DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 2 de abril de 2024 Páx. 21541

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2024, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro), pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar os días 19 e 21 de marzo de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 21 de decembro de 2023 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2024) para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG núm. 245, do 27 de decembro),

ACORDOU:

Primeiro. Anular, de conformidade co disposto na base III.1.2.7 da convocatoria e logo de revisar as reclamacións presentadas, as preguntas con número 52, 63, 68, 87, 107, 111, 116, 121, 130, 138, 148, 150, 154, 164 e 172 do primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 3 de marzo de 2024. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas de reserva número 163, 165, 166, 167, 168, 169, 170 e 171. Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas nas preguntas con número 54 e 109, que pasan a ser a opción d) e a opción a), respectivamente, en lugar da b) e da d). Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións presentadas. O exame valorarase sobre un total de 155 preguntas, 118 preguntas da primeira parte e 37 preguntas da segunda parte.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Para estes efectos, de acordo co disposto na citada base, mediante a Resolución deste tribunal do 30 de xaneiro de 2024 establecéronse os criterios de corrección, valoración e superación deste primeiro exercicio:

– Superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de trinta e seis (36) persoas aspirantes, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

– De darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de 36 persoas.

– O criterio expresado de obtención neste primeiro exercicio dunha porcentaxe mínima de acertos en cada unha das dúas partes vén referido respectivamente á primeira parte teórica (120 preguntas) e á segunda parte práctica (40 preguntas).

– Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores son consideradas igualmente aprobadas.

– O exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos.

Feita a corrección na sesión do 25 de marzo de 2024, acadou a puntuación mínima de 15 puntos un total de trinta e seis (36) aspirantes, e fixouse en cento seis con setenta e cinco (106,75) o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base III.1.1.1 da convocatoria.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao primeiro exercicio deste proceso selectivo no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal

Cuarto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Segundo o disposto na base V.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024

José Ángel Viñuela Rodríguez
Presidente do tribunal