DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 4 de abril de 2024 Páx. 21968

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras do programa de axudas de emerxencia social e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR935A).

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que garante ás persoas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece, no seu artigo 5, a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daquelas persoas residentes no exterior que se atopen en situación de necesidade.

Para realizar todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

Con todo, ao longo destes anos a Secretaría Xeral da Emigración detectou a existencia de situacións de grave necesidade, sobrevindas a persoas sen recursos económicos, orixinadas por desastres naturais ou de carácter sanitario, social ou asistencial, que non poden ser atendidas a través de ningún outro recurso, polo que deben ser obxecto dunha convocatoria específica de axudas que se adapte ás súas peculiaridades, co fin de evitar ou paliar situacións de exclusión social.

As peticións prodúcense ao longo de todo o ano, sen concentrarse en datas concretas, e as causas destas (motivos asistenciais, de precariedade económica, humanitarios, etc.) están dentro do ámbito de actuación que, por atribución de competencias, corresponden á Secretaría Xeral da Emigración.

As circunstancias de temporalidade e a especificidade dos supostos concretos que se formulan, así como a diferente situación persoal e familiar das persoas solicitantes e dos países en que viven, impiden a comparación e prelación entre as solicitudes presentadas para a súa resolución nun único procedemento, e élles aplicable a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no seu artigo 31.4. Así mesmo, ao ter estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, é necesario aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

De conformidade co establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 117, do 20 de xuño), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de emigración e retorno en Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do devandito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no devandito decreto, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas de emerxencia social e proceder á súa convocatoria para o ano 2024, coa finalidade de outorgar unha prestación económica a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega residentes en América con escasos recursos, para atender situacións de emerxencia social derivadas de circunstancias extraordinarias sobrevindas nos últimos 12 meses.

En concreto, a devandita prestación vai dirixida a cubrir gastos específicos para aliviar a situación de necesidade en tres ámbitos principais:

1. Condicións básicas de subsistencia: alimentación, coidados persoais esenciais, educación…

2. Condicións de vivenda: deterioración grave, falta de equipamento ou dotacións esenciais.

3. Condicións de saúde e benestar social: necesidades urxentes de carácter sanitario ou asistencial.

Artigo 2. Natureza e réxime destas axudas

1. Estas axudas son prestacións non periódicas e de natureza económica, que teñen carácter persoal e intransferible e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias.

2. Tendo en conta o obxecto e a finalidade destas axudas, o procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o esgotamento do crédito orzamentario da convocatoria, sempre que se cumpran as garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

A concesión destas axudas estará condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia esta circunstancia, o que comportará a inadmisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. Cada persoa solicitante só poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

4. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera axuda da Secretaría Xeral da Emigración ou outros organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os seus fillos/as que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior e cumpran os requisitos establecidos no artigo seguinte.

Para os efectos desta norma, teñen a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou acrediten que residiron en Galicia de forma continuada durante dez anos, con nacionalidade española, así como tamén os seus fillos/as que teñan nacionalidade española e que se atopen vinculados/as con calquera concello galego no padrón de españois residentes no exterior (PERE) desde, polo menos, 3 meses antes á presentación da solicitude.

Artigo 4. Requisitos para ser beneficiarias

1. Os requisitos que deberán cumprir as persoas solicitantes para poder ser beneficiarias das axudas de emerxencia social son os seguintes:

a) Ter rendas ou ingresos insuficientes.

Para estes efectos, considérase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a 1,8 veces a base de cálculo da prestación económica por razón de necesidade establecida polo Estado español para o país de residencia, nas contías que se determinen para o 2024.

Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.

Para os efectos desta convocatoria, entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, polo seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como polos/as fillos/as e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

b) Ter patrimonio insuficiente.

Considérase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando na unidade económica familiar existan bens mobles cun valor superior ás contías previstas no punto anterior en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, excepto a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas nese punto en cómputo anual.

c) Acreditar documentalmente a situación de emerxencia social que xustifique a solicitude.

A persoa solicitante deberá xustificar mediante medios válidos en dereito o estado de necesidade actual, que afecte calquera dos tres ámbitos detallados no artigo 1 desta resolución, e as circunstancias sobrevidas das cales deriva.

Artigo 5. Financiamento, contía das axudas e gastos subvencionables

1. A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, por importe de trinta mil euros (30.000 €).

2. A contía das axudas de emerxencia social por persoa beneficiaria non poderá ser inferior a 500 € nin exceder de 3.000 €.

Dentro deses límites, a determinación da contía efectiva da axuda correspondente a cada persoa beneficiaria efectuarase en función dos seguintes criterios:

a) Para as solicitudes de axuda orientadas a paliar necesidades básicas de subsistencia tales como alimentación, coidados persoais esenciais (vestido e hixiene), educación ou análogos, as contías corresponderanse co 30 % do importe determinado para o cálculo da prestación por razón de necesidade (PRN) de 2024 no país de residencia da persoa solicitante.

b) Para as solicitudes de axuda orientadas a paliar necesidades de adecuación da vivenda habitual e necesidades sanitarias ou asistenciais derivadas de problemas sanitarios graves ou de violencia no seo da unidade familiar, a contía corresponderase co 80 % dos gastos subvencionables xustificados de conformidade co artigo 14 desta resolución.

3. Os gastos subvencionables varían en función das circunstancias que concorran en cada expediente. En todo caso, terán esa consideración, segundo o obxecto da axuda, e a condición de que estes non poidan financiarse con cargo a outras axudas do sistema público ou queden fóra da cobertura ofrecida polos seguros do beneficiario, os seguintes:

– Gastos destinados a satisfacer necesidades básicas da unidade familiar tales como alimentación, vestido, educación, e outros de natureza análoga.

– Gastos de obra para o mantemento ou reparación da vivenda habitual.

– Gastos de adquisición de equipamento ou dotación de instalacións esenciais na vivenda.

– Gastos derivados do tratamento de problemas graves de saúde, tales como medicación, fisioterapia, prótese, cirurxías, etc.

– Gastos de coidadores de persoas en situación de dependencia permanente ou temporal.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Española de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal, que deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito.

5. No suposto de que a circunstancia que xustifique a solicitude de axuda sexa o motivo de que a persoa solicitante non poida asinar do seu puño e letra, poderá facelo mediante pegada dactilar ou dixital. De resultar imposible, admitirase tamén que a asine, no seu nome, a persoa da súa unidade familiar responsable do seu coidado que o acredite suficientemente.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de outubro de 2024.

Artigo 8. Documentación acreditativa complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:

1.1. No caso de representante, documento acreditativo da representación legal actualizado para o ano da convocatoria.

1.2. Documentación acreditativa da identidade e a condición de persoas galegas residentes no exterior.

a) Documento de identidade do país de residencia e pasaporte español ou outro documento en que consten os datos persoais e a nacionalidade.

b) Documento oficial en que conste o lugar de nacemento en Galicia ou, de ser o caso, que acredite a residencia continuada en Galicia de forma continuada durante dez anos.

c) Se a persoa solicitante é descendente en primeiro grao de consanguinidade de persoa emigrante nada en Galicia ou residente por máis de dez anos, certificado de nacemento do rexistro civil que corresponda ou outra documentación acreditativa de tal ascendencia.

d) Certificacións recentes de inscrición do solicitante no Rexistro de Matrícula consular e, para os non nados en Galicia, no Padrón de españois residentes no exterior (PERE), onde se acredite a vinculación con calquera concello galego cunha antigüidade mínima de tres meses anteriores ao día de presentación da solicitude de axuda de emerxencia social.

A vinculación cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que esta incapacidade lle impida a inscrición neste censo.

1.3. Documentación acreditativa da situación económica da persoa solicitante da axuda, así como da súa unidade económica familiar.

a) Unha certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o solicitante e os membros da unidade familiar ou, de non percibirse, declaración responsable da persoa solicitante desa circunstancia.

Se a persoa solicitante reside nun centro asistencial ou similar deberá presentar, ademais, un xustificante do custo mensual do devandito centro.

b) Documentación xustificativa oficial en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, excepto a vivenda habitual, de que dispoñan estas persoas ou, de non ser posible obtela, unha declaración responsable asinada por todos os membros capacitados maiores de idade en que conste o valor patrimonial dos bens de que dispoñan, conforme o anexo II.

c) De ser o caso, documentación que acredite a convivencia familiar. O libro de familia, se procede, ou documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade familiar. No suposto de separación legal ou divorcio, unha copia da correspondente sentenza xudicial firme ou da certificación do rexistro.

1.4. Documentación acreditativa do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda, as circunstancias extraordinarias que o provocaron e a estimación de gastos para afrontalo.

– Unha memoria explicativa da situación de emerxencia, en que consten as circunstancias extraordinarias que a causaron asinada pola persoa solicitante.

– Para as situacións que impidan á persoa solicitante ou a súa unidade familiar cubrir as súas necesidades básicas de subsistencia, referidas á alimentación, vestido, hixiene, educación e outras de natureza análoga, un informe social emitido por un profesional colexiado ou organismo de ampla traxectoria no ámbito asistencial que detalle os ingresos percibidos pola unidade familiar, describa a situación de grave necesidade que fundamenta a solicitude e as circunstancias extraordinarias de que deriva e conclúa cunha valoración favorable ou desfavorable á petición de axuda.

– Para as situacións de perda ou inadecuación da vivenda habitual, é necesario complementar o informe social mencionado no punto anterior, cun informe, proxecto ou orzamento dun profesional técnico competente que identifique a carencia de condicións de habitabilidade ou equipamento básico do inmoble, así como a súa causa e as actuacións necesarias para remediar esa situación, coa estimación dos custos de cada unha delas.

– Para as situacións de enfermidade grave ou incapacidade de valerse por si mesma, basta a presentación dun informe ou certificado recente dun profesional sanitario colexiado competente na materia, conforme o modelo do anexo III desta resolución, ou outro de contido equivalente. Se non se detalle aí, complementarase cun orzamento ou estimación de gastos do tratamento indicado polo médico.

Valorarase tamén calquera outra documentación complementaria que contribúa a fundamentar a solicitude de axuda, facilitando unha gradación da gravidade e urxencia do estado de necesidade e/o xustificando as circunstancias sobrevindas das cales deriva.

Salvo no caso de solicitudes de axuda para atender de forma temporal a cobertura das necesidades básicas de subsistencia, é obrigatorio presentar un orzamento ou estimación de gastos específicos considerados necesarios para paliar a situación de necesidade.

1.5. Documentación oficial en que se certifique que o solicitante non dispón nin pode acceder a recursos dos sistemas públicos nin axudas de terceiros legalmente obrigados para afrontar os gastos obxecto da solicitude de axuda de emerxencia social, ou ben, se non é posible obtela, unha declaración responsable asinada pola persoa solicitante ou o seu representante en que faga constar iso mesmo.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir, de maneira motivada, a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, por tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) No caso da persoa solicitante ou representante:

– DNI da persoa solicitante ou representante, se dispón del.

– Certificación de estar rexistrada e vinculada cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) no momento de presentación da solicitude.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao comezo do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Instrución e concesión

1. O órgano instrutor é a subdirección xeral competente en materia de programas sociais.

Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado integrado por persoas funcionarias do Servizo de Programas Sociais e presidido pola persoa titular da devandita subdirección xeral.

2. De conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

3. De conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará directamente a proposta de resolución ao órgano concedente.

4. Á vista da proposta de resolución, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar, expresamente, a modalidade escollida para a notificación electrónica ou en papel no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da citada lei.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. As axudas concedidas aboaranse nun pagamento único, unha vez que as persoas beneficiarias presenten a correspondente documentación xustificativa, para o que teñen como límite o día 15 de decembro de 2024.

2. O aboamento da axuda correspondente realizarase á persoa solicitante, mediante transferencia bancaria a unha conta da súa titularidade ou tarxeta prepagamento. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes.

Con carácter excepcional, o pagamento poderá realizarse a calquera outro membro da unidade familiar sempre que, a xuízo do órgano instrutor, se xustifique a súa conveniencia para preservar a finalidade da prestación, e sen prexuízo da obriga que ten a persoa solicitante de comunicar calquera cambio nos requisitos exixidos para obter a prestación.

As persoas beneficiarias destas axudas quedarán exentas da constitución de garantías.

Cando a persoa solicitante desexe que a axuda lle sexa aboada mediante transferencia bancaria, deberá cubrir a epígrafe de datos bancarios do anexo I e achegar un certificado bancario da conta, da cal debe ser titular, onde se indique tamén o SWIFT/BIC do banco.

O pagamento das axudas ás beneficiarias residentes en Arxentina e Uruguai poderá aboarse directamente a unha conta da titularidade da Delegación da Xunta de Galicia en Buenos Aires e/ou Montevideo, que será a que se encargue de abonar a cada unha das persoas beneficiarias residentes neses países o importe que lles corresponda.

2. No prazo de tres meses desde a notificación da axuda, e coa data límite do 15 de decembro de 2024, a persoa solicitante debe xustificar ante a Secretaría Xeral da Emigración o cumprimento dos requisitos e condicións impostos para alcanzar a finalidade da subvención.

Nos supostos de axudas solicitadas para cubrir gastos relativos á adecuación da vivenda e aquelas de carácter asistencial ou sanitario, a xustificación farase mediante a presentación de facturas e os xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento, ou unha conta xustificativa simplificada conforme o modelo do anexo IV, que contén a información que dispón o artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Secretaría Xeral da Emigración, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais, achegando canta documentación lles sexa requirida no exercicio desas actuacións.

c) Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa xustificación, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

d) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, mediante unha declaración responsable que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Secretaría Xeral da Emigración, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos que reciba, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 16. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obrigación de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento, nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención dará lugar á perda do dereito á cobranza ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables ou da obrigación de xustificación, e dará lugar á perda do dereito á cobranza ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Dada a natureza das axudas recollidas nesta resolución e de conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exceptúase á Secretaría Xeral da Emigración da publicación das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información relativa á resolución de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) No portal web oficial desta secretaría xeral (https://emigracion.xunta.gal) onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, poderase descargar o texto íntegro desta resolución.

b) Na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia
(https://www.xunta.gal).

Artigo 19. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de maneira potestativa recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de maneira potestativa recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou, no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderá interpoñerse desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RGPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024

A secretaria xeral da Emigración
P.S. (Decreto 108/2022, do 16 de xuño; DOG núm. 117, do 20 de xuño)
María Lorena Antelo Romero
Subdirectora xeral de Coordinación Administrativa, Económica
e de Programas Sociais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file