DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 3 de abril de 2024 Páx. 21823

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) promovido na empresa Sasegur, S.L. (expediente AGA 22/24).

Visto o texto do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA), promovido na empresa Sasegur, S.L. (expediente AGA 22/24), e de conformidade co disposto no artigo 90, puntos 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, a Dirección Xeral de Relacións Laborais,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA), promovido na empresa Sasegur, S.L.

Santiago de Compostela, o 7 de marzo de 2024, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, ao abeiro do procedemento establecido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA), promovido na empresa Sasegur, S.L. (servizo de seguridade e vixilancia en determinados edificios administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia) (expediente AGA 22/24), e en presenza do mediador designado, Alberto Freixeiro Otero, reúnense as persoas que se enumeran a seguir:

Parte sindical:

Javier Souto Diéguez (USO-asesor).

Ángel Javier Piñeiro García (USO).

José Quintián Mosquera (USO).

José Carlos Otero Barreiro (USO).

Marcelo Calvo Lamas (USO).

Rosa Mari García Fernández (CSIF).

Adrián Riádigos Villar (CC.OO.).

Pedro Manuel Terol Neto (AS).

Tomás Codesido Álvarez (UGT).

Alberto José Díaz López (UGT).

Susana Blanco Lavandeira (UGT).

Juan Carlos Tages Patiño (UGT–asesor).

José Antonio Antas Noche (CIG).

Víctor Barreiro Fraga (CIG).

Parte empresarial:

José Andrés Ordás Lafarga.

Logo de seren debatidas as cuestións sometidas á mediación e logo dun intenso e frutífero debate, e aínda que por parte dos representantes das persoas traballadoras de CC.OO. se manifesta que considerarían máis adecuada a aplicación a todas as persoas que prestasen servizos na contrata aínda que for de xeito incidental, as partes alcanzan o seguinte:

Acordo de melloras da contrata dos servizos de seguridade e vixilancia en determinados edificios administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia

Primeiro. Ámbito de aplicación

O presente acordo será de aplicación exclusivamente ás persoas traballadoras de Sasegur, S.L. que desenvolvan a súa actividade e teñan o seu posto de traballo asignado de forma permanente como persoal operativo de vixilancia e seguridade nos servizos de centros ou instalacións cuxa titularidade corresponda á Xunta de Galicia ou ás entidades ou organismos dependentes dela, así como a quen, sendo persoal operativo de vixilancia e seguridade de Sasegur, S.L., quede incluído nun futuro na relación de persoal dos pregos de condicións administrativas particulares dentro do marco do contrato subscrito coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia para o servizo de seguridade e vixilancia en determinados edificios administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Aplicación e interpretación dos dereitos recoñecidos no acordo

1. Os dereitos previstos no presente acordo recoñeceranse nos termos e nas condicións recollidas nel, sempre como mellora social, sobre o Convenio colectivo estatal de empresas de seguridade privada. Para todo aquilo non regulado neste acordo terase en conta o establecido no Estatuto dos traballadores e no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade en canto aos requisitos, procedemento e alcance dos correspondentes dereitos, tanto no relativo ás axudas de carácter social como en materia de xornada, licenzas e permisos, e xubilación parcial.

2. Os dereitos que como melloras se recoñecen no presente acordo serán de aplicación sempre que o importe das axudas ou alcance de tales dereitos sexa superior ou máis beneficioso para os traballadores e traballadoras que o previsto no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade que estea vixente en cada momento; de seren as cantidades ou dereitos previstos no devandito convenio superiores ou más beneficiosos que os pactados no presente acordo, Sasegur aboará ou recoñecerá para cada dereito o convencionalmente establecido.

Terceiro. Melloras en axudas, prestacións e complementos de carácter social

1. Axudas por fillos e cónxuxe afectados por discapacidade.

Como mellora e, por tanto, en substitución dos importes previstos no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade, Sasegur, S.L. aboaralles, a partir da data de entrada en vigor deste acordo, ás persoas traballadoras con fillos ou fillas con discapacidade as seguintes cantidades:

a) 212 € mensuais como complemento por cada fillo desta condición e con independencia da prestación que a Seguridade Social lle teña recoñecido, de ser o caso, en concepto de axuda para discapacidade, para aqueles que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 75 %. Esta cantidade terá que aplicar as subas que se realicen anualmente no Convenio colectivo estatal de empresas de seguridade.

b) Igualmente, como mellora e, por tanto, en substitución dos importes previstos no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade, naqueles supostos en que o cónxuxe do traballador ou traballadora teña unha discapacidade das súas condicións físicopsíquicas do 75 % ou superior, Sasegur, S.L. aboará unha contía de 212 € mensuais. A esta cantidade teránselle que aplicar as subidas que se realicen anualmente no Convenio colectivo estatal de empresas de seguridade.

No caso de que dous traballadores ou traballadoras de Sasegur, S.L. tivesen dereito á axuda polo mesmo fillo ou filla, a axuda aboaráselle só a quen de común acordo sinalen ambos os pais ou proxenitores. En caso de falta de acordo, Sasegur, S.L. aboará a metade do importe establecido a cada un deles.

2. Mellora da prestación por incapacidade temporal no suposto de hospitalización.

Como mellora do complemento previsto no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade, as persoas traballadoras de Sasegur, S.L. incluídas no ámbito do presente acordo terán dereito:

a) Á cobranza do 100 % da base cotizable, desde a data da súa hospitalización, durante 60 días máximo, aínda que parte dos devanditos días estea hospitalizado e outra parte non, e en período de recuperación ou postoperatorio, pero sempre que se manteña a situación de baixa médica.

b) Á cobranza do 100 % da base cotizable, cando non exista hospitalización pero si intervención cirúrxica, desde o décimo sexto día da baixa e durante un máximo de 60 días, sempre que se manteña a situación de baixa médica.

3. Complemento de Nadal.

As persoas traballadoras comprendidas neste acordo terán dereito a percibir, no mes de decembro de cada exercicio, 120 euros en concepto de complemento de Nadal. Esta gratificación será obxecto de actualización anual na mesma porcentaxe en que se incrementen os salarios no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade.

No suposto das persoas traballadoras que non desenvolvesen a súa actividade de forma efectiva durante todo o ano, o importe do complemento para percibir determinarase en proporción ao tempo de servizos efectivos prestados no ano.

Ás persoas traballadoras a tempo parcial ou con xornada reducida, o complemento aboaráselles en proporción á xornada efectivamente realizada respecto da xornada completa establecida.

Cuarto. Melloras en materia de tempo de traballo, licenzas e días de libre disposición

1. Xornada de traballo.

Para o persoal incluído dentro do ámbito de aplicación do presente acordo e que estea contratado a xornada completa, a xornada de traballo anual será de 22 horas inferior á establecida, para cada exercicio, no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade.

No caso das persoas traballadoras a tempo parcial ou con xornada reducida, a minoración de xornada aplicable determinarase multiplicando as indicadas 22 horas polo coeficiente correspondente á xornada efectivamente desenvolta respecto da xornada completa.

2. Licenza para acompañamento de fillos menores de 12 anos para recibir asistencia sanitaria.

Como mellora das licenzas previstas no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade, as persoas traballadoras de Sasegur, S.L., nos casos de enfermidade de fillos ou fillas menores de 12 anos, terán dereito a un máximo de dous días de licenza retribuída ao ano co fin de acompañalos á asistencia sanitaria que estes deban recibir.

Para gozar do dereito a esta licenza, o traballador ou traballadora deberá achegar previamente a Sasegur, S.L. a documentación que acredite a cita para a asistencia médica do menor.

No caso de que dous traballadores ou traballadoras de Sasegur, S.L. tivesen dereito á licenza polo mesmo fillo ou filla, esta só se recoñecerá a quen de común acordo sinalen ambos os pais ou proxenitores. En caso de falta de acordo, Sasegur, S.L. recoñeceralle ao proxenitor con maior antigüidade na empresa e, en caso de igualdade de antigüidade, ao primeiro deles por orde de apelidos e nome.

3. Día de libre disposición.

O persoal incluído dentro do ámbito de aplicación do presente acordo terá dereito a dous días laborables ao ano de libre disposición e que se denominarán «días de libre disposición», computables como tempo efectivo de traballo, adicionais ao día de asuntos propios actualmente previsto ou aos días que por asuntos propios se poidan prever nun futuro no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade.

Entenderanse como días laborables aqueles que o traballador ten asignado no seu calendario anual.

Estes días de libre disposición non poderán utilizarse durante os períodos de máxima actividade, comprendidos entre o 15 de decembro e o 15 de xaneiro do ano seguinte, durante o período do Domingo de Ramos ao Luns de Pascua, ambos os dous incluídos; nin durante o período vacacional dos meses de xullo e agosto, nin en datas inmediatas posteriores a festividades nacionais, provinciais ou locais, salvo autorización da empresa.

Este dereito non poderá exercerse no mesmo día de maneira simultánea por máis do 5 % do persoal do centro de traballo a que pertenza o traballador.

Deberá solicitarse cunha antelación mínima de 72 horas e o computo desta xornada equipararase ao tempo de traballo que tivese previsto desenvolver o traballador.

A denegación do desfrute destes días por parte de Sasegur, S.L. será motivada e só poderá xustificarse por motivos organizativos do servizo.

Quinto. Melloras en materia de xubilación parcial

As persoas traballadoras comprendidas dentro do ámbito de aplicación do presente acordo que reúnan a idade e as demais condicións exixidas en cada momento para ter dereito á pensión de xubilación contributiva da Seguridade Social poderán acceder á xubilación parcial sempre que tal posibilidade sexa recoñecida polo Instituto Nacional da Seguridade Social e que o seu número non exceda oito ao ano.

O dereito á xubilación parcial recoñecerao Sasegur, S.L., sempre cunha xornada do 25 % respecto da que viña prestando a persoa traballadora, unha vez que quede acreditada a concorrencia de todos os requisitos exixidos pola normativa da Seguridade Social, por estrita orde de solicitude e atendendo exclusivamente ás recibidas dentro do mes previo ao do cumprimento dos indicados requisitos.

Para os efectos do límite previsto no parágrafo primeiro do presente artigo, no caso de que dúas ou máis persoas traballadoras soliciten no mesmo mes o recoñecemento da xubilación parcial, priorizarase a solicitude de quen acredite maior antigüidade na empresa. En caso de igual antigüidade, procederase a determinar por sorteo a orde de prelación das solicitudes.

Garánteselle ao persoal en situación de xubilación parcial ou que teña a condición de remuda a subrogación en caso dos servizos a que se refire o ámbito de aplicación do presente acordo que pasen a ser asumidos por novas empresas adxudicatarias.

Sexto. Protección da maternidade

Nos supostos de embarazo, por parte de Sasegur instaráselle á mutua colaboradora coa Seguridade Social a aplicación da previsión contida na Guía de axuda de valoración do risco laboral durante o embarazo do Instituto Nacional da Seguridade Social, recoñecerase a situación de risco durante o embarazo e retirarase a traballadora xestante das súas funcións desde a semana 12 de xestación.

Con todo, será finalmente a mutua a que, en aplicación das súas competencias e facultades, determinará ou non o recoñecemento da situación de risco durante o embarazo.

Na cobertura das baixas que se produzan por incapacidade temporal vinculada á xestación ou por risco durante o embarazo darase preferencia á contratación de persoal feminino co obxecto de reducir a fenda de xénero existente en Sasegur, S.L. e no sector da vixilancia e seguridade.

Sétimo. Permisos retribuídos

Os permisos retribuídos de cinco días por hospitalización ou intervención cirúrxica ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que regula o Real decreto 5/2023, do 27 de xuño, aplicarase un día a maiores tal como recolle o AGA subscrito o 25 de abril de 2019 e que foi publicado no DOG nº 127, do venres 5 de xullo. Conforme o terceiro Plan de igualdade de Sasegur, S.L. en vigor desde 2023 ao 2027, estes días poderanse gozar nos quince días posteriores ao feito causante e serán gozados en días hábiles para todos os traballadores.

Oitavo. Entrada en vigor do acordo e efectos sobre acordos anteriores

1. O contido do presente acordo entrará en vigor o 1 de abril de 2025, salvo os seguintes artigos para os cales se pacta expresamente a seguinte data de entrada en vigor:

a) O contido do artigo sexto entrará en vigor a partir do día seguinte á sinatura do presente acordo.

b) O contido de artigo terceiro, punto 1. Axudas por fillos e cónxuxe afectados por discapacidade, entrará en vigor a partir do día 1 de decembro de 2024.

c) O contido do artigo quinto entrará en vigor a partir do día 1 de xaneiro de 2025.

O persoal afectado polo acordo subscrito o 25 de abril de 2019 e que foi publicado no DOG núm. 127, do venres 5 de xullo, seguirá rexéndose polo establecido no devandito acordo, salvo naqueles dereitos ou condicións que sexan obxecto neste acordo duna regulación máis favorable; nese caso, aplicaránselles as previsións contidas no presente acordo.

Noveno. As partes delegan no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais a realización dos trámites para proceder ao depósito, rexistro e publicación do presente acordo ante a autoridade laboral.

O que asinan os asistentes en proba de conformidade sendo as 12.00 horas da data arriba indicada.