DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2024 Páx. 22186

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de inspectoras e inspectores de consumo e do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade de consumo, convocado pola Resolución do 6 de febreiro de 2024.

Mediante a Resolución do 6 de febreiro de 2024 (DOG núm. 29, do 9 de febreiro), a Dirección Xeral da Función Pública convocou un concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo de xestión da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de inspectoras e inspectores de consumo e do corpo administrativo da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade de consumo.

A base VIII da convocatoria establece que «Expirados os prazos de presentación das solicitudes de participación no concurso e de petición de postos de traballo, a Dirección Xeral da Función Pública ditará resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia na que se declararán aprobadas as listas de persoas admitidas e excluídas con indicación do lugar no que estarán a disposición das persoas interesadas».

En consecuencia, esta dirección xeral, logo de examinar as solicitudes das persoas participantes,

RESOLVE:

Aprobar a relación provisional de persoas solicitantes admitidas e excluídas do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes das escalas de inspectoras e inspectores de consumo e da escala de axentes de inspección, especialidade de consumo da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A relación de persoas admitidas e excluídas publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, na epígrafe de <concurso de traslados>. Non existen participantes excluídas.

Aquelas persoas que non figuren na relación de admitidas nin na de excluídas e solicitasen participar no concurso disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular a súa reclamación e, de ser o caso, poder emendar o defecto que motivou a exclusión. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia e deberá cubrirse e presentarse electronicamente.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2024

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública