DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2024 Páx. 22172

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2024, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre mediante o sistema de concurso-oposición, de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala de auxiliar de mantemento, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 13 de novembro de 2023 (DOG núm. 222, do 22 de novembro) para cualificar este proceso selectivo,

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base III.1.2.7 da convocatoria, na sesión que tivo lugar o 15 de febreiro de 2024, logo de revisar as reclamacións presentadas, anúlanse as preguntas 46 e 64. No seu lugar computarán as preguntas de reserva número 83 e 84, respectivamente.

Así mesmo, corríxese a resposta correcta para a pregunta 75, sendo correcta a resposta b.

As restantes reclamacións desestímanse na súa totalidade.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos.

Pola Resolución deste tribunal do 18 de decembro de 2023 deuse publicidade aos parámetros para a cualificación do exercicio, que establecen que superarán o exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións, ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 50 % das respostas correctas (despois de facer os descontos correspondentes). Unicamente, de se dar o caso de que o número de aspirantes que superasen o exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden en cada unha das partes o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte se consideran igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado.

Asignarase a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión do 5 de marzo de 2024, de acordo cos criterios anteriores, e feitas as deducións segundo o establecido na base III.1.1 da convocatoria, acádase o número máximo de aspirantes establecido na dita base da convocatoria, na cal se establecía que superarían o exercicio as persoas aspirantes que acadasen as mellores puntuacións ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 50 % das respostas correctas (15 da primeira parte e 25 da segunda parte do exercicio).

Segundo este criterio, a nota de corte queda fixada en 47,75 preguntas netas, acadada por 8 aspirantes.

As persoas que non acadaron a porcentaxe mínima nalgunha das partes non son cualificadas por non ser posible asignar unha puntuación homologable á do resto das persoas aspirantes.

Cuarto. Publicar no portal web corporativo https://www.funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base III.1.1 da convocatoria.

Quinto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, as persoas aspirantes poderán formular as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións, que se presentarán a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De acordo co disposto na base V.13 da resolución da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024

Ismael Vilacoba Vieito
Presidente do tribunal