subvencionable, cun importe máximo de 40.000 euros/proxecto no caso das persoas beneficiarias do artigo 2.1.b) e de 12.000 euros no caso das persoas beneficiarias referidas no artigo 2.1.a), c) e d) da orde de axudas.

3. Só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por solicitante.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e irán dirixidas ao Servizo de Patrimonio Natural da xefatura territorial correspondente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda