DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 3 de abril de 2024 Páx. 21836

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2024 pola que se convoca un curso de formación en prevención de riscos laborais para o persoal do Centro Integrado de Formación Profesional de Coia (Vigo).

De acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e Cualtis, S.L.U. para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que se deberá desenvolver segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar na acción formativa convocada mediante esta resolución o persoal dos equipos de alarma e evacuación, de primeira intervención e de primeiros auxilios, así como o persoal que exerza a xefatura de emerxencia e/ou primeira intervención, do Centro Integrado de Formación Profesional de Coia.

Este persoal terá que estar en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e reunir os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Acceso ás actividades formativas

O acceso será a través da páxina web da EGAP: (EGAP) <https://egap.xunta.gal> e, unha vez dentro, haberá que seguir as seguintes instrucións:

1. É preciso estar rexistrado na Área de matrícula da EGAP. Para iso ten que premer na icona «Área de matrícula» da páxina web da EGAP e rexistrarse premendo en «Rexistrar unha conta para acceder ás aplicacións», situada na parte inferior da pantalla (no caso de que o/a traballador/a xa estea rexistrado/a, este paso non será necesario).

2. A EGAP procederá á matriculación do alumnado indicado polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

3. Unha vez rexistrado/a e matriculado/a, poderá acceder ao curso o día do seu comezo.

4. Antes de que comece o curso, o/a titor/a enviaralle un correo electrónico ao alumnado coa guía do curso, que conterá a data de comezo, as instrucións, os obxectivos, o cronograma e o método de avaliación do curso.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas), e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar, ademais, unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón, a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección.

Quinta. Criterios de selección

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais indicará o persoal obrigado a realizar esta formación.

Sexta. Publicación da relación do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participaren en cada curso, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sétima. A asistencia

A asistencia:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente, ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o dito anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final desta.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e Cualtis, S.L.U.

1. A EGAP e Cualtis, S.L.U. poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Tamén lles corresponde a ambos os dous organismos prover canto sexa necesario para a execución e o cumprimento desta resolución.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Cualtis, S.L.U. reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Cualtis, S.L.U. garantirán, na actividade derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV24051.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: Formación en prevención de riscos laborais: primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación.

1. Obxectivos.

Formar os integrantes dos grupos de acción das medidas de emerxencia dos centros de traballo da Xunta de Galicia segundo sinala a Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, no seu artigo 20.

2. Destinatarios/as.

Persoal dos equipos de alarma e evacuación; de primeira intervención e de primeiros auxilios, así como o persoal que exerza a xefatura de emerxencia e/ou primeira intervención, do Centro Integrado de Formación Profesional de Coia.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 12 horas.

Prazas: 30.

Edicións: unha.

Datas e horario: 8 e 9 de abril, das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar: Centro Integrado de Formación Profesional de Coia.

Contido.

– Organización e actuación dos grupos de acción en caso de emerxencia.

– Primeiros auxilios:

• Conceptos básicos.

• Cuestións prácticas.

– Incendios: conceptos básicos, axentes extintores, equipos de protección contra incendios. Prácticas con lume real: os extintores.