DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2024 Páx. 22135

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 26 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de profesionais da creación literaria galega en residencias literarias fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215D).

De acordo co establecido no artigo 32 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en consonancia co estipulado no artigo 148.1 da Constitución española, a Xunta de Galicia ten atribuídas funcións en materia de promoción da cultura. No marco deste ámbito competencial, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (en diante, a Consellería) está orientada a manter o impulso do sector cultural galego que, ademais de representar un factor determinante para a identidade e a cohesión social, representa unha oportunidade de desenvolvemento económico que se debe reforzar con políticas proactivas encamiñadas a fortalecer o ecosistema das industrias creativas e culturais, ao tempo que se garante o pleno acceso á cultura de todas as persoas.

A Consellería ten entre as súas principais funcións a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego, que se substancian principalmente a través das accións de fomento da cultura que contribúen ao desenvolvemento da literatura e ao estímulo da creación literaria.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establece entre os seus obxectivos o de procurar a promoción dos creadores e creadoras galegos en todos os ámbitos, incluído o internacional. Por esta razón, a Consellería desenvolve actividades relacionadas coa promoción da produción creadora, tanto dentro como fóra do territorio da Comunidade, consonte o establecido no marco competencial vixente. As actuacións encádranse na política baseada na identidade e na internacionalización da cultura de Galicia a través dos correspondentes intercambios intelectuais. A finalidade última é crear novas vías de internacionalización da cultura, abrindo o abano a diferentes escaparates e actividades de creación literaria susceptibles de seren desenvolvidas en residencias creativas, tanto nacionais como internacionais.

Por esta razón, a Consellería, a través da Dirección Xeral de Cultura, desenvolve un plan de residencias para profesionais da creación literaria de Galicia que realicen estadías en residencias creativas fóra de Galicia, a través desta convocatoria de axudas públicas.

Os programas de residencia constitúen estadías de duración variable, dirixidos a persoas creadoras, de distintos ámbitos culturais, para a súa formación, investigación ou creación, a partir de propostas de proxectos no marco da súa disciplina. Á parte, promoven a mobilidade e facilítanlles aos seus residentes o espazo e os recursos adecuados para desenvolveren o seu traballo desde a reflexión, ao tempo que contribúen a impulsar o contacto con outras culturas e creadores, favorecendo o establecemento de redes, fundamentais no contorno cultural actual.

En cumprimento das competencias desta consellería en materia de promoción da cultura e estímulo da creación literaria, esta orde regula as subvencións dirixidas ás persoas profesionais da creación literaria galega que realicen estadías en residencias literarias fóra de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións para estadías en residencias literarias que se realicen fóra de Galicia, dirixidas a profesionais da creación literaria galega para fomentar a difusión da cultura galega e o impulso de relacións de cooperación con outros organismos e centros culturais de referencia (código de procedemento CT215D).

As estadías terán como finalidade que as persoas creadoras realicen a tradución das súas obras, que a súa estadía sexa necesaria para o proceso de investigación previo á creación da obra obxecto da residencia ou que precisen dun espazo e ambiente de traballo que lles permita continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.

2. Para os efectos desta orde, considéranse persoas creadoras as definidas polo artigo 5.1 da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia: as que interveñen no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro.

3. Obxectivos específicos:

– Difundir e potenciar o desenvolvemento do sector cultural galego, visibilizando a riqueza e a calidade dos profesionais da creación literaria galega.

– Facilitarlles espazos adecuados de traballo en institucións para apoiar o desenvolvemento dos seus proxectos, a formación ou o acceso a novos coñecementos.

– Impulsar as relacións entre institucións e profesionais do sector.

– Ampliar a novos territorios e públicos a actividade cultural galega establecendo pontes con outros profesionais e institucións de fóra de Galicia.

4. As axudas van dirixidas a apoiar o sector da creación literaria galego no que se refire aos gastos derivados da súa estadía en residencias fóra de Galicia entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 15 de decembro de 2024.

5. Esta orde regula as subvencións a persoas profesionais da creación literaria galega en residencias creativas fóra de Galicia.

6. Así mesmo, ten por obxecto convocar as subvencións para o ano 2024.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normativa aplicable

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes disposicións:

– Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

E, suplementariamente:

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

– Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

– Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 por un importe máximo de 20.000 €.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ás cales se refire o artigo 1 desta orde:

Persoas físicas que interveñan no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

2. As persoas solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei.

4. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a persoa beneficiaria.

5. Para accederen ás subvencións previstas nesta convocatoria, as persoas beneficiarias deberán estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de axudas públicas.

6. Á hora de acceder a esta subvención terán preferencia as persoas que non fosen beneficiarias dunha axuda para asistir a unha residencia literaria, en Galicia ou fóra dela, convocadas pola Dirección Xeral de Cultura.

7. Persoas excluídas:

a) Non se poden beneficiar das subvencións recollidas nesta orde aquelas persoas solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas persoas que se encontren sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorran nalgunha prohibición legal que as inhabilite para iso, con inclusión das que se produciron por discriminación de sexo de conformidade co disposto na disposición derradeira sexta da Lei 4/2005, do 18 de febreiro, para a Igualdade de mulleres e homes.

c) As persoas beneficiarias na convocatoria de 2023 que presenten o mesmo proxecto creativo que na edición de 2023 desta liña de subvención.

Así mesmo, as persoas beneficiarias deberán cumprir os restantes requisitos establecidos pola Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Gastos subvencionables

Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización:

1. Gastos de viaxe.

1.1. Inclúe os gastos asociados ao desprazamento (ida e volta) da persoa participante ao lugar de realización da residencia.

O importe concedido non poderá superar os seguintes limites económicos segundo o destino das persoas participantes na residencia:

– España: ata 500 €/persoa.

– Europa e países ribeiregos do Mediterráneo: ata 900 €/persoa.

– Resto do mundo: ata 1.600 €/persoa.

Para o cálculo do orzamento dos traslados facendo uso do automóbil, aplicarase o establecido na Orde HFP/792/2003, do 12 de xullo, pola que se revisa a contía das axudas de custo e asignacións para gastos de locomoción no imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), que queda fixada en 0,26 € por quilómetro percorrido.

Aceptaranse tamén gastos de peaxe debidamente xustificados.

1.2. A Xunta de Galicia non asumirá en ningún caso os gastos de repatriación en caso de enfermidade ou falecemento das persoas subvencionadas a través desta orde.

2. Gastos de transportes internos.

Inclúe os gastos xerados polo uso de medios de transporte para desprazamentos na localidade ou localidades de realización da residencia apoiada, incluíndo gastos xerados polos traslados desde e cara ao aeroporto ou estación de chegada ou partida; gastos para o desprazamento entre localidades se a participación da persoa creadora ten lugar en distintas localizacións, ou gastos xerados polo traslado cara a ou desde a localidade de realización da residencia cando o traxecto cuberto polo billete principal, incluído dentro dos gastos de viaxe, non cubra a totalidade do percorrido.

3. Gastos de aloxamento e manutención.

3.1. Correspóndense cos gastos xerados durante a estadía da persoa participante no lugar de realización da residencia. O establecemento de hospedaxe elixido debe ter capacidade de emitir factura, sexan establecementos hostaleiros ou a propia institución organizadora da estadía.

3.2. O importe subvencionado por gastos de aloxamento non superará os seguintes limites económicos segundo o destino das persoas participantes na residencia:

– España: ata 100 €/persoa e día.

– Europa e países ribeiregos do Mediterráneo: ata 150 €/persoa e día.

– Resto do mundo: ata 120 €/persoa e día.

3.3. O importe subvencionado por gastos de manutención non superará os seguintes limites económicos segundo o destino das persoas participantes na residencia:

– España: ata 40 €/persoa e día.

– Europa e países ribeiregos do Mediterráneo: ata 60 €/persoa e día.

– Resto do mundo: ata 50 €/persoa e día.

4. Gastos de subscrición dunha póliza de seguro de viaxe.

Correspóndense cos gastos de contratación dunha póliza de seguro que cubra os gastos das eventualidades que poidan xurdir durante a viaxe das persoas creadoras subvencionadas.

5. Gastos de subscrición dunha póliza de seguro médico.

Correspóndelle cos gastos de contratación dunha póliza de seguro que cubra os gastos das eventualidades de saúde que poidan xurdir durante a estadía das persoas residentes.

Artigo 7. Contía da axuda

A contía da axuda determinarase sobre os límites máximos de gastos subvencionables.

1. Adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación unha vez aplicados os criterios e as limitacións orzamentarias establecidas neste artigo, asegurando que o importe final adxudicado a cada persoa beneficiaria sexa o 80 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria.

2. O importe máximo con que se subvencionará cada persoa beneficiaria por cada estadía en que participe será de 5.000 €, e non se admitirá máis dun (1) proxecto por beneficiario.

Artigo 8. Requisitos de participación

1. As persoas solicitantes deberán contar coa aceptación expresa de participación na residencia para a cal soliciten a axuda a través desta orde.

2. As persoas solicitantes presentarán un proxecto de creación por estadía na residencia para a cal soliciten subvención.

Proxecto de creación. Documento que non exceda as 10 páxinas, e que deberá incluír:

– Título e texto explicativo do proxecto literario que desenvolverá na residencia (proposta de proxecto creativo que desenvolverá durante a súa residencia).

– Perfil da entidade ou institución onde vaia ter lugar a residencia para a cal solicita a axuda.

Curriculum vitae resumido da/do creadora/or. Perfil da persoa creadora candidata.

– Expediente artístico. Os/as creadores/as poderán achegar información sobre outros traballos.

– Carta de motivación.

– Alcance do programa respecto ás prestacións técnicas, aspectos formativos e práctica creativa e/ou de investigación, de ser o caso.

– Obxectivos que espera conseguir.

– Orzamento desagregado por partidas ou conceptos que inclúa calquera gasto que xere a intervención (impostos incluídos). Non poderán ser incluídos os gastos de edición.

3. As persoas beneficiarias da subvención deberán garantir as seguintes características nas obras resultantes da estadía en réxime de residencia:

a) Idioma. As obras resultantes das estadías en réxime de residencia obxecto de subvención deberán estar correctamente realizadas en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e nas Normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega).

b) Propiedade intelectual. As persoas participantes responderán da orixinalidade e autoría dos proxectos obxecto de subvención e deberán garantir que posúen lexitimamente todos os dereitos de propiedade intelectual sobre eles e, neste sentido, garanten o uso pacífico por parte das entidades organizadoras eximíndoas de calquera responsabilidade por danos e perdas que, directa ou indirectamente, o incumprimento pola súa parte desta garantía poida ocasionar.

c) Difusión da actividade desenvolvida durante os períodos de residencia. As persoas creadoras beneficiarias comprométense a mencionar que parte do desenvolvemento da obra tivo lugar durante o período de residencia subvencionada pola Xunta de Galicia.

Artigo 9. Estadías excluídas

Non serán obxecto de subvención mediante esta convocatoria aquelas solicitudes que estean incluídas nalgunha das seguintes epígrafes:

a) Aquelas estadías en residencias que organice directamente a Xunta de Galicia ou calquera outra Administración galega.

b) Aquelas cuxa finalidade non sexa a obtención dunha obra para publicar.

c) As que teñan como obxecto o desenvolvemento do mesmo proxecto creativo que fose presentado por calquera persoa beneficiaria desta liña de subvención na súa convocatoria de 2023.

Artigo 10. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas potencialmente beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde pertencen a colectivos de persoas cuxa formación e capacidade técnica permite concluír que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para relacionarse por este medio co sector público autonómico.

Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de xullo de 2024.

2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Proxecto de creación segundo o estipulado no artigo 8.2.

c) Documentación, debidamente formalizada, acreditativa da aceptación de participación na residencia para cuxa estadía solicita a subvención.

d) De ser o caso, documentación, debidamente formalizada, acreditativa do compromiso de edición da obra resultante do proxecto presentado por parte dunha editora legalmente constituída (contrato de edición ou calquera outro documento acreditativo).

2. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada pola persoa solicitante, que será responsable da súa veracidade.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se pretende presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante, de ser o caso.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social, de ser o caso.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 14. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Instrución do procedemento

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Cultura a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

3. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles a cantidade resultante para o cumprimento da finalidade desta orde.

4. A adxudicación das subvencións realizarase nos termos previstos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que, unha vez revisados os expedientes, o órgano instrutor dará traslado daqueles que reúnan todos os requisitos á Comisión de Avaliación, que aplicará os criterios de valoración sinalados no artigo seguinte.

5. A Comisión de Avaliación dos proxectos estará formada polas seguintes persoas: a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, que a presidirá; a persoa titular do Servizo do Libro, Publicacións e Depósito Legal; dúas persoas do ámbito da creación literaria galega de recoñecido prestixio e un membro do cadro de persoal da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, que actuará como secretario/a, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

Na composición da Comisión de Avaliación procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

6. A Comisión de Avaliación elaborará un ditame en que se valorará cada unha das solicitudes de residencias presentadas. A avaliación e selección efectuaranse en función dos criterios establecidos nestas bases, valorando cualitativamente e ponderando a súa puntuación cos pesos establecidos.

7. A Comisión de Avaliación levantará a acta en que conste a valoración efectuada e trasladaralla ao órgano instrutor.

Artigo 17. Criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación poderá desenvolver e/ou concretar o alcance e a puntuación das diferentes epígrafes descritas asociadas ao proceso de selección e avaliación por cada unha das áreas temáticas ou, de ser o caso, xeográficas.

2. Para a adxudicación das subvencións avaliaranse as solicitudes consonte criterios que se sustenten nas seguintes variables e puntuacións máximas:

2.1. Perfil da persoa creadora candidata, así como carta de motivación. Valoraranse o curriculum vitae, o exposto na súa carta de motivación e os obxectivos que espera acadar no seu desenvolvemento profesional e creativo. Adxudicaráselle un máximo de 30 puntos.

2.2. Perfil da entidade ou institución para a cal se solicita a estadía. Valoraranse a solvencia e o prestixio da entidade, así como a aposta pola innovación e a súa singularidade. Adxudicaráselle un máximo de 20 puntos.

2.3. Proposta de proxecto creativo que vai desenvolver durante a súa residencia. Valorarase o proxecto creativo presentado que vai desenvolver durante a estadía. Adxudicaráselle un máximo de 25 puntos.

2.4. De ser o caso, alcance do programa respecto ás prestacións técnicas, aspectos formativos e práctica creativa e/ou de investigación. Examinaranse o programa formativo, a especialización nunha área creativa cunha oferta limitada de residencias, o perfil do profesorado, as instalacións para talleres ou lugares de traballo, os materiais e equipamentos ao dispor dos residentes. Adxudicaráselle un máximo de 10 puntos.

2.5. Coherencia formal e eficiencia económica da solicitude presentada. Valoraranse a consistencia, a calidade, o rigor e a organización da información achegada na proposta enviada. Así mesmo, terase en consideración a eficiencia económica do programa de residencia atendendo á adecuación do orzamento solicitado para o desenvolvemento desta. Adxudicaráselle un máximo de 10 puntos.

2.6. Compromiso de edición da obra resultante do proxecto presentado por parte dalgunha editora legalmente constituída. Adxudicaráselle un máximo de 5 puntos.

3. Non se valorará ningún mérito ou característica dun proxecto que non conste explicitamente na solicitude; tampouco se terán en conta os méritos alegados e non acreditados documentalmente, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o artigo 12.

Artigo 18. Listaxes provisionais e proposta de resolución

1. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e da acta da Comisión de Valoración, elaborará a listaxe provisional de persoas excluídas por non reuniren todos os requisitos, así como das persoas admitidas e a puntuación obtida. Estas listaxes publicaranse no portal da Dirección Xeral de Cultura (http://www.cultura.gal).

2. As persoas solicitantes disporán dun prazo de dez días para formularen alegacións ante as listaxes provisionais.

3. O órgano instrutor examinará as alegacións recibidas e, se é o caso, daralle traslado delas á Comisión de Valoración para que avalíe os méritos alegados. Á vista de toda a documentación, elaborará as listaxes definitivas de persoas excluídas e admitidas, coa puntuación obtida por estas.

4. O órgano instrutor ditará a correspondente proposta de resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa solicitante, o proxecto que se subvenciona, a puntuación obtida, así como a contía da subvención concedida e, se procede, o pagamento anticipado ou, de ser o caso, a causa de denegación, e elevaraa ao órgano competente para resolver.

4. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Artigo 19. Resolución

1. A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Dirección Xeral de Cultura, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluiranse a relación de beneficiarios, as cantidades concedidas, puntuación total obtida na valoración dos méritos, o centro de destino onde desenvolverán o seu período de residencia e as datas de estadía, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes.

2. A resolución seralles notificada a cada unha das persoas interesadas. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución non poderá superar os dous meses desde que a resolución sexa firme.

Así mesmo, farase pública no portal https://www.cultura.gal

3. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo no momento do vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

4. De xeito excepcional, cando as circunstancias dunha solicitude requiran xustificadamente a reunión da Comisión por un período inferior ao estipulado no punto anterior, publicarase a correspondente resolución.

Artigo 20. Publicación dos actos

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través dos seguintes medios:

1. Portal web oficial da Dirección Xeral de Cultura (https://www.cultura.gal) onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta orde.

2. Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal).

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas, realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entendenranse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Aceptación das subvencións

1. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días hábiles para a aceptación da subvención, contados desde o día seguinte ao da data de práctica da notificación individual ou da publicación da resolución no portal web da Dirección Xeral de Cultura. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. As persoas beneficiarias deberán comezar a residencia na data establecida na resolución de concesión correspondente.

3. Quedará sen efecto a concesión ás persoas beneficiarias que:

a) Non acepten a subvención.

b) Non dean comezo á estadía na residencia no prazo establecido sen causa suficiente.

Artigo 24. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias quedan obrigadas a:

a) Destinar a residencia e a correspondente estadía ao estipulado no proxecto de creación presentado coa solicitude.

b) Se para a realización da actividade obxecto da subvención se utiliza calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor, debe cumprirse co que dispón a normativa sobre propiedade intelectual.

c) Cumprir o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

e) Dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 25. Pagamento

1. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase como efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento.

2. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á subvención total ou parcial, segundo proceda, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

3. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da finalidade da subvención.

Artigo 26. Xustificación

1. Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.

De acordo co artigo 31.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a persoa beneficiaria da subvención deberá xustificar que os gastos subvencionables deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, de morosidade nas operacións comerciais.

2. O prazo para xustificar as axudas será:

– Para a participación en residencias realizadas ata a data de aceptación da axuda, dez (10) días hábiles desde a data de aceptación.

– Para a participación en residencias que teñan lugar con posterioridade á data de aceptación, quince (15) días hábiles desde o remate da actividade subvencionable.

3. As persoas beneficiarias das axudas, para percibiren a subvención, quedan obrigadas a acreditar a realización dos gastos subvencionados e a xustificalos, no prazo establecido nesta orde.

4. Para a xustificación das axudas deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Certificación de ter rematado a estadía, con especificación do lugar e das datas de realización, emitida pola entidade organizadora, de ser o caso, ou ben calquera outro xustificante oficial da participación da persoa beneficiaria da axuda.

b) Memoria das actividades levadas a cabo en relación coa finalidade da subvención solicitada, con indicación do título e do número das actividades realizadas, que deberá estar asinada pola persoa beneficiaria.

c) Documentación acreditativa da subscrición da póliza de seguro de viaxe, de ser o caso.

d) Documentación acreditativa da subscrición da póliza de seguro médico, de ser o caso.

e) Documentación acreditativa da vixencia da tarxeta sanitaria europea, de ser o caso.

f) Relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación do acredor, do documento de gasto ou factura, o importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de desprazamentos fóra da zona euro, terá que indicar a conversión a euros dos gastos xustificados, segundo establece o Banco de España ou os bancos nacionais de referencia. Terase en conta o valor da conversión de data anterior á da finalización da estadía.

Xunto coa relación clasificada dos gastos deberase certificar que as facturas corresponden ás actividades obxecto da subvención. Así mesmo, deberá achegar as facturas e os xustificantes de pagamento de todos os gastos pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, segundo establece o número 5 deste artigo. Deberá empregar o modelo establecido no anexo II.

5. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

a) Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo ou certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento. Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda. Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e/ou entidade que emitiu a factura.

b) Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, sexa inferior a 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor, en que figure a expresión «recibín en metálico».

6. A Dirección Xeral de Cultura poderá requirirlles en todo momento ás persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria que considere necesaria co fin de completar a solicitude e xustificar a axuda.

7. Esta documentación dirixirase á Dirección Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite a de finalización do período de xustificación, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda e Administración Pública que regule as operacións de peche de exercicio.

8. A documentación requirida na fase xustificativa deberá presentarse electronicamente, accedendo ao expediente deste procedemento na Carpeta cidadá da persoa física que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidada, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

9. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberán acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Perda do dereito á subvención e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 28. Controis

A consellería competente realizará actuacións de seguimento e control das axudas concedidas que considere oportunas, con medios propios ou externos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda e o destino definitivo. A persoa beneficiaria estará obrigada a colaborar no labor de control, para o cal proporcionará os datos requiridos.

Artigo 29. Comprobación das subvencións

1. O órgano concedente comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Recursos

A resolución pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra ela cabe interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da data de notificación, ou recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a data de notificación.

Disposición adicional

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file